Saltar ao contido

Carballeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carballeira de Barcia, Lalín.

Unha carballeira ou carballal é un lugar poboado de carballos (especies do xénero ‘’Quercus sp.’’).

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Carballeira, formación de carballos, é un termo de orixe incerta, celta, ou máis probábel preindoeuropea, da raíz ‘’kar-‘’ (rocha, pedra, duro)..

En inglés chámase oak groves, oak woods ou oakland. En francés chênaie; en portugués: carvalhal. En castelán chámase ‘’robledal’’, aínda que se acepta o galeguismo carvallar para designar as formacións onde domina o Quercus robur ou carballo común.

Características

[editar | editar a fonte]

Unha carballeira pode ser un bosque natural onde o carballo é a árbore dominante (en Galicia a especie principal sería o carballo común); ou un arboredo de carballos de orixe antrópica para favorecer o crecemento desta especie en detrimento doutras especies que son reducidas a anecdóticas, ben co obxectivo de produción madeireira, ou simplemente para actividades comerciais ou de lecer: dar sombra no verán (típico nos campos da feira de Galicia), fins ornamentais e paisaxísticos. Moitos destes arboredos adoitan estar plantados en marcos de plantación e carecen de matogueira, estando o chan só cuberto por unha tona de follas secas e algunha herba. A madeira de carballo é moi apreciada; foi o principal combustíbel de Galicia, e segue a ser importante no rural polo que as árbores adoitaban derramarse no outono. Outro exemplo de arboredo artificial para aproveitamento de madeira e froito sería o souto de castiñeiros.

A diferenza cunha fraga é que a carballeira é monoespecífica ou o carballo predomina claramente sobre outras especies arbóreas. Ademais a fraga ten un grao de naturalidade maior, é dicir, achégase máis a un bosque virxe, bosque clímax ou primario. Moitas fragas rematan sendo carballeiras cando perden biodiversidade, con todo, é unha formación de alto valor ecolóxico.

Constitúe o principal representante da vexetación autóctona de Galicia. Ocupaba na antigüidade, xunta as fragas e soutos, unha grande extensión, especialmente as chairas e partes baixas, xa que as matogueiras e uceiras ocupaban montes e outeiros. A acción do home para ampliar zonas agrícolas e pastos, e posteriormente os cortes masivos principalmente para a construción naval na idade moderna cando o Reino de Galicia entra a formar parte da Coroa de Castela, déixaos case relegados ás zonas pouco aptas para o cultivo agrícola e máis inaccesíbeis.

No século XIX comezan as reforestacións con especies foráneas, principalmente piñeiros, que se intensifican ao longo do século XX, especialmente durante o franquismo cos programas de repoboación. As carballeiras vanse substituíndo, especialmente na faixa costeira, por piñeirais e eucaliptais, ficando hoxe en pequenas manchas, sebes ou nas ribeiras. A mala ordenación do territorio, o aumento de poboación na costa, os incendios forestais, a actual Lei de Montes e a falta de concienciación social non favorecen a recuperación deste ecosistema.

Nas zonas rurais do interior (Lugo e Ourense) atopamos aínda boas carballeiras. Os lumes e especies alóctonas como a mimosa son os principais inimigos, con todo a superficie de carballeira aumentou nos últimos anos, en parte polo abandono de terreo agrícola causado polo despoboamento.

Atopamos carballeiras semellantes ás galegas en toda a Europa atlántica, dende o sur de Escandinavia até Portugal. Tamén atopamos carballeiras na Europa continental, Alemaña, Polonia até Rusia. Noutras zonas do mundo (Norteamérica, Nova Zelandia etc.) as carballeiras están formadas por outras especies de carballos.

A carballeira plantada polo ser humano non pode considerarse un bosque, senón un simple arboredo monoespecífico de carballo común, por tanto carece de toda complexidade ecolóxica. Aínda así, por ser o carballo unha especie autóctona, ten asociada unha gran variedade de insectos, aves e mamíferos, de aí a súa importancia ecolóxica.

No caso das carballeiras bravas, aínda que na maioría das veces estean bastante afastadas da complexidade dun bosque primario, evolucionado ou fraga, adoitan distinguirse por comportar un ecosistema de considerábel biodiversidade. A árbore dominante é un Quercus (carballo), na meirande parte dos casos o carballo común. Outra árbore dominante é o castiñeiro, moi ben adaptada, crese que foi introducida polos romanos. Adoita roubarlle terreo ao carballo grazas a medrar máis rapidamente e prover froitos de consumo humano. O bidueiro é outra especie maioritaria nas carballeiras, especialmente no norte de Galicia, e ocupa dous tipos de espazos: áreas tradicionais de bosque de ribeira, e zonas marxinais onde os carballos foron perdendo distribución, e onde medran rapidamente. Nun estrato arbustivo atopamos moitas veces o acivro, o estripeiro, a pereira brava, a cerdeira brava e o abruñeiro. Árbores menos comúns son o teixo, especie que, pola acción do home, é xa moi rara Galicia, agás nas montañas orientais; e a maceira brava, xa moi pouco común.

Nas carballeiras altas do interior, de máis de 700 m. coma no Courel ou nos Ancares, atopamos o capudre, o carballo albar e a faia, no estrato arbustivo tamén atopamos arandeiras, ademais de silvas, fentos etc.

Nas zonas termófilas (sur e sueste de Galicia), onde acostuma dominar a sobreira, atopamos carballo cerquiño, érbedo, incluso aciñeiras nas zonas de maior influencia mediterránea.

Nas ribeiras a árbore dominante é o amieiro (tamén chamado ameneiro), que soporta ben as situacións de asolagamento, xa que suxeitan as marxes das canles impedindo o seu arrastre polas cheas. Tamén son comúns os salgueiros, o freixo, o freixo de folla estreita e o pradairo. Nalgúns casos atopamos umeiros ou lamigueiros, como nas Fragas do Eume. Formando un segundo estrato atopamos a abeleira, principalmente nas proximidades dos cursos de auga; o loureiro (especie mediterránea que adoita abundar nos ríos galegos), e o sabugueiro.

As especies foráneas ou alóctonas tamén forman hoxe parte das carballeiras. A robinia (Robinia pseudoacacia L.), caducifolia e invasora de orixe norteamericana, convive ben coas outras especies de folla ancha. O eucalipto (Eucalyptus globulus); tamén adoita aparecer nas carballeiras, igualmente a acacia negra (Acacia melanoxylon) e o piñeiro bravo (Pinus pinaster). Máis recentemente é acomún a árbore do ceo (Ailanthus altissima), de orixe chinesa, invasiva e moi resistente. Ademais danse gran cantidade de herbas, liques, fungos, musgos e fentos,

Etnoloxía

[editar | editar a fonte]

Para máis información ver artigo carballo común.

As carballeiras, ao igual que as fragas son o escenario de milleiros de contos, e lendas galegos. Carballos sagrados, mouros, lobishomes, trasnos, fadas, espíritos e a Santa Compaña aparecen e moran nestes bosques.

A novela El Bosque Animado de Wenceslao Fernández Flórez, transcorre na carballeira de Cecebre. Ten unha adaptación ao cinema dirixida por José Luis Cuerda nos anos 80 (El bosque animado) e unha de animación no ano 2001 (O bosque animado).

O termo Carballeira é un topónimo moi común na xeografía galega, e é ademais un apelido.

Carballeiras galegas de sona

[editar | editar a fonte]

Carballeiras senlleiras de Galiza

[editar | editar a fonte]

As seguintes formacións de carballos figuran no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, na categoría de Formacións senlleiras:

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]