Septimio Severo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto de Septimio Severo en alabastro no Museo Capitolino de Roma.

Septimio Severo, nado en Leptis Magna (África) o 11 de abril do 145 e finado o 4 de febreiro de 211 en Eburacum (actual York), foi un Emperador romano. De orixe púnica, foi o primeiro emperador de orixe africana e fundador da Dinastía dos Severos que gobernaría Roma e o seu Imperio preto de 47 anos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fora nomeado cónsul e era gobernador de Panonia e Iliria, cando foi asasinado Pertinax. A entronización de Didio Xuliano creou un grande descontento no seo do exército nas provincias romanas. En Britania, foi nomeado emperador Clodio Albino e nas provincias orientais foi Pescenio Níxer o proclamado. Foi en Carnutum onde Lucius Septimius Severus Pertinax foi nomeado emperador. Como estaba máis achegado a Italia, dirixiu as súas lexións cara a Roma. Fíxose co control da flota ancorada en Rávena e, despois de rexeitar compartir o imperio con Didio Xuliano, chegou a Roma, sendo recoñecido polo Senado como o novo Emperador.

As súas primeiras medidas, foron o de darlle as honras debidas a Pertinax, nome que asociou ao seu para conseguir o apoio do pobo romano. A segunda grande medida foi a de ordenar a disolución das cohortes pretorianas, que foron trocadas por militares das súas lexións e que lle eran completamente fieis. Viaxou cara a Britania para se entrevistar con Clodio Albino e asocialo ao trono, entregándolle Britania, Galia e Hispania. A continuación levou o seu exercito cara o Oriente, onde Pescenio Níxer non tomara medida ningunha para loitar, senón que fuxía das tropas de Septimio considerando o grande apoio que tiña entre os militares e reis de Oriente. Deste xeito, Septimio chegou a Bizancio esixindo a súa entrega, pero se negaron os seus gobernantes esperando a axuda de Pescenio Níxer e confiando nas súas inexpugnábeis defensas. Deixando asediada a cidade, Septimio continuou cara ao exército sublevado, ao que venceu en Isos, dando morte a Pescenio Níxer no mesmo campo de batalla. Virando sobre as súas costas, o sitio de Bizancio chegou ao seu terceiro ano, e a cidade rendeuse pola fame. Derrubou as murallas e fixo matar a todos os seus gobernantes. Comezaba o que seria un sinal de identidade de Septimio Severo: a crueldade coa que se desfacía dos seus inimigos.

Unha vez resolta a cuestión de Oriente, volveu a Roma e Clodio Albino xa estaba a facer movementos para unha nova guerra, xa que supoñía que Septimio non quedaría sen se mover para volver de novo á unidade do Imperio. O encontro das dúas forzas foi preto da actual Lyon, e de novo Septimio Severo foi o vencedor, vitoria que outra vez o levaría a unha matanza entre os partidarios de Clodio e confiscacións dos seus bens.

Cabeza de Septimio Severo conservada no Cologne, Römisch-Germanisches Museum.

O 2 de xuño do 197, Septimio entra de novo en Roma, e no seu primeiro discurso promete desenmascarar os senadores partidarios de Clodio Albino, rehabilitar a Cómodo do que se nomea irmán e dar garantías de continuidade á dinastía Severa, asociando ao trono aos seus fillos Xeta e Caracalla. Foron asasinados 41 senadores e os seus bens confiscados. A continuación deu festas ao pobo, aumentoulle a paga aos soldados, permitíndolles vivir coas súas mulleres nos campamentos e nomeou a C. Fulvio Plautiano prefecto dos pretorianos. Logo marchou de novo cara a Oriente para castigar aos partidarios de Pescenio Níxer e reconquistar as terras perdidas. Pacificou a xudeus e samaritanos, o rei de Armenia suplicou a amizade de Roma, conquistou Seléucida, Ctesifonte e Babilonia e firmou a paz cos partos. Con estas vitorias, conseguiu que o seu fillo Xeta fose nomeado César e Caracalla recoñecido como augustus.

