Saltar ao contido

Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive
Logo
Tipoorganización armada
IdeoloxíaIndependentismo galego e socialismo
Data de fundación1986
Data de disolución1991
Eventos/Actividadesatentado da discoteca Clangor
Organización relacionadaAssembleia do Povo Unido e Galiza Ceive-OLN
Persoas relacionadasAntón Arias Curto, Manuel Chao Dobarro e Josefa Rodríguez Porca
editar datos en Wikidata ]

O Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC) foi un grupo terrorista galego operativo en Galicia entre 1986 e 1991[1] cuxo obxectivo era a independencia de Galicia e a instauración dun réxime socialista. Foi fundado por membros de Galiza Ceive-OLN e do Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN).[2] O EGPGC estivo operativo entre 1986 e 1991, tempo durante o cal levaron a cabo arredor de 90 atentados, a maioría dos cales contra torres de alta tensión de Unión Fenosa en zonas deshabitadas. Provocaron tamén danos materiais e persoais, incluíndo nos seus obxectivos entidades bancarias, mais tamén militares, políticos e civís, e multitude de accións de aprovisionamento. Porén, a falta de respaldo social e a oposición ao uso da violencia por parte da sociedade galega, e da maioría do nacionalismo galego, impediu a implantación do terrorismo en Galicia.[3]

Segundo a Policía Nacional, dende 1987 até 1993, o EGPGC matou dúas persoas (un garda civil e unha estudante) e feriu 48.[2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

1986: fundación

[editar | editar a fonte]
Símbolo de Galiza Ceive-OLN, considerado o brazo político do grupo armado.

O Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive fundouse en 1986 por militantes de dúas organizacións do nacionalismo galego de tendencia socialista: Galiza Ceive-OLN e o Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN), unha escisión da Unión do Povo Galego (UPG)[3] creada a raíz de que, no V Congreso da UPG, a organización decidise aceptar a Constitución Española de 1978 e o abandono da loita armada. O principal líder do EGPGC e responsable da súa conformación ideolóxica, Antón Arias Curto, proviña dunha organización armada previa, chamada Loita Armada Revolucionaria (LAR), activa entre 1978 e 1980.[4] Dende a súa formación o grupo tivo lazos de apoio político e de formación con ETA,[1] da cal o EGPGC imitou o modelo terrorista imposto no País Vasco. Os comandos do EGPGC actuaban en grupos de dúas ou tres persoas.[1] Os materiais dos explosivos eran caseiros, mercados en supermercados e en empresas pirotécnicas. Para a súa fabricación empregaron manuais aconsellados por ETA, algúns deles dispoñíbeis en Internet.[1] O financiamento da organización proviña dos seus propios membros ou dos grupos sociais independentistas.[1]

1987: comezo da actividade terrorista

[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1987 realizan a súa primeira acción ao roubaren dinamita nas minas das Pontes de García Rodríguez. Esta dinamita foi empregada en 7 bombas que foron colocadas en diversas sucursais bancarias o 5 de febreiro dese mesmo ano.[5] Os ataques foron reivindicados en Radio Galicia como mostra de apoio aos 3 militantes independentistas que estaban sendo xulgados no Tribunal Provincial da Coruña esa mañá: Manuel Chao Dobarro, Jaime Castro Leal e José Manuel Sanmartín Bouza. Os fiscais pediron para eles 15 anos de prisión por roubo frustrado, posesión ilegal de armas e intercambio de matrículas de vehículos.

O 1 de maio dese ano, o EGPGC atacou de novo con oito bombas en sucursais bancarias da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Betanzos e As Pontes de García Rodríguez, causando serios danos materiais. O ataque foi reivindicado polo grupo dous días despois. O 12 de novembro, o EGPGC voou unha torre de alta tensión en Matamá (Vigo). Outra bomba contra unha infraestrutura semellante foi colocada dois días despois en Lugo. O 17 de decembro, o EGPGC colocou unha bomba na Delegación do Goberno na Coruña, así como outro artefacto explosivo en Ferrol. No ano 1988 continuou coa liña dos ataques sobre os intereses bancarios en Galicia.

