Clemente V, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Clemente V, papa
Nacemento1264
Lugar de nacementoUzeste e Villandraut
Falecemento20 de abril de 1314
Lugar de falecementoRoquemaure
SoterradoCollégiale Notre-Dame d'Uzeste
NacionalidadeFrancia
Relixióncatolicismo
Alma mátersen etiquetar e Universidade de Boloña
Ocupaciónsacerdote católico e bispo católico
PaiBertrand de Goth
NaiIde de Blanquefort
IrmánsBérard de Got
Período1305 a 1314
Coñecido porser o papa n° 195 da igrexa católica
OrganizaciónIgrexa católica
CargosBispo de Roma
Na rede
WikiTree: De_Got-2
editar datos en Wikidata ]

Clemente V, nado en Villandraut en 1264 e finado en Avignon o 20 de abril de 1314, foi o Papa nº 195 da Igrexa católica, sendo o primeiro que instaurou a sé papal en Avignon.

De nome Bertrand de Got, realizou estudos de dereito canónico en Orleáns e Boloña. Tras rematalos foi nomeado cóengo en Bordeos, vicario xeral en Lión, capelán do papa Bonifacio VIII, bispo de Commninges e, en 1299, arcebispo de Bordeos.

Elección[editar | editar a fonte]

A súa elección tivo lugar o 5 de xuño de 1305, tras un interregno de once meses ocasionado polas disputas entre cardeais franceses e italianos no conclave, celebrado en Perugia.

Chamado para a súa coroación, xa que ó non ser cardeal non estaba presente no conclave, non se desprazou a Italia, senón que elixiu a cidade de Lión para a súa entronización, que tivo lugar o 14 de novembro de 1305, na igrexa de Saint-Just, contando coa asistencia do rei Filipe IV de Francia.

Clemente estivo durante todo o seu pontificado suxeito ós desexos de Filipe IV, e nada máis ser coroado, o seu primeiro acto foi o nomeamento de nove cardeais franceses próximos ao monarca.

Convertido nunha mera ferramenta en mans de Filipe, anulou en 1306 as sentenzas eclesiásticas que este consideraba contrarias ós seus intereses, especialmente as bulas Clerecis laicos e Unam Sanctam, que promulgara Bonifacio VIII.

Os aspectos máis importantes do seu pontificado foron a eliminación da orde do Temple e o traslado da sé pontificia a Avignon.

Supresión dos Templarios[editar | editar a fonte]

O 13 de outubro de 1307 Filipe IV, endebedado coa orde do Temple, ordenou o arresto de tódolos templarios que se encontrasen en territorio francés, acusándoos de herexía, se ben a súa verdadeira motivación era facerse cos numerosos bens que a orde tiña en Francia e evitar o pago das débedas que mantiña coa mesma.

A detención dos templarios sen a autorización do pontífice, de quen dependía directamente a orde, fixo protestar a Clemente, pero Filipe convenceuno presentándolle as confesións obtidas baixo tortura, conseguindo que o Papa promulgara a bula Pastoralis praeminen, decretando a detención dos templarios en tódolos territorios cristiáns.

Presionado polo rei, Clemente convocou en 1308, mediante a publicación da bula Regnums in coelis, o concilio de Vienne, celebrado entre 1311 e 1312. Este concilio deu lugar á bula Vox in excelso pola que se suprimía, aínda que non condenaba por herexía, a orde templaria.

Avignon[editar | editar a fonte]

En 1309 Clemente V trasladou a sé papal de Roma a Avignon, que daquela pertencía ó Reino de Nápoles.

O traslado tivo inicialmente un carácter provisional, motivado pola situación de inseguridade e caos en que se encontraba Roma, inmersa en loitas e intrigas políticas, e para aproveitar a relativa proximidade con Vienne, onde en 1311 comezou un concilio. Pero o que se iniciara como un acto pasaxeiro, converteuse en permanente ata 1377 durante sete pontificados. Ese período é coñecido como "a segunda catividade de Babilonia". Este período rematou ó regresar Gregorio XI a Roma.

Outros feitos[editar | editar a fonte]

Clemente V completou o Corpus Iuris Canonici coa publicación dunha colección de decretais, coñecida como "Liber Clementarium".

Fundou as universidades de Perugia e Orleáns.

As profecías de San Malaquías refírense a el como De fasciis Aquitanicis (Dos lazos de Aquitania), facendo referencia a que foi arcebispo de Bordeos, en Aquitania, antes de ser elixido pontífice, e a que no seu escudo de armas figuran tres fasces de gulas.


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre Papas é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.