Carlos Casares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Carlos Casares Mouriño")
Carlos Casares Mouriño
Carlos Casares Mouriño
Estatua de Carlos Casares en Pontevedra
Nacemento: 24 de agosto de 1941
Ourense Galicia Galicia
Falecemento: 9 de marzo de 2002
Vigo
Lingua: Galego
Xénero(s): Narrativa

Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega.

Índice

[editar] Traxectoria

Carlos Casares naceu en Ourense no ano 1941 no seo dunha familia de clase media. Con tan só tres anos trasládase a Xinzo de Limia, onde seu pai exercía a profesión de mestre. Deste xeito, vivirá no rural galego a súa primeira infancia, fortemente vencellado á lingua do país, pois, aínda sendo a súa nai español-falante, na contorna o galego era a lingua absolutamente dominante.

Fillo dunha familia con grandes vencellos relixiosos (con varios cregos e un arcebispo entre eles), Carlos Casares será enviado ao Seminario Conciliar de Ourense onde cursará Humanidades entre os cursos 1952-53 e 1956-57. Durante estes anos vivirá unha forte represión lingüística que espertará no autor un espírito inconformista, chegando a aparecer a súa primeira experiencia literaria, o xornal El averno, que difundía clandestinamente. Como consecuencia disto, Carlos abandonará o Seminario e cursará os estudos de Bacharelato por libre, o cal lle facilitará unha chea de horas de liberdade que investirá no que serán os comezos da súa creación literaria. Así, gañará un premio na capital ourensá que lle dará a posibilidade de coñecer ao intelectual galeguista Vicente Risco, e non só iso, se non que comezará a asistir á súa tertulia no “Café Parque”.

Rematados os estudos, Casares instálase en Santiago de Compostela onde comeza a carreira de Filosofía e Letras, especializándose en Filoloxía Románica, entre os anos 1961 e 1967. Na Universidade entrará en contacto con Arcadio López-Casanova, e grazas a el coñecerá a Ramón Piñeiro, vencellándose así no núcleo da cúltura galega antifranquista. Porén, non todo se reducía ao labor cultural. Carlos Casares formaría parte tamén de ADE (Asociación Democrática de Estudiantes) e FELIPE (Frente de Liberación Popular) onde, segundo o propio autor, “descubrín o marxismo, e sentíame marxista”. Nestes anos de universidade tampouco descoidará o eido literario. Así, publicará varios relatos na revista Grial no ano 1965 e, no 1967, sairá do prelo a súa primeira obra, Vento Ferido, que publicará na Colección Illa Nova de Galaxia.

Rematada a carreira, Carlos regresa a Xinzo para agardar a convocatoria de oposicións. Mentres tanto, solicita praza no Instituto de Ourense pero comeza traballar en Viana do Bolo, como profesor auxiliar no “Colegio Libre Asociado”. Unha vez alí entrará en conflito coa dirección do Centro ao realizar actividades que non gustaban ao Réxime. Deste xeito, será expulsado e, debido á intervención do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, seralle prohibido exercer a docencia en toda Galiza. Así, emigrará a Biscaia onde estará pouco tempo por causa duns problemas do Centro, alleos ao autor.

Na volta desta viaxe, coñece no tren a Kristina Berg, unha rapaza sueca que se converterá na súa muller até o fin dos seus días. Así, Carlos visitará con frecuencia Suecia, un país cunha sociedade aberta, democrática e avanzada, e alí nacerán os seus fillos, Hakan e Christian.

No 1974 convócanse oposicións, ás que Carlos se presenta e consegue praza de profesor de Lingua e Literatura Española no Instituto de Ensino Medio de Cangas do Morrazo. Pero ao pouco tempo será expedientado xunto a Méndez Ferrín, Alonso Montero e Francisco Rodríguez.

Un ano despois, Casares gañará o premio Galaxia, conmemorando o 25 aniversario da editorial, que o levará a ser recoñecido como unha das voces emerxentes máis renovadoras e significativas da narrativa galega. Isto, xunto aos estudos realizados sobre Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Curros Enríquez, levaríano a entrar na Real Academia Galega no ano 1977, sendo o membro numerario máis novo.

A pesar do seu traballo como ensaísta, Carlos Casares non esquecerá a narrativa, e seguirá publicando obras sendo moi ben acollidas polo público. Así, teremos Os escuros soños de Clío (1979); Ilustrísima (1980) e tras deixar a súa carreira parlamentar Os mortos daquel verán (1987),Deus sentado nun sillón azul (1996) e O sol do verán (2002).

[editar] Participación política

Carlos Casares participa tamén da política galega nos anos de transición e comezos da democracia. Así, será un dos 21 asinantes do manifesto Realidade Galega, que nace co obxectivo de conseguir un Estatuto Galego ao par do catalán e o vasco. Este feito porá a Carlos Casares, canda o seu compañeiro e amigo Ramón Piñeiro, en primeira liña da política galega de aquel entón. Este feito levara a ambos os dous á súa participación como independentes nas listas do PSOE e a seren membros do primeiro parlamento de Galiza no ano 1981. Nel, cómpre salientar o esforzo que ambos os dous intelectuais farían para a redacción e aprobación da Lei de Normalización Lingüística no 1983 e a creación do Consello da Cultura Galega, no mesmo ano. Mentres, a actividade política non remataba de convencer ao intelectual que, catro anos máis tarde, non se volvería presentar ás eleccións e pasaría a centrarse de novo no traballo cultural, chegando a presidir o Consello da Cultura Galega (1996-2002), e a dirixir a editorial Galaxia (1986-2002) e a revista Grial.