1988: obxectivo FCSE e Manuel Fraga

[editar | editar a fonte]

Na primavera de 1988 o EGPGC abriu outra liña de obxectivos para as súas accións terroristas. Sen abandonar os ataques contra bancos e instalacións industriais, en marzo dese ano o grupo redirixiu os seus ataques contra as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. O 9 e 14 de marzo dese ano o EGPGC atacou diferentes vehículos das FCSE, destruíndo varios vehículos da Garda Civil en Santiago de Compostela e outro do Corpo Nacional de Policía en Vigo.[6] Na noite do día 14 foi atacada unha torre de subministración eléctrica en Castro Caldelas. Por mor do uso de explosivos portugueses neses ataques, a Policía española considerou que o EGPGC mantiña contactos co grupo terrorista portugués Forzas Populares 25 de Abril (FP-25),[7] dirixido por Otelo Saraiva de Carvalho, veterano militar de esquerda da Revolución dos Caraveis. O 30 de abril de 1988 o EGPGC atentou contra dúas compañías químicas en Pontevedra: ENCE e Elnosa. Os ataques foron motivados pola oposición social a estas plantas por mor do continuo e descontrolado verquido de residuos na ría de Pontevedra. Os atentados chegaron a paralizar as devanditas industrias durante dous días.

O día 27 de maio, o EGPGC levou a cabo un dos seus máis importantes ataques destruíndo a residencia de verán de Manuel Fraga en Perbes,[8] antigo Ministro de Información e Turismo (1962-1969) durante a ditadura de Francisco Franco, daquela membro do Parlamento Europeo por Alianza Popular (AP), e que só dous anos despois sería elixido presidente da Xunta de Galicia. Aquela foi a primeira e única acción do EGPGC contra un dirixente político. O ataque causou tamén interese e preocupación na prensa española, até entón moito máis preocupada pola actividade de ETA. A coincidencia do ataque contra Fraga co asasinato do empresario coruñés Claudio San Martín por parte dos GRAPO, outra organización terrorista de extrema esquerda, fixo especular á prensa sobre a posibilidade dunha intensa relación entre os GRAPO e o EGPGC, o que foi máis tarde descartado pola Policía.[9][10] Durante as eleccións ao Parlamento de Galicia de 1989, Fraga culpou ao PSOE pola situación de violencia política en Galicia causada polos GRAPO e o EGPGC.[11]

Primeiras detencións

[editar | editar a fonte]

As primeiras detencións ocorreron o 29 de maio de 1988. Os GEO detiveron a seis persoas en Castro Caldelas, e interviron sete quilos de explosivos e medio millón de pesetas.[12] Entre eles estaba Antón Arias Curto, considerado o principal líder do EGPGC; Miguel Anxo Campuzano Álvarez, líder sindical e secretario xeral da unión de pescadores da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG), José Antonio Matalobos Rebolo, Antonio García Matos, Susana Maria Lopes Poças, quen foi acusada de pertencer ás FP-25 en Portugal e Xosé Manuel Sanmartín Bouza.[12]

O día seguinte, a Garda Civil arrestou outras catro persoas que, segundo a acusación, realizaban tarefas de apoio e ligazóns.[13] O gobernador civil da Coruña, Andrés Moreno Aguilar, afirmou que el consideraba que o EGPGC estaba "desarticulado". Porén, unha chamada telefónica a nome do EGPGC dirixida a Radio Galicia asegurou que a estrutura do grupo quedara "intacta". Tralas detencións, os líderes de todos os partidos nacionalistas rexeitaron o EGPGC, agás o Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN). Máis tarde, o 31 de maio, outro suposto membro do EGPGC foi detido. Os membros do grupo denunciaron torturas por parte das FCSE, o que levou ao Partido Socialista Galego-Esquerda Galega (PSG-EG) e ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) a denunciar ditas torturas e a demandar un tratamento decente para os detidos. Dous dos arrestados foron postos posteriormente en liberdade sen cargos, mentres o resto foron enviados a prisión e dispersados. Todos eles, agás Manuel Campuzano, recoñeceron ser membros do EGPGC.

