Gran Vía de Montero Ríos (Pontevedra)
Gran Vía de Montero Ríos | |
---|---|
Gran Vía de Montero Ríos no centro de Pontevedra | |
Tipoloxía | avenida |
Dimensións | |
Lonxitude | 0,31 km |
Formato | peonil |
Localización | |
Inicio | Praza de España, Rúa Marqués de Riestra |
Fin | Avenida Raíña Vitoria Uxía |
A Gran Vía de Montero Ríos é unha avenida de Pontevedra situada no centro da cidade, no barrio burgués do século XIX. É unha das avenidas máis emblemáticas de Pontevedra.
Orixe do nome
[editar | editar a fonte]A avenida denominouse Gran Vía por ser a avenida máis ampla da cidade cando foi creada. Despois da súa morte en 1914, a avenida dedicouse a Eugenio Montero Ríos, pola súa grande actividade política en prol de Pontevedra.
Historia
[editar | editar a fonte]A Gran Vía de Montero Ríos, denominada na súa orixe simplemente Gran Vía, trazouse na década de 1870 para enlazar a Alameda de Pontevedra cos terreos do antigo Campo da Feira.[1] A urbanización da Gran Vía incluíuse no proxecto que en 1880 o concello encargou ao arquitecto Alejandro Sesmero para a planificación e acondicionamento da Alameda.
En 1884 a Deputación Provincial de Pontevedra comprou ao Concello de Pontevedra os terreos onde se sitúa o pazo da Deputación de Pontevedra. O pazo foi deseñado por Alejandro Sesmero e o seu pai Domingo Sesmero. As obras comezaron o 1 de marzo de 1884 e prolongáronse ata o 8 de novembro de 1890.[1]
Tamén na década de 1880 o concello de Pontevedra comprou á familia Munaiz a leira situada máis ao oeste da Gran Vía, un soar aínda baleiro, para construír un edificio para a nova Escola de Artes e Oficios. O edificio foi deseñado polo arquitecto Arturo Calvo Tomelén, que asumiu o proxecto a partir de 1895. O edificio foi inaugurado en 1901.[1]
En 1905 empezou a construírse á beira das ruínas do convento de San Domingos o novo edificio para o instituto provincial de segundo ensino de Pontevedra.[2] As obras do edificio, proxecto dos arquitectos Joaquín Rojí López-Calvo e José Lorite Kramer, terminaron a principios de 1926, tardando máis do previsto debido á crise económica. O instituto foi inaugurado o 27 de setembro de 1927 polo rei Afonso XIII durante unha visita a Pontevedra.[3][4]
En agosto de 1941 o concello de Pontevedra cedeu ao goberno franquista un terreo ao final da Gran Vía para construír un monumento aos caídos pola patria. Construíuse unha gran cruz, ao estilo doutras que se erixiron na mesma época por toda España.[5]
En xullo de 1984 concluíron os estudos para a construción do primeiro aparcadoiro subterráneo da cidade debaixo da Gran Vía de Montero Ríos cunha capacidade de 376 vehículos.[6] O 23 de marzo de 1985 procedeuse a levantar a antiga cruz dos caídos para executar as obras do aparcadoiro.[7] O aparcadoiro inaugurouse o 12 de decembro de 1985[8] e a avenida converteuse na segunda vía peonil da cidade despois da rúa da Oliva.
O 12 de agosto de 1986 inaugurouse ao final da Gran Vía de Montero Ríos o Monumento ao Soldado, impulsado polo alcalde José Rivas Fontán.[9][10] A corporación municipal de Pontevedra optou por manter a cruz dos anos 40 completándoa cun conxunto escultórico para converter a homenaxe aos caídos en Monumento ao Soldado.[5]
En 1996 a avenida foi rebautizada como Gran Vía de Montero Ríos, recuperando a tradicional denominación de Gran Vía.[11]
En 2001 realizáronse obras no aparcadoiro subterráneo e repavimentouse por completo a Gran Vía de Montero Ríos cun novo pavimento. A reforma foi inaugurada o 28 de xuño de 2001.[12]
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha avenida chaira no centro da cidade cun trazado de 315 metros en liña recta. Ten unha anchura media de 24 metros.
É unha avenida peonil empedrada na zona de expansión burguesa da cidade no século XIX, que remata no monumento ao soldado.[9] Nela están situados moitos dos edificios institucionais máis importantes da cidade como o pazo da Deputación de Pontevedra, o edificio da antiga Escola Normal de Pontevedra e da Escola de Artes e Oficios, o instituto provincial de segunda ensinanza e as ruínas de San Domingos.
A Gran Vía de Montero Ríos ten o seu inicio ao leste na confluencia da praza de España coa rúa Marqués de Riestra e termina ao oeste salvando con escaleiras e ramplas un desnivel cara á avenida Raíña Vitoria Uxía. Está flanqueada lonxitudinalmente no seu lado norte pola Alameda de Pontevedra e ten debaixo un aparcadoiro subterráneo.[12]
Ao final da Gran Vía de Montero Ríos, no seu lado oeste, sitúase o Monumento ao Soldado, obra do escultor Alfonso Vilar Lamelas. Trátase dun grupo escultórico que pesa 60 toneladas composto por unha cruz e un conxunto de esculturas cunhas dimensións no seu conxunto de 16 metros de alto, 8,20 de ancho e 3,40 de fondo. As dimensións dos grupos de esculturas son de 3,45 metros de alto por 2,10 de ancho e 1,05 de fondo. A cruz está forrada de pedra e está dotada dunha estrutura metálica e de formigón. Baixo a cruz atópase un conxunto escultórico de granito que representa a un soldado ferido, axudado por dous compañeiros, todos eles de pé. A ambos os dous lados da cruz atópanse outros dous grupos escultóricos que representan o mesmo tema, pero con soldados moribundos auxiliados por outros soldados que se inclinan para suxeitalos en brazos.[9] O monumento está precedido dunha escalinata e rodeado por unha varanda con balaustrada.
