Tamerlán
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 9 de abril de 1336 Shahrisabz (Canato de Chagatai) |
| Morte | 19 de febreiro de 1405 Otrar (Imperio Timúrida) |
| Lugar de sepultura | Gur-e Amir |
| Emir | |
| 9 de abril de 1370 – 14 de febreiro de 1405 – Khalil Sultan (en) | |
| Datos persoais | |
| Relixión | Sunnismo |
| Altura | 1,72 m |
| Actividade | |
| Ocupación | guerreiro |
| Período | Imperio Timúrida |
| Carreira militar | |
| Lealdade | Mirza e Gran Khan |
| Rango militar | Baig (en) mirza Gran Khan |
| Participou en | |
| Timur's Counter Siege (en) |
|
| Outro | |
| Título | Bey Mirza Emir |
| Familia | Dinastia Timúrida (pt) |
| Cónxuxe | Sarai Mulque Canum Chelpanov-Mulk Aga Uljay-Turkan aga Dilshad aga |
| Fillos | Jahanshah Mirza ( Umar Shaikh ( Jahangir Mirza ibn Timur ( Aka Begi ( Miran Shah ( Sha Ruj Mirza ( |
| Pais | Taragaï |
| Descrito pola fonte | Obálky knih, Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Tamerlán (adaptación occidental de Timur Lang), nado preto de Kesh (actual Uzbekistán) o 9 de abril de 1336 e finado en Otrar o 18 de febreiro de 1405, foi un conquistador, caudillo militar e político turcomongol,[1]o último dos grandes conquistadores nómades da Asia Central. Tamerlán fundou o Imperio timúrida, que baixo o seu mandato alcanzou a súa máxima extensión, abarcando aproximadamente os actuais Afganistán, Irán, Iraq, Cáucaso, parte de Turquía e Asia Central. Comandante invicto, considéraselle un dos maiores líderes militares e tácticos da historia, así como un temíbel xefe guerreiro, que construíu un inmenso Imperio, que alicerzaba na forza e no terror.[2][3][4]
En pouco máis de dúas décadas, este nobre musulmán de orixe turcomongol conquistou oito millóns de quilómetros cadrados de Eurasia.[5] Entre 1382 e 1405, os seus grandes exércitos cruzaron o continente eurasiático desde Delhi até Moscova, desde a cordilleira Tian Shan da Asia Central até os montes Tauros de Anatolia, conquistando, reconquistando, arrasando algunhas cidades e perdoando a outras; as campañas de Tamerlán en Anatolia puxeron en perigo a existencia dos otománs. A fama de Tamerlán estendeuse por Europa, onde foi durante séculos unha figura novelesca e terrorífica. Para algúns pobos, afectados máis directamente polas súas conquistas, a súa memoria, sete séculos despois, permanece aínda fresca, ben como destrutor de cidades do Oriente Medio, ben como o último gran líder do poder nómade.
Foi emir de Transoxiana. Tamerlán tamén está considerado un gran mecenas da arte e a arquitectura, xa que se relacionou con intelectuais como Ibn Khaldún, Hafez ou Hafiz-i Abru, e o seu reinado introduciu o renacemento timúrida.[2]:341–342 Tamén se mostrou, porén, como un protector das letras e das artes que farían a grandeza da súa capital Samarcanda.
Tamerlán fíxose co control do kanato occidental de Chagatai para 1370. Desde esa base, liderou campañas militares polo Asia occidental, meridional e central, o Cáucaso e o sur de Rusia, derrotando no proceso aos khans da Horda de Ouro, os mamelucos de Exipto e Siria, o emerxente imperio otomán e o tardío sultanato de Delhi na India, e converténdose no gobernante máis poderoso do mundo islámico.[6] O seu Imperio no momento de máximo apoxeo comprendía desde o Sueste de Turquía ata cerca de Kashgar, na China, incluíndo países actuais como Siria, Iraq, Kuwait, Irán, ata Asia Central, abranguendo Kazakhstán, Afganistán, Rusia, Turkmenistán, Uzbekistán, Kirguizistán, Paquistán, e a India.