Como resposta a este proceso, 5 de xuño o EGPGC explotou un coche bomba na comisaría de Policía Nacional de Ourense, deixando un axente ferido. O día seguinte, os membros do EGPGC en prisión comezaron unha folga de fame para protestar "contra a dispersión e o illamento". Por mor desta folga, os 11 presos do EGPGC foron recolocados na prisión de Alcalá Meco (Madrid). O 25 de xullo dese ano, máis de 100 persoas denunciaron as condicións de saúde dos presos do EGPGC co gallo do Día Nacional de Galicia. O 9 de agosto, o EGPGC realizou un atentado con bomba contra a estatua de Francisco Franco en Ferrol. O 7 de setembro colocaron unha bomba nunha sede do Barclays Bank. Deste último feito foi acusada a portuguesa Alexandra de Queiroz Vaz Pinheiro.

Manifesto "Nova Poesía Galega": na procura de apoios sociais

[editar | editar a fonte]

O 31 de agosto de 1988 o EGPGC publicou un manifesto co título de "Nova Poesía Galega", onde anunciou os seus obxectivos en compañías estranxeiras, entidades que manufacturan produtos nocivos en Galicia, narcotraficantes, beneficiarios da madeira queimada nos montes durante os recorrentes incendios de verán en Galicia, e contra a simboloxía franquista mantida dende a morte de Franco. Porén, o EGPGC rexeitaba a "confrontación directa" contra as "forzas de ocupación".

Nova ofensiva e novas detencións

[editar | editar a fonte]

Malia o significativo número de membros do EGPGC que se atopaba en prisión, as accións do grupo terrorista continuaron dirixíndose contra os seus obxectivos habituais, causando soamente danos materiais. Só unha semana despois de enviar o seu primeiro comunicado, o EGPGC explotou 7 bombas en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Vigo contra sucursais bancarias e a compañía eléctrica Unión Fenosa.

A decisión de non atacar vidas humanas ou a integridade física constituíu un dos feitos diferenciais do EGPGC respecto a outros grupos semellantes contemporáneos, como os GRAPO, ETA no País Vasco ou Terra Lliure en Cataluña. Nesta liña, o líder do grupo, Arias Curto asegurou que o EGPGC non pretendía arrebatar vidas humanas.

1989: atentado mortal contra a Garda Civil en Irixoa

[editar | editar a fonte]

O 2 de febreiro de 1989 o EGPGC realizou un importante salto cualitativo. Un comando formado polos militantes Josefa Rodríguez Porca (líder do comando), Manuel Quintáns López, Francisco Javier Filgueira, Ramón Piñeiro Beiro e Juan Carlos Deibe Varela, atacou a dous axentes da Garda Civil no concello de Irixoa. O grupo asasinou o garda civil Benedicto García Ruzo e feriu de gravidade a outro.[14][15] Minutos despois, dous dos membros do comando foron arrestados pola Garda Civil nas proximidades do lugar (Quintáns López e Piñeiro Beiro),[14] mentres os outros dous (Rodriguez Porca e Filgueira) conseguiron fuxir.[16] Esta foi a primeira vez que unha persoa resultou morta nun ataque terrorista do EGPGC. Dous días despois dos eventos, Josefa Rodríguez Porca foi detida na Coruña, acusada de ser a líder do comando de Irixoa.[16] Como resultado do tiroteo, un total de 8 persoas foron encarceradas e enviadas a un cárcere en Madrid: Ramón Piñeiro Beiro, Francisco Javier Filgueira, Juan Carlos Deibe Varela, Manuel Irago Pereira, Alexandra de Queiroz Vaz Pinheiro, Francisco Xavier Niño Ricoy, Manuel Quintáns López e Eduardo Abad Loxo. Unha destas persoas, Ramón Piñeiro, membro do sindicato nacionalista INTG, dixo que a morte ocurreu "de maneira aleatoria" e que o obxectivo da operación non era asasinar ao axente, senón roubar as súas armas. Ademais, descubríronlles un zulo con 14 kgs de xelamonite e goma 2. Todos os detidos denunciaron torturas por parte da Garda Civil, incluído Francisco Niño e algúns dos outros detidos que negaron ser parte do EGPGC.

