Viquingo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Embarcación viquinga
Viaxes viquingas

O termo viquingo polo común sinala os exploradores, navegantes, comerciantes e guerreiros normandos (literalmente "homes do Norte"), que orixinarios de Escandinavia, atacarían as costas das Illas Británicas, Francia, a Península Ibérica e outras partes de Europa, chegando tan lonxe como ata o río Volga, en Rusia, entre o século VIII e o século XI. O período da historia europea, datada polo xeral entre 793 e 1066, é con frecuencia denominada a Era dos viquingos. O termo é usado, tamén, para designar as poboacións de Escandinavia na Era dos viquingos, e aínda os seus asentamentos noutras partes. Os viquingos controlaban boa parte do comercio co norte de Europa e dominaban as rutas do Báltico e do interior de Rusia ata Bizancio

Famosos polas súas habilidades mariñeiras e polos seus barcos oblongos, os viquingos fundaron en tres séculos asentamentos nas costas e ríos no continente europeo e fóra: Irlanda, Normandía, as illas Shetland, as Orkney, e as Illas Feroe, Islandia, Groenlandia, Terranova e outras ata preto de mil. A súa influencia atinxiu ao Sur ata África do Norte; e ao Leste ata Rusia e Constantinopla, onde practicaran a pillaxe, pero onde chegarán tamén como mercadores e mercenarios. Viquingos so o mando de Leif Eriksson, herdeiro de Erik o Roxo, foron os primeiros exploradores de América do Norte, con probábeis expedicións ata o actual Canadá, no século X. As viaxes viquingas foran menos frecuentes a partir da introdución do Cristianismo en Escandinavia nos séculos X e XI. Considérase que a Era dos viquingos acabou na Batalla de Stamford Bridge en 1066.

A palabra viking (viquingo) foi introducida na lingua inglesa con connotacións románticas no século XVIII. Mais os etimoloxistas datan os usos máis antigos da palabra nos escritores anglo-francos, que denominaban "víkingr" a quen vivía do saqueo e a pillaxe. Nas linguas escandinavas o termo viquingo aplícase a xente que marcha nas expedicións viquingas ben para atacar ou para comerciar.


Causas das expedicións[editar | editar a fonte]

Réplica dunha vivenda viquinga na vila de Frederikssund, Dinamarca.

Os viquingos coñeceron, verosimilmente, unha expansión demográfica a partir do século VIII, que se saldou con custosas guerras de sucesión (en especial en Dinamarca). O aumento de poboación e unha agricultura de rendementos insuficientes para atendelo, con terreos lamacentos ou moi quebrados, empurrou a noruegueses e suecos a buscar terras e vías comerciais novas.

A feudalización da sociedade nórdica levou consigo a concentración das terras de labor debido ao sistema hereditario nórdico que as daba en herdade ao primoxénito, deixando ao resto dos irmáns sen recursos propios.

As guerras sucesorias impulsaron os daneses a lanzar expedicións de conquista a fin de adquirir riquezas e prestixio. A guerra contra os pobos da Xermania, emparentados etnicamente cos escandinavos, pode tamén explicar en parte os primeiros rápidos golpes de man (strandhögg) viquingos, que tiñan por albo os edificios cristiáns, especialmente igrexas e mosteiros.

Ademais dos factores antes citados, algúns dos primeiros "strandhögg" puideron ter orixe nunha resistencia á cristianización forzada, e principalmente ás persecucións de Carlomagno contra os pobos pagáns, que debían aceptar a conversión ou a masacre (cfr. Capitular De partibus Saxoniae), o que igualmente explica a preferencia por edificios cristiáns, á parte de que estes atesouraban certas riquezas (mobiliario litúrxico).

Tipos de expedicións[editar | editar a fonte]

  • Nos primeiros tempos as expedicións máis correntes eran as que organizaban xefes ou personaxes locais coa finalidade de obter botín coa práctica da piratería.
  • Expedicións comandadas por membros da aristocracia, contaban con numerosos barcos e guerreiros.
  • Expedicións organizadas polos reis coa finalidade de conquistar territorios.
  • Expedicións comerciais
  • Expedicións colonizadoras

Orixes xeográficas e áreas de expansión[editar | editar a fonte]

Asentamentos viquingos nos séculos VIII (vermello escuro), IX (vermello claro), X (laranxa) e XI (amarelo). En verde, zonas de influencia viquinga
Pedras de Ledbergs en Östergötland, con gravados de guerreiros varegos e naves viquingas

O territorio orixinario dos viquingos influenciou fortemente o reparto das súas zonas de expansión. Os viquingos orixinarios da actual Suecia, deseguido coñecidos como varegos, expandiran os seus dominios ao Leste do Mar Báltico. Vivindo do comercio, da piratería e da pillaxe, e ofrecéndose como mercenarios, percorren a rede fluvial (especialmente do río Volga) do que será máis tarde Rusia e Ucraína. Atinxen logo o Mar Caspio, Constantinopla e aínda Bagdad. Polo ano 1040, unha expedición varega, dirixida por Ingvar chega mesmo ata Afganistán. Convidados a pacificaren a zona polas tribos eslavas e finesas, os varegos ((«Varyags», en ruso), chamados «Russ» («remeiros») polos eslavos, chegan aproximadamente a mediados do século IX desde o Báltico, conducidos por Rurik e os seus compañeiros. Despois de se instalaren nos arredores da cidade de Novgorod (quizais fundada por varegos), unha verdadeira colonización sueca (Aldeigjuborg) enraíza en torno ao Lago Ladoga. Estes viquingos suecos montan, a partir dun conxunto de fortes e postos de intercambio, o primeiro Estado ruso.

Os daneses lanzáronse de primeiras contra Xutlandia, ocupada polos francos, nunha expedición terrestre desde a súa fronteira fortificada, o Danevirke, construída polo rei Gulfridr. Os francos opuxeron unha sólida defensa militar que obrigou os viquingos a tentaren as vías de incursión polo mar. A morte de Carlomagno, en 814, marcou o inicio dun longo período de febleza do Imperio franco do que eles souberon sacar partido. Orientaron as súas conquistas e pillaxes ao longo das costas do mar do Norte e o canal da Mancha. Alcanzaron o litoral de Inglaterra e remontaron os seus cursos fluviais (Humbert e Támesis). No Norte da Alemaña, os Países Baixos e Flandres, fundaron un efémero estado na Frisia medieval. No que é a actual Francia, efectuaron unha serie de expedicións remontando o Sena, o Loira, o Garona, e outros río menores, e gañaron o nome de normandos, antes de se estabelecer na rexión que hoxe denominamos Normandía. As súas numerosas expedicións guerreiras coincidiron con guerras de sucesión en Dinamarca: é, polo tanto, moi probábel que os viquingos daneses partisen en razzias para conseguiren financiamento para as súas guerras internas e para obteren o prestixio que aureola un conquistador.

No que toca aos viquingos orixinarios das costas occidentais da actual Escandinavia, a Noruega de hoxe en día, as súas expedicións e conquistas abrangueron principalmente Escocia, Irlanda, as Illas Faroe, Islandia e Groenlandia. Conduciron as súas razias de exploración ata Vinlandia -posibelmente a actual Península de Labrador-, onde foi creado un posto avanzado, desde o cal practicaron a cabotaxe das costas americanas.

As consecuencias das súas expedicións fixéranse sentir máis aló da Europa continental, sobre as rutas comerciais que a unen con Oriente: unha moeda escandinava foi encontrada nunha tumba da India. Por contra, descubriuse un Buda de xade nunha sepultura norueguesa.

Expedicións a Galicia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Viquingos en Galicia.

Dende o ano 846 ao 1038 as costas galegas sufriron o ataque e empuxe das hordas viquingas, de maneira que houbo até enfrontamentos en catro invasións. Sobresae a invasión feita a Ramiro I, sendo a ría de Arousa e as Torres de Catoira un dos escenarios principais dos enfrontamentos.

Esmorecemento das expedicións[editar | editar a fonte]

Timoneiro viquingo con helmo cónico

Co paulatino asentamento dos viquingos e dedicación a actividades comerciais, chegaron influencias culturais do resto de Europa. A Cristiandade tivera unha temperá e crecente presenza en Escandinavia, que aumentaría. Co crecemento da autoridade central e o reforzamento das defensas costeiras nas que acostumaban depredar os viquingos, as expedicións destes fixéranse máis arriscadas e menos proveitosas. Coa aparición de monarcas, alta nobreza e un sistema cas-feudal en Escandinavia, cesaron por enteiro. No século XI os escandinavos aparecen en crónicas combatendo contra "viquingos" do Mar Báltico, o que levou, en ocasións, a que daneses e suecos participasen nas Cruzadas bálticas (circa 1180-1410), ademais de desenvolveren a formación da Liga Hanseática no século XIV.

Celebridades[editar | editar a fonte]

Un dos viquingos máis famosos e noruegués Erik o Roxo, que colonizou Groenlandia. O seu fillo Leif Eriksson tamén está na lista de viquingos famosos por supostamente chegar a América antes ca Cristovo Colón.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Viquingos

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]