Camiño do Norte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un peregrino avanza entre os lugares de Cerdigo e Islares, na costa de Cantabria.
Representación esquemática dos Camiños de Santiago do Norte

O Camiño do Norte ou ruta da costa é un dos diversos Camiños de Santiago polo que os peregrinos percorren a península para render culto ó Apóstolo. Este itinerario percorre todo o norte peninsular, bordeando a costa cantábrica, desde Irún ata Ribadeo, para logo entrar en terras galegas cara a Santiago, enlazando co Camiño Francés en Arzúa. Presenta, como é habitual nos Camiños de Santiago, numerosas rutas alternativas dentro do mesmo itinerario así como conexións co Camiño Francés desde distintas localidades.

Recollía, fundamentalmente, os peregrinos que viñan de Europa pola costa occidental francesa e mais os que viñan en barco desde Inglaterra ou distintos puntos da Europa setentrional e desembarcaban en Bordeos, Bermeo, Donostia, Santander ou Xixón, entre outros portos cantábricos. Estes peregrinos, unha vez en terra, seguían o itinerario do Camiño do Norte ou descendían perpendicularmente para enlazar co Camiño Francés: desde Irún a Burgos (Camiño Vasco do Interior), desde Torrelavega a Aguilar de Campoo e Carrión de los Condes ou desde Oviedo a Lugo e Palas de Rei (Camiño Primitivo). Á súa vez, a ruta cantábrica recollía peregrinos que viñan polo Camiño Francés e, desde León, ascendían a Oviedo polo Camiño Real, para visitar a catedral de San Salvador e seguir logo a peregrinación cara a Santiago polo Camiño do Norte.

Entre outros peregrinos célebres que fixeron este itinerario no seu camiño cara a Santiago podemos citar a Francisco de Asís, de quen a tradición conta que fixo a viaxe en 1214; o astrónomo veneciano Bartolomeo Fontana, que o fixo entre 1538 e 1539; ou Filipe I, xa no século XVI.

Segundo a Oficina do Peregrino, o Camiño do Norte ocupa o terceiro lugar en número de peregrinos, con 17.312 en 2016, observando un incremento nos últimos anos [1].

O Camiño do Norte percorre, bordeando a costa, as provincias de Guipúscoa, Biscaia, Cantabria e Asturias. Entra en Galicia por Ribadeo e pasa por Mondoñedo, Vilalba, Sobrado e conflúe co Camiño Francés en Arzúa.

Como acontece con outras rutas, as distintas guías e fontes que se poden consultar difiren -lixeiramente- en canto o itinerario a seguir, sendo maiores as diferenzas no número e distancia das etapas nas que dividen o Camiño. No presente artigo seguiremos a distribución proposta pola Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago,[2] que divide o Camiño en 32 etapas (ata Arzúa). Todos coinciden en que non sofre a masificación do Camiño Francés pero, como consecuencia, a infraestrutura está moito menos dotada en canto á sinalización, mantemento dos camiños e albergues de peregrinos (en número e capacidade).

O Camiño do Norte en Francia[editar | editar a fonte]

O antigo Camín de Soulac baixaba pola costa occidental francesa desde Quimper e Paimpol, na Finistère francesa. Seguía por Nantes, Soulac-sur-Mer[3] e Bordeos, e remataba en Hendaia, na fronteira con España. Unha vez superada a fronteira e xa en territorio español atópase Irún, localidade considerada como punto de partida do Camiño do Norte.

O Camiño do Norte no País Vasco[editar | editar a fonte]

Estela xunto á ermida de Santiagotxo (Hondarribia).

Xa en Irún, os peregrinos debían optar por dúas rutas alternativas a Santiago:

  • A que se denomina Camiño Vasco do Interior, ruta seguida polos romanos como porta de entrada na península. Esta ruta pasaba por Tolosa, Vitoria, Miranda de Ebro e Burgos, para continuar polo Camiño Francés. Tamén era posible acceder antes a este desviándose en Vitoria cara a Haro (A Rioxa).
  • O Camiño da Costa (Camiño do Norte) cara a Donostia e Cantabria. Este é o itinerario que se describe no presente artigo.

