Cristino García Granda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cristino García Granda
Nome completoCristino García Granda
Nacemento3 de xuño de 1913
Lugar de nacementoGozón
Falecemento21 de febreiro de 1946
Lugar de falecementoMadrid
Causaferida por arma de fogo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónsindicalista e guerrilleiro
editar datos en Wikidata ]

Cristino García Granda, nado en Gozón (Asturias) o 3 de xuño de 1913 e finado en Madrid o 21 de febreiro de 1946, foi un sindicalista, militante comunista, guerrilleiro antifranquista e membro da resistencia francesa español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado en Ferrero, unha aldea da parroquia de Viodo no concello asturiano de Gozón, residiu despois en Castrillón. Mineiro, ingresou no Sindicato Mineiro de UGT e na Juventud Comunista en 1930. Na Segunda República participou na revolución de Asturias en 1934. En 1936 traballaba como fogueiro no buque Luis Adaro. Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 estaba en Sevilla. A tripulación do barco amotinouse, fíxose co mando e dirixiuó o rumbo a Xixón, na zona republicana. Durante a guerra participou en varios combates, alcanzando polos seus méritos o grao de tenente no XIV Corpo de Exército Guerrilleiro. Ao remate da guerra exiliouse en Francia, onde foi recluído nun campo de internamento. Durante a segunda guerra mundial participou na resistencia francesa á fronte da 158ª División da Agrupación de Guerrilleiros Españois, co grao de tenente coronel. Participou na liberación de presos políticos en Nimes, a toma de Foix e a Batalla de La Madeleine, e en diferentes emboscadas ás tropas alemás, sabotaxes e destrución de campos minados. Na súa última incursión, xunto con 28 compañeiros, case todos republicanos españois, aprehenderon canóns e blindados e 1.400 prisioneiros alemáns que se dirixían a París para enfrontarse ás tropas do xeneral Leclerc e a súa 2.ª División Blindada. En recoñecemento por estas accións, o Goberno francés concedeulle o grao de Heroe Nacional de Francia.

En 1944, integrouse nos guerrilleiros españois que participaron na operación Reconquista de España. Santiago Carrillo reuniuse con eles para reorganizar o PCE e ordenar o asasinato dun compañeiro de partido, Gabriel León Trilla. Cristino negouse, pero envíou a dous homes do seu equipo a facer o traballo. Na primavera de 1945, a partir da detención e fusilamiento en Madrid de José Vitini e os seus compañeiros dos "cazadores da cidade", marchou a capital para crear e organizar o Centro Xeral de Resistencia e a Agrupación Guerrilleira da Zona Centro. Logo de varios enfrontamentos e golpes contra intereses do réxime, foi detido pola policía franquista o 18 de outubro de 1945 con Manuel Castro Rodríguez e varios dos seus homes.

Xulgados en xaneiro de 1926 en consello de guerra sumarísimo, durante o xuízo declarou o 22 de xaneiro:

Sé bien lo que me espera, pero declaro con orgullo que cien vidas que tuviera las pondría al servicio de la causa de mi pueblo y de mi patria [...] El fiscal nos llama bandoleros. No lo somos. Bandoleros son quienes nos acusan, quienes martirizan y matan de hambre al pueblo. Nosotros somos la vanguardia de la lucha el pueblo por la libertad. Este juicio es una farsa en la que se nos acusa de delitos que no hemos cometido. Pero tenéis prisa por deshaceros de nosotros. No queréis que el mundo vea nuestros cuerpos martirizados. Queréis ensuciar con este juicio el glorioso movimiento guerrillero
Cristino García

Foi condenado a morte o 8 de febreiro xunto con Manuel Castro, Antonio Medina Vega, Francisco Esteve, Luis Ávila Núñez, Francisco Carranque Muñoz, Eduardo González, Gonzalo González, Joaquín Almazán e Eduardo Fuertes. A sentenza xerou un escándalo político en varios países, sobre todo en Francia, cuxo Ministro de Interior interpelou á ONU solicitando a súa liberación. Porén, Charles de Gaulle, na altura presidente da República Francesa, e simpatizante de Franco, non fixo nada para deter a execución. Foi fusilado na madrugada do 21 de febreiro de 1946 con Manuel Castro Rodríguez nas tapias do cemiterio municipal de Carabanchel Bajo, onde foi soterrado.

A Asemblea Nacional Constituínte fixo unha declaración por unanimidade, na que se afirmaba que os guerrilleiros foran fusilados polo odio á libertad que deferan en Francia, e invitaba ao Goberno francés a romper co réxime de Franco: "A Asemblea traduce a protesta da conciencia francesa ante esta nova aplicación de métodos de represión condenados polo mundo civilizado".[1]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En setembro de 1946, na localidade francesa de La Madeleine, puxeron unha lápida na súa honra coa inscrición: «Honneur a Cristino García, chef de maquis».

O 25 de outubro de 1946 en Francia, o Estado Maior da IX Rexión Militar concedeulle a título póstumo a Cruz de Guerra con estrela de prata por: «"Resistente desde a primera hora, dotado dun alto espírito de organización e de combate. Concédeselle a este xefe de elite a atribución da Cruz de Guerra con estrela de prata"».

As localidades francesas de Saint-Denis, Nimes, París, Drancy, Eaubonne, La Courneuve, Le Perreux-sur-Marne e Raismes deron o nome de Cristino García a unha das súas rúas.

Con motivo do 50 aniversario da súa morte, o 21 de febreiro de 1996, o pleno do Concello de Alcalá de Henares púxolle o seu nome a unha rúa da cidade.

En 2005 o ministro de Traballo e Asuntos Sociais de España, Jesús Caldera, inaugurou na comuna francesa de Saint-Denis no departamento de Sena-San Denis un centro social para inmigrantes que leva o seu nome.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Población, Félix (24 de xuño de 2011). "Honor a un jefe de maquis". Público (en castelán). Consultado o 21 de outubro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • [Ligazón morta], por Carlos Fernández. Historia del PCE: I. Congreso, 1920-1977, coord por Manuel Bueno, José Hinojosa, Carmen García, Vol. 2, 2007. pags. 721-736.