Louredo, Cortegada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Louredo
O río Miño desde Louredo, Cortegada.jpg
O río Miño dende Louredo.
ConcelloCortegada
Poboación121 hab. (2011)
Entidades de poboación1

San Xoán de Louredo, (do latín lauretum, de laurum máis o sufixo abundancia etum, 'lugar onde hai loureiro'; fitotopónimo) é unha parroquia do concello de Cortegada, situada na provincia de Ourense, na comarca do Ribeiro, a 345 metros sobor o nivel do mar. No ano 2007 tiña 123 habitantes, dos cales 60 eran homes e 63 eran mulleres, cunha maioría deles con idades superiores a 50 anos (pirámide poboacional invertida). En 2011 tiña 121 habitantes.

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Nesta parte do concello estableceuse un límite que introduce granito calcoalcalino cambiotita, de gran groso ou medio e sobre o que se forman tors ou bólas, algunhas dela partidas e outras con gnammas (monte da Chairalonga, Menora e Castro). Trátase dun relevo moi degradado con vertentes abruptas e moi erosionadas que caen cara aos ríos Miño e Arnoia respectivamente, en ambas saídas fórmanse corgas de caudal relativo conforme á época do ano, que caen cara aos ríos Miño e Arnoia respectivamente.

Pola parte Sur hai terras arxilosas e ningún penedo, sendo percorrido todo por un cordal desde o alto da Sardiñeira ata o cruzamento da Buratiña. Estes altos baixan coas súas saias ata terras de transición entre o Cadaval, Chan da Pereira e soben cara a Zaparín.

Historia[editar | editar a fonte]

Prehistoria[editar | editar a fonte]

Consérvanse preto dos lindes cos montes comunais de Meréns e Rabiño no Coto do Corvo, sobre o vello camiño Rabiño-Louredo, unha rocha con petróglifos en forma de ferraduras e mais outra rocha preto da aldea(no lugar do Campo) con petróglifos en forma de cazoletas sobre o camiño as ardades.

Historia[editar | editar a fonte]

Existen indicios da existencia dunha vía romana non oficial (tal vez a vía XV que ía cara a Castromao, Celanova) que comunicaría o val do río Arnoia con Zaparín (en ambas localidades atopáronse aras romanas, en Arnoia unha a Xúpiter e o Sol e en Zaparín unha a Ceceaigis).

Suponse que o lugar foi habitado na alta idade Media por colonos do mosteiro de Celanova. Logo o lugar sería subforado ó liñaxe dos Puga, xunto con Meréns e Poulo, aínda que se apunta a que un dos membros desa familia aristocrática arrapañou con eses territorios aló polo século XV e logo ficaría para sempre en mans deles ata ben entrado o século XX.

O pazo de Louredo, pertencente ós Puga é do século XVI, e pertenceu ós Puga como casa de Meréns-Louredo (non confundir coa casa da Torre de Louredo, que é en Toén) que logo os labregos irianlle mercando (do cal se conserva o topónimo Tabolado, = dividir en pequenas partes) no nordeste da aldea. Consérvase unha capela no lugar de Louredo, así como un cruceiro do XVIII no lugar da Torre, outro de mellor factura artesanal no lugar do Pireiro e un peto de ánimas en Louredo, cerca de onde se atopan os restos da escola Pía doada por un Indiano a finais do XIX.

No lugar de Refoxón (foxo=buraco ou fochanca) pasa o camiño vello que unía a aldea co lugar de Remuíño (A Arnoia), por onde pasou Frei Martín Sarmiento[1] no século XVIII na súa viaxe ó priorato de Refoxos. Este camiño foi sempre usado polos labregos para levar o centeo e millo a moer nos muíños do Inquiau (concello de Arnoia), ata que na década de 1970 un veciño instalou un muíño eléctrico e lles aforrou a viaxe. Ese camiño seguía cara á Buratiña (coviña) onde se cruzaba co camiño provinte de Seixomil e Sáa, tras da montaña do Coto da Forca.

Durante a guerra de Independencia (1808-1814) o seu límite co río Arnoia na corga dos Confurcos formou parte da zona por onde pasou o xeneral Loison tentando varrer a oposición dos guerrilleiros no seu camiño cara a Allariz, así como lugar de paso de varias partidas carlistas a finais do século XIX, como a de Mateo Guillade (morto en Escudeiros, Ramirás).

Na década de 1990 comunicouse Louredo coa estrada nacional (tramo da Tella e Cadaval), mentres a xente abandona as actividades agropecuarias pouco a pouco.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

  • Pazo de Louredo: Construción civil nobiliaria dun só andel de planta escadrada, cun patio pechado por unha porta principal de arco de medio punto, no cal as xambas exteriores están enfeitadas con cadanseu escudo da familia dos Puga e unha cruz patada sobre peana sobre o lintel decorado este cunha moldura.
  • Igrexa parroquial: de 1906 construída por Daniel Vázquez Gulías. No seu interior atópase unha talla de Xesuscristo con brazos móbiles e unha talla románica da Virxe en pedra.
  • Cruceiro do Pireiro: Cruceiro de pedra con escena da crucifixión, coa figura da Virxe e san Xoán a seus pés, moi deteriorado e solto en partes no muro dunha viña, anteriormente atopábase no cruzamento da Alfarrapa coa Telleirta (Soutelo) ata que foi destruído parcialmente nun contronazo cuns bois dun carro, as pezas permaneceron caídas no chan varios anos ata que o dono da viña do Pireiro as rescatou a colocou na súa situación actual.
  • Peto de ánimas: Altar de camiño, hoxe no lugar de Louredo (anteriormente na praza do Cazapedo xunto a un cruceiro do XVIII, contén un relevo en pedra dos condenados nas chamas e sobre eles a Virxe un anxo e un frade franciscano. Anteriormente tiña dous pináculos barrocos na parte superior.
  • Capela de Louredo: Capela de arredores do s. XVI-XVIII, de planta rectangular cunha soa nave e tellado a dúas augas, na fachada topábase un minicampanario (hoxe apartado na parte de atrás da capela), ten unha soa porta con dúas fiestras a ambos lados e unha moldura que percorre os flancos, dentro no altar hai un oco en forma de medio arco iluminado por dúas fiestras abucinadas a ambos lados, no chan aínda se atopan as lousas antigas de sepultura cos buratos no medio, os vellos do lugar aínda lembran quen foi o último en soterrarse alí.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Louredo[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Louredo no concello de Cortegada (Ourense)

Louredo

Parroquias de Cortegada[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Cortegada

Cortegada (Santa María) | Louredo (San Xoán) | Meréns (San Cibrán) | Rabiño (San Bieito) | Refoxos (San Breixo) | Valongo (San Martiño) | Zaparín (San Martiño)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Fr. Martín Sarmiento "viaje a Galicia"

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]