A Pobra do Caramiñal: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Nachonion (conversa | contribucións)
Liña 149: Liña 149:


Suponse que os cruceiros teñen a súa orixe nunha orde relixiosa ditada polo [[Sisto V, papa|Papa Sisto V]] en [[1587]] para defende-las costas dos piratas e corsarios. En A Pobra do Caramiñal hai 27, e poden ser de dous tipos: cruceiros de vara ou de fuste que posúen chanzos, estrado, pedestal, fuste e capitel, e os cruceiros "[[Cruceiro de capela|de capela]]" ou "[[Cruceiro de capela|de Loreto]]" que son típicos da zona do Barbanza, entre os que resaltan:
Suponse que os cruceiros teñen a súa orixe nunha orde relixiosa ditada polo [[Sisto V, papa|Papa Sisto V]] en [[1587]] para defende-las costas dos piratas e corsarios. En A Pobra do Caramiñal hai 27, e poden ser de dous tipos: cruceiros de vara ou de fuste que posúen chanzos, estrado, pedestal, fuste e capitel, e os cruceiros "[[Cruceiro de capela|de capela]]" ou "[[Cruceiro de capela|de Loreto]]" que son típicos da zona do Barbanza, entre os que resaltan:
* Cruceiro de Moldes, no monte da Curota, mesmo á beira da estrada que une A Pobra e Ribeira. É un dos máis importantes da vila e dos que mellor se conservan. De tipo cruceiro-capela conserva unha imaxe da Virxe que aínda hoxe goza de gran fervor popular. Arredor deste cruceiro aínda hoxe se celebra a romería da Virxe de Moldes, antigamente os quintos que ían ser chamados para a marina, reuníanse nesta romería que era unha especie de despedida.
* Cruceiro de Moldes, no monte da Curota, mesmo á beira da estrada que une A Pobra e Ribeira. É un dos máis importantes da vila e dos que mellor se conservan. De tipo cruceiro-capela conserva unha imaxe da Virxe que aínda hoxe goza de gran fervor popular. Arredor deste cruceiro aínda hoxe se celebra a romería da Virxe de Moldes, antigamente os quintos que ían ser chamados para a mariña, reuníanse nesta romería que era unha especie de despedida.
* Cruceiro de Xunqueiras, (1679) tamén de capela, consérvase a poucos metros da Torre do mesmo nome.
* Cruceiro de Xunqueiras, (1679) tamén de capela, consérvase a poucos metros da Torre do mesmo nome.
* Cruceiro de Santa Cruz de Lesón (1595), en Lesón.
* Cruceiro de Santa Cruz de Lesón (1595), en Lesón.

Revisión como estaba o 12 de novembro de 2015 ás 15:53

Coordenadas: 42°36′01″N 08°56′26″O / 42.60028, -8.94056

A Pobra do Caramiñal
Bandeira da Pobra do Caramiñal
Escudo da Pobra do Caramiñal
Casa do concello.
Situación
Xentilicio[1]pobrense
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca de Barbanza
Poboación9.672 hab. (2014)[2][3]
Área32,4 km²[3]
Densidade298,52 hab./km²
Entidades de poboación5 parroquias[4]
Capital do concelloA Pobra do Caramiñal
Política (2015)
AlcaldeXosé Lois Piñeiro (Nós Pobra)
ConcelleirosBNG: 3
PPdeG: 5
PSdeG-PSOE: 1
Outros: Nós Pobra 4
Eleccións municipais na Pobra do Caramiñal
Uso do galego[5] (2011)
Galegofalantes47,64%
Na rede
apobra.com
editar datos en Wikidata ]

A Pobra do Caramiñal[6] é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Barbanza. Segundo o IGE en 2014 tiña 9.672 habitantes (9.664 no 2012, 9.726 no 2011, 9.858 no 2010). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «pobrense».

Xeografía

O concello da Pobra do Caramiñal sitúase na cara sur da península do Barbanza, asomando á beira norte da ría de Arousa que baña a súa costa. A Pobra está encaixada entre dita ría e o monte Curota (un dos máis altos da serra do Barbanza, con 498 m de alto) e limita cos concellos de Ribeira, Boiro e Porto do Son.