A partir destas conquistas, fundou o Imperio timúrida, pero este imperio logo da súa morte, gobernado polos seus descendentes (os Timúridas), foi tragado polas potencias veciñas ata o asalto final dos uzbekos da dinastía dos Chaybanides.[7]
Tamerlán foi o último dos grandes conquistadores nómades da estepa euroasiática, e o seu imperio sentou as bases para o xurdimento dos imperios islámicos da pólvora (é dicir, os imperios otomán, safávida e mogol), máis estruturados e duradeiros, nos séculos XVI e XVII.[8][9][10] Tamerlán era descendente tanto de turcos como de mongois e, aínda que non era probablemente descendente directo de ningún deles, compartía un antepasado común con Xenxis Khan por parte de pai,[11][12][13], do que se consideraba o seu fillo espiritual, aínda que algúns autores suxeriron que a súa nai podería ser descendente do khan. Estaba claro que pretendía invocar o legado das conquistas de Xenxis Khan durante a súa vida.[14] Tamerlán visualizaba a restauración do Imperio mongol e, segundo o sociólogo francés Gérard Chaliand, considerábase herdeiro de Xenxis Khan.[15]
Segundo Beatrice Forbes Manz, Tamerlán, «na súa correspondencia formal, continuou durante toda a súa vida presentándose como o restaurador dos dereitos chingisidas». Xustificaba as súas campañas iranianas, mamelucas e otomás como unha reimposición do control lexítimo dos mongoles sobre as terras tomadas por usurpadores".[16] Para lexitimar as súas conquistas, Tamerlán baseouse nos símbolos e a linguaxe islámicos e referíase a si mesmo como a «espada do islam». Foi un mecenas de institucións educativas e relixiosas. Converteu a case todos os líderes do Borjigin ao islam durante a súa vida. Tamerlán derrotou decisivamente aos Cabaleiros Hospitalarios cristiáns no sitio de Esmirna, chamándose a si mesmo un ghazi.[17] Ao final do seu reinado, Tamerlán lograra o dominio completo sobre todos os remanentes do Khanato de Chagatai, o Ilkanato e a Horda Dourada, e mesmo tentou restaurar a dinastía Yuan na China.
Os exércitos de Tamerlán eran multiétnicos e temidos en Asia, África e Europa,[18] partes considerables das cales as súas campañas arrasaron.[19] Os estudosos estiman que as súas campañas militares causaron a morte de 17 millóns de persoas, o que representaba aproximadamente o 5 % da poboación mundial nese momento.[20][21] As diversas estimacións inclúen o sete,[22] dez,[23] doce,[24] quince,[25] dezasete[26][27][28][29] e vinte millóns de vítimas,[30] pero definitivamente máis dun millón.[31] De todas as rexións que conquistou, Corasmia foi a que máis sufriu coas súas expedicións, xa que se levantou varias veces contra el.[32]
O demógrafo Colin McEvedy estimou a poboación dos territorios baixo dominio timúrida: 3,5 millóns en Irán,[33] 1 en Iraq,[34] 1,25 no Cáucaso,[35] 1,75 en Afganistán[36] e 3 no Turquestán (Asia Central).[37] Respecto dos seus dominios no subcontinente indio, McEvedy estimaba que o subcontinente tiña uns 91 millóns de habitantes no século XIV[38] dos que dous terzos vivían na chaira indoganxética.[39] Se Tamerlán controlaba directa e indirectamente a metade da chaira, pódese calcular nuns trinta millóns de habitantes.[40]
Tamerlán foi o avó do sultán timúrida, astrónomo e matemático Ulugh Beg, que gobernou o Asia Central desde 1411 até 1449, e o tatarabuelo de Babur (1483-1530), fundador do imperio mogol, que entón dominaba case todo o subcontinente indio.[41][42]
Nome
[editar | editar a fonte]O seu nome Timur, significa "ferro" en turco-mongol (cf. mongol tömör e turco demir), e evoca o de Xenxis Khan, Temüdjin. Chamábaselle tamén Amir Timur (Emir de ferro). A segunda parte Lang quere dicir "coxo": «Timur o coxo» e procede do persa langidan [l a ŋ i d a n] - coxear.[43][44]
Ascendencia
[editar | editar a fonte]
A través do seu pai, Timur afirmaba ser descendente de Tumbinai Khan, un antepasado por liña paterna que compartía con Xenxis Khan.[13] O bisnieto de Tumanay, Qarachar Noyan, foi ministro do emperador e máis tarde axudou ao fillo deste, Chagatai, no goberno de Transoxiana.[45][46] Aínda que non hai moitas mencións a Qarachar nos rexistros dos séculos XIII e XIV, fontes timúridas posteriores salientaron enormemente o seu papel na historia temperá do imperio mongol.[47][48] Estas historias tamén afirman que Xenxis Khan estableceu máis tarde o "vínculo de paternidade e filiación" ao casar á filla de Chagatai con Qarachar.[49] A través do seu suposto descendente deste matrimonio, Timur reclamou parentesco cos Chagatai Khans.[50]
As orixes da nai de Timur, Tekina Khatun, son menos claros. O Zafarnama só menciona o seu nome sen dar ningunha información sobre as súas orixes. Nun escrito de 1403, Xoán III, arcebispo de Sultaniyya, afirmou que era de orixe humilde. [45] O Mu'izz al-Ansab, escrito décadas máis tarde, di que estaba emparentada coa tribo Yasa'uri, cuxas terras limitaban coas dos barlas.[51] Ibn Khaldún relatou que o propio Tamerlán describiulle a liñaxe da súa nai, descendente do lendario heroe persa Manuchehr.[52] Ibn Arabshah suxeriu que era descendente de Xenxis Kan.[53] Os Libros de Timur do século XVIII identifícana como a filla de "Sadr al-Sharia", que se cre que se refire ao erudito hanafi Ubayd Allah al-Mahbubi de Bukhara.[54]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]
Tamerlán naceu en Transoxiana, preto da cidade de Kesh (actual Shahr-e Sabz, 'a cidade verde'), Uzbekistán, a uns 80 km ao sur de Samarcanda, que formaba parte do entón Khanato de Chagatai.[Cómpre referencia] Seu pai Taraghay era xefe da tribo de Barlas, nómades turco falantes de orixe mongol, que remontaba a súa liña ata o xefe mongol Qarachar Barlas. Taraghay era neto de Qarachar Noyon, distinguido entre os seus homes como o primeiro que se convertera ao islam, Taraghay puido asumir o rango militar que ostentaba por herdanza. Taraghay retirouse a un mosteiro islámico, dicíndolle a seu fillo: "o mundo é un lindo vaso cheo de escorpións".
So a vixilancia paternal, a educación do mozo Timur foi tal que non só se convertera en hábil en toda clase de exercicios a aire libre, senón que gozou reputación de estar versado en literatura e ser un atento lector do Corán. Como o pai, Timur era musulmán e puido estar influído polo sufismo. Nesa época, segundo as Memorias (Malfu'at), mostraba unha natureza tenra e simpática, pero tales flores tense actualmente por espurias.
Cara a 1358 converteuse en xefe militar. Tamerlán tomou parte en campañas na Transoxiana por conta do khan chagatai, un descendente de Xenxis Khan. A súa carreira, na decena de anos que seguiron, está resumida nas Memorias. Aliándose con Kurgan, o destrutor de Kazán, con quen tiña parentesco, invadiu o Khorasán á cabeza dun exército de millares de xinetes. Era a segunda expedición na que se erixía en actor principal. O seu éxito levouno a novas operacións, entre as que destaca a submisión de Khwarizm e Urganj.
Logo do asasinato de Kurgan, as controversias que xurdiran entre os numerosos pretendentes foron cortadas pola invasión de Tugluk Timur, un descendente de Xenxis Khan. Tamerlán foi enviado en misión ao campamento dos invasores, que tivo como resultado que fose encargado do goberno de Transoxiana, en árabe Mawaranahr ("alén do río"). Á morte do seu pai, herdou o cargo de xefe dos Barlas. Mawaranahr foi confiada a un fillo de Tughluk.
Subida ao poder
[editar | editar a fonte]A morte de Tughluk facilitou a reconquista, na que lle bastaran algúns anos de perseveranza e de enerxía, con que agregou un vasto territorio. Durante este período, Tamerlán e seu cuñado Husayn, nun primeiro momento camaradas como fuxitivos e vagabundos, tornáronse rivais. A fins de 1369. Husayn foi asasinado e Tamerlán, que fora proclamado, de xeito oficial, soberano en Balkh, subiu ao trono en Samarcanda, a capital das súas posesións.
É curioso que Tamerlán non ostentou xamais o título de Khan, autodenominándose «amir» ("príncipe" en árabe) e actuando en nome do khan de chagatai, amo da Transoxiana. Tería dezaoito esposas e numerosas concubinas.
Período de expansión
[editar | editar a fonte]Os trinta anos seguintes transcorreron con numerosas guerras e expedicións. Non só, Tamerlán consolidou o seu poder no territorio propio, sometendo os inimigos, senón que buscou amplialo, usurpando as terras de potentados veciños. As súas conquistas no sur e suroeste incluíron case todas as provincias de Persia, atinxindo mesmo Bagdad, Kerbala e o Kurdistán.[55]
Un dos seus rivais máis temíbeis foi Tokhtamysh, que despois de estar refuxiado na corte de Tamerlán, foi o dirixente de Kiptchak e da Horda de Ouro, disputándolle a Timur a pose de Khwarizm. Tamerlán apoiou a Tokhtamysh contra os rusos. Tohktamysh, véndose apoiado, invadiu Rusia e tomou Moscova en 1382. Máis tarde Tohktamysh revolveuse contra Tamerlán e invadiu o Azerbaidjan en 1385. Mais en 1395, na batalla do Kur, o poder de Tohktamysh foi por fin desfeito.[56]
En 1383 Tamerlán colleu Herat, en Persia (no actual Afganistán), que logo da morte de Abu Said (1335), cabeza da dinastía Ilkhanide, estaba baleira de poder que controlase o territorio.
Na India
[editar | editar a fonte]En 1398, aínda que Tamerlán tiña xa sesenta anos, Farishta dinos que « informado de disturbios e guerras civís na India, iniciou unha expedición a ese país ». O 12 de setembro de 1398, « alcanzou as beiras do Indo». Fixo 100.000 cativos, logo executados; os seus soldados facían pirámides con cabezas de inimigos.
O seu paso do río, a súa marcha ao longo da beira esquerda, os reforzos que subministrou a seu neto Pir Muhammad, que foi investido en Multan, a toma de cidades e aldeas, posibelmente acompañada de destrución de casas e o masacre dos habitantes, a batalla ante Delhi, as vitorias doadas, a entrada triunfal na cidade maldita, co seu cortexo de horrores... Todas esas circunstancias pertencen aos anais da India. Tense dito que devastar Delhi non entraba nas intencións de Tamerlán, mais que os seus homes non podían ser controlados tan facilmente nas portas da urbe. As vítimas foran numerosas e os sobreviventes reducidos á escravitude.
Últimas campañas
[editar | editar a fonte]En abril de 1399, uns tres meses logo de deixar a capital de Mahmud Toghluk, Tamerlán retornou na súa capital alén o río Oxus (Amu-Daria). A corrupción diminuíu drasticamente. Segundo Ruy Gonzáles de Clavijo, o embaixador de Castela chegado a corte de Tamerlán en 1404, noventa elefantes foran empregados tan só para transportar pedras desde canteiras, para poder erguer unha mesquita en Samarcanda.
A guerra contra os turcos e os exipcios, que sobreveu á súa volta da India, acadou sona pola toma de Alepo e de Damasco. Cercou Bagdad en xuño de 1401. Logo da toma da cidade, 20.000 habitantes foran masacrados.
Tamerlán mandou que cada soldado debía vir mostrarlle, polo menos, dúas cabezas humanas. En 1402, Tamerlan invadiu Anatolia, desafiando o sultán otomán Baiaceto I na batalla de Ankara; Baiaceto foi capturado, morrendo logo no cativerio. Esta vitoria salvou temporalmente (por uns cincuenta anos) o Imperio Bizantino case moribundo, ao abater as forzas turcas coas que se proxectaba tomar Constantinopla. Tamerlán tomou tamén Esmirna aos Cabaleiros de Rodas.
En decembro de 1404, Tamerlán emprendeu unha expedición militar contra a China, pero o vello guerreiro foi atacado por febres e pestes cando acampou xunto o río (Syr-Daria), morrendo en Atrar (Otrar) a mediados de febreiro de 1405. Foi sepultado en Samarcanda.
Sucesión
[editar | editar a fonte]Tamerlán nomeou a seu neto Pir Muhammad como sucesor, pero non foi recoñecido. Por uns meses, Shah Rukh, fillo de Timur, logrou ser aceptado. Pero en pouco tempo, numerosos xefes lograrían independizarse, despezando o Imperio Timúrida. Aquel inmenso imperio apenas o sobreviviu, pois non se preocupou da eficacia política nos territorios que conquistaba, nin creou nunca unha administración.
Impacto histórico e no nacionalismo político uzbeko
[editar | editar a fonte]Tras a independencia de que Uzbekistán, a imaxe de Tamerlán comezou a personificar o carácter do gran antepasado que fundou o Estado uzbeko. O seu nome comezou a aparecer na política histórica do país. O primeiro presidente de Uzbekistán, I.A. Karimov, contribuíu a isto, afirmando que a forza e o poder da nación uzbeka e as súas posibilidades ilimitadas debían entenderse a través do prisma da personalidade de Amir Temur. A busca da imaxe do gran antepasado é característica de todos os países de Asia Central. Un personaxe heroico da historia tamén contribúe á construción da imaxe internacional do país. A imaxe do maior reformador da Idade Media, Tamerlán, esperta o interese de todo o mundo. Publicáronse moitos libros en diferentes idiomas sobre a vida e obra de Amir Temur e os seus descendentes. Islam Karimov, no seu discurso na conferencia científica internacional «Amir Temur e o seu lugar na historia mundial», celebrada en homenaxe ao 660 aniversario de Tamerlán, explicou as contribucións de Tamerlán, Al-Bukhari, At-Termizi, Ahmed Yassawi, Bahawuddin Naqshbandi, Al-Khorezmi, Beruni, Ibn Sino, Navoi, Ulugbek, a contribución de Babur ao desenvolvemento da civilización e a cultura mundiais. Segundo el, na época soviética, intentaron borrar estes nomes da historia e da memoria humana en xeral. Non obstante, o nome de Amir Temur está a ser restaurado na memoria histórica do pobo.[57]
A figura de Tamerlán foi esquecida durante o período da ciencia histórica da era soviética, representábao só na nota como un formidable conquistador, destrutor de pobos e cidades. Non obstante, despois de que Uzbekistán obtivese a independencia, fíxose posible estudar a historia medieval e o rico patrimonio espiritual dos asiáticos centrais en profundidade e de forma exhaustiva. Neste contexto, as palabras do actual presidente da República de Uzbekistán, Sh.M. Mirziyoyev, adquiren un significado especial: «Se todas as nacións, todos os estados non son independentes, outros poden ofender non só a un dehkan, non só a un traballador, senón mesmo a un poeta, científico, estadista, humillando a dignidade humana».
No libro de texto Historia de Uzbekistán para o 7º curso das escolas de educación secundaria xeral, edición de 2017, Tamerlán é descrito como «O gobernante do mundo» e «Liberador de Europa», un gran home coas calidades dun estadista destacado, mecenas da ciencia e a cultura. Nun libro de texto de 2022 como se mencionou anteriormente, está escrito: «O científico-enciclopedista Beruni, o filósofo e médico Ibn Sina, o teólogo imán al-Bukhari, o comandante Tamerlán , o astrónomo Mirzo Ulugbek e o poeta Navoi non tiveron nin teñen igual hoxe en día». O libro de texto para a educación especial superior e secundaria sobre a historia de Uzbekistán, publicado en 2007, fala dun estado forte creado por Tamerlán. No libro de texto para universidades sobre a historia moderna de Uzbekistán en 2018, hai unha cronoloxía de eventos onde se pode ver unha lista de eventos dedicados, por exemplo, á inauguración de monumentos, ao establecemento de aniversarios na honra de Amir Temur, etc.[58]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "History of Central Asia Timur". Encyclopædia Britannica (en inglés). 2008. Consultado o 11 de novembro do 2025.
"Timur uniu primeiro baixo o seu liderado as tribos turco-mongois situadas nas concas dos dous ríos".
- ↑ 2,0 2,1 Marozzi, Justin (2004). Tamerlane: Sword of Islam, conqueror of the world. HarperCollins.
- ↑ Josef W. Meri (2005). Medieval Islamic Civilization. Routledge. p. 812. ISBN 978-0415966900.
- ↑ "Timur | Biography, Conquests, Empire, & Facts | Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 11 de novembro do 2025.
- ↑ "Tamerlán, el sanguinario conquistador mongol de Samarkanda". El Mundo (en castelán). 2006. Consultado o 11 de novembro do 2025.
- ↑ "Counterview: Taimur's actions were uniquely horrific in Indian history".
- ↑ "Timur" (6 ed.). Columbia Encyclopedia. 2001. Archived from the original on 30 de xuño de 2008. Consultado o 10 de maio de 2013.
- ↑ Darwin, John (2008). After Tamerlane: the rise and fall of global empires, 1400–2000. Bloomsbury Press. pp. 29, 92. ISBN 978-1596917606.
- ↑ Manz 1999, p. 1.
- ↑ Marozzi, Justin (2006). Tamerlane: Sword of Islam, Conqueror of the World. Da Capo Press. p. 342. ISBN 978-0306814655.
- ↑ Donald M. Seekins, Richard F. Nyrop (1986). Afghanistan A Country Study · Volume 550, Issues 65-986 (en inglés). The Studies. p. 11. ISBN 978-0160239298 – vía University of California.
Timur era de ascendencia turca e mongola e afirmaba que Genghis Khan era un dos seus antepasados.
- ↑ International Association for Mongol Studies; Secretariat, Kokusai Kōryū Kikin; Unesco (2002). Eighth International Congress of Mongolists being convened under the patronage of N. Bagabandi, president of Mongolia (en inglés). OUMSKh-ny Nariĭn bichgiĭn darga naryn gazar. p. 377 – vía Indiana University.
En primeiro lugar, a xenealoxía de Timur dálle un antepasado común con Xenxis Khan en Tumbinai: Sechen ou Tumanay Khan.
- ↑ 13,0 13,1 Woods, John E. (2002). Timur and Chinggis Khan. Eighth International Congress of Mongolists being convened under the patronage of N. Bagabandi, president of Mongolia. Ulaanbaatar: OUMSKh-ny Nariĭn bichgiĭn darga naryn gazar. p. 377.
- ↑ Richard C. Martin, Encyclopedia of Islam and the Muslim World A–L, Macmillan Reference, 2004, ISBN 978-0028656045, p. 134.
- ↑ Gérard Chaliand, Nomadic Empires: From Mongolia to the Danube translated by A.M. Berrett, Transaction Publishers, 2004. translated by A.M. Berrett. Transaction Publishers, p. 75. ISBN 076580204X. Limited preview en Google Books.. p. 75., ISBN 076580204X, p. 75., "Timur Leng (Tamerlán) Timur, coñecido como o Coxo (1336-1405) foi un turco musulmán. Aspiraba a recrear o imperio dos seus antepasados. Era un xenio militar ao que lle encantaba xogar ao xadrez no seu tempo libre para mellorar as súas tácticas e habilidades militares. E aínda que exercía un poder absoluto, nunca se chamou a si mesmo máis que emir", "Timur Leng (Tamerlán) Timur, coñecido como o coxo (1336-1405) era un turco musulmán da Umus de Chagatai que se vía a si mesmo como o herdeiro de Xenxis Khan."
- ↑ Forbes Manz, Beatrice (April 1998). "Temür and the Problem of a Conqueror's Legacy". Journal of the Royal Asiatic Society. Third 8 (1). pp. 21–41. JSTOR 25183464. doi:10.1017/S1356186300016412.
- ↑ Marozzi 2004, p. 91.
- ↑ Marozzi, Justin (2004). Tamerlane: Sword of Islam, conqueror of the world. HarperCollins.
- ↑ Matthew White: Atrocitology: Humanity's 100 Deadliest Achievements, Canongate Books, 2011, ISBN 9780857861252, section "Timur"
- ↑ "The Rehabilitation of Tamerlane". Chicago Tribune. 1999-01-17. Arquivado dende o orixinal o 4 de novembro de 2011. Consultado o 12 de novembro do 2025.
- ↑ Saunders 2001, p. 174.
- ↑ McWilliam, Ian. "Uzbekistan Restores Samarkand to Boost Nationalist Pride". Periódico Los Angeles Times. Publicado el 23 de agosto de 1994.
- ↑ Ferguson 2006, p. 652.
- ↑ Godbey 1974, p. 385.
- ↑ Greenway, H. D. S. “New Waves across the Steppes”. Periódico The Boston Globe. Publicado el 27 de mayo de 1998.
- ↑ Kinzer, Stephen. "A Kinder, Gentler Tamerlane Inspires Uzbekistan". Periódico New York Times. Publicado el 10 de noviembre de 1997.
- ↑ Carpenter, Dave. "Barbaric Tamerlane Anointed a Whitewashed Hero in Uzbekistan". Periódico Associated Press. Publicado el 5 de enero de 1998.
- ↑ Fenby, Jonathan. "Crossroads of Conquest". Periódico South China Morning Post (Hong Kong). Publicado el 20 de noviembre de 1999.
- ↑ McMahon, Colin. "The Rehabilitation of Tamerlane". Periódico Chicago Tribune. Publicado el 17 de enero de 1999.
- ↑ Ford, Peter. "Ex-Russian Satellite Enjoys Setting Its Own Agenda". Periódico Christian Science Monitor. Publicado o 3 de xuño de 1997.
- ↑ Barisitz 2017, p. 139.
- ↑ Barthold, V.V. (1962). Four studies on the History of Central Asia, vol. 1 (Second Printing, 1962 ed.). Leiden, E.J.Brill. p. 61.
- ↑ McEvedy 1978, p. 153.
- ↑ McEvedy 1978, p. 151.
- ↑ McEvedy 1978, p. 159.
- ↑ McEvedy 1978, p. 155.
- ↑ McEvedy 1978, p. 163.
- ↑ McEvedy 1978, p. 183.
- ↑ McEvedy 1978, p. 182.
- ↑ Timurid Empire. Seshat.
- ↑ "Timur". Encyclopædia Britannica, Online Academic Edition. 2007.
- ↑ Beatrice F. Manz (2000). "Tīmūr Lang". Encyclopaedia of Islam 10 (2nd ed.). Brill. Arquivado dende o orixinal o 7 de febreiro de 2015. Consultado o 12 de novembro do 2025.
- ↑ "Timur". Chicago: Encyclopædia Britannica Online Edition. 2011.
- ↑ Josef W. Meri (2005). Medieval Islamic Civilization. Routledge. p. 812.
- ↑ 45,0 45,1 Woods, John E. (1990). Martin Bernard Dickson; Michel M. Mazzaoui; Vera Basch Moreen, eds. "Timur's Genealogy". Intellectual Studies on Islam: Essays Written in Honor of Martin B. Dickson (University of Utah Press). p. 97. ISBN 978-0874803426.
- ↑ Mackenzie, Franklin (1963). The Ocean and the Steppe: The Life and Times of the Mongol Conqueror Genghis Khan, 1155–1227. Vantage Press. p. 322.
- ↑ Woods 1990, p. 90.
- ↑ Woods, John E. (1991). The Timurid dynasty. Indiana University, Research Institute for Inner Asian Studies. p. 9.
- ↑ Haidar, Mansura (2004). Indo-Central Asian Relations: From Early Times to Medieval Period. Manohar. p. 126. ISBN 978-8173045080.
- ↑ Keene, Henry George (2001) [1878]. The Turks in India. Honolulu, HI: University Press of the Pacific. p. 20. ISBN 978-0898755343.
- ↑ Manz 1999.
- ↑ Fischel, Walter J. (1952). Ibn Khaldun and Tamerlane. Berkeley, CA / Los Angeles: University of California Press. p. 37.
- ↑ Ahmad ibn Arabshah; McChesney, Robert D. (2017). Tamerlane: The Life of the Great Amir. Traducido por M. M. Khorramia. Bloomsbury Academic. p. 4. ISBN 978-1784531706.
- ↑ Sela, Ron (2011). The Legendary Biographies of Tamerlane: Islam and Heroic Apocrypha in Central Asia. Cambridge University Press. p. 27. ISBN 978-1139498340.
- ↑ Marozzi, Justin (2004). Tamerlane: Sword of Islam, Conqueror of the World. Hammersmith, London: HarperCollins. p. 40.
- ↑ Marozzi, Justin (2004). Tamerlane: Sword of Islam, Conqueror of the World. Hammersmith, London: HarperCollins. pp. 43–45.
- ↑ "The role and significance of Amir Timur in the historical policy of the Republic of Uzbekistan" (en inglés).
- ↑ "Tamerlane: sword of Islam, conqueror of the world" (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tamerlán |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Abazov, Rafis (2008). "Timur (Tamerlane) and the Timurid Empire in Central Asia". The Palgrave Concise Historical Atlas of Central Asia. pp. 56–57. ISBN 978-1-4039-7542-3. doi:10.1057/9780230610903.
- Forbes, Andrew, & Henley, David: "Timur's Legacy: The Architecture of Bukhara and Samarkand" (CPA Media).
- González de Clavijo, Ruy; Embassy to Tamerlane, 1403–1406, tradución de Guy Le Strange, cunha nova introdución de Caroline Stone (Hardinge Simpole, 2009). ISBN 978-1843821984.
- Knobler, Adam (2001). "Timur the (Terrible/Tartar) Trope: a Case of Repositioning in Popular Literature and History". Medieval Encounters 7 (1). pp. 101–112. doi:10.1163/157006701X00102.
- Lamb, Harold (1929). Tamerlane: The Earth Shaker (Hardback). Londres, Englandnglaterra: Thorndon Butterworth.
- Marlowe, Christopher. Tamburlaine the Great. Ed. J. S. Cunningham. Manchester University Press, Manchester 1981.
- Manz, Beatrice Forbes (1998). "Temür and the Problem of a Conqueror's Legacy". Journal of the Royal Asiatic Society 8 (1). pp. 21–41. ISSN 1356-1863. JSTOR 25183464. doi:10.1017/S1356186300016412.
- Marozzi, Justin. "Tamerlane", in: The Art of War: great commanders of the ancient and medieval world, Andrew Roberts (editor), Londres, Inglaterra: Quercus Military History, 2008. ISBN 978-1847242594.
- May, Timothy. "Timur ("the Lame") (1336–1405)". The Encyclopedia of War.
- Novosel'tsev, A. P. (1973). "On the Historical Evaluation of Tamerlane". Soviet Studies in History 12 (3). pp. 37–70. ISSN 0038-5867. doi:10.2753/RSH1061-1983120337.
- Paksoy, H. B. "Nationality or Religion: Views of Central Asian Islam" Arquivado 2021-02-26 en Wayback Machine..
- Shterenshis, Michael V. "Approach to Tamerlane: Tradition and Innovation." Central Asia and the Caucasus 2 (2000).
- Sykes, P. M. (1915). "Tamerlane". Journal of the Royal Central Asian Society 2 (1). pp. 17–33. ISSN 0035-8789. doi:10.1080/03068371508724717.
- Yüksel, Musa Şamil. "Timur'un Yükselişi ve Batı'nın Diplomatik Cevabı, 1390–1405." Selçuk Üniversitesi Türkiyat Araştırmaları Dergisi 1.18 (2005): 231–243.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía de Tamerlán (en inglés)
- A batalla de Ankara (en inglés)
- Tamburlaine the Great Part OneArquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine. (en inglés)