Edafoloxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edafólogo traballando no campo.

A edafoloxía (do grego ἔδαφος, edafos, "solo", -λογία, logía, "estudo", "tratado") é a ciencia que estuda a composición e natureza do solo na súa relación coas plantas e o contorno que lle rodea. Dentro da edafoloxía aparecen varias ramas teóricas e aplicadas que se relacionan en especial coa física e a química.

O solo orixínase a partir da materia nai producida polos procesos químicos e mecánicos de transformación das rochas da superficie terrestre. A esta materia nai agréganse a auga, os gases, sobre todo o dióxido de carbono, o tempo transcorrido, os animais e as plantas que descompón e transforman o humus, dando por resultado unha complexa mestura de materiais orgánicos e inórganicos.

Formación[editar | editar a fonte]

O proceso de formación dos solos é un fenómeno que está a producirse de seguido, polo que nunca chega a completarse, pois cada rexión posúe rochas diferentes e fenómenos climáticos distintos. Xa que logo descríbense unicamente os principais axentes da súa formación ou transformación.

Rochas[editar | editar a fonte]

Os granitos, basaltos, areíscas, cuarzos e calcarias son as máis comúns. Dependendo de se as rochas que dan orixe ao solo son sedimentarias como a arenisca, metamórficas como a filita ou ígneas como o basalto e o granito, a cor e composición da mestura será moi diferente. Hai que observar que como o solo é un espazo limitado entre a rocha nai e o humus xa que logo é importante saber que clase destas hai en cada nivel.

Factores formadores do solo[editar | editar a fonte]

  • Material parental (material pasivo).
  • clima (material activo).
  • tempo (material neutro).
  • biota ou organismos (material activo).
  • relevo (material pasivo).

Fórmula do solo segundo H. Jenny (1941):

loxía onde:

  • mp: material parental.
  • cl: clima.
  • ou: organismos ou biota.
  • R: relevo.
  • t: tempo.

Fórmula segundo Gaucher (1981):

solo=funcion(mp, cl, o, t, r)+home

Clima[editar | editar a fonte]

Este axente é tan importante como o anterior porque, aínda que forma unha parte moito menor (achega auga, osíxeno e dióxido de carbono) o seu poder de transformación é infinitamente máis rápido e poderoso que a lenta descomposición química das rochas.

A erosión física dos solos por parte do clima é quizais o condicionante máis forte. É producida pola auga que crea un val, ou pola que se infiltra polas rochas calcarias ata producir covas, como pola temperatura que nas rexións secas evapora a auga xa que logo desaparece a erosión producida polos ríos e nas frías axuda á mesma a conxelarse o que facilita a rotura das rochas. A erosión eólica é un fenómeno menor pero despraza pequenas cantidades de materiais dunhas zonas a outras.

A erosión química prodúcese polo dióxido de carbono diluído e sustancias orgánicas como sales minerais e arxilas na auga que conteñen os solos. Isto crea unha contorna química que descompón e elimina uns materiais e á súa vez outros son depositados.

Flora e fauna[editar | editar a fonte]

Ata aquí explicouse o proceso dun modo lineal, pero debe pensarse nun conxunto interrelacionado. As rochas e o clima crean unhas condicións particulares que fan posible o crecemento dunhas plantas e outras non, estas á súa vez transforman o solo na medida das súas posibilidades. As zonas de bosque moi húmido crean solos normalmente pobres ou moi lixiviados, pero tal cantidade de plantas axudan a fixar con forza o terreo. A falta destas, por exemplo en rexións áridas, provoca unha forte erosión de solos que poida que sexan fértiles, se non fose por estas condicións extremas.

A estrutura do solo adoita estar dividida en catro horizontes A, B, C, e D. A zona D é a rocha nai. A C é rocha nai erosionada e non ten material orgánico. A B é unha zona de deposición (iluvación) e dependendo do solo con pouca ou moi pouca materia orgánica. A zona A é onde máis material orgánico deposítase (eluvións) e xa que logo a que máis intercambia coa flora e fauna. Xa que logo as zonas que máis nos interesan son a A e B. As cores máis escuras como negros vermellos e marróns danse nas capas A e B mentres que os laranxas amarelos e brancos danse en C e D.

A fauna ten unha relación menor. Ata que os animais non morren non realizan o ciclo do calcio, carbono ou os nutrientes que cada especie posúa, estes á súa vez nutren o solo estes as plantas e estas a fauna en xeral creando un ciclo moi preciso.

Home[editar | editar a fonte]

A importancia do home en todo este proceso foi historicamente moi pequena, pero dadas as actuais circunstancias nas que o home modifica a contorna moi radicalmente con animais, plantas, presas, estradas etc... faise necesaria a súa mención.

En xeral as actividades do home producen o empobrecemento do solo e a súa degradación con excepcións dalgunhas zonas onde a súa influencia é favorable xa sexa por lume, creación de praderías ou outras.

En case ningún país hai estudos para ordenar cidades e campos, así en moitos deles atopámonos que as cidades están sobre os mellores solos e os campos en zonas con rendementos moi baixos. A deforestación xeneralizada o uso excesivo de fertilizantes e a mala xestión da auga están provocando en todo o planeta a perda de solo fértil, que por outra banda non abunda. Se non se corrixe esta perda non será fácil superala pois a creación destes solos levou algúns millóns de anos.

Tipos de solo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tipos de solo.

Hai dúas clasificacións principais, a dos EUA (Soil Taxonomy) e a das Nacións Unidas. Hai que subliñar que a edafoloxía ten a súa orixe en Rusia coa escola de Dokuchaev e que esta clasificación e despois sobre todo a alemá e francesa tiveron bastante influencia pero hoxe en día non teñen vixencia. O único traballo español serio neste tema foi o de Emili Huguet i Serratacó (1937) que foi quen introduciu o termo edafoloxía.

Historia da Edafoloxía[editar | editar a fonte]

Xa fora baixo o nome de edafoloxía, pedoloxía ou agroloxía, o estudo do solo interesou a agrónomos, químicos, xeólogos, xeógrafos, biólogos, silvicultores, e especialistas na ordenación do territorio. Todos eles contribuíron a facer avanzar os coñecementos en materia de solos e a súa formación.

O solo xa fora estudado polos gregos e romanos da Antigüidade e, máis tarde, polos agrónomos de Al-Ándalus na Idade Media. No século XVI Bernard Palissy e Olivier de Serres, emprenderon o estudo científico desta disciplina, que se foi desenvolvendo no século XVIII, pero que foi suxeito dunha atención privilexiada no século XIX.

As primeiras bases científicas da edafoloxía moderna, ás veces denomianda (sobre todo cando se consideran os seus aspectos prácticos) química agrícola, establecéronse no século XIX, aínda que a ciencia do solo ten como precedente ao chamado pai da ciencia rusa, Mikhaíl Lomonósov (1711 - 1765),[1] quen escribiu e ensinou sobre o solo entendido como un corpo en evolución máis que como un corpo estático, pero sen diferencialo nun estrato xeolóxico.

Vasili Docucháiev.

Pero a edafoloxía naceu realmente coa escola rusa do xeógrafo Vasili Docucháiev (1846 - 1903) e os seus discípulos Sibírstev, Glinka e Zákharov, os que, a partir da consideración da influencia do clima como preponderante na formación e e a ordenación zonal dos solos, sentaron as bases descritivas e xenéticas da edafoloxía.

O primeiro traballo de Docucháiev sobre o tema é de 1883, cando publicou un informe sobre un estudo de campo levado a cabo nun solo do tipo chernozem, no cal aplicou os principios da morfoloxía aos solos, describiu os principais grupos, esbozou a primeira clasificación científica e desenvolveu métodos de cartografía sobre a base do traballo de campo e de laboratorio.

