Saltar ao contido

Arquitectura ecléctica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Palacio de María Pita, na Coruña

O eclecticismo,[1] en arquitectura, é unha tendencia que mestura elementos de diferentes estilos e épocas da historia da arte e da arquitectura. Naceu en Francia e exportouse rapidamente por toda Europa e Rusia, e despois aos Estados Unidos. O estilo desenvolveuse en occidente entre 1860 e finais da década de 1920.

O vocábulo ecléctico procede do adxectivo grego εκλεκτός, que significa "escolleito", que á súa vez deriba do verbo εκλέγω, "escoller". O que fixeron os arquitectos e artistas en xeral da época foi escoller de toda a historia da arte o que máis lles interesaba.

Tamén se empregou para definir ese período a palabra historicismo, referíndose a unha nova visión da historia, en que se pescuda filosoficamente.[2] Porén, eclecticismo ou historicismo non se refiren ao mesmo, xa que o historicismo é o uso dunha linguaxe anterior e o eclecticismo emprega varias linguaxes anteriores nunha mesma arquitectura. As referencias principais do historicismo foron a arte gótica (neogótico), a arte románica (neorrománico) e a arte oriental (orientalismo e exotismo).

Este foi un período complexo da historia da arquitectura en que coexistiron moitas tendencias entrecruzadas, con algunhas versións de carácter nacional, xa que cada país intentou revivir as súas tradicións máis autóctonas, coincidindo cos movementos nacionalistas ou rexionalistas.[3]

O eclecticismo comezou a practicarse durante o século XIX, cando os arquitectos comezaron a buscar un estilo que lles permitise manter algúns precedentes históricos e á vez crear os seus propios deseños. A partir dun completo catálogo de estilos pasados, a capacidade de mesturar e combinar estilos permitiu unha liberdade máis expresiva e proporcionou unha fonte de inspiración sen fin. Mentres outros profesionais do deseño trataban de imitar escrupulosamente os estilos do pasado, os eclécticos diferían, sendo a forza que os dirixía a creación e non a nostalxia,[4] conservando o desexo de que os seus deseños fosen orixinais.

O entusiasmo pola imitación histórica comezou a decaer na década de 1930 e o eclecticismo foi apartado dos currículos das escolas de deseño en favor dun novo estilo. O cambio ao estilo moderno foi significativo e as novas tecnoloxías e novos materiais que se produciron nesa época permitiron maiores innovacións.[5] A pesar do afastamento do eclecticismo, a era continuou a ser historicamente significativa xa que "reabriu as portas á innovación e ás novas formas" para a arquitectura dos anos seguintes.[6]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para eclecticismo.
  2. Chueca Goitia, Fernando (1979). Historia de la Arquitectura Occidental: X. Eclecticismo (en castelán). Dossat Bolsillo. pp. 3-4. ISBN 84-237-0460-2. Consultado o 28 de marzo de 2011. 
  3. Chueca Goitia, Fernando (1979). Historia de la Arquitectura Occidental: X. Eclecticismo (en castelán). Dossat Bolsillo. pp. 5-7. ISBN 84-237-0460-2. Consultado o 28 de marzo de 2011. 
  4. Hamlin, T, 1952. "The Rise of Eclecticism in New York." Journal of the Society of Architectural Historians, 11 (2), pp. 3–8.
  5. Cruickshank, D, 1996. Sir Banister Fletcher's A History of Architecture. 20th ed. Londres: Architectural Press. pp. 1483–1484.
  6. Meeks, C, 1953. "Creative Eclecticism." Journal of the Society of Architectural Historians, 12 (4), pp. 15–18.