Orografía

A súa configuración xeolóxica responde principalmente aos movementos tectónicos que modelaron unha sucesión de bloques elevados e afundidos. No interior levántanse, entre outras, as montañas da Curotiña (368 metros) e A Curota (498 metros), e o resto das formacións do Barbanza (656 metros), miradoiros naturais dende os que se obteñen unhas amplas vistas das Rías Baixas.

Clima

O clima local caracterízase polos persistentes ventos mariños do leste e sueste e a suavidade das temperaturas ao longo do ano (12,1 °C de media). As zonas de máis atractivo son o Río Pedras (onde están situadas as piscinas naturais) e a praia de Cabío-Lombiña. Tamén hai outras praias non tan coñecidas, como A Barca, Lombiña, Laxe e a Corna.

Demografía

Censo total (habitantes) 9.672 (2014)
Menos de 16 anos 1.284 (13,27 %)
Entre 16 e 64 anos 6.261 (64,73 %)
Máis de 64 anos 2.127 (21,99 %)
Evolución da poboación de A Pobra do Caramiñal   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
6.540 8.784 8.010 10.067 9.992 9.878 9.726 9.664 9.646
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia

Algúns autores e historiadores afirman que os primeiros poboadores deste municipio foron os Praestamarcos, que vivían nos castros, moitos deles hoxe desaparecidos e outros aos que é imposible o acceso ben por estar en propiedades privadas, ou ben por estar aínda sen escavar. Durante a romanización de Galicia acondicionáronse os camiños tradicionais de paso. A calzada romana Per Loca Marítima que unía esta zona coas localidades de Boiro e Porto do Son puido pasar pola ponte romana da Miserela.

Os séculos posteriores non tiveron un gran movemento poboacional. A poboación empezou a se asentar no interior, para evita-las incursións viquingas que se deron adoito durante Idade Media (s. V - s. XV).

Dende sempre a vida da vila estivo ligada ao mar. O deán era a persoa que a dirixía e gobernaba. O primeiro deán da Pobra foi Guillén Beltrán. Este personaxe gobernaba dende un castelo, incendiado e destruído pola revolta dos Irmandiños, do que hoxe non queda nada, agás o nome da parroquia (Castelo ou O Santiago do Deán), tamén coñecida como A Pobra do Deán.

Non lonxe existía outro núcleo poboacional sobre o que exercía dominio a familia Xunqueiras, familia así mesmo procedente doutra nobiliaria galega destacada: os Soutomaior. A fusión de ámbolos dous núcleos (O Castelo e a vila do Caramiñal) non tivo lugar ata o século XIX (máis concretamente no ano 1822) resultando da mesma a actual vila da Pobra do Caramiñal.

A diferenza entre O Castelo, onde residía a nobreza, e a vila do Caramiñal, onde residían os pescadores e agricultores, quedou reflectida no actual escudo da Pobra, dividido pola metade: a parte esquerda mostra unha embarcación navegando baixo dúas conchas de vieira (mostra da dependencia de Compostela), que representa a parte da Pobra do Deán; na parte dereita móstrase un camiño que leva cara a dúas casas, das que xorde unha planta, a camariña, referencia da Pobra.

Durante o século XIX os industriais cataláns fomentaron a industria conserveira na zona, ademais da creación de navíos e de emprego na zona.

Toponimia

O nome Pobra vén dun derivado regresivo do verbo pobrar (lat. POPULARE), moderno poboar. Na Idade Media existían as variantes Pobla (a máis antiga), Pobra, Povra e Prova, e posteriormente sufriu un proceso de castelanización, ata que a finais do século XX, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia regularizou os nomes dos tres concellos galegos que portan este elemento como Pobra.[7]

En canto á segunda parte do nome, crese que o nome Caramiñal provén da planta da camariña [8] (Corema album), moi abundante antigamente en toda a zona e hoxe moi difícil de localizar e que tamén dá nome a outra localidade galega, Camariñas.

