Nóvgorod

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Catedral de Santa Sofía en Nóvgorod.
Escudo de Armas de Nóvgorod.

Nóvgorod ou Velíki Nóvgorod (en ruso: Вели́кий Но́вгород) [1] é unha cidade da Federación Rusa situada a 190 km ao sueste de San Petersburgo, á beira do río Vóliov tras desaugar do lago Ilmen.

É a capital da óblast homónima, e ten unha poboación duns 232.200 habitantes (censo de 2004).

Até o ano 1478 a cidade chamábase Gospodín Velíki Nóvgorod (Господи́н Вели́кий Но́вгород, "Señor Nóvgorod o Grande"). Logo, até 1999 o seu nome oficial era Nóvgorod (Но́вгород), e hoxe é Velíki Nóvgorod.

Aparece mencionada por primeira vez no ano 856, na Crónica de Néstor, e foi, xunto con Moscova e Kíev, unha das cidades máis importantes da Europa Oriental durante a Idade Media, e o único principado que escapou do dominio mongol tras a conquista de Rusia polos mongois.

Historia[editar | editar a fonte]

A cidade emerxeu como o centro político de pobos eslavos e fino-ugrios na metade do século X. A historia de Nóvgorod está estreitamente relacionada con todos os acontecementos importantes da vida do estado ruso. Na época na que o Estado ruso antigo se estaba fomando, foi unha federación de tribos eslavas orientais,[2] os novgorodenses invitaron ao príncipe Rúrik para impoñer nela a orde e a lei.

O Kremlin de Nóvgorod.
Monumento Milenario de Rusia, situado no interior do Kremlin de Nóvgorod (1862).

De Rúrik naceu a famosa dinastía Rúrika, á quer pertencen os tsares rusos que gobernaron en Rusia máis de 750 anos. A principios do século X as campañas militares dos príncipes de Nóvgorod contra Constantinopla para protexer as relacións comerciais con Bizancio deron como resultado a integración das tribos eslavas orinetais no antigo estado da Rus de Kiev.

A adopción do cristianismo ortodoixo no século X trasformou Nóvgorod nun importante centro eclesiástico. Os esforzos do bispo de Nóvgorod de estender e desenvolver relixión cristiá ortodoxa foron recompensados a mediados do século XII, cando o bispado foi elevado a arcebispado, sendo naquela época os prelados de Nóvgorod os máis importantes Igrexa Ortodoxa Rusa.

Nóvgorod é o berce de tradicións republicanas e democráticas de Rusia. Durante 600 anos, até 1478, todas as decisións vitais na súa vida e na política exterior foron tomadas polo veche, antigo parlamento constituído polos representantes das familias aristocráticas de Nóvgorod. Finalmente, todo o pobo de Nóvgorod tomaba parte no veche.

Nóvgorod foi un dos maiores centros da literatura e da produción de libros rusos. Alí, nos anos 30 do século XI, por orde do príncipe Iaroslav I o Sabio, fundouse a primeira escola para trescentos nenos. O Nóvgorod medieval era un dos centros artísticos máis importantes de Europa. As súas tradicións arquitectónicas, escolas de pintura de iconas, xoiaría e arte decorativa aplicada eran famosas en todo o mundo.

Na cidade encóntranse a catedral de San Nicolás e a catedral de Santa Sofía. E conta cun Kremlin que foi construído durante o reinado de Yaroslav I el Sabio, e que se menciona por primeira vez na Crónica de Néstor de 1044.

Segundo unha lenda, durante a conquista da cidade por parte das tropas moscovitas de Iván o Terríbel, unha pomba posou no alto da cruz que coroa o domo dourado da Catedral de Santa Sofía. Ao ver os horrores cometidos polas tropas moscovitas, a pomba quedou petrificada sobre a cruz. Segundo esta lenda, cando a pomba caera, Nóvgorod sucumbiría.

A pomba caeu cando o exército nazi tomou Nóvgorod durante a Segunda Guerra Mundial. Tras a conquista, a cruz foi levada a España por membros da División Azul, segundo dicían, para salvala dos bolxeviques. A cruz foi devolta a Santa Sofía de Nóvgorod por veteráns da mesma división en 2004, e situada de novo no domo dourado da catedral.[3]

A cidade é patrimonio da humanidade da UNESCO.

Imaxes de Nóvgorod[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Etimoloxía: en ruso Но́вгород = Cidade Nova.
  2. John Channon & Robert Hudson, Penguin Historical Atlas of Russia (Penguin, 1995), p. 16.
  3. "España devolverá a Rusia la cruz de la catedral más antigua del país". http://www.elmundo.es/elmundo/2004/11/13/cultura/1100369931.html. Consultado o 10 de marzo de 2014. Diario El Mundo (España), 13/11/2004.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Nóvgorod

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Boukine, V. (1984): Novgorod - Architecture, Monuments, Musées. Leningrad: Éditions Aurora.
  • Franklin, S. & J. Shepard (1996): The Emergence of Rus' 750-1200. London-New York, Longman History of Russia.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]