Compañía de Tranvías da Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Compañía de Tranvías da Coruña
TRANVIAS-CORUÑA.JPG
Tranvía.A Coruña Galicia.jpg
Imaxe dun tranvía no paseo marítimo cando circulaban.
Tipo Sociedade Anónima
Fundación 1 de xaneiro de 1903
Localización Avda. Gran Canaria, sn A Coruña Galicia Galiza
Fundador Familia Prada Muradás[1]
Persoas clave José Antonio Prada[1]
Industria Transporte de viaxeiros
Beneficio 22,3 millóns de euros (en 2013)[1]
Beneficio operativo 4,7 millóns de euros (en 2013)[1]
Beneficio neto 3,4 millóns de euros (en 2013)[1]
Número de empregados 229 (en 2013)[1]
Páxina web tranviascoruna.com

A Compañía de Tranvías da Coruña, S.A. é unha empresa galega de transportes que proporciona o servizo de transporte público urbano na cidade da Coruña, en réxime de concesión municipal.

Historia e etapas[editar | editar a fonte]

A Compañía de Tranvías foi creada en 1903 cun servizo entre Porta Real e a Estación de Norte mediante tranvías tirados por mulas. Tiña ramais a Riazor e ás cocheiras. Debido aos malos resultados económicos dos anos anteriores, en 1907 fíxose coa xestión do servizo unha compañía belga. Nese tempo instalouse unha vía dobre nos Cantóns para evitar a conxestión do tráfico nos cruzamentos e comezaron tamén as obras do ramal Travesía da Primavera (hoxe rúa do alcalde Marchesi) - Ponte de Monelos. A creba económica desta compañía fixo que a Compañía de Tranvías retomase a xestión dous anos despois.

Os primeiros proxectos de electrificación das liñas chegaron en 1911, de xeito que dous anos despois a tracción eléctrica substituíse por completo a tracción animal. Nese tempo, a frota de mulas acadaba a cifra de 50 cabezas. En 1915 comezouse a construír a liña a Sada.

En 1916 Pedro Barrié de la Maza, até entón membro do consello de administración, accedeu á presidencia.

Durante a guerra civil española paralizáronse os servizos durante un ano coas conseguintes perdas económicas.

En 1947 a compañía logrou o récord histórico de viaxeiros, con máis 16 millóns de persoas tranportadas[2]. Nesa década comezaron a desaparecer os tranvías, coa primeira liña servida por trolebús entre a Praza de Pontevedra e Monelos en 1948. En 1949 desapereceu a liña de tranvía pola rúa de Santo André e o último servizo de tranvía desapareceu en 1962. Tres anos despois chegou a primeira liña de autobús entre a Praza de Pontevedra e a Ponte Pasaxe substituíndo os trolebuses, que fixeron o último servizo en 1979.

A finais dos anos 80 tivo lugar unha das maiores reestruturacións das liñas debido á forte baixada do uso do bus urbano en favor do vehículo particular. Foi tamén nesa década cando se produciu a unificación cromática na carrocería dos buses que deu como resultado a característica cor vermella actual. Posteriormente, tamén se irían unificar, de xeito progresivo, a estética das marquesiñas.

Durante o mandato de Francisco Vázquez houbo o primeiro intento de implantación por parte do Concello dun carril bus pola rúa de Santo André, obra que finalmente sería retirada por mor das queixas veciñais. En 1997 inaugurouse a primeira liña de tranvía histórico (con dúas unidades en servizo, mais outra desde 2001) con fins turísticas que percorría o paseo marítimo entre o Castelo de Santo Antón e a Torre de Hércules e que dous anos despois foi estendido até a rotonda do paseo marítimo coa rúa Curros Enríquez.

A finais dos anos 90 o Concello puxo en marcha a primeira tarxeta con chip dixital de bonobús recargábel en colaboración con Caixa Galicia, motivo polo cal foron eliminados os billetes bono-bus vixentes até entón. Ademais, en 1998, puxéronse en servizo os primeiros autobuses adapatados para persoas con mobilidade reducida.

