Saltar ao contido

British Numismatic Society

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non confundir con Royal Numismatic Society
 British Numismatic Society
 Instancia de
 Cargo dirixente
Características
 Industria
 Campo de traballo
Datas
 Fundación / creación
1903 Editar o valor en Wikidata
Localización
 País
Fontes e ligazóns
Freebase/m/047tpjj Editar o valor en Wikidata
 Páxina WEB
Wikidata

A British Numismatic Society -BNS- (en galego: "Sociedade Numismática Británica") é unha sociedade erudita e sen ánimo de lucro situada en Londres, Reino Unido, establecida en 1903 co obxectivo de promover o estudo das moedas, as fichas comerciais, as medallas e os billetes das illas británicas e dos territorios baixo a súa influencia.[1][2]

A institución estableceuse o 18 de xuño de 1903 por iniciativa de tres membros pertencentes á preexistente Sociedade Numismática de Londres (Numismatic Society of London, xerme da posterior Royal Numismatic Society), que consideraban necesaria a existencia dunha sociedade de ámbito nacional que tivese como interese específico o estudo das moedas das illas británicas e dos territorios que nalgún momento estiveran baixo a súa influencia. Estes tres fundadores eran Philip William Poole Carlyon-Britton, Laurie Asher Lawrence e Walter Jonathan Andrew.[3][4][5]

O encontro inaugural da Sociedade tivo lugar o 30 de novembro, cun corpo social de 270 membros. Unha das primeiras decisións consistiu no lanzamento do British Numismatic Journal, que quixeron dotar dunha entidade máis atraente que a da Numismatic Chronicle, o xornal existente na época, publicado pola RNS.[4][5]

A actividade da Sociedade nas primeiras décadas, con algunhas dificultades engadidas durante a primeira guerra mundial, supuxeron un pulo importante para o estudo de moi diversos aspectos das cuñaxes británicas e irlandesas. Nisto xogou un importante papel a publicación dunha serie de artigos de L. A. Lawrence e dos irmáns John Shirley e H. B. Earle Fox no British Numismatic Journal, sobre as emisións monetarias dos reis ingleses da Idade Media. Posteriormente, as cuñaxes dos Tudor e dos Estuardo tamén foron obxecto de detallados estudos no BNJ ata os anos 20, fundamentalmente da man de autores como Henry Symonds, H. W. Morrieson, Grant Francis e Helen Farquhar (1859-1953). Esta última, unha das fundadoras da Sociedade e elixida vicepresidenta en 1912, foi unha das primeiras mulleres numismáticas do mundo en posuír un corpus propio de publicacións nesta materia.[4][5]

A década de 1930 caracterizouse polo falecemento de varias das persoas que contribuíran á fundación da BNS, o que implicou un período de inestabilidade. O ingreso na directiva da Sociedade de persoeiros como George C. Brooke (finado en 1934), conservador do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, e do seu sucesor nese posto, Derek Allen (1910-1975), ambos moi respectados no mundo académico, déronlle á BNS a estabilidade que precisaba.[4][6]

Outra figura salientable para a Sociedade foi Christopher Blunt (1904-1987), discípulo de Brooke e presidente da entidade no segundo lustro da década dos 40, que xogou un destacado papel nos estudos numismáticos británicos da segunda metade do século XX.[4][6]

Durante a segunda guerra mundial, a actividade da BNS sufriu un novo enlentecemento, aínda que mantivo a periodicidade e a calidade científica do Journal, grazas aos esforzos editoriais de Cuthbert Whitton, un experto nas emisións monetarias dos derradeiros membros da casa de Plantagenet.[4][7]

O primeiro presidente da Sociedade tras a guerra, C. Blunt, achegou novos enfoques e novos intereses, dirixidos sobre todo ás emisións dos reis anglosaxóns entre finais do século VIII e finais do século X, o que se amosaba non só nas temáticas dos encontros organizados pola entidade, senón tamén nas dos artigos publicados no Journal.[4][8]

Ao longo da segunda metade do século XX, a Sociedade desempeñou un importante papel no desenvolvemento da investigación sobre a numismática das illas británicas e dos territorios da súa influencia. Xa no século XXI, o Journal asumiu un papel cada vez máis importante no estudo desas emisións, das que elabora unha constante catalogación (Coin Register), á parte dos rexistros dos achados monetarios ocorridos neses territorios.[4][8][9]

