Calendario gregoriano
O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea actualmente utilizado en Europa, as súas antigas colonias e en boa parte do resto do mundo. Recibe este nome por ser o seu promotor o Papa Gregorio XIII, e substituíu en 1582 o calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a. C.
Índice |
Estrutura do calendario [editar]
A súa forma baséase no calendario Xuliano da Roma clásica. É un calendario solar, baseado na translación da Terra arredor do Sol de 365,2422 días de 24 horas de 60 minutos de 60 segundos métricos. O calendario gregoriano dá un tempo medio para o ano de 365,2425 días; para asegurar un número enteiro de días por ano, engadimos regularmente (97 anos bisestos cada 400 anos) un día bisesto, o 29 de febreiro.
Subdivisións [editar]
O calendario gregoriano está dividido en doce meses:
| Nº | Nome | Días |
|---|---|---|
| 1 | Xaneiro | 31 |
| 2 | Febreiro | 28 ou 29 |
| 3 | Marzo | 31 |
| 4 | Abril | 30 |
| 5 | Maio | 31 |
| 6 | Xuño | 30 |
| 7 | Xullo | 31 |
| 8 | Agosto | 31 |
| 9 | Setembro | 30 |
| 10 | Outubro | 31 |
| 11 | Novembro | 30 |
| 12 | Decembro | 31 |
Un período de sete días é unha semana. Os días da semana son: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo.
- O ano solar fai necesaria unha media de 365,2425 días =8.765,82 horas= 525.949,2 minutos = 31.556.952 segundos.
- Un ano común ten 365 días =8.760 horas= 525.600 minutos = 31.536.000 segundos.
- Un ano bisesto ten 366 días =8.784 horas= 527.040 minutos = 31.622.400 segundos.
- A era normalmente usada co calendario gregoriano é a era cristiá, é dicir, "antes / despois de Cristo". Cómpre salientar que non hai un ano "cero"; os séculos e milenios comezan co ano "un". Así que, o século XXI e o terceiro milenio comezan 1 de xaneiro do ano 1 do terceiro milenio, 2001.
O axustamento gregoriano [editar]
A diferenza principal entre o calendario gregoriano e o seu precedente, o calendario xuliano, está na distribución dos anos bisestos .
Como xa se dixo, o ano tropical medio, é dicir, o período de translación da Terra ó redor do Sol, dura 365,2422 días. Engadindo un día bisesto cada catro anos, o calendario xuliano atribuía ó ano unha duración media de 365,25 días. Isto inducía un desprazamento duns 8 días por milenio con respecto ó tempo real, facendo que por exemplo a festa de Pascua, determinada polo equinoccio de primavera, caese alá por febreiro.
Foi preciso entón suprimir os anos bisestos para os anos que son múltiplos de 100 sen ser múltiplos de 400. Así 1600 e 2000 son bisestos, pero non 1700, 1800 nin 1900.
Aplicando esta regra chegamos a un ano de 365,2425 días no canto dos 365,2424 días en exceso de tres días cada 10.000 anos. Foi proposta unha emenda na regra para consideraren os anos múltiplos de 4.000 como normais. Pero do feito do acurtamento do ano tropical avaliado en 0,5 s por século e do alongamento do día de 1,64 milisegundos por século, é ilusorio chegar a este nivel de precisión, as incertezas sobre a duración do ano cada 10.000 anos está na mesma orde de diferenza.
Adopción dun novo calendario [editar]
En 1582, o papa Gregorio XIII decidiu mediante a bula Inter gravissimas que o xoves 4 de outubro de 1582 sería inmediatamente seguido polo venres 15 de outubro para compensar o desfase acumulado dende o ano 45 d. C. (Anécdota: Pola supresión de dez días, santa Teresa de Ávila morreu na noite do 4 ó 15 de outubro de 1582).
A idea era loitar contra a deriva da data de Pascua (o domingo seguinte á primeira lúa do equinoccio de primavera) que se desprazaba polos meses de verán.
É necesario salientar que o paso ó calendario gregoriano non foi adoptado en toda Europa ó mesmo tempo. Foi imposto por Gregorio XIII nos estados onde era soberano pontífice. España, Portugal e Polonia adoptárono inmediatamente. Outros, coma Francia, seguírono rapidamente. Pero Inglaterra (protestante) non adoptará o calendario gregoriano ata 1752.
Outros países foron moito máis lentos en adoptar esta reforma gregoriana, preferindo como di o astrónomo Johannes Kepler "estar en desacordo co Sol, antes que de acordo co papa".
Cumprirá esperar á revolución de outubro de 1917 para que Rusia o adopte. Iso fixo que a revolución chamada de "outubro" tivese lugar... a comezos de novembro, segundo o calendario gregoriano!

Estas variacións de calendario supoñen un crebacabezas para os historiadores, xa que un documento inglés datado por exemplo o 10 de xaneiro de 1603 é de feito posterior a un documento francés ou español datado o 15 de xaneiro dese mesmo ano. Por exemplo, William Shakespeare e Miguel de Cervantes morreron na mesma "data" (23 de abril de 1616), pero non no mesmo "día".
Ademais, en cada país onde se adoptaba o novo calendario, protestábase, dicindo por exemplo que se tería que pagar un alugueiro mensual enteiro habendo só 21 días no mes laboral!
Reformas do calendario gregoriano [editar]
Se o principio de axuste gregoriano non foi posto en causa, non sucede o mesmo coa súa estrutura interna.
Os críticos ven os seus vínculos co cristianismo, a través das festas cristiás e das referencias ós santos. Iso motivou moitos proxectos de calendarios laicos, como por exemplo o calendario republicano da revolución francesa.
Outras críticas atinxen á construción mesma do calendario:
- meses de lonxitude variable (de 28 a 31 días), que falsean por exemplo as estatísticas económicas;
- ausencia de sincronización entre o nome dos días e o seu número de mes;
- variación da data de certos días festivos, como Pascua e Entroido.
No curso dos tres últimos séculos as proposicións de reforma multiplicáronse. As máis coñecidas son as propostas do calendario universal e do calendario fixo. A mediados do século XX, a Sociedade de Nacións (antecesora da ONU) fixo estudos para reformar o calendario. Pero foron abandonados pola presión de países como Estados Unidos, Reino Unido, Países Baixos ou Indonesia, oficialmente por razóns relixiosas.