Na súa viaxe de volta a Roma, Septimio visitou Siria e máis Exipto, pasando o inverno en Antioquía, reparando as vías de comunicación que unían esta provincia co Danubio. Celebra en Roma os dez anos de goberno. No 203-204 visita África. Embeleceu Leptis Magna, a súa cidade natal, con grandes obras públicas e edificios, mellorou a agricultura da zona e por vez primeira permitiu os africanos nas cohortes pretorianas. Volta a Roma no 204, prodúcese o asasinato de Plautiano no pazo imperial, ao parecer por Caracalla e en presenza do emperador, grande inimigo da dona de Emperador, Xulia Domna, que a partir de entón, comeza a súa influencia na política romana. Ata entón, dedicárase á filosofía, rodeándose especialmente de sofistas e o seu máis grande colaborador foi Emilio Papiniano, o derradeiro grande xurista do período clásico.

Estes anos de goberno foron de grandes revoltas en todo o Imperio. Houbo de loitar en Mauritania, e na Hispania aínda había partidarios de Clodio Albino, e a loita contra dos "inimigos públicos" de Numancia. En Milasa de Caria xurdiron dificultades económicas pola desvalorización do denario de prata. En Britania, os caledonios e os meatos combatían as lexións romanas.

Despois da desvalorización do denario de prata, o Emperador, e para salvar as finanzas, concentrou nas súas mans a meirande parte dos ingresos. Todos os bens procedentes das confiscacións ingresábanse na caixa imperial, coñecida como ratio privata, os procedentes do ager publicus ían ao patrimonium. Para o desenvolvemento do comercio creou novos mercados (Pysos en Tracia) e ampliou os xa existentes. Prestou o maior interese en todo o que gardaba relación co exército. Permitiu que aos soldados se lles concedese a annus aureus con que a orde ecuestre quedou moi ampliada cos privilexios que iso comportaba. A paga dos soldados elevouse de 300 a 500 denarios anuais, a cobrar en metálico e non en especie como era o vello costume. Concedeu especiais prerrogativas aos centurións, creando unha caixa de auxilio e permitindo que os seus fillos accedesen ao Senado.

Aureus cuñado en 193 na honra da XIIII Gemina Martia Victrix, a lexión que o proclamou emperador.

Equiparou as restantes provincias cos mesmos dereitos de Italia, creando algunha nova como Mesopotamia, a cidades que lle foran fieis durante a súa loita polo poder concedeulles a cidadanía romana. Levou ao Exipto a división municipal e sobre todo, o Senado perdeu a súa importancia política e a súa lexislación criminal referente aos seus propios membros. A lexislación, con mais de 400 leis publicadas tendeu a ser máis humanitaria e tendeu a mellorar as clases máis febles.

Tivo unha gran cultura grega e latina, interesándose pola filosofía e astroloxía. Era máis supersticioso que relixioso, pois coidaba e daba máis saña aos oráculos, soños e horóscopos, estando imbuído polo misticismo oriental, en parte influído pola súa dona,filla do sumo sacerdote de Baal en Siria. Nun primeiro intre amosouse tolerante cos cristiáns, elixindo un preceptor cristián para o seu fillo Caracalla, pero trocou despois da guerra pártica e incluso disgregando a Escola de Alexandría. A súa esposa rodeouse dun grupo de intelectuais, entre os que destacaba Filóstrato. Prestou especial atención ao embelecemento de Roma con novas construcións, como o Arco que leva o seu nome, erguido despois das súas campañas en Oriente. Restaurou o templo de Vesta, Vespasiano, o pórtico de Octavio, o Panteón, o teatro de Pompeio, etc, comezando a construción das termas de Caracalla e do Trastevere, rematadas no 216.

No 208, acompañado da súa esposa e os seus fillos e o prefecto do pretorio Papiniano marchou cara a Britania para conquistar toda a illa. O tipo de guerra que facían os nativos, de guerrilla, non se prestaba á loita tradicional das armas romanas. Morre en Eburacunm (York) o 4 de febreiro do ano 211, e existen dúbidas históricas se foi de morte natural ou envelenado polo seu fillo Caracalla, xa que foi aquí onde se destapou o odio mutuo entre os seus fillos e futuros emperadores, Xeta e Caracalla.

Imperio Romano

Segue a:
Pertinax
Septimio Severo
Precede a:
Caracalla
Dinastía dos Severos