Patrimonio

Patrimonio arquitectónico

Arquitectura relixiosa

Sen saír da vila hai que destaca-la igrexa de Santiago do Deán, a de maior interese arqueolóxico e arquitectónico. Nela fúndense os estilos románico, gótico, barroco e neoclásico. Enriba da porta principal aparece un Santiago Peregrino e no tellado da súa fachada sitúanse unhas curiosas figuras de dous músicos (un home e unha muller). En liñas xerais podemos adscribir a totalidade do templo ao chamado Gótico Mariñeiro a ton coa Igrexa de San Martiño de Noia, a Igrexa de Santa Mariña Dozo en Cambados e mesmo a Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra. Ao longo da historia de dita igrexa fóronse abrindo diferentes capelas nos seus muros, destacando a Capela da Transfiguración, a Capela do Carme, a capela da Soidade (que contén unha interesante talla en madeira da Virxe da Soidade), a capela de Xesús Nazareno (de grande arraigo no pobo e mais aló das súas fronteiras), a capela da Concepción e a capela da Alba, de grande interese arquitectónico, artístico, estilístico e estético.

A igrexa de Santa María a Antiga do Caramiñal foi fundada no século XVI por Gómez Pérez das Mariñas e reformada nos séculos seguintes. Ten como partes máis antigas a bóveda e maila nave. No século XX engadíuselle unha nave lateral. Sobre o rosetón da súa fachada, un vello escudo de armas representa as máis nobres familias da comarca. Posúe un interesante retablo barroco coroado pola imaxe de San Miguel Arcanxo matando ao demo.

A igrexa de Santa María do Xobre, situada a carón do IES Francisco Barreras Puente, é un monumento do século XVIII, agás a alta espadana, do XIX. Este último lugar de oración pertenceu anteriormente ao mosteiro de Misarela, do cal, do templo medieval nada perdura.

A igrexa de San Isidro de Posmarcos foi levantada no século XVII partindo dun primitivo templo románico do que pouco se conserva. Nela é curiosa a situación da espadana e da escaleira de acceso á mesma.

Cómpre destacar, asemade, os numerosos cruceiros e petos de ánimas distribuídos polo concello.

Suponse que os cruceiros teñen a súa orixe nunha orde relixiosa ditada polo Papa Sisto V en 1587 para defende-las costas dos piratas e corsarios. En A Pobra do Caramiñal hai 27, e poden ser de dous tipos: cruceiros de vara ou de fuste que posúen chanzos, estrado, pedestal, fuste e capitel, e os cruceiros "de capela" ou "de Loreto" que son típicos da zona do Barbanza, entre os que resaltan:

  • Cruceiro de Moldes, no monte da Curota, mesmo á beira da estrada que une A Pobra e Ribeira. É un dos máis importantes da vila e dos que mellor se conservan. De tipo cruceiro-capela conserva unha imaxe da Virxe que aínda hoxe goza de gran fervor popular. Arredor deste cruceiro aínda hoxe se celebra a romería da Virxe de Moldes, antigamente os quintos que ían ser chamados para a mariña, reuníanse nesta romería que era unha especie de despedida.
  • Cruceiro de Xunqueiras, (1679) tamén de capela, consérvase a poucos metros da Torre do mesmo nome.
  • Cruceiro de Santa Cruz de Lesón (1595), en Lesón.
  • Cruceiro do Cristo do Pichón (1750), na praza do mesmo nome.
  • Cruceiro de San Lázaro (fins SXVI), de gran antiguidade e gran valor artístico, visible no xardín da familia "Castro Dios", á entrada da Pobra dende Boiro.
  • Cruceiro da Mercé (fins SXVI), foi propiedade do pazo-priorato da Mercé e atópase nun fermoso mirador natural.
  • Cruceiro do adro do Deán (1750)
  • Cruceiro da Ponte do Maño (1620) construído polos Franciscanos eremitas do Convento de Santo Antonio, aínda hoxe conserva un peto de ánimas do purgatorio, feito para recadar esmolas e contribuír a que as ánimas do purgatorio acaden a felicidade no ceo.

