Torre de Bermúdez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Torre de Bermúdez
ConcelloA Pobra do Caramiñal
ProvinciaA Coruña
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°36′12″N 8°56′15″O / 42.603386, -8.937596Coordenadas: 42°36′12″N 8°56′15″O / 42.603386, -8.937596
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]

A Torre de Bermúdez[1] é un edificio civil de estilo renacentista situado no concello da Pobra do Caramiñal. Foi declarado Monumento histórico-artístico de interese nacional o 17 de febreiro de 1976[2] tanto pola súa relación coa figura Ramón María del Valle-Inclán coma polas súas cualidades artísticas.

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro documento onde se menciona esta construción, escrito en 1571, fai constar que eran propietarios do edificio o mercador Juan Domínguez Giance e mais a súa muller Constanza Domínguez de Búa. Actuais investigacións sitúan a data da construción no período comprendido entre 1535 e 1540[3], unha época especialmente esplendorosa no Caramiñal, que en 1554 fora elevada á categoría de vila por Gómez Pérez das Mariñas, señor do lugar e rexedor da cidade de Santiago de Compostela. Porén, algunhas fontes ven difícil que o señor do Caramiñal lle permitise a un vasalo construír unha edificación tan singular, e apunta ben ao propio Gómez Pérez das Mariñas como promotor da construción, ben á cesión do edificio ou do seu soar a cambio dun contrato de foro, aténdose a determinadas condicións.[4].

O edificio estivo logo vinculado á familia de Ramón María del Valle-Inclán, xa que serían os seus pais Ramón del Valle-Inclán Bermúdez de Castro e Dona Dolores de la Peña y Montenegro os derradeiros residentes.

En 1898, o matrimonio véndelle o inmoble ao empresario Manuel Lojo, que este pasará a utilizar dende aquela como almacén de salgadura, causando á construción importantes danos patrimoniais.

Durante esa época, Valle-Inclán solicítalle a Afonso XIII a recuperación da torre que fora propiedade dos seus pais, así como a concesión dun título nobiliario de acordo coa súa liñaxe, aínda que se lle verían frustradas ambas as dúas ambicións.

Máis tarde, o seu amigo Victoriano García Martí, escritor pobrense, mobiliza aos coñecidos de Valle[5] para facerse coa torre e así regalarlle ao dramaturgo "una noble mansión que en la paz de una vieja villa marinera o en elevada crestería de un suave paisaje virgiliano, pregone con el airón de su torre la gloria de este gran señor de las letras..." De novo, este desexo non se fixo realidade.

Coa crise que supuxo a escaseza de sardiña, a industria de salgadura do concello arruinouse, facendo que o antigo pazo deixase de ser un almacén para converterse nunhas meras ruínas.

Finalmente, en 1981 o inmoble pasou a ser propiedade do Concello da Pobra do Caramiñal, que o restauraría e convertería na actual sede do Museo Valle-Inclán, primeiro museo integramente adicado ao escritor galego.

Estilo arquitectónico[editar | editar a fonte]

Torre Bermúdez.

A Torre de Bermúdez pertence á corrente artística renacentista coñecida co nome de plateresco. O pazo cobra especial importancia por ser un dos poucos exemplos de pazos renacentistas galegos conservados na actualidade.

Hoxe, a parte antiga da construción divídese en dous corpos principais; un de menor tamaño, que conta con dúas portas, unha adintelada e outra, de arco de medio punto, sobre a repisa da escaleira. Acaroada a este corpo atópase a torre propiamente dita, con tres alturas e unha soa porta de arco de medio punto, con pilastras e frontón, que dá acceso ao actual museo.

Por outra banda, arredor das ventás, descentradas unhas con respecto ás outras nos distintos corpos, atópase a escasa carga decorativa a base de motivos vexetais, frontóns, pilastras ou medallóns con bustos humanos e heráldicas.

Tanto polo estilo como pola época de construción, a Torre de Bermúdez vese en relación cun nomeado arquitecto da época, Rodrigo Gil de Hontañón, que naquel momento estaba a realizar traballos en Santiago de Compostela. Precisamente, o edificio contén elementos que gardan relación cunha das súas obras: a fachada do Tesouro da catedral compostelá.

Porén, máis que a intervención directa do arquitecto, algunhas fontes [6] apuntan o encargo da súa construción a Juan Pérez, aparellador da Fachada do Tesouro e que se atopaba neses momentos a realizar obras na igrexa de Santa María do Xobre, parroquia veciña á do Caramiñal, que tamén estaba baixo o señorío de Xunqueiras.

Na época moderna, ao edificio engadíuselle unha terceira construción contigua e, tras a compra do inmoble polo Concello, incorporouse unha balaustrada de pedra nas escaleiras exteriores, con motivos vexetais.

Uso actual[editar | editar a fonte]

Logo de quedar atrás o seu pasado como vivenda particular e a súa posterior utilización como almacén de salgadura, o conxunto alberga desde 1987 a sede do Museo Valle-Inclán, onde se mostran, entre outras cousas, as primeiras edicións das obras do escritor, algúns aparellos e cartas persoais do dramaturgo e todo tipo de elementos relacionados coa súa vida e obra, tales como vestiario orixinal utilizado na representación dalgunha das súas obras teatrais.

A planta superior do edificio contiguo moderno conta actualmente cun auditorio público.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Boletín Oficial del Estado: martes 17 de febreiro de 1976, Núm. 41
  2. GONZÁLEZ MILLÁN, Antonio (2016). A torre dos Valle Bermúdez no Caramiñal. Concello da Pobra do Caramiñal. 
  3. http://desdeacurota.wordpress.com/2010/10/28/mestres-canteiros-de-gran-fama-construian-pazos-en-caraminal/
  4. [1] VV.AA.: "Todo Valle-Inclan en Roma (1933-1936)". Universidad de Santiago de Compostela
  5. [2] Germán Ramallo Asensio, Begoña Alonso Ruíz: Arquitectura Señorial del norte de España