A prensa especulou sobre o salto cualitativo do EGPGC, alegando que respondía a unha infiltración de membros dos GRAPO na organización, hipótese que foi rexeitada polas autoridades. Ao pouco tempo, o EGPGC atentou de novo cunha bomba, desta volta contra unha comisaría en Vigo. O EGPGC continuou, en efecto, atacando instalacións industriais e o 18 de decembro fixo estourar unha bomba nunha torre eléctrica preto da fábrica de aluminio de Cervo, onde foron recolocados os produtos tóxicos recuperados do barco "Casón" (afundido na Costa da Morte), o cal producira un gran conflito social na zona.

1990: ataques ao narcotráfico e atentado mortal de Clangor

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Atentado da discoteca Clangor.

Dende 1990, o EGPGC comezou a atacar a narcotraficantes e coñecidos vendedores de droga a pequena escala. O 6 de febreiro, a Policía desactivou unha bomba colocada no coche dun traficante na Coruña que estaba vinculado ao lavado de cartos procedentes do narcotráfico. O grupo continuou atacando os intereses de compañías estranxeiras en Galicia. A comezos de xuño dese ano, cadrando cos xuízos de varios militantes da organización, o EGPGC atacou instalacións de Unión Fenosa e Telefónica en Dozón e Ourense, respectivamente. Na mañá do 2 de xullo, o EGPGC atacou unha sucursal do Banco Pastor en Cerceda e dúas oficinas do INEM na Coruña e Ferrol.

O grupo volveu actuar o 11 de outubro de 1990, cometendo varios atentados con bomba contra negocios de persoas relacionadas co tráfico de drogas, entre eles o realizado contra a discoteca Clangor, en Santiago de Compostela.[17][18] A bomba en Clangor tiña que ter estoupado cando o local estivese baleiro, mais foi activada accidentalmente causando feridas de diversa gravidade a 49 persoas e a morte de 3 persoas: unha estudante que estaba na discoteca e os dous terroristas Xosé Ignacio Villar Regueiro e Dolores Castro Lama.[19] Este ataque provou unha ampla condena das accións do EGPGC e unha caída pronunciada na popularidade do grupo.[20] De maneira simultánea, estouparon outras bombas en zonas vinculadas ao tráfico de drogas en Cambados, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vilanova de Arousa. Tralo ataque, o EGPGC expresou que as mortes foran un "erro humano" e que "comprendía e sentía a dor deses actos".[21] O grupo tamén continuou atacando instalacións industriais: o 1 de marzo de 1991 foron destruídas 5 torres de electricidade no Bierzo (provincia de León); o 10 de xullo colocaron explosivos na planta de ENCE en Pontevedra. O 13 de xullo atacaron dúas torres eléctricas en Ferrolterra, deixando a unhas 300.000 persoas sen electricidade.

1991: o EGPGC é desartellado

[editar | editar a fonte]

De acordo coas informacións policiais de 1991, o liderado do EGPGC tiña a súa base en Portugal,[22] incluíndo ao seu último líder Manuel Chao Dobarro, quen estaba á fronte da organización dende 1988, tralo encarceramento de Arias Curto. O EGPGC non actuaba dende xullo de 1990,[23] e estaba moi debilitado tralas detencións e a perda de prestixio social por mor do atentado de Clangor.[1] Unha parte da organización continuou avogando pola práctica do terrorismo, dirixida por Chao Dobarro dende territorio portugués. O 21 de setembro de 1991 a Policía Nacional detivo a Manuel Chao Dobarro, a Alexandra de Queiroz Vaz Pinheiro e a Maria do Carmo Viso Rubín, dirixente da Assembleia do Povo Unido (APU)[24] na fronteira franco-española de Les (Val de Arán), desartellando de facto a organización terrorista. A vaga de detencións continuou e o 19 de novembro outras oito persoas vinculadas á Assembleia do Povo Unido (APU) foron arrestadas. Logo destas detencións, o grupo terrorista quedou desarticulado con case todos os seus membros en prisión.[3]