Edificios destacados
[editar | editar a fonte]O pazo da Deputación de Pontevedra, situado na metade da Gran Vía de Montero Ríos, pertence ao estilo ecléctico con elementos e conceptos inspirados na arquitectura francesa. É de pedra, ten planta cadrada e dous pisos. A fachada está organizada de forma simétrica, cun corpo central e outros dous corpos laterais lixeiramente adiantados con perpiaños con almofadado. Unha grande escaleira conduce á entrada principal, inspirada nun arco de triunfo, con arcos de medio punto enmarcados por columnas estriadas con capiteis xónicos.[13]
O edificio da antiga Escola de Artes e Oficios e da Escola Normal de Pontevedra é un edificio de estilo ecléctico cunha planta cadrada e con tres plantas e un semisoto. Inicialmente o edificio contaba con dúas plantas e un piso recuado que logo se converteu nun terceiro piso completo. A fachada ten o tradicional esquema bicolor de finos ladrillos avermellados e rosados e granito, incluídos os detalles decorativos de pedra ao redor das ventás e as pilastras. Está rodeado por un zócolo de granito.[1]
O edificio do instituto Valle-Inclán é un exemplo sobrio e elegante dos estilos ecléctico e Art Nouveau. Ten un soto, unha planta baixa e dous pisos superiores. Destaca a decoración de almofadado das fachadas e das portas e das xanelas art Nouveau, así como a decoración dos linteis das fiestras e dos lucernarios da parte central do tellado. A decoración da fachada componse principalmente de motivos xeométricos sobre as xanelas e portas e de motivos florais e pequenos círculos. Presenta no corpo central da fachada principal de entrada unha decoración modernista: unha gran ventá con lintel curvo e un ritmo xeométrico secesionista. Ten unha torre na que residían os directores do instituto durante os primeiros anos da súa existencia.[14]
As ruínas de Santo Domingo son os restos dun convento gótico do século XIV. Na actualidade forman xunto a outros cinco edificios o Museo Provincial de Pontevedra e foron declaradas Ben de Interese Cultural en 1895. Só consérvase a cabeceira, con cinco capelas absidais correspondentes ao brazo transversal do cruceiro, que constitúen o exemplo do gótico máis puro en Galicia.[15][16] [17]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Exposición na Gran Vía en 2012
-
A Gran Vía de Montero Ríos á noite
-
A Gran Vía entre lusco e fusco
-
Monumento ao Soldado de Alfonso Vilar Lamelas (1986)
-
Vista xeral da Gran Vía
-
Pantalla turística da cidade
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Ladrillo de lujo". Faro (en castelán). 10 de febreiro de 2011.
- ↑ "Realizado el replanteo sobre el solar del instituto para iniciar las obras". El Diario de Pontevedra (en castelán). 4 de maio de 1905.
- ↑ "Cuando el Instituto se instaló en la Alameda". Faro (en castelán). 27 de setembro de 2015.
- ↑ "1927: Alfonso XIII y Victoria Eugenia en Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de setembro de 2020.
- ↑ 5,0 5,1 "¿«Os tempos son chegados» para la cruz de la Alameda?". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de novembro de 2016.
- ↑ "Concluidos los estudios del párking de Montero Ríos". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de xullo de 2018.
- ↑ "Las obras del párking obligan a retirar la Cruz de los Caídos". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de marzo de 2018.
- ↑ "Pontevedra inaugura su primer párking subterráneo". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de decembro de 2017.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 "Un monumento polémico con dos décadas de vida". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de novembro de 2017.
- ↑ "Medalla de oro de la ciudad para las Fuerzas Armadas". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de abril de 2017.
- ↑ "El día que murió Montero Ríos". Faro (en castelán). 15 de maio de 2014.
- ↑ 12,0 12,1 "La cruz del soldado impide completar el arreglo de párking de la Alameda". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de xuño de 2001.
- ↑ "El Palacio Provincial de la Diputación, por dentro". Faro (en castelán). 28 de novembro de 2016.
- ↑ ""Mi madre sufrió aquí en silencio tanto o más que mi padre en el exilio"". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de abril de 2009.
- ↑ Fontoira Surís 2009, p. 130.
- ↑ Aganzo 2010, p. 72.
- ↑ Riveiro Tobío 2008, p. 29.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gran Vía de Montero Ríos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 72-73. ISBN 978-8403509344.
- Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 130-131. ISBN 9788484573272.
- Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 29-30. ISBN 9788482890852.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Praza de España
- Alameda de Pontevedra
- Pazo da Deputación de Pontevedra
- Edificio da Escola Normal de Pontevedra
- Instituto Valle-Inclán
- Ensanche de Pontevedra-Centro cidade