Movemento branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Movemento Branco, cuxo brazo militar é coñecido como Exército Branco (Белая Армия) ou Garda Branca (Белая Гвардия, белогвардейцы) e cuxos membros foron chamados brancos (Белые, ou despectivamente Беляки) ou rusos brancos (non confundir coa bebida alcohólica ruso branco nin cos bielorrusos), abarcou ás forzas contrarrevolucionarias rusas tras a Revolución de Outubro que loitaron contra o Exército Vermello (ó igual que o nacionalista Exército Verde) durante a Guerra Civil Rusa desde 1918 ata 1921.

O cualificativo branco tiña dous significados. Primeiro, en contraposición ós vermellos —o Exército Vermello que apoiaba ós soviéticos e comunistas. Segundo, a palabra «branco» tiña connotacións monárquicas: historicamente cada tsar era chamado solemnemente o tsar branco, e o ideal monárquico durante a guerra civil era coñecido como ideal branco.

En sentido estrito, non existía ningún «Exército Branco»; sen coordinación central, as forzas brancas nunca foron máis aló dunha feble confederación de grupos contrarrevolucionarios, os cales serviran no exército do tsar Nicolao II e buscaban o retorno da monarquía no Imperio Ruso. A maioría de oficiais que conformaban o núcleo do exército eran excombatentes da Primeira Guerra Mundial de ideoloxía monárquica, pero outros grupos apoiaban a outras tendencias políticas: demócratas, social-revolucionarios, menxeviques e outros opositores da Revolución de Outubro. Noutros tempos e noutras circunstancias, os mesmos grupos apoiarían ó Exército Vermello. Tamén houbo outros grupos, como o Exército Verde e o Exército Negro, que operaban en Ucraína e que se opuñan tanto a vermellos como a brancos. As tropas de base do exército branco incluían tanto a inimigos declarados dos bolxeviques (moitos cosacos, por exemplo), defensores da monarquía e campesiños apolíticos recrutados obrigados a loitar. Ás veces, os aliados occidentais da Triple Entente e forzas estranxeiras intervencionistas proporcionaron importante asistencia ás unidades do exército, xa que o Exército Branco non era máis que unha forza contrarrevolucionaria, sen apoio loxístico de parte do tsar, debido que el mesmo abdicara. Isto levaría a algúns a ver ó Exército Branco como representante dos intereses das potencias rivais.

A Guerra Civil Rusa entre brancos e vermellos duraría ata 1921. O Exército Branco, en colaboración ocasional coas forzas intervencionistas estranxeiras (xaponesas, británicas, canadenses, francesas, estadounidenses,(…), que aportaron ó Movemento Branco: diñeiro, asesoramento militar, trens acoirazados, e artillería pesada, ademais de recibir por exemplo entre marzo e abril de 1918 un corpo expedicionario aliado para intervir especificamente na Siberia oriental. Os brancos aguantaron bastante tempo nalgunhas zonas (especialmente no leste de Siberia, Ucraína e Crimea) baixo a dirección do autoproclamado Xeneral do Movemento contrarrevolucionario dos Brancos Ataman Semiónov e o barón Roman von Ungern-Sternberg, tendo considerables baixas humanas. Mais fracasou na unidade ou a cooperación efectiva entre seus corpos, mentres que o Exército Vermello paulatinamente conseguiu vantaxe.

A ideoloxía do Movemento Branco estivo en permanente desenvolvemento durante a guerra civil. Os xenerais Kornilov e Denikin sostiveron certas formas de base ideolóxica pero ningunha era tan concreta ou coherente como a do xeneral Wrangel durante o chamado «experimento de Crimea» en 1920. Foi alí onde Wrangel expuxo brevemente o núcleo do «ideal branco», que facía énfase na liberación de Rusia dos bolxeviques e outras forzas «anárquicas», o establecemento dun goberno xusto e honrado, a protección dos fieis das persecucións relixiosas, os dereitos do granxeiro á propiedade da terra e a oportunidade de todos os rusos de elixir un «líder».

Tras a fin da guerra civil, os conceptos de Wrangel foron plasmados nunha ideoloxía concreta por pensadores rusos como Ivan Ilyin, baseada principalmente nas ideas dos eslavófilos.

As tendencias monárquicas foron moi fortes entre os veteráns brancos; o republicanismo era máis raro. En agosto de 1922, dous meses despois da súa derrota, o exército branco do afastado Leste do xeneral Mikhail Ditterix chegaría tan lonxe como pactar a Zemskiy Sobor de Preamursk e elixir (sen a súa participación) ó Gran Duque Nicolai Nicolaievich Romanov tsar de todas as Rusias.

Logo que foi vencida a Garda Branca, oficialmente mediante un decreto de 1921 da Comisión Central Executiva de Rusia e do Soviet de Comisarios do Pobo, entre dous e tres millóns de persoas (entre os cales se atopaban antigos rusos brancos ou opositores á Revolución de Outubro) pasaron a ser apátridas, motivo polo que houbo unha forte emigración de rusos antisoviéticos, agrupándose en Berlín, París, Harbin e Shanghai, establecendo redes culturais que durarían ata a época da Segunda Guerra Mundial. A partir deste momento,as súas actividades atoparían acollida en Estados Unidos. A actividade branca concentraríase posteriormente en círculos de exiliados.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]