Marcelino Rodríguez Fernández
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de xullo de 1915 Oviedo, España |
Morte | 26 de xuño de 1946 (30 anos) Milreu, España |
Causa da morte | morte en combate, ferida por arma de fogo |
Outros nomes | Marrofer Valentín |
Actividade | |
Ocupación | guerrilleiro, mestre |
Partido político | Partido Comunista de España |
Membro de | |
Marcelino Rodríguez Fernández, coñecido como Valentín e Marrofer, nado en Los Arcos (Oviedo) o 7 de xullo de 1915 e morto en Aranga o 26 de xuño de 1946, foi un guerrilleiro antifranquista.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Mestre nacional e militante comunista. Como consecuencia da folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido e cumpriu condena na prisión de Oviedo, onde coincidiu con Marcelino Fernández Villanueva. Ao producirse a sublevación do 18 de xullo de 1936 volveu ser detido en novembro e procesado por rebelión militar. Condenado a reclusión perpetua, foi internado no cárcere da Coruña. Obtida a liberdade en xullo de 1940, instalouse en Viveiro dando clases particulares en Celeiro. Vicente Lage Fernández púxoo en contacto cos fuxidos do norte de Lugo e cando esas relacións foron descubertas, tivo que botarse ao monte polas súas actividades antifranquistas en 1942. Contactou co Grupo Neira que operaba nas comarcas de Viveiro e Ortegal, e substituíu o cenetista José Neira Fernández na xefatura. Participou en 1944 na xuntanza de Abegondo, onde se consolidou a IV Agrupación. Foi responsábel da creación dos destacamentos operativos dentro das agrupacións.
A finais de 1945 a dirección do PCE encargoulle a creación e dirección da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro que operou na zona de Ordes-Cesuras-Curtis-Betanzos e na que se atopaba o núcleo guerrilleiro de Benigno Andrade García; quedou ao mando da partida do Alto Ulla Benedicto Fuentes Díaz. Despois da caída do Comité Rexional Galego en Vigo en febreiro de 1946, Marrofer continuou as súas actividades e creou grupos guerrilleiros móbiles. Coa chegada a Galicia de Antonio Seoane xefe do Exército Guerrilleiro, Marcelino foi confirmado á fronte da IV Agrupación chamada Agrupación Pasionaria.
O 26 de xuño de 1946, mentres o destacamento Santiago Alvarez comandado por Lisardo Freixo se dirixía a Trasparga para establecer contacto cos grupos da provincia de Lugo, foi avistado o seu grupo por unha contrapartida en Milreu, no concello de Aranga. Marcelino foi executado xunto cos guerrilleiros Lisardo Freixo, Ángel Álvarez Rego e José Doldán. Agochados noutra casa da vila, os demais membros do grupo non foron localizados pola Garda Civil. Así puideron escapar Manuel Díaz Pan, Emilio Pérez Vilariño, Ramon Cousillas, Avelino Rivas Pombo, Pedro Calvete, Benigno Andrade García e José da Silva Bartolomé. Foi substituído por Manuel Ponte ao mando da IV Agrupación.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Elvira Iglesias Miranda o 20 de abril de 1934, coa que tivo dous fillos, Marcelino e Elvira.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martínez, Lupe (2007). Coa man armada. "Ejercito Guerrillero de Galicia" -IV Agrupación- 1946 - 1948. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-8341-166-7.
- Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-231-8.