En 1994 Chao Dobarro foi condenado a 17 anos de cárcere, De Queiroz a 10 (que despois chegarían a 56), e a seis os membros da APU Maria do Carmo Viso Rubín, Ignacio Jesús Martínez Orero, Isabel Cabarco Pemuy e Oliva Rodríguez Valladares. Ademais, foron condenados a longas penas de cárcere Josefa Rodríguez Porca (84 anos), Juan Carlos Deibe Varela (72 anos) e Francisco Javier Filgueira (76 anos).[25] Malia todo isto, algúns membros do EGPGC foron arrestados anos despois, en 1998 e 2002. En marzo de 1996, o Tribunal Supremo de España recoñeceu que a morte do garda civil en Irixoa non foi intencionada.[26]

Presenza social

[editar | editar a fonte]
Cabeza da manifestación da Assembleia do Povo Unido o Día da Patria de 1991 en Compostela.

O nivel de apoio social do EGPGC, a diferenza do que aconteceu con ETA no País Vasco na mesma época, era moi minoritario. As organizacións políticas que orixinaron o Exército Guerrilleiro, o PCLN e Galiza Ceive-OLN, uníronse en 1987 baixo o nome de Frente Popular Galega (FPG). Porén, a posición crítica do PCLN ante as actuacións do EGPGC provocará que un importante sector de Galiza Ceive-OLN abandone a FPG, creando unha nova organización política, denominada Assembleia do Povo Unido (APU), que apoia a loita armada do Exército Guerrilleiro de forma explícita. Non é casual que a tese política fundacional da APU se titulase O avance revolucionario como suma da loita política e militar. A FPG, pola contra, desvinculouse da actividade guerrilleira e condenou os atentados cando houbo vítimas mortais. A INTG, sindicato nacionalista co que se identificaron diferentes detidos nos operativos policiais contra a EGPGC, tamén se desmarcou dos feitos e condenounos na mesma medida que a FPG.

O referente antirrepresivo da APU foron as Xuntas Galegas pola Amnistía (XUGA), que en realidade se constituíron a raíz das detencións realizadas contra o grupo armado LAR en 1980, e que tras a súa disolución en 1984 permanecera inactivas. O obxectivo das XUGA neste momento, e tamén dos Comités Antirrepresivos (CAR), fundados pola FPG en apoio ás presións e persecucións das organizacións armadas galegas, foi a fin da dispersión penitenciaria tradicionalmente practicada por España que supuxo o encarceramento en cárceres fóra de Galicia. Ademais, tamén denunciaron torturas sistemáticas por parte das forzas de seguridade do estado. Para iso realizaron varias manifestacións e ocuparon edificios como os xulgados da Coruña nos anos 1989 e 1990 ou a catedral de Santiago de Compostela en 1989. Tamén foron detidos en varias ocasións militantes das XUGA, acusados ​​de pertenza ao EGPGC.