Pazos

Dentro do núcleo urbano da Pobra do Caramiñal atópase a Casa Grande de Aguiar, hoxe residencia privada pechada ao público. A súa orixe está nunha edificación do século XVI que levantou a familia Romay, próxima á torre de Xunqueiras, pero a construción actual é do século XVIII e o nome de Aguiar vénlle por enlaces matrimoniais con esta liñaxe. Tamén se relacionaron os posuidores do conxunto co ilustre sociólogo do século XIX Joaquín Díaz de Rábago. Na fachada destaca un frontón no que se inclúe un dobre escudo nobiliario no que se repiten as aguias do apelido Aguiar.

A carón desta Casa de Aguiar áchase o pazo de Couto, construído en 1717, segundo figura no portalón de entrada ao xardín que o rodea. Pertenceu dende a súa fundación ata a actualidade á familia Valderrama. Posúe unha fermosa fachada barroca cun alargado soportal e galería con balaustrada. Nun dos muros laterais resalta unha orixinal pedra de armas sostida por unha serea asociada á familia dos Mariño.

Tamén dentro do núcleo urbano, próxima á praia do Areal, consérvase o Pazo ou Torre de Bermúdez, unha orixinal casa nobre renacentista e plateresca do século XVI, deseñada por Rodrigo Gil de Ontañón e declarada Monumento Histórico-Artístico en 1976. En maio de 1987 rematou a súa restauración e inaugurouse como Casa Museo Valle-Inclán, a cuxos antepasados pertenceu. Contén tamén a Casa de Cultura, con sala de exposicións, auditorio e biblioteca.

Sen se afastar moito da poboación, sobre un outeiro, álzanse as soberbias Torres de Xunqueiras, no Xobre, que conservan o nome dos seus primeiros señores. Fernán Martín de Xunqueiras fora no século XIII o fundador desta liñaxe, que exerceu durante séculos o señorío sobre a vila do Caramiñal. Un descendente dos Xunqueiras casou coa filla do famoso político Paio Gómez de Soutomaior, embaixador de Henrique III ante o Gran Tamerlán de Hungría. O pazo pasou, para rematar, aos condes de Camarasa, quen o posuíron ata o seu alleamento a finais do século XIX. Accédese a el por unha longa avenida de plátanos orientais. O edificio foi levantado no século XV sobre a primitiva torre medieval e sufriu algunhas reformas en séculos posteriores. Na actualidade conserva un robusto corpo cunha sólida torre cara ao sur e, no lado oposto, un balcón esquinal, así como varias pedras de armas. En 1981 a Torre de Xunqueiras foi declarada Monumento Histórico-Artístico.

Estatua de Valle-Inclán, obra de Gonzalo Sánchez Mendizábal.

Na enseada da Mercede (Posmarcos) quedan as ruínas do pazo do mesmo nome, no que o escritor Valle-Inclán pasou algunhas tempadas. Nos seus arredores desenvólvese a imaxinaria acción dalgunhas das súas narracións de Comedías bárbaras e Romance de lobos. Na capela, de estilo plateresco do século XVI, había unha imaxe da Virxe golpeando ao demo. A mediados dos anos oitenta sufriu un incendio e a imaxe desapareceu. No escudo do edificio aparecen, acuartelados pola cruz de Ribadeneira, varios emblemas das familias nobres da zona.

Finalmente, tamén está a Casa da Cadea, na rúa da Ponte, que antigamente foi un cárcere xurisdicional do vizconde de Xunqueiras; e a Casa gótica do Patín, na rúa da Feira, cunha arquitectura tradicional con corredor cuberto compartido por dúas vivendas veciñas.

Patrimonio natural

A Curota

A zona montañosa da Pobra do Caramiñal destaca polo seu desnivel, xa que, en menos de cinco quilómetros aproximadamente baixa dende zonas altas, de 656 metros, como o Barbanza e zonas máis baixas coma os Forcados (618 m), deica case o nivel do mar. Na Curota hai dous miradoiros dende os que se pode ver unha ampla paisaxe.

Ademais hai uns parques de enerxía eólica que se poden ver ben dende O Maño.