1ª etapa: Irún - Donostia[editar | editar a fonte]

O Camiño parte da ponte internacional de Santiago sobre o río Bidasoa, que separa Francia de España. Deixa Irún bordeando as marismas de Txingudi e axiña chega a Hondarribia, onde se atopa a ermida de Santiagotxo. Ó pouco pode visitarse o Santuario de Guadalupe, citado en 1526 no contexto dunha doazón de 6 ducados de ouro por Juan Sebastián Elcano.

Segue por Pasaia (Pasajes), atravesada polo río Oiartzun, e accede a Donostia tras cruzar o río Urumea. A primeira mención documentada da cidade é unha doazón no ano 1014 do rei navarro Sancho III O Maior (990-1035) [4], do mosteiro de San Sebastián ó de Leire. En Donostia destacan a catedral do Bo Pastor (do século XIX), o palacio de Miramar (tamén do XIX, que foi residencia de verán das raíñas Isabel II e María Cristina) e a escultura Peite do Vento, de Eduardo Chillida[5].

2ª etapa: Donostia - Zarautz[editar | editar a fonte]

Non tan dura como a etapa anterior, nesta tamén haberá que sufrir ascensos e descensos, se ben non tan pronunciados.

Tras deixar Donostia, o Camiño atravesa Igeldo[6]. Alcanzado o alto de Munioetazar comeza o camiño descendente cara a Orio, que acolle un Centro de Interpretación do Camiño e a igrexa parroquial de San Nicolao de Bari, de principios do XVII. Crúzase o río Oria e bordéase a ría ata Txurrika, para chegar ó pouco a Zarautz.

Dentro de Zarautz, concretamente no barrio de Elkano, está a igrexa de San Pedro, documentada en 1025 (o que fai sospeitar que fose o berce ó redor do cal naceu Zarautz). Tamén cómpre visitar o palacio de Narros (do século XVI), a casa-torre dos Zarautz (do XIV-XV) e a igrexa parroquial de Santa María a Real.

3ª etapa: Zarautz - Deba[editar | editar a fonte]

Pórtico de Santa María de Deba.

Nova etapa de subidas e baixadas, na que o Camiño pasa por Getaria (berce de Juan Sebastián Elcano) e Askizu. Tras cruzar o río Urola, chega a Zumaia, deixando á dereita a praia de Santiago; en Zumaia destaca a casa museo de Zuloaga e a igrexa de Santiago. Pasa logo por Elorriaga e segue o curso da estrada N-634, para chegar a Itziar, co santuario de Santa María (do século XVI, construído sobre un templo románico anterior; conserva a portada do século XIII)[7].

Finalmente, chega a Deba, pasando antes ó pé da ermida de San Roque, na que dúas vieiras adornan unha fornela na parede. Deba foi fundada por Sancho IV no lugar que ocupa actualmente o barrio de Itziar en 1294 e bautizada co nome de Mont-Real. No 1343 foi trasladada ao seu actual lugar na desembocadura do río Deba, pasando a denominarse Mont-Real de Deva, e finalmente o nome da vila acabaría confundíndose co do río ó perder o apelativo de Mont-Real.

"A poboación de Yziar foi Vila coa denominación de Mont-Real dende o 24 de xuño de 1294, na que librou privilexio de tal o Rei Don Sancho o IVº de Castela en Valladolid, até o 17 de xuño de 1343, que Don Afonso XI concedeu na Real de sobre Alxecira outro privilexio, para que se trasladara ao sitio, en que hoxe se acha".

Un dos monumentos de Deba é o Convento Hospital de Sasiola, do século XVI ou XVII, que foi convento e hospital de peregrinos.

4ª etapa: Deba - Markina[editar | editar a fonte]

Nesta etapa, toda interior como sucederá coas seguintes, seguen sucedéndose os ascensos e descensos das anteriores.

O Camiño deixa Deba e cruza o río do mesmo nome. Pasa xunto á ermida do Calvario, en Maia, e segue ata Olatz (do concello de Mutriku), seguindo o leito do rego Anu. Tras entrar na provincia de Biscaia pasa polos lugares de Damukorta, Arnoate, Atzorinzabal e Amulategui. Finalmente, tras deixar ó lado a ermida de Arretxinaga (do século XVIII) chega finalmente a Markina.

