Tracia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Tracia (en grego Thrákē ) é unha rexión do surleste de Europa, na Península dos Balcáns, ao norte do Mar Exeo, situada na actual Grecia e na Turquía europea.
No seu momento, esta rexión histórica estendíase desde Macedonia ata o Mar Negro e o Mar de Mármara; e desde o mar Exeo ata o Danubio. Ocupa a punta do surleste da Península Balcánica e comprende o Nordeste de Grecia, o sur de Bulgaria, e a zona europea de Turquía. Os seus límites variaron nos diferentes períodos. As montañas Ródope separan a Tracia grega da búlgara e o río Maritsa separa a Tracia turca da grega.
As cidades principais da zona son Istambul, Gallipoli, Edirne (antes Adrianópolis) e Tekirdag, todas elas en Turquía. Na zona grega distínguense Komotene, Janto e Alexandrópolis como as cidades máis grandes. A rexión de Tracia é esencialmente agrícola. Alí prodúcese tabaco, arroz, trigo, algodón, seda, aceite de oliva e froitas.
Índice |
[editar] Historia
[editar] Historia antiga
Na antigüidade esta zona estivo habitada por numerosas tribos guerreiras de tracios que, a diferenza dos macedonios, nunca absorberon a cultura grega, e formaban pequenos reinos por separado. Debido á súa natureza guerreira, os gregos consideráronos bárbaros e sometéronos cara ao 600 adC, e utilizáronos no traballo de explotación das minas de ouro e prata do lugar.
Desde o 512 adC ata o 479 adC, os tracios foron dominados polos persas. Con todo, cara ao 431 adC, Tracia foi unificada nun reino polo cacique Sitalces, quen colaborou con Atenas na Guerra do Peloponeso. Á súa morte, no 428 adC, o reino dividiuse novamente.
Tracia foi incorporada ao Imperio Romano no ano 46, polo Emperador Claudio. Nesta época, as cidades principais de Tracia eran Sardica (hoxe Sofia), Philippopolis (hoxe Plovdiv) e Adrianopolis (hoxe Edirne). Durante o goberno romano a zona foi amplamente beneficiada, pero desde as invasións bárbaras do século III ata os tempos modernos, esta zona foi a miúdo campo de batalla de diversas disputas.
Durante o século VII, a zona norte de Tracia pasou a mans búlgaras e a sur ao Imperio Bizantino, pero durante o século XIII toda a rexión formou parte do Segundo Imperio Búlgaro, logo dun breve período en mans do Imperio Latino de Constantinopla.
En 1361, os turcos otománs conquistaron Adrianópolis, e en 1453, logo da caída de Constantinopla, toda Tracia caeu en mans turcas.
[editar] Historia moderna
En 1878, o norte de Tracia foi anexado pola provincia de Rumelia do Leste, entidade búlgara autónoma pertencente ao Imperio Otomán. Pero en 1885 Bulgaria, que se independizou en 1878, incorporouse a provincia de Rumelia, coñecéndose desde entón como Tracia só á parte sur, que permanecía en mans turcas.
Logo da primeira Guerra Balcánica (1912-1913), Turquía traspasa o resto de Tracia Occidental e parte de Tracia Oriental a Bulgaria, incluíndo Adrianople (Edirne). Pero logo da segunda Guerra Balcánica (1913) Bulgaria deixou en mans turcas toda Tracia ao leste do río Maritsa.
Logo da Primeira Guerra Mundial, e tras a Conferencia de Paz celebrada en París, Grecia recibiu de Bulgaria a Tracia Occidental (Tratado de Neuilly, 1919) e de Turquía (Tratado de Sèvres, 1920) a Tracia Oriental e a maioría das illas do mar Exeo, excepto a zona dos Estreitos (Bósforo e Dardanelos) e Constantinopla (Istambul). Máis os gregos tiveron que librar duras loitas contra a poboación e o exército turco para ocupar e dominar o lugar.
O Tratado de Sèvres foi substituído en 1923 polo Tratado de Lausana, que repuxo a Turquía toda a zona de Tracia ao leste do río Maritsa.
Durante a Segunda Guerra Mundial, Bulgaria ocupou a parte grega de Tracia (1941-1944), pero ao finalizar a contenda, repuxéronse as fronteiras greco-búlgaras de 1919 e greco-turcas de 1923.