No primeiro lustro do século XXI o Concello puxo en marcha a tarxeta-moedeiro municipal multiúsos (carné das biliotecas municipas, pago da ORA, bonobús...) chamada Millennium. A instauración desta tarxeta multiúsos significou a progresiva desaparición da existente con anterioridade, de uso exclusivo para o pago de viaxes en bus. Após 2005, a tarxeta Millenium foi integrada no recentemente creado Sistema de Transporte Metropolitano de Galicia.

En 2003, co motivo do centenario da empresa o Concello inaugurou na rotonda de Porta Real un pequeno monumento conmemorativo. Este mesmo anos, introdúcese o sistema de control por satélite da frota.

Durante a etapa do goberno bipartito PSdeG-PSOE - BNG no Concello, foron introducidos importantes cambios e procesos de modernización:

  • Implantación de carrís bus polas vías Avenida General Sanjurjo, rúa Federico Tapia, Praza de Pontevedra, rúa Santo André e rúa San Xoán que, se ben melloraron os tempos de viaxe das rutas afectadas, motivou as queixas de moitos comerciantes da zona centro.[3]
  • Supresión dos tornos que os pasaxeiros debían atravesar a fin de rexistrar a súa viaxe [4]. Aparellada a esta medida, púxose a disposición dos viaxeiros que pagasen en metálico a entrega dun ticket-recibo que xustificaba o uso do servizo.
  • Instalación de carteis indicadores dinámicos nos exteriores de todos os buses.
  • Posta en uso da tecnoloxía "sen contacto" das tarxetas Millennium.
  • Instalación de "paradas intelixentes" en General Sanjurjo (Catro Camiños), rúa da Torre e Porta Real.
  • Galeguización de topónimos que foran historicamente deturpados.

Coa chegada do Partido Popular ao goberno municipal en 2011 varias das medidas anteriores foron anuladas e se produciron, de novo, importantes cambios:

  • Todos os tramos de carril bus, agás o da Praza de Pontevedra, foron substuídos por "Vías Prioritarias Vixiadas", de nova creación[5][6].
  • As paradas intelixentes, sen mantemento, foron eliminadas ao se considerar que o seu mantemento era insustentábel economicamente[7].
  • Suspéndese indefinidamente o tránsito do tranvía histórico entre Riazor e a rúa Curros Enríquez ao se atopar deficiencias técnicas na infraestrutura[8]. Con posterioridade, esta supresión indefinida do servizo sería estendida á totalidade do traxecto.
  • Co comezo das obras na Dársena da Mariña a fin de soterrar boa parte do tráfico rodado e humanizar a súa superficie, o Concello decide trasladar a histórica cabeceira -que era comezo ou fin de traxecto para moitas das liñas máis importantes da compañía- de Porta Real á contorna do hospital Abente y Lago. A medida terá moi boa acollida por parte da veciñanza, que verá ampliada a oferta prestada ao recinto hospitalario (de gran demanda) sen prexuízo dos servizos que xa se viñan a dar, motivo polo cal se reclamará o mantemento desta cabeceira tralo remate de ditas obras.
  • Implantación da primeira tarifa plana de bonobús [9].

En 2014 a empresa levou a 20,9 millóns de viaxeiros[10].

Frota de autobuses[editar | editar a fonte]

Mapa das Liñas de Autobús Urbano.

Actualmente a CTC conta cunha frota estable e permanente de aproximadamente 93-94 autobuses (as incorporacións non engrosan a frota, senón que substitúen as unidades máis antigas). O patrimonio da empresa foi valorado en 2013 en 18 millóns de euros[1].

Renovación da frota[editar | editar a fonte]

En decembro de 2009 incorpóranse dez novas unidades MAN, con melloras en canto a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida e discapacitados, respecto ó medio ambiente tanto en emisións atmosféricas como no nivel de ruído, e visualización da información.

