Inocencio II, papa
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2017.) |
Inocencio II, papa | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | século XIxuliano |
Lugar de nacemento | Roma |
Falecemento | 24 de setembro de 1143 |
Lugar de falecemento | Roma |
Soterrado | basílica de Santa María en Trastevere |
Relixión | catolicismo |
Ocupación | sacerdote católico e escritor |
Irmáns | Pietro Papareschi |
Período | 1130 a 1143 |
Coñecido por | ser o papa n° 166 da igrexa católica |
Organización | Igrexa católica |
Cargos | Bispo de Roma |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Inocencio II, nado en Roma e finado o 24 de setembro de 1143, foi o Papa nº 166 da Igrexa católica.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Chamábase Gregorio Papareschi. Foi cardeal diácono de Sant'Angelo desde 1116, tras ser nomeado polo papa Pascual II. Acompañou ó sucesor deste, Xelasio II, ó seu exilio francés para posteriormente actuar, no pontificado de Calisto II, como legado durante as negociacións que culminaron na firma do concordato de Worms.
Ó igual que ocorrera coa elección de Honorio II, tralo falecemento deste tivo lugar unha dupla elección papal. A maioría dos cardeais, apoiados polos Pierleoni, elixiron ó cardeal Pietro Pierleoni, que adoptou o nome de Anacleto II; pero a familia Frangipani, cunha minoría de cardeais, decantouse por Gregorio Papareschi.
O antipapa Anacleto, apoiado polos normandos de Roxerio II de Sicilia e pola maior parte do pobo romano, foi coroado pontífice na Basílica de San Pedro, mentres que Inocencio II, sen sequera o apoio dos Frangipiani, só puido ser consagrado na igrexa de Santa María Nuova, para a continuación verse obrigado a fuxir de Roma e refuxiarse en Francia.
Desde o exilio, Inocencio comezou a afianzar a súa posición, logrando en primeiro lugar o apoio do rei francés Luis VI, mercede á influencia que sobre este tiñan Bernard de Claraval e o abade Suger de Saint-Denis. Celebráronse tres concilios, en Estampes, Cluny e Clermont, nos que Inocencio logrou que os bispos reunidos lle xurasen lealdade.
Posteriormente logrou o apoio do rei alemán Lotario II nun sínodo celebrado en Würz, e o do rei inglés Henrique I e o de Castela, Afonso VII nun sínodo celebrado en Reims.
Con estes poderosos aliados, Inocencio puido regresar a Roma en 1133, onde coroou emperador a Lotario na Basilica de San Xoán de Letrán por encontrarse a Basílica de San Pedro en mans dos partidarios do antipapa Anacleto. Trala coroación, Lotario volveu a Alemaña, o que obrigou a Inocencio a abandonar novamente Roma, que seguía dominada por Anacleto, para refuxiarse en Pisa, onde celebrou un sínodo no que excomungou ó seu rival e onde permaneceu ata que Lotario volveu a Italia en 1137 e o conduciu novamente a Roma, aínda que esta seguía dominada polo antipapa co apoio normando.
O emperador dirixiuse entón contra os normandos, pero faleceu durante a campaña militar, provocando unha incómoda situación en Roma, onde volvían convivir os dous papas. O conflito solucionouse en 1138 ó falecer Anacleto II. Malia que foi sucedido por outro antipapa, Víctor IV, que renunciou dous meses despois.
O cisma finalizara, e para refrendalo, Inocencio II convocou en 1139 o Segundo Concilio Lateranense, onde coa participación de máis de mil asistentes, declaráronse nulos os decretos de Anacleto II e depuxéronse os bispos ordenados por el. O sínodo pechouse coa excomuñón de Roxerio II por apoiar ó antipapa Víctor IV.
A última etapa do seu pontificado viuse inmersa na sublevación do Senado romano que, instigado por Arnaldo de Brescia, promovía a transformación de Roma nun estado republicano independente da autoridade dos papas e que azotaría Italia durante as seguintes décadas.
![]() |
Este artigo sobre Papas é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |