Xuño, Porto do Son

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xuño
Igrexa de Santa Mariña de Xuño.
ConcelloPorto do Son[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas42°38′00″N 9°01′00″O / 42.63333333, -9.01666667Coordenadas: 42°38′00″N 9°01′00″O / 42.63333333, -9.01666667
Área12,5 km²
Poboación1.015 hab. (2020)
Densidade81,2 hab./km²
Entidades de poboación31[1]
editar datos en Wikidata ]

Santa Mariña de Xuño, é unha parroquia do concello de Porto do Son, na provincia da Coruña. Segundo o INE,[2] en 2020 ten 1.015 habitantes (495 homes e 520 mulleres).

Xeografía[editar | editar a fonte]

É a segunda parroquia do concello en extensión, e a terceira en número de habitantes. Administrativamente, pola súa pertenza ao concello de Porto do Son, está encadrada na comarca de Noia, máis pola súa localización, pola historia e polas relacións cos pobos veciños, debería situarse na comarca do Barbanza. Dista nove quilómetros de Ribeira e dez de Porto do Son.

A parroquia está atravesada pola estrada AC-550. Linda polo norte coa parroquia de Caamaño, polo sur coa de San Pedro de Muro, polo leste cos montes do concello da Pobra do Caramiñal e polo oeste co océano Atlántico.

O río Sieira, que atravesa a parroquia de leste a oeste, ten case 11 km de lonxitude, sendo o máis longo do concello de Porto do Son. É transitable polas beiras, e ten troitas.

Entre as praias que bañan a parroquia están a praia de Agrexús, a da desembocadura do Sieira en Caamaño ou as propias Furnas. A carón da praia da Agrexús está a lagoa de Xuño, que forma parte do parque natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, cunha gran biodiversidade vexetal e animal.

Historia[editar | editar a fonte]

Xuño foi concello de seu, que se saiba entre 1812 e 1836.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Preto das aldeas de Abelendo e Castelo está o monte Pé do Castelo, unha mole pétrea. Nas baixas terras da Coviña hai unha ponte medieval sobre o río Sieira no antigo camiño.

A igrexa parroquial, do século XII, é de estilo románico, se ben ten reformas posteriores.

Da fábrica orixinal románica só se conserva a capela maior, á que se accede por medio dun arco de medio punto dobre apoiado en semicolumnas con capiteis de motivos vexetais. A planta é de cruz latina e a nave principal está cuberta con bóveda de canón rebaixada sobre muros de carga, nos que se abriron arcos de medio punto sobre pilastras para o acceso ás capelas laterais xemelgas que se abriron nos laterais. O presbiterio cóbrese con bóveda de canón, e desde el accédese á sancristía, engadida no lateral esquerdo. No exterior ten cuberta a dúas augas na nave principal e na capela maior, e a cuberta complétase cunha cornixa sobre canzorros labrados.

A fachada principal ten un pórtico dividido en dúas alturas, engadido por diante para apoiar a espadana. Dúas columnas da porta principal sosteñen outras dúas nas que á súa vez se apoia o campanario, formado por dúas arcadas esveltas rematadas nun frontón. Entre o segundo grupo de columnas vai un rosetón abucinado e a patroa sobre unha ménsula.

As Furnas, a Nova e a Vella, constitúen unhas caprichosas formas nas rochas formadas pola acción do vento e o mar. As súas costas son propicias para a práctica do surf.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Xuño[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Xuño no concello coruñés de Porto do Son

Abelendo | A Agra | A Aradiza | Bistipoi | O Campanario | O Carballal | Carballido | O Carrapatal | O Castelo | As Cernadas | A Coviña | O Cruceiro | O Curro | O Foxo | Guiandón | Laranga | As Laxes | O Moucho | Outón | Parada | Pedras Altas | Pocilgas | Pozo Negro | Pozocho | Prado do Monte | Santa Mariña | Sieira | As Trabes | Trasdoanes | Ventoso | O Zapatal

Parroquias de Porto do Son[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Porto do Son

Baroña (San Pedro) | Caamaño (Santa María) | Goiáns (San Sadurniño) | Miñortos (San Martiño) | Nebra (Santa María) | Noal (San Vicente) | Queiruga (Santo Estevo) | Ribasieira (San Pedro) | San Pedro de Muro (San Pedro) | Xuño (Santa Mariña)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]