Xa nos anos 90 Carlos Casares dedicarase a viaxar por medio mundo participando en múltiples congresos e encontros. Así, acudirá aos Congresos mundiais do Pen Clube en Maastrich, Toronto e Compostela, no Literarisches Kolloquium en Berlín ou dará cursos de galego en cidades como Nova York.

Carlos Casares finará o 9 de marzo do 2002 de xeito repentino debido a unha crise cardíaca.


Predecesor:
Xosé Filgueira Valverde
presidente do Consello da Cultura Galega
1996 - 2002
Sucesor:
Alfonso Zulueta de Haz

[editar] Obra

[editar] Revistas

Colaborou en numerosas revistas e xornais, entre eles Grial, revista da que foi director dende 1989 a 2002, ano do seu falecemento. Carlos Casares publicou tamén en xornais coma La Región, El País e La Voz de Galicia. A este último xornal estará vencellado toda a súa vida, chegando a publicar en diferentes seccións. Así, entre o ano 1975 e 1992 publicará as Ledicia de ler, sección onde se abordarán as novidades editoriais galegas, case con periodicidade semanal. Outra das súas publicacións será A Marxe, especie de anecdotario do autor que, con periodicidade irregular durante os primeiros anos, pasaría a ser diaria dende xuño de 1992 até o mesmo día da seu falecemento.

[editar] Narrativa

Un fragmento do Nacemento de Venus de Botticelli empregouse para ilustrar a portada de Vento ferido.[1]

[editar] Ensaio

  • Manuel Curros Enríquez (1980, Galaxia).
  • Otero Pedrayo (1981, Galaxia).
  • Vicente Risco (1981, Galaxia).
  • Conversas con Ánxel Fole (1984, Galaxia).
  • Francisca Herrera Garrido (1987, Real Academia Galega).
  • Ramón Otero Pedrayo (1988, Real Academia Galega).
  • Fermín Bouza Brey (1991, Real Academia Galega).
  • Ramón Piñeiro: unha vida por Galicia (1991, Caixa Galicia. 2005, Galaxia).
  • Na marxe de cada día: follas dun diario (1994, La Voz de Galicia).
  • A vida de Ánxel Fole (1996, Galaxia).
  • Guía da provincia de Pontevedra: arte, cultura e gastronomía (1996).
  • Ramón Piñeiro (1996, Xunta de Galicia).
  • Hemingway en Galicia (1999, Galaxia).
  • Un país de palabras (1999, Galaxia).
  • Biografía de Don Juan de la Coba (2000, Galaxia).
  • A vida do padre Sarmiento (2001, Galaxia).
  • Conciencia de Galicia: Risco, Otero, Curros : tres biografías (2004, Galaxia).
  • Á marxe, 1992. Obra xornalística I (2005, Galaxia).
  • Á marxe, 1993. Obra xornalística II (2005, Galaxia).
  • Á marxe, 1994. Obra xornalística III (2006, Galaxia).
  • Á marxe, 1995. Obra xornalística IV (2006, Galaxia).
  • Á marxe, 1996. Obra xornalística V (2007, Galaxia).
  • Á marxe, 1997. Obra xornalística VI (2007, Galaxia).
  • Á marxe, 1998. Obra xornalística VII (2008, Galaxia).

[editar] Literatura infantil

[editar] Biógrafo e ensaísta

Como biógrafo e ensaísta legounos varios traballos sobre a vida e obra de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Curros Enríquez e o Padre Sarmiento; así como unha achega á presenza de Ernest Hemingway en Galicia e de Galicia na obra do escritor norteamericano, Hemingway en Galicia (1999).

O humor, a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que afectan ó mundo de hoxe constitúen as marcas máis características do seu estilo narrativo e ensaístico.

[editar] Tradutor

Traduciu O principiño (1983) do francés Antoine de Saint-Exupéry, Os escaravellos voan á tardiña (1989) da sueca Maria Gripe e O vello e o mar (1998) do norteamericano Ernest Hemingway.

[editar] Obras colectivas

  • Contos da xustiza (1991, Ir Indo).
  • Os contos da campaña (2) (1992, Xunta de Galicia).
  • O mundo desde aquí (1993, IGADI).
  • Unha liña no ceo (58 narradores galegos 1979-1996) (1996, Xerais).
  • Para ler a Vicente Risco (1997, Galaxia). Con Arturo Lezcano e Antón Risco.
  • Novos exercicios de estilo (2000, Universidade da Coruña).
  • Palabras con fondo (2001, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
  • Poetas e Narradores nas súas voces (Vol. I) (2001, Consello da Cultura Galega).
  • Galicia: nai e señora (2002, Nigra).
  • Narradio. 56 historias no ar (2003, Xerais).

[editar] Premios

  • Gañador do Concurso Nacional de Teatro Infantil O Facho en 1973, por As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.
  • Premio Galaxia no 1975.
  • Gañador do I Premio Ramón Otero Pedrayo no 1980, por Otero Pedrayo.

[editar] Notas

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas