Aleta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquema típico dun peixe, coa disposición das aletas
Esqueleto dun peixe sapo no que se aprecian os radios óseos das aletas

Denomínase aleta a cada un dos membros ou apéndices externos que posúen os peixes e, por extensión, os mamíferos mariños, aínda que nestes últimos as aletas posúen unha orixe e estrutura moi diferentes. As aletas cumpren unha función locomotora e estabilizadora, se ben nalgúns casos sofren notables modificacións para adaptarse a funcións particulares dalgunhas especies.

Características[editar | editar a fonte]

Desde o punto de vista anatómico, as aletas dos peixes son formacións membranosas que se estenden sobre unha estrutura ósea ou cartilaxinosa formada por radios, que poden ser duros (espiñosos) ou brandos e segmentados, estes, á súa vez, simples ou ramificados. Segundo a especie, unha aleta pode presentar só radios espiñosos, só radios brandos ou unha combinación dos dous tipos. Polo común, os radios das aletas asentan sobre articulacións que os conectan á espiña vertebral. Estas articulacións permiten que as aletas se poidan pregar ou despregar grazas a uns pequenos músculos.

O número, forma e disposición das aletas serve como elemento diferenciador dos peixes e constitúe un dato importante a ter en conta á hora de identificalos.

As aletas clasifícanse en pares (pectorais e pelvianas) e impares (dorsal, anal e caudal). As aletas pares están relacionadas evolutivamente coas extremidades anteriores e posteriores, respectivamente, dos vertebrados terrestres.

Tipos[editar | editar a fonte]

Podemos diferenciar cinco tipos básicos de aletas, ademais doutras formacións semellantes:

Aleta dorsal[editar | editar a fonte]

É a aleta colocada na liña superior dorsal dos peixes, paralelamente á notocorda. A súa función está unicamente relacionada co equilibrio. Os peixes poden ter unha, dúas ou tres; e, no caso de ter máis de unha, poden estar unidas ou separadas. Poden estar sostidas por raios espiñosos ou brandos.

Algunhas especies desenvolveron mecanismos de defensa na aleta dorsal, tales como espiñas provistas ou non de veleno. Noutros casos, unha forte espiña sérvelles para suxeitarse nas gretas nas que se acobillan.

Outra curiosa modificación é a que presenta, por exempo, o peixe sapo e outras especies dos lofiformes: a primeira aleta dorsal consiste nun longo filamento –illicium- engrosado no extremo a modo dunha cana de pescar co seu engado.

Aleta caudal[editar | editar a fonte]

É unha aleta impar, situada no extremo posterior do corpo dos peixes, rematando o pedúnculo caudal. É sempre a aleta máis forte, máis musculada, e constitúe o principal órgano locomotor destes animais.

Pode presentar diferentes formas e tamaños. A forma típica é aforquitada, dividida en dous lóbulos separados por unha escotadura central, máis ou menos marcada; eses lóbulos poden ser iguais ou non. No caso dos seláceos (quenllas) adopta unha forma de fouce, co lóbulo superior moi desenvolvido.

Descríbense catro tipos de aletas caudais:

Tipos de aleta caudal: (A) - Heterocerca, (B) - Protocerca, (C) - Homocerca, (D) - Dificerca
  • Homocerca: cos dous lóbulos iguais. É a cola simétrica típica dos peixes nos que as vértebras non se extenden cara ningún lóbulo.
    • Arredondada
    • Truncada
    • Escotada
    • Lunata
  • Heterocerca: asimétrica. A columna vertebral prolóngase ó longo dun dos dous lóbulos.
    • Epicerca: co lóbulo superior máis desenvolvido có inferior (caso das quenllas).
    • Hipocerca: co lóbulo inferior máis desenvolvido có superior (caso dos peixes voadores).
  • Protocerca: rematada en punta, continuándose cara adiante ó longo da columna vertebral. É o caso dos mixinoideos e tamén a forma típica no estado embrionario dos peixes. Non debe confundirse coa que se transforma nunha aleta continua por riba ata unirse coa aleta dorsal, e por baixo ata unirse coa anal.
  • Dificerca: trilobulada. Tamén remata en punta (a columna vertebral esténdese ata o final da cola) pero sen continuarse coas aletas dorsais e anal. Preséntana os celacantos e peixes pulmonados.

Nalgunhas especies migratorias, como os túnidos, aparecen unhas formacións en forma de crista ou quilla a ámbolos lados do pedúnculo caudal e por diante da aleta caudal; por veces poden presentar un par destas quillas a cada lado. Están constituídas por unhas escamas modificadas e serven para proporcionar estabilidade ó animal e como soporte da aleta caudal.

Nos peixes, a aleta caudal é sempre vertical; nos mamíferos mariños (cetáceos) é sempre horizontal.

Aletas pectorais[editar | editar a fonte]

Sitúanse detrás das aberturas branquiais, tralo opérculo. Nalgunhas especies alcanzan un notable desenvolvemento e permite a creación de forzas de elevación dinámica como a que permite ás quenllas mante-la profundidade ou o voo ós peixes voadores.

Aletas pelvianas[editar | editar a fonte]

Linguado: no bordo inferior, a aleta pelviana moi pequena e a anal ben desenvolvida.

As aletas pelvianas ou ventrais sitúanse baixo as aletas pectorais aínda que poden estar moi adiantadas (xugulares) ou retrasadas, servindo esta característica como trazo identificador.

Nos góbidos únense as dos dous lados e modifícanse para formar un disco succionador que utilizan para adherirse a outros peixes ou outros obxectos.

Aleta anal[editar | editar a fonte]

É tamén unha aleta impar, situada na rexión ventral dos peixes, por detrás da abertura anal. Utilízana para estabiliza-lo corpo durante a natación.

Pínnulas[editar | editar a fonte]

Os peixes da familia Scombridae presentan dúas series de pequenas aletas ríxidas chamadas pínnulas na liña superior (entre a segunda aleta dorsal e a aleta caudal) e inferior (entre a aleta anal e a caudal) do pedúnculo caudal. Noutros casos, como nos Polypteridae, só hai pínnulas na superficie dorsal, faltando a aleta dorsal. Estas aletas modificadas non posúen radios nin son retraíbles.

O número de pínnulas, no caso dos túnidos, tamén é un trazo identificador da especie.

Aleta adiposa[editar | editar a fonte]

Salmón

Algúns peixes, coma os salmónidos (troita ou salmón), carácidos e siluriformes presentan unha aleta adiposa detrás da aleta dorsal e xusto por diante da caudal. É de pequeno tamaño, de natureza carnosa e sen os raios que posúen as outras aletas.

Carece de función locomotora.

As aletas dos cetáceos[editar | editar a fonte]

Os cetáceos posúen en tódolos casos aletas pectorais e aleta caudal. No caso dos odontocetos, coa excepción do cachalote, o narval ou dos golfiños de auga doce, presentan tamén unha aleta dorsal patente. Os misticetos (baleas) carecen de aleta dorsal, como no caso da balea boreal (Balaena mysticetus), ou está reducida a unha protuberancia lonxitudinal no dorso, pouco evidente. A ausencia ou diminución da aleta dorsal atribúese a unha adaptación evolutiva nas especies que adoitan nadar baixo a capa de xeo.

Nestes animais, as aletas pectorais corresponden ás extremidades anteriores dos mamíferos, modificadas pola adaptación á vida acuática. Fórmanse sobre un esqueleto equivalente ó destes (úmero, cúbito, radio, carpo, metacarpo e falanxes) [1]. A aleta caudal dos cetáceos é o elemento motriz por excelencia, carece de radios e o desenvólvese horizontalmente ós dous lados das últimas vértebras coccíxeas. A aleta dorsal, cando existe, é de natureza graxa, sen base ósea ningunha.

Segundo medran os cetáceos, é frecuente que aparezan nas aletas manchas ou marcas características que permiten ós estudosos destes animais a identificación individual dos distintos exemplares que se avistan.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O esqueleto correspondente ás extremidades posteriores practicamente desapareceu, e queda reducido a un par de ósos pelvianos de pequeno tamaño, sen conexión coa columna, perdidos na masa muscular da parede abdominal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]