Igrexa de Santa Mariña Dozo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°30′43″N 08°48′27″O / 42.51194, -8.80750

Visto dos arcos.
Santa Mariña Dozo
Vista lateral

As ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo, en Cambados, son os restos que quedan dunha igrexa gótica construída no século XV por dona María de Ulloa, señora de Cambados e nai de Alonso III de Fonseca, sobre unha edificación románica do século XII. Desde 1943 é Monumento Histórico-Artístico.

Situación[editar | editar a fonte]

Érguese na base do monte da Pastora, nas inmediacións dun antigo castro. É de estilo gótico mariñeiro con influencias renacentistas. Comezou a construción Lope Sánchez de Ulloa, sendo a súa filla María de Ulloa quen a ampliou e rematou. Parece que tamén interveu na súa construción Xoana de Hungría, muller de Paio Gómez de Soutomaior, aínda que outros autores dubidan desta contribución. Algúns elementos decorativos poñen en evidencia que os mestres construtores pertencían ó círculo que traballaba en Santiago, repetindo en Cambados os modelos utilizados, como tal, no Hospital Real de Santiago.

Historia[editar | editar a fonte]

O cardeal Jerónimo del Hoyo e Caamaño Bournacell datan o inicio da construción no século XV, concretando este último nos anos 1470-1490. Outros autores (como A. del Castillo, Filgueira Valverde, Álvarez Limeses) dan diversas datas comprendidas entre 1502 e 1541. No transcurso das obras de restauración de 1977 apareceu nunha das capelas laterais unha inscrición coa data de 1590, data que só indica que esa capela é posterior ás outras.

Da existencia da igrexa anterior hai constancia xa en 1421, segundo consta nun documento procedente da Casa de Lantaño no que se escritura a partición do porto de Cambados, e existe documentación anterior que menciona unha "villa de Sta. Mariña", o que fai pensar nunha igrexa con esta advocación.

Descrición[editar | editar a fonte]

De arriba abaixo, os apóstolos Santiago o Maior, Mateu, Paulo e Tomé

Consérvase a planta da nave, catro arcos transversais, de medio punto, a ábsida e mais cinco capelas laterais, ademais da que cumpría funcións de sancristía. Tiña unha soa nave, cunhas dimensións de 24 por 11,4 metros, sendo os tres primeiros tramos da nave máis anchos cós restantes. Na decoración dos arcos e das capelas destacan os relevos da Encarnación, Cristo e os doce apóstolos, a Expulsión do Paraíso e as imaxes dos sete Pecados capitais. Na clave dun dos arcos vémo-lo relevo da Preguiza, representada por un home que, coa cabeza entre as pernas, aliméntase dos seus propios excrementos. Este tema repítese na decoración dos canzorros nas igrexas e edificios da época, como na igrexa de Santa Columna, en Rianxo. González Montañés lembra que, de feito, preguiza designa tamén os propios canzorros nalgunhas zonas de Galicia ou de Portugal.

A ábsida, de planta cadrada, ábrese cun arco apuntado e posúe bóveda de crucería, formando unha estrela de catro puntas, e cun sol na clave, que representa a Cristo. Quedan aínda algúns restos, moi deteriorados, das pinturas murais do século XVI que recubrían as paredes ata a liña da imposta. López Ferreiro di o seguinte sobre estas pinturas: "A pesar do seu pésimo estado de conservación, aínda é posible observar o vigor dos tons e a suavidade e harmonía do colorido" [1]. No primeiro tramo da ábsida había dous altares de pedra con retablos de cantería dos que xa non quedan restos.

Bóveda da capela da Encarnación, con Cristo mostrando as chagas, na clave central, e os catro Evanxelistas, nas dos arcos laterais.

Na sancristía, no lado da epístola da capela maior, existen tamén restos de pinturas murais e houbo un Calvario nunha fornela que se coñece porque foi descrito por López Ferreiro. Esta sancristía, o mesmo cás cinco capelas laterais, foron construídas con posterioridade ó corpo principal da igrexa, encaixándoas entre os contrafortes. As dúas primeiras, unha a cada lado contando desde o pé da igrexa, so teñen uns 2 metros de profundidade e fan pensar nun uso soamente funerario; nunha delas exponse unha imaxe típica dos petos de ánimas e dúas tampas de sartegos xa inexistentes. As capelas poden datarse no segundo terzo do século XVI e existe documentación de 1549 que avala a existencia de, canto menos, unha capela, a de Alonso Fariña, veciño de Pontevedra, para a que se encarga nesa data a construción dun retablo. Unha última capela foi construída cara 1600.

A capela da Encarnación, no lado Norte, é a que aparece datada en 1590, se ben contén pezas decorativas anteriores. Chámase así porque o arco de acceso está decorado por relevos que representan este momento e que lembran a mesma imaxe nos baldaquinos galegos. Na clave do arco, unha imaxe de Deus en maxestade, bendicindo ós fieis. Fronte a esta capela hai outra na que destacan as figuras de Cristo e os doce apóstolos ó longo do arco de acceso.

Na fachada existía un rosetón, desaparecido a principios do século XX: López Ferreiro descríbeo en 1897 pero Álvaro de la Iglesia menciona que os restos estaban ciscados polo chan da igrexa. Consérvase tamén unha das torres da fachada, semiderruída.

Deterioración e ruína[editar | editar a fonte]

A igrexa mantivo o culto ata mediados do século XIX. En 1838, ante a ameaza de ruína, trasladouse provisionalmente o culto á igrexa do convento de San Francisco, extinguido en 1835. Sacouse o teito da igrexa, de madeira e a dúas augas, pero a restauración paralizouse e non se fixo máis nada, polo que a ruína foi cada vez a máis: derrubouse a fachada, perdéndose o rosetón; retablos e altares foron trasladados ou, simplemente, desapareceron, e o uso como cemiterio deixou de ser unicamente nobiliario para pasar ó común da parroquia.

O adro e o contorno da igrexa están completamente ocupados polo cemiterio parroquial, do que Cunqueiro dixo que era "o máis melancólico camposanto do mundo". Hoxe, as tumbas invaden xa o interior das ruínas.

A declaración como Monumento Nacional en 1943 non mellorou a situación xa que a primeira actuación para a restauración non chegou ata 1977.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Detalle da preguiza, na clave do terceiro arco. 
Restos das pinturas murais da capela maior. 
Restos dentro da igrexa. 
Arcos. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A pesar de su pésimo estado de conservación, aún es dado observar el vigor de los tonos y la suavidad y armonía del colorido.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]