En 1886 propuxo que a palabra solo se empregase como termo científico para referirse a aqueles horizontes de terra que case diariamente cambian a súa relación baixo a influencia conxunta da auga, o aire e os organismos viventes e mortos, introducindo o concepto xeográfico de solo. Máis tarde definiu o solo como un corpo natural e independente, formado baixo a influencia de varios factores, dos cales considerou á vexetación como o máis importante.

Trátase para el dun produto complexo, resultado das interaccións entre os distintos factores xeográficos como o clima, a xeomorfoloxía, a idade da paisaxe (paleoxeografía), sen esquecer as plantas, os animais e a rocha nai.

Os seus discípulos Konstantin Dimitrievich Glinka (1867 - 1929) e S. S. Neustráiev (1874 - 1928) volveron recalcar o concepto de solo como unha entidade en si mesma pero con características que corresponden á xeografía onde se desenvolven.

Alexei Sibírstev elaborou unha clasificación dos solos diferenciándoos en tres grandes grupos. O primeiro deles corresponde aos zonais, dentro do que se encontran os lateríticos, eólicos, desérticos, chernozems, forestais, grises, podzois e de tundra. A seguinte categoría corresponde aos solos intrazonais, no que se achan os solos salinos, pantanosos, carbonatados e húmicos. O último grupo corresponde aos azonais que son os esqueléticos, os bastos e os aluviais.

Outro alicerce da pedoloxía foi Curtis Marbut (1863 - 1935), xeógrafo estadounidense discípulo de William Morris Davis e director da investigación de solos no seu país. Ao ter coñecemento do traballo de Glinka por unha tradución ao alemán do texto ruso, decidiu levar a cabo unha tradución ao inglés do mesmo texto, divulgando así os conceptos da escola rusa entre os xeógrafos do seu país. Marbut sostén a teoría de procesos múltiples e independentes na xénese dos solos. Tamén propuxo unha clasificación dos solos consistente en seis categorías, denominadas: ordes, subordes, grupos, familias, series e tipos. As dúas ordes principais establecíanse en relación á lixiviación de carbonatos, denominando Pedocal aos solos carbonatados e Pedalfer aos ricos en aluminio e ferro a causa do lavado de carbonatos.

Louise Kellogg (1902 - 1980) sucedeu a Marbut na dirección das investigacións dos solos e continuou cos seus colegas o desenvolvemento da clasificación do solo sobre a base dos criterios establecidos por Docucháiev e Glinka.

A edafoloxía en Galicia[editar | editar a fonte]

O profesor Díaz-Fierros asinando o libro de ouro do Aquarium Finisterrae.

En España, os primeiros traballos edafolóxicos completos débense a Emili Huguet i Serratacó (1871 - 1951), coñecido como Huguet del Villar, que foi un notábel naturalista e xeógrafo, introdutor en España dos estudos de xeobotánica e edafoloxía, mesmo a pesar de estar frecuentemente á marxe do mundo académico.

En Galiza o pai da Edafoloxía e Francisco Guitián Ojeda, quen estivo en estreta colaboración con Kubiena e José María Albareda. O máximo especialista actual é o profesor Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático da Universidade de Santiago, vicepresidente primeiro do Consello da Cultura Galega e académico numerario das Reais Academias Galegas das Ciencias e Galega (que foi o introdutor, xunto co profesor Antón Santamarina, do termo galego solo para designar o "obxecto de estudo da edafoloxía" e para outros significados).[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sobre a química agrícola tamén se interesara o químico alemán Justus von Liebig (1803 – 1873).
  2. Santamarina Fernández, A. e Díaz-Fierros V., F. "Precisións semánticas sobor do emprego en edafoloxía das verbas "chan", "solo" e "terra" en Braña Bol. Soc. Gal. Hist. Nat., Ano 1978, Nº 2 (99-103).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]