Markina foi fundada en 1335 polo Infante Don Tello, Señor de Biscaia, co nome de Villaviciosa de Marquina, e constituía a marca fronteiriza con Guipúscoa. Está formada pola vila do mesmo nome e o elizate de Xemein. Entre 1969 e 2005 incluíu o elizate de Zenarruza, da que se falará na etapa seguinte. Markina sufriu constantes bombardeos durante a Guerra Civil.

5ª etapa: Markina - Gernika[editar | editar a fonte]

Reprodución do Guernica de Picasso, na localidade que conmemora.

A etapa comeza seguindo o curso do río Artibal e pasando xunto á ermida da Nosa Señora de Erdotza (do XVI), ata Irizubieta, Altzaga e Arta, chegando finalmente a Bolibar (de onde procede a familia do liberador de Venezuela Simón Bolívar, e que conta cun museo dedicado a este).

Segue, por unha calzada medieval, ata o mosteiro de Zenarruza, de estilo gótico (aínda que con restos do século XI) e claustro renacentista[8]. Continua ata o alto de Gontzagarigana e pasa por Uriona, Gerrikaitz e, despois de cruzar o río Lea, por Munitibar. Os pasos seguintes son Aldaka, onde se ergue unha ermida dedicada a Santiago (do XVIII), e Berriondo (do concello de Mendata). Berriondo naceu no século X ó redor da igrexa de San Miguel Arcanxo.

O Camiño segue por Zarra, cruza a ponte de Artzubi e pasa por Elexalde (coa igrexa de Santo Tomás), Marmiz e Ajangiz (coa igrexa da Ascensión, do século XIX). Desde aquí, percorre a beiravía da estrada ata Gernika. Gernika tivo hospital de peregrinos (Hospital do Señorío, século XVI).

Os elementos máis significativos desta localidade son a Casa de Xuntas e a árbore de Gernika[9]. Gernika foi practicamente arrasada o 26 de abril de 1937, nun bombardeo masivo realizado pola aviación alemá da Lexión Cóndor, no transcurso da Guerra Civil Española. Este feito inspirou ó pintor Pablo Picasso o seu famoso cadro Guernica.

6ª etapa: Gernika - Lezama[editar | editar a fonte]

Antes de abandonar Gernika, o peregrino pasa a carón da Casa de Xuntas e a ermida de Santa Lucía, e comeza entón unha breve subida ata o alto de Bilikario (230 m). Pasa pola aldea de Pozueta e a ermida de Santo Estevo de Gerezik, pola mesma ruta que séculos atrás seguían os señores vascos a Gernika; e logo Landotz e Eskerika, para chegar ó pouco á estrada, da que cómpre seguir pola beiravía durante toda a segunda metade da etapa.

O Camiño segue por Astoreka, Goikoelexalde (coa igrexa de San Emeterio e San Celedonio) e Larrabetzu (coa igrexa barroca de Santa María). Finalmente accédese a Lezama, onde destaca a Torre de Lezama (construída por Pedro Ruíz, antigo Señor de Biskaia) e a igrexa románica de Santa María. Tamén a pequena capela (humilladero) do Santo Cristo, datada a mediados do XVI.[10]

En Lezama tamén se atopan as instalacións de adestramento do Athletic de Bilbao.

7ª etapa: Lezama - Bilbao[editar | editar a fonte]

Torre da Basílica da Nosa Señora de Begoña

Déixase Lezama seguindo a beiravía da estrada ata Zamudio, coa igrexa de San Martiño e a torre dos marqueses de Malpica, punto no que se abandona a estrada e comeza a subida ó monte Avril (365 m [11]), única dificultade desta etapa. Un tramo deste ascenso segue unha antiga calzada dos Zamudianos, un antigo camiño real que viña de Bermeo.