Dende a parte superior descenden varios ríos ou regatos, entre os que destacan o San Antonio, que vén dende a Curotiña; o Pedras, que nace nesta parte da serra e remata na Barbanza; e o Lérez, que nace preto deste pobo, en Boiro.

A vexetación foi afectada por diversos incendios nos últimos anos, estando constituída principalmente por eucaliptos e piñeiros.

A Carballeira

A Pobra do Caramiñal ten unha carballeira con variedade de animais, árbores e plantas. Actualmente conta ademais cun parque con maquinas de exercicios.

Cabío/Lombiña

A praia de Cabío, mellor denominada praia da Lombiña, está situada ao sur da Pobra do Caramiñal. Ten unha lonxitude duns 400 metros e unha largura entre 10 e 40 metros de area branca, fina e branda. Está delimitada pola banda sur polas pedras da Furniña, que a separan da praia da Illa; e pola outra polos Aguillóns que a unen á praia da Barca, onde está localizado o cámping. Posúe a bandeira azul dende hai moito tempo.

Piscinas naturais

As piscinas naturais son unha das paisaxes características da Pobra. Sitúanse en Santa Cruz, na parroquia de Lesón. Conta a lenda que as piscinas naceron porque san Mauro chegou ao nacemento das piscinas nunha barca de pedra (identificada cunha pedra que hai no bordo das piscinas) perseguido polos mouros. O santo ía remontando o rio, asemade que o ía enchendo de cantos rodados para obstaculiza-lo paso dos seus inimigos.

Hai moitas piscinas, cada unha diferente. Nunha delas atópase O Demo, unha pedra a máis de 8 metros de altura que vai dar a unha conca profunda, onde hai unha parede de pedra.

Tamén se poden atopar antigos muíños de auga abandonados. A carón da ponte medieval atópase o antigo convento da Miserela, do que só se conservan a parte baixa dos muros e o sistema de canalización de auga do cal se abastecían os frades. Por acordos cos señores de Xunqueiras e Goiáns, construíuse o mosteiro de Santo Antón do Xobre (hoxe só se conserva a pequena igrexa do Xobre) o cal obrigou aos monxes da Misarela a abandonar o conxunto á beira do río Pedras para estar preto do mar, desta forma favoreceríanse os privilexios dos señores de Xunqueiras, benefactores da construción de dito convento.

A este convento da Misarela, xa abandonado daquela, referíase Frei Martín Sarmiento na súa Viaje a Galicia en 1745 deste xeito:

Vi las ruinas y se ve aún la iglesia y la corta habitación, pero todo yermo. Y apenas se puede tener uno en pie en aquel paraje, tanta es la cortedad del terreno que admira como allí podían vivir racionales... A la orilla del río [Barbanza] se ve una piedra que llaman 'el Barco' y dicen que en él vino San Juan y otras patrañas semejantes.

Etnografía

A Pobra do Caramiñal na cultura popular galega

  • Na Arousa non hai mozas,/ en Boiro todas son vellas;/ vivan as de San Isidro/ que n’hai mozas como elas. [9]
  • No Castelo hai boas mozas,/ no Caramiñal pardelas,/ non Maño son pequeniñas,/ no Campiño a frol delas. [10]
  • Viva Boiro, viva Boiro,/ viva Boiro, viva ben./ Viva Boiro, viva Boiro/ e San Isidro tamén.
  • Na capital de Lesón / provincia de San Amaro / atoparon unha mina / de arandelas con furados. / Falar baixiño / falar baixiño / que nos poden escoitar / e se nos oen / e se nos oen / son capaz de nos berrar.

Festas e celebracións

Carme dos Pincheiros

É unha festa que se celebra na terceira semana de agosto na parroquia da Pobra do Caramiñal en honor da patroa dos mariñeiros, a Virxe do Carme dos Pincheiros. Na procesión da Virxe chama a atención un desfile de xigantes e cabezudos. Esta procesión non é marítima senón terrestre dado que os Pincheiros son os mariñeiros de baixura. A ofrenda floral realízase ao pé da Lonxa, no pantalán da praia do Areal.

