N-541

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
N-541
Fito 65 N-541 Cerdedo.jpg
Fito quilométrico na estrada N-541 ó seu paso pola vila de Cerdedo
Tipoloxía Estrada convencional
Rede Rede de estradas do Estado
Lonxitude 93 km
Localización
Inicio Ourense
Fin Pontevedra

A N-541 é unha estrada nacional que vai desde Ourense ata Pontevedra. A nomenclatura actual desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña).

Traxecto[editar | editar a fonte]

Desde Ourense até Barbantes (Punxín) o seu percorrido coincide co da estrada N-120, que prosegue cara a Vigo. Logo de atravesar as vilas de Maside e O Carballiño e os concellos de Boborás e Beariz coroa o alto do Paraño (800 m), e despois chega á provincia de Pontevedra. Pasa pola vila de Soutelo de Montes (Forcarei), e conecta coa estrada PO-534 que vén desde Lalín.

Desde Folgoso o seu percorrido é paralelo ao río Lérez. Logo de atravesar Cerdedo bordea a vila de Pedre. Atravesa Cotobade e chega á parroquia de Bora. Logo de cruzarse coas estradas PO-224 (Bora-Xeve), PO-233 (Bora-A Chan) e PO-542 (Bora-O Marco), cruza o río Almofrei preto da súa desembocadura. Despois de cruzar a parroquia de Mourente a vía remata na Avenida de Lugo, converténdose na rúa do Doutor Loureiro Crespo, de titularidade municipal. Até mediados do século XIX a entrada na vila desde o leste facíase por Santa Margarida, A Seca e o convento de Santa Clara, pero desde entón a estrada prolongouse até a rúa do Progreso (actual Rúa Benito Corbal) para enlazar na praza da Peregrina coa estrada a Vigo e Compostela.

No último cuarto do século XX, como consecuencia das obras de ampliación desta estrada, destruíronse catro grupos dos seis que compuñan a estación de gravados rupestres da Portela da Laxe, en Viascón (Cerdedo-Cotobade).

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]