Axiña chégase a Bilbao, onde se entra polo barrio de Begoña no que destaca a basílica da Nosa Señora de Begoña, patroa de Biskaia, construída entre 1511 e 1621 sobre o que foi unha antiga ermida. A fachada que tiña, manierista do século XVII, quedou derruída durante a Primeira Guerra Carlista (1833-1840) e foi reconstruída a principios do século XX. A talla da Virxe, de madeira policromada, é gótica de comezos do XIV.

Tamén cómpre visitar a catedral gótica de Santiago (século XIV), a igrexa dos Santos Juanes (barroca do XVII) e a de San Nicolao (XVIII). Noutra orde de cousas, en Bilbao destaca o Museo Guggenheim.

8ª etapa: Bilbao - Portugalete[editar | editar a fonte]

A etapa ascende pola beira esquerda da ría do Nervión, por un percorrido eminentemente urbanizado que atravesa Bilbao, Barakaldo e Portugalete, todo no chamado Gran Bilbao.

Comeza saíndo de Bilbao pola ponte do Santo Antón, construída sobre unha antiga ponte medieval que foi a única forma de cruzar o río durante séculos. Pasa por Basurto e ascende ata o monte Kobetas para cruzar logo o río Kadagua pola ponte del Diablo. Pasa logo xunto a ermida de Santa Águeda e ascende ó norte para pasar por Cruces e Retuerto (dous distritos de Barakaldo) e bordear o estadio de fútbol da cidade.

Tras cruzar o río Galindo chega a Sestao, xa lindeiro con Portugalete, na desembocadura da ría. Nesta cidade destaca a ponte colgante, denominada oficialmente Ponte de Biscaia, que une Barakaldo con Getxo. Trátase dunha elevada estrutura metálica construída en 1893, por Alberto de Palacio y Elissague (discípulo de Gustave Eiffel), con 163 m de lonxitude e 45 m de altura. Desde 2006 está declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. As torres dos extremos son as orixinais pero o traveseiro que as une foi reconstruído en 1941, ó quedar destruído en 1937 a consecuencia da Guerra Civil. A barquilla que transporta vehículos e pasaxeiros dun lado a outro foi substituída varias veces, a última en 1999.

9ª etapa: Portugalete - Pobeña[editar | editar a fonte]

Tras deixar Portugalete, o Camiño intérnase terra a dentro e segue a dirección da Autoestrada do Cantábrico (A-8) que vén de Bilbao para rematar enlazando coa A-6 en Baamonde, xa en Lugo. Pasa por riba da autoestrada e comeza un ascenso que pasa por Noceda (un lugar do concello de Ortuella) e Gallarta (capital do concello de Abanto Zierbena), onde se pode visitar un museo da minería.

Comeza agora un prolongado descenso no que o itinerario volve a cruzar a A-8 e pasa xunto a Kardeo, ata chegar á praia da Arena, linde dos concellos de Abanto e Muskiz. Bordeando a praia chégase ó final da etapa, Pobeña (lugar deste último concello), no que destaca a igrexa de San Nicolao de Bari, construída polo arcebispo de Burgos en 1750.

O Camiño do Norte en Cantabria[editar | editar a fonte]

10ª etapa: Pobeña - Castro Urdiales[editar | editar a fonte]

Igrexa de Santa María de la Asunción, en Castro Urdiales.

O Camiño segue bordeando a costa e a Punta del Castillo, para entrar axiña na comunidade de Cantabria. Tras cruzar a autoestrada e cruzar o río Sabiote chega a Ontón, xa no concello de Castro Urdiales. En Ontón cabe a posibilidade de seguir o Camiño oficial ou atallar pola beiravía da nacional N-634, que leva bordeando a costa por Saltacaballos e Mioño.

O Camiño oficial é en forte ascenso. Cruza Baltezana e o alto de La Helguera (255 m), e a partir deste punto o resto da etapa é un continuo descenso. Cruza Otañes[12], Los Corrales e Santullán, seguindo o leito do río Mioños. Máis adiante se chega de novo á autoestrada pero desvía ó oeste para cruzar o río Suma e chegar a Sámano, onde houbo un importante hospital de peregrinos citado en 1714. Crúzase o lugar de Llantada e tras cruzar de novo a autoestrada alcánzase finalmente Castro Urdiales.

