Neptunismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Abraham Gottlob Werner (1749 - 1817), fundador do neptunismo.

O neptunismo é unha teoría científica, obsoleta e desbotada, proposta polo xeólogo alemán Abraham Gottlob Werner a finais do século XVIII, que atribuía a orixe das rochas á cristalización de minerais nos océanos, nun período temperán tras a creación. A teoría recibiu o seu nome de Neptuno, o antigo nome latino do deus grego dos mares, Poseidón.

Pouco despois da súa publicación, ao inicio do século XIX a nova proposta desatou un acendido debate entre os partidarios de Abraham Werner e os que crían no plutonismo, unha teoría antagónica, proposta polo xeólogo escocés James Hutton que atribuía a orixe do material xeolóxico á acción dos volcáns.

O plutonismo, convenientemente adaptado, substituiría co tempo ao neptunismo como liña teórica dominante; sobre todo cando, a principios do século XIX, o concepto de uniformismo parecía responder mellor aos descubrimentos alcanzados no campo da xeoloxía.

Actualmente coñécense moitos procesos de formación de rochas, e considérase que o proceso xerador de rochas sedimentarias é bastante similar a aqueles descritos polos defensores do neptunismo.

Desenvolvemento histórico[editar | editar a fonte]

A mediados do século XVIII, o estudo dos fósiles levou a xeólogos e naturalistas a cuestionar a validez científica da Historia Natural exposta no libro da Xénese.

Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon, datou a orixe da Terra en 75.000 anos atrás —aínda que admitía que esta cifra podería quedarse curta— e probou documentalmente unha serie de cambios históricos a través de distintas épocas xeolóxicas.

Abraham Gottlob Werner era entón inspector de minas e profesor de minería e mineraloxía na Academia de minería en Friburgo, (Saxonia), o máis importante centro de estudo de xeoloxía durante o século XVIII. Coa súa "Breve clasificación e descrición das rochas" (1787) e as súas conferencias asentou un novo modelo de clasificación xeolóxica que se baseaba nas secuencias de capas superpostas en lugar dos tipos de minerais, tal como usual até ese momento.

Baseou a súa concepción da formación de rocha a través dunha secuencia de procesos históricos na presunción de que no planeta, orixinalmente cuberto de auga, se irían formando rochas mediante sedimentación no fondo mariño. Deste xeito, o planeta formaríase desde o seu núcleo de rochas máis antigas e duras —como o granito— até as capas superficiais, máis débiles, nas que se atopaban grandes cantidades de fósiles. O diluvio descrito na Biblia repetira o mesmo proceso, engadindo novas capas de rochas lixeiras sobre un núcleo máis sólido.

A influencia dos volcáns, por tanto, quedaba limitada a unha pequena adición de material superficial, en tanto que o verdadeiro proceso xerativo da rocha se realizaba baixo a agua.

A controversia entre neptunismo e plutonismo[editar | editar a fonte]

Unha teoría oposta, coñecida como plutonismo (ou vulcanismo) sostiña que as rochas se orixinaban mediante procesos a altas temperaturas. Esta idea, proposta por primeira vez por Anton Moro (1687-1750), baseábase nos seus estudos sobre as illas volcánicas, e foi asimilada por James Hutton na súa teoría uniformista, que describía a orixe das rochas como un proceso constante de erosión dos elementos e rexeneración do material mediante presión e temperatura.

Os neptunistas diferían dos plutonistas na súa interpretación da orixe do basalto: Para os primeiros, este era un material sedimentario que se compoñía parcialmente de fósiles, polo que non podía ser de orixe volcánico. Hutton acertou ao afirmar que o basalto non contiña fósiles, ademais de ser impermeábel, duro e cristalino. Encontrou certas formacións xeolóxicas nas que estratos de basalto atravesaban capas doutros minerais, reforzando a súa suposición de que o mineral tiña a súa orixe na rocha fundida situada baixo a codia terrestre.

O debate non se limitou ao ámbito científico: o mesmo Johann Wolfgang von Goethe, un dos literatos máis ilustres de Alemaña, tomou partido polos neptunistas. O último acto do seu famoso "Fausto" contén un diálogo entre un neptunista e un plutonista —este último encarnado por Mefistófeles—. O autor expresou en máis dunha ocasión o seu apoio á teoría neptunista, en ocasións con certa vehemencia.[1]

A controversia prolongouse até os primeiros anos do século XIX, pero as obras que Charles Lyell publicara na década de 1830 foron gañando progresivamente a aceptación da comunidade científica para o lado das teorías de Hutton e os plutonistas.

A discusión entre ambas as teorías implicaba tamén un posicionamento relixioso: o neptunismo habilitaba a posibilidade teórica do diluvio, asumindo a validez histórica do libro da Xénese. A datación xeolóxica neptunista tamén cadraba coas marxes temporais bíblicas, e a súa propia inspiración catastrofista encaixaba no concepto relixioso conservador con máis facilidade que o uniformismo. Non é de estrañar, por tanto, que unha das acusacións máis comúns de neptunistas aos seus rivais científicos fora a de ateísmo.

Ficción[editar | editar a fonte]

A teoría e o seu contexto intelectual trátanse con ácida ironía na crónica ficticia das viaxes de Alexander von Humboldt Die Vermessung der Welt (en galego, "medindo o mundo"), escrita por Daniel Kehlman en 2006.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Erickson, Jon, Plate Tectonics, New York: Facts On File, 1992 (en castelán)
  • Baigrie, Brian, Scientific Revolutions: Course Notes and Study Material, University of Toronto, 2006. (en inglés)
  • History of Science: Early Modern Geology ...And Still We Evolve, A Handbook on the History of Modern Science, Ian Johnston, de la Malaspina University-College, Nanaimo, BC. (obra en dominio público) (en inglés)

Outros artigos[editar | editar a fonte]