Porén, o apoio social á actividade de EGPGC foi moi baixo. O grupo político maioritario do nacionalismo galego, o BNG, apostou pola vía democrática para acadar os seus obxectivos, e a posición da FPG fíxose máis clara co paso do tempo nunha liña de condena da actuación do EGPGC. Isto produciu, na práctica, un illamento paulatino da APU, que acabou autodisolvéndose en 1995, e só quedou a Assembleia da Mocidade Independentista (AMI). Varios membros da AMI foron detidos dende 2005, acusados ​​de cometer actos de terrorismo, pero sen vínculos co xa desaparecido EGPGC.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 José Luis Orella (2020). Universidad CEU San Pablo, ed. "El terrorismo en la Europa del bienestar. Del Mayo del 68 a la caída del Muro" (PDF). Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  2. 2,0 2,1 "La victoria de la libertad: La Policía Nacional contra el terrorismo". Policía Nacional. Consultado o 9 de abril de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Pablo García Varela. "Propuesta de comunicación para el Congreso: LA NACIÓN OMNIPRESENTE: NUEVOS ENFOQUES SOBRE LOS PROCESOS DE NACIONALIZACIÓN EN LA ESPAÑA CONTEMPORÁNEA" (PDF). nacionomnipresente.files.wordpress.com. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  4. Conde Muruais, P. (7 de setembro de 1980). "Nacionalistas gallegos, acusados de mantener contactos con ETA". El País (en castelán). 
  5. "¡Nos están matando!, gritaron los guardias civiles ante los disparos de los terroristas" (PDF). ABC. 3 de febreiro de 1989. Consultado o 5 de outubro de 2023. 
  6. Lamas, Jorge (13 de marzo de 2020). "HEMEROTECA: El Exército Guerrilheiro pone una bomba a un autobús de la policía". La Voz de Galicia. Consultado o 5 de outubro de 2023. 
  7. "Los GRAPO 'renacen' con un asesinato en un día negro en Galicia". El País (en castelán). 28 de maio de 1988. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  8. "El Exército Guerrilleiro se atribuye la voladura del chalé de Fraga". El País (en castelán). 3 de xuño de 1988. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  9. "Practicamente identificados los "grapo" que mataron al empresario coruñés". El País (en castelán). 30 de maio de 1988. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  10. "Una dirigente peligrosa". El País (en castelán). 4 de febreiro de 1989. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  11. "Fraga responsabiliza al PSOE de que haya 'grapos' y 'guerrilleiros'". El País (en castelán). 26 de outubro de 1989. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  12. 12,0 12,1 "Los GEO detienen en un pueblo de Ourense a seis supuestos dirigentes del Exército Guerrilleiro". El Pais. 30 de maio de 1988. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  13. "Interior considera descabezado al Exército Guerrilleiro tras realizar los GEO nuevas detenciones". El País (en castelán). 31 de maio de 1988. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  14. 14,0 14,1 "Condenado a 72 años de cárcel un miembro del Exército Guerrilheiro por matar a un guardia civil". El Mundo. 27 de xuño de 2003. Consultado o 2 de outubro de 2023. 
  15. El ex guerrilheiro juzgado por matar a un guardia civil dice que disparó «a ciegas» Arquivado 24/10/2013, en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 7/4/03
  16. 16,0 16,1 "Detenida la supuesta jefa del comando que asesinó a un guardia civil en La Coruña". 6 de outubro de 2023 (en castelán). 5 de febreiro de 1989. 
  17. La ofensiva "guerrilleira" siembra el temor entre los narcotraficantes gallegos El País, 13-10-90
  18. Cambeiro, Xosé M. (10 de outubro de 2015). "Clangor: 25 años de la pesadilla". La Voz de Galicia. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  19. Hermida, Xosé (12 de outubro de 1990). "Tres muertos y 49 heridos en una ofensiva del terrorismo gallego dirigida contra los narcos". El País. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  20. "El Exército Guerrilheiro reivindica el atentado de Clangor, con tres fallecidos". La Voz de Galicia. 12 de outubro de 2018. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  21. "Los activistas declaran "objetivo militar" los negocios de los 'narcos'". El País (en castelán). 14 de outubro de 1990. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  22. "La policía portuguesa descubre una base de apoyo del Exército Guerrilleiro (espanhol)". El País (en castelán). 7 de decembro de 1991. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  23. "El máximo dirigente del Ejército Guerrillero, detenido en un paso fronterizo de Lérida". El País (en castelán). 24 de setembro de 1991. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  24. Detenidos en Ferrol ocho presuntos miembros del Exército Guerrilleiro El País, 20-11-1991
  25. El último capítulo de una breve historia radical Arquivado 26/10/2013, en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 7/4/2003
  26. "O Tribunal Supremo, recoñece que a morte dun garcla civil en lrixoa non foi intencionada" (PDF). A Nosa Terra. 11 de abril de 1996. Consultado o 6 de outubro de 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Varios autores A Gran Historia de Galicia XVI: a Galicia autónoma (dende a Transición). Volume 1: A Transición en Galicia, Arrecife Edicións Galegas/La Voz de Galicia, 2007, A Coruña.
  • Rios Bergantinhos, Noa. A esquerda independentista galega (1977-1995). Abrente Editora, Santiago de Compostela, 2002.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]