No mes de setembro de 2012, outros oito autobuses substitúen outros tantos da frota coruñesa. Trátase de autocares MAN, de novo deseño para o que estabamos acostumados e cunhas características técnicas e tecnolóxicas que veñen mellorar todo o anterior. Cinco deses buses son ríxidos e os tres restantes son articulados. Presentados o 25 de setembro en María Pita, ó día seguinte xa rodaban pola cidade.

Dentro das melloras e novidades máis salientables desta nova remesa, destaca a nova estética da carrozaría tipo Lion's City, a apertura electrónica das dúas portas traseiras, novos asentos e configuracións interiores, un novo sistema de ramplas de funcionamento máis fiable e o detalle estrela en canto á información visible para o usuario: os novos paneis de leds no frontal superior, con número (na súa cor correspondente) e as cabeceiras da liña de cada bus. Estes paneis xa se foron instalando progresivamente tamén en tódolos buses de anteriores xeracións en activo.

Máis recentemente, en 2014 e 2015, Tranvías da Coruña incorporou á frota 4 MAN máis e como aliciente, 12 unidades (3 delas articuladas) do novo e afamado modelo Citaro C2, da casa Mercedes Benz. Isto permite dar de baixa definitivamente ós tres últimos buses existente con escaleiras de acceso (tres articulados). Deste xeito, e xunto coa "accesibilización" (con ramplas manuais) de 13 dos máis antigos vehículos, pódese dicir xa que no 2016 a frota de autobuses de Tranvías da Coruña será ó fin 100% accesible.

Liñas en servizo[editar | editar a fonte]

MapaCor.png
Bus Urbano Liñas Compañía de Tranvías da Coruña
Liña Percorrido
Linea1.jpg Hospital Abente y Lago - Praza Pablo Iglesias
Cor1A.jpg Hospital Abente y Lago - A Pasaxe, Santa Xema
Linea2.jpg Hospital Abente y Lago - Os Castros
Cor2A.jpg Hospital Abente y Lago - Hospital de Oza
Linea3.jpg San Pedro de Visma, Igrexa - Durmideiras
Cor3A.jpg San Pedro de Visma, Igrexa - Durmideiras
Linea4.jpg Hércules, Mercado - Barrio das Flores
Cor5.jpg Durmideiras - Espacio Coruña
Cor6.jpg Hércules, Mercado - Meicende[11]
Cor6A.jpg Hércules, Mercado - Bens
Cor7.jpg Hércules, Mercado - Ventorrillo, Centro de Saúde
Cor11.jpg As Lagoas - Marineda City
Cor12.jpg Emilio Glez.López, Manuel Azaña - CHUAC, glorieta
Cor12A.jpg Praza do Conservatorio - CHUAC, glorieta
Cor14.jpg Emilio Glez.López, Manuel Azaña - Praza Pablo Iglesias
Cor17.jpg Hércules, Mercado - CHUAC, glorieta
Cor20.jpg Juan Flórez, 10 - A Pasaxe, Eirís
Cor21.jpg Juana de Vega - Novo Mesoiro
Cor22.jpg Juan Flórez, 10 - A Pasaxe, Santa Xema
Cor23.jpg Hospital Abente y Lago - Urbanización Breogán
Cor23A.jpg Hospital Abente y Lago - Urbanización Breogán
Cor24.jpg Praza de Pontevedra, 18 - O Carón
CorBUHO.jpg (Bus Moucho) Os Castros - Obelisco
CorU.jpg (Especial Universidade) Praza de Pontevedra, 18 - Campus A Zapateira, Filoloxía
*
Os buses das liñas 3, 6 e 23 intercámbianse cada mes cos das liñas 3A, 6A e 23A, respectivamente.[12]

Paradas[editar | editar a fonte]

A rede está formada por 560 paradas ao longo da cidade.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]