Confederación Rexional Galaica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manifestación unitaria do 1º de maio en Pontevedra no 2008.

A Confederación Rexional Galaica é a organización territorial da CNT en Galicia. Na actualidade están adheridos a ela sete sindicatos de Oficios Varios. Constituíuse o 21 de agosto de 1922[1] no Salón "Ideal Cinema" de Vigo, con José Suárez Duque como o seu primeiro secretario. Nese momento confederáronse 52 sociedades de resistencia, representando a 25.256 afiliados.

Historia[editar | editar a fonte]

Na Ditadura de Primo de Rivera e a II República[editar | editar a fonte]

Durante a Ditadura de Primo de Rivera mantívose como organización legal pero coas súas actividades restrinxidas[2]. En 1925 o comité pasou da Coruña a Santiago de Compostela, sendo elixido Secretario Xeral Manuel Fandiño Ricart, quen ocupou o cargo até 1930. Unha parte dos seus sindicatos colaboraron a partir de 1926 cos Comités Paritarios establecidos pola ditadura de Primo de Rivera, rompendo coa CRG, que viu reducida a súa implantación tan só a Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Logo da caída da ditadura en 1930 comezou a se reorganizar, volveu publicar Solidaridad Obrera, o órgano da CRG e elixiu a José Ramón Suárez como novo secretario. Caracterizada pola súa liña moderada, colaborou nos últimos meses de 1930 e primeiros de 1931 coas forzas republicanas na campaña electoral municipal que rematou coa instauración da República o 14 de abril.

En 1932 tiña 32.000 afiliados con implantación na Coruña, Vigo, Ferrol, nas vilas costeiras, e con influencia nalgunhas sociedades agrarias do interior. En 1933 produciuse unha radicalización no seo da organización, o secretario José Villaverde Velo renunciou por ser contrario á violencia, para logo cunha dirección encabezada por José Moreno e Claro José Sendón aumentar a influencia da FAI e a súa participación en folgas violentas. O 10 de decembro de 1933 convocou unha folga xeral revolucionaria, chegando na Coruña ao enfrontamento armado con detencións de sindicalistas, peche dos locais e clausura de Solidaridad Obrera, represión incrementada coa folga xeral de 1934, que deixou a CRG con menos de 20.000 afiliados en 1935 pero xa en 1936 comezou un proceso de expansión, chegando a case 40.000 membros a mediados de 1936[3] malia a secretaría permanecer vacante desde decembro de 1935. O 6 de xaneiro de 1936 foi elixido novo comité, quedando de secretario xeral Enrique Fernández Maneiro.

No franquismo[editar | editar a fonte]

Logo da sublevación militar do 18 de xullo de 1936 a CRG pasou á clandestinidade, 496 dos seus militantes morreron en enfrontamentos cos sublevados ou represaliados nos anos inmediatamente seguintes[4], moitos outros pasaron pola cadea ou marcharon ao exilio.

A CRG reactivouse no interior en 1941, constituíndose o primeiro comité na clandestinidade na Coruña en 1942. Logo de pasar polo secretariado Juan García Durán e Félix Álvarez Arganzúa, este último foi detido en xuño de 1946.

En xuño de 1946 foi detido o Secretario Xeral, o coruñés Félix Álvarez Arganzúa. O comité trasladouse a Compostela, sendo de novo elixido Secretario Manuel Fandiño Ricart, que permaneceu no cargo até a súa detención o 11 de abril de 1947. Durante ese período a actividade limitouse á repartición de propaganda e á recadación das cotizacións. Daquela había actividade nas vilas da Coruña, Ferrol, Vigo, Compostela e Noia. En 1949 é neutralizado doutra volta o Comité en Compostela. En 1956 o traballador do estaleiro vigués Vulcano Víctor Francisco Cáceres recupera a actividade e o contacto co exilio.

Actualidade[editar | editar a fonte]

Sede do SOV de Santiago de Compostela, no barrio de Conxo.

Trala morte de Francisco Franco, en 1976 reorganizouse en Vigo a Confederación Rexional[5], e en 1977 abandonou a clandestinidade coa legalización da CNT en España.

No verán de 1976 é refundado o SOV de Lugo. Co paso do tempo a F.L. chegará a ter outro sindicato máis (Ensino) e un local, na Rúa Nova. Constituirase tamén un núcleo na Mariña. Coincidindo co declive posterior ao V Congreso, trasladarase a Federación Local a un local máis modesto e finalmente terminará disolvéndose en 1982.

A escisión en Galicia, tardará máis tempo en facerse efectiva que no resto do estado, chegando a concorrer ás eleccións sindicais do Ensino de 1987 baixo as súas siglas (CNT), sen acadar representación. Trala difícil década de 1980, co conflito da escisión da CXT, a Confederación Rexional quedou con dous Sindicatos de Oficios Varios, nas cidades de Santiago de Compostela e A Coruña. En 1995 foi fundado o S.OO.VV. de Vigo[6]. O de Lugo constituíuse en 2004, o de Pontevedra en 2006, o de Ferrol en 2007 e o de Betanzos en 2009. En 2014 constituíuse outro en Vilagarcía de Arousa.

No 2003 foi elixida secretaria xeral Rosa Bassave, que ocupou o cargo durante dous anos. Foi substituída en 2006 por Martín Otero, do SOV de Coruña, e este en 2008 por Victor Fernández, do SOV de Pontevedra. O SOV de Compostela asumiu sucesivamente o Comité Rexional desde 2010 até 2014, sendo secretarios xerais Rita Giráldez (2010-2012), Martín Paradelo (2012) e Pablo Paz-Trelles (2012-2014). Na actualidade[cando?] o Comité da Confederación reside en Ferrol e Xabier Porto é o seu Secretario Xeral.

A Rexional publica desde o ano 2006 o voceiro Solidariedade Obreira, de periodicidade semestral. No ano 2009 este voceiro fusionouse co Boletim Anarco-Sindicalista da Secção Portuguesa da Associação Internacional d@s Trabalhador@s, dando lugar á publicación Anarco-Sindicalista.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carlos F. Velasco Souto Galiza na II República. A Nosa Terra, 2000, páxina 65.
  2. Xavier Castro, Introducción á historia do movemento obreiro galego en III Xornadas de Historia de Galicia. Deputación Provincial de Ourense, 1986, pp. 185-222
  3. Dionísio Pereira e Eliseo Fernández, O movemento libertario en Galiza (1936-1976). A Nosa Terra, 2006, páxina 9.
  4. Dionísio Pereira e Eliseo Fernández, op. cit., páxina 253
  5. Pereira, D. e Fernández, E., O anarquismo na Galiza. Edicións Positivas, 2004, p. 77.
  6. Reportaxe en Vieiros, 25 de maio de 1999

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]