Os xigantes e cabezudos son unha serie de marionetas xigantes e disfraces de Disney que levan un grupo de rapaces pola vila. Cada certo tempo, os cabezudos e xigantes paran nun espazo amplo e dedican un baile ós cidadáns do pobo.

O sábado das festas do Carme celébrase unha festa da auga denominada Sanxuerguíns. Mentres avanzan os participantes, os habitantes das casas van botándolles auga e a festa remata con aqueles lanzándose ao mar, a unha fonte etc.

Festa do Nazareno

As festas do Nazareno, declaradas festas de interese turístico nacional, celébranse o terceiro domingo de setembro. Dentro destas festas celébrase a procesión das mortallas [1], documentada xa no século XV. As orixes remóntanse a unha ofrenda do que daquela era o rexedor da vila, que sandou dunha grave enfermidade na véspera da procesión. Dende entón a ofrenda é realizada por persoas que estiveron en perigo de morte, como agradecemento á intercesión de Xesús o Nazareno. Os oferentes, que levan cirios e van vestidos de nazarenos, son acompañados por amigos e por familiares que conducen un ataúde. Considérase a festa de mais importancia dentro do núcleo da Pobra do Caramiñal. A imaxe venérase na Igrexa Parroquial de Santiago do Deán.

O Carme do Castelo

Celébrase no mes de xullo na parroquia do Deán, cunha procesión marítima na que se pasean pola ría a imaxe da Virxe do Carme e o Apóstolo en barcos especialmente engalanados para a ocasión.

Gastronomía

A gastronomía da Pobra é ampla, cunha grande variedade de cárnicos con denominación de orixe galega así como tamén de marisco e peixe da ría. Existen diversos restaurantes e cafés espallados pola vila, amais dunha praza de abastos que fornece de produtos frescos.

Turismo

Ademais das posibilidades de practicar diversos deportes náuticos (remo, vela etc.), existen outras opcións relacionadas coa montaña: sendeirismo polas rutas da Curota e Curotiña, ciclismo de montaña ou, simplemente, a acampada ao aire libre na praia de Cabío.

As praias do municipio son un atractivo na época estival. As praias de Lombiña, Cabío e Illa de Laxe mereceron a Bandeira Azul no ano 2005.

Deporte

Club de remo Puebla

O club de remo Puebla foi fundado no ano 1979 por un grupo de persoas da localidade coa colaboración de Carmela Arias Díaz de Rábago, que patrocinou a compra da primeira traiñeira, á que se lle deu o nome de Carmela.

Puebla F.C.

Foi fundado en 1973. Durante os anos 1973-1982 o Club disputaba os seus partidos no Campo do Xobre, e a partir do ano 1982 pasou ao Campo Municipal de Deportes da Alta, en Cabío.

Galería de imaxes

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "A Pobra do Caramiñal".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  6. A finais do século XX, cando o topónimo estaba castelanizado, propuxéronse como alternativas, segundo o modelo das formas portuguesas, as formas Póboa ou Póvoa que aínda seguen a ter un certo uso aínda que non teñen carácter oficial.
  7. Boullón Agrelo, Ana Isabel (1991): “Ó redor do topónimo Pobra: estado da cuestión e novos datos”, Cadernos de Lingua 3, pp. 15-24.
  8. Denominada localmente caramiña.
  9. San Isidro de Posmarcos é unha parroquia de Pobra de Caramiñal.
  10. O Castelo e o Maño son parroquias da Pobra do Caramiñal. O Campiño é un lugar desta segunda parroquia.

Véxase tamén

Bibliografía

  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.
  • Gran Enciclopedia Galega
  • Laredo Verdejo, X.L. 1993. Pobra do Caramiñal. Guía. S.L., Concello da Pobra do Caramiñal.

Outros artigos

Ligazóns externas

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias da Pobra do Caramiñal

O Caramiñal (Santa María a Antiga) | Lesón (Santa Cruz) | Posmarcos (Santo Isidro) | Santiago do Deán (Santiago) | O Xobre ou O Maño (Santa María)