Presidentes da BNS

[editar | editar a fonte]

Esta é unha listaxe dos presidentes da BNS desde a súa fundación en 1903.[10]

Biblioteca

[editar | editar a fonte]

A BNS ten unha biblioteca dotada de arredor de 16.000 referencias, combinada e integrada coa biblioteca da Royal Numismatic Society e localizada fisicamente na sede do Instituto Warburg.[11]

  • Medalla Sanford Saltus (Sanford Saltus Gold Medal). Estableceuse en 1910 na honra de John Sanford Saltus (1854-1922), e é a principal condecoración da Sociedade. Concédese cada tres anos para recoñecer contribucións académicas destacadas á numismática británica. Trátase dunha medalla de ouro deseñada por Frank Bowcher.[12]
  • Medalla Jeffrey North (Jeffrey North Medal for Service). Instituída na honra de Jeffrey North para recoñecer servizos excepcionais á numismática británica. A medalla foi deseñada por Nicola Moss.[12]
  • Medalla Centenario (Centenary Medal). Outórgase desde 2003, a partir das celebracións do centenario da entidade. A medalla, producida pola Royal Mint, foi deseñada por Danuta Solowiej-Wedderburn.[12][13]
  • Premio Blunt. Estableceuse na honra de Christopher Evelyn Blunt (1904-1987), expresidente da entidade. Con el prémiase trianualmente a contribución significativa á numismática por parte dunha persoa de menos de 35 anos.[14]
  • Premio North Book. Do mesmo xeito que a medalla do mesmo nome, este premio honra a figura de Jeffrey North. Con el prémiase, con carácter bianual, o mellor libro publicado sobre a numismática británica.[14]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Periódicas

[editar | editar a fonte]
  • British Numismatic Journal (publicado desde 1903). Trátase da publicación principal da Sociedade e é a máis significativa de todas as relacionadas coa temática da numismática británica. Xeralmente abréviase como BNJ nas referencias bibliográficas académicas. Ten periodicidade anual e repártese gratuitamente entre os asociados; porén, os números anteriores son de acceso libre en liña a través da web da Sociedade.[15]

Monografías

[editar | editar a fonte]

En 1991, a Sociedade acordou emprender unha serie de publicacións de carácter especial, financiada grazas ao legado dun dos seus asociados, Roy Osbourne. Compoñen esta serie publicacións de carácter monográfico cunha extensión superior á adecuada para seren publicados no British Numismatic Journal.[16]

A publicación destes traballos conta coa colaboración da editora Spink.[17]

  1. ↑ "introduction to the Society". Sitio web da BNS.
  2. ↑ Pagan, H. (2003).
  3. ↑ "The British Numismatic Society: A History". En British Numismatic Journal. Vol. 73. Nº 4. Páxina 1.
  4. 1 2 3 4 5 6 7 8 "History". No sitio web da BNS.
  5. 1 2 3 Pagan, H. (2003). Páxinas 1-15.
  6. 1 2 Pagan, H. (2003). Páxinas 15-18.
  7. ↑ Pagan, H. (2003). Páxinas 19-24.
  8. 1 2 Pagan, H. (2003). Páxinas 24-44.
  9. ↑ "Coin Register Arquivado 03 de abril de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da BNS.
  10. ↑ "History: Presidents of the Society". No sitio web da BNS.
  11. ↑ "Library". No sitio web da BNS.
  12. 1 2 3 "Society Medals". No sitio web da BNS.
  13. ↑ Clancy, C. “The Centenary Medal of the British Numismatic Society”. British Numismatic Journal 72 (2002). Páxinas 187-188.
  14. 1 2 "Prizes": Arquivado 04 de agosto de 2020 en Wayback Machine. No sitio web da BNS.
  15. ↑ "British Numismatic Journal Arquivado 03 de abril de 2019 en Wayback Machine. ". No sitio web da BNS.
  16. ↑ "Special Publications Arquivado 03 de abril de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da BNS.
  17. ↑ "British Numismatic Society Publications". En Spink Books.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]