En Castro Urdiales, o terceiro concello de Cantabria en poboación, destaca a igrexa de Santa María de la Asunción, o máximo expoñente do gótico na comunidade, construída no século XIII, e mailo castelo medieval, no porto. A casa do Concello data do século XVI.

11ª etapa: Castro Urdiales - Laredo[editar | editar a fonte]

Murallas de Laredo, do século XIII.

Como nas etapas anteriores, o itinerario do Camiño segue a dirección da autoestrada do Cantábrico. Ó pouco de deixar Castro Urdiales chega a Allendelagua, onde destacan os restos da torre medieval atribuída popularmente ós templarios[13] (declarada Ben de Interese Cultural no 2002). Segue por Cerdigo (cunha igrexa de San Xoán, coa ábsida románica do XIII) e Islares, onde se conservan as ruínas do hospital de la Vera Cruz, do século XVI[14].

A seguir, cruza as marismas da desembocadura do río Agüera e atravesa de novo a autoestrada[15]. Pasa por Nocina (do concello de Guriezo), onde hai albergue de peregrinos, e segue por Rioseco, onde destaca a igrexa de San Vicente de la Maza, antigo mosteiro, e Revilla, coa ermida de San Brais, do século XVII.

Pasa logo por El Puente (capital do concello), cruza o río Agüera e pasa por La Magdalena e, tras unha brusca subida, Lugarejos. Cruza de novo baixo a autoestrada e pasa polos lugares de Rocillo e Sopeña, xa no concello de Liendo, ata chegar a Hazas (capital do concello), tamén con albergue para peregrinos. Finalmente entra no concello de Laredo polos lugares de Tarrueza e Los Arenales, e alcanza a capital.

Laredo está documentada desde o século X, como posesión do Conde Fernán González (c. 910-970). Foi porto militar de Castela e o único no que estaba permitido, desde Avilés a Bilbao, armar naves para as expedicións as Américas.

12ª etapa: Laredo - Güemes[editar | editar a fonte]

A partir de Laredo cabe a posibilidade de ir directamente a Santoña ou baixar cara a Colindres e rodear as marismas. No primeiro caso, o Camiño percorre a praia da Salvé ata o Puntal de Santoña, onde o peregrino pode coller unha barca que o leva ata Santoña [16]. Logo segue por Dueso (onde está o cárcere do mesmo nome) ata a praia de Berría e a de Trengandín ou de Noja, ata a localidade de Noja (constituída en vila por Filipe IV en 1644).

Segue por Cabanzo e San Pantaleón, lugares de Castillo Siete Villas, concello de Arnuero, logo por Castillo e San Miguel de Meruelo (capital do concello de Meruelo). Tras cruzar o río Campiazo chega a Bareyo, onde destaca a igrexa de Santa María, románica do século XIII, e segue por Villanueva, Quejigal e chega finalmente a Güemes.

A alterativa citada antes pasa por Santolaja, Colindres, Treto, Gama e Escalante, para unirse coa ruta oficial en Castillo.

13ª etapa: Güemes - Santander[editar | editar a fonte]

Esta etapa vai bordeando a costa e pasa por Linderrio, Galizano (do concello de Ribamontán al Mar), San Miguel, Langre e Loredo (co Santuario de Nosa Señora de Latas). A partir de aquí pode collerse a estrada CA-141 ata Somo, cruzar a ponte ata Pedreña (ambas localidades do concello de Marina de Cudeyo) e coller unha barca a Santander; ou ben rodear a pé toda a baía de Santander, por San Salvador e El Astillero. Esta segunda opción aumenta considerablemente a quilometraxe da etapa, pero pode dividirse en dous facendo noite en Astillero.

En Santander cómpre visitar a península da Magdalena e o Palacio da Magdalena (residencia de verán da familia do rei Afonso XIII ata o ano 1931 e hoxe sede da Universidade Internacional Menéndez Pelayo), a catedral da Asunción de Nosa Señora (gótica dos séculos XII e XIV, seriamente danada a consecuencia do incendio da cidade en 1941) e o Museo Municipal de Belas Artes.

14ª etapa: Santander - Queveda[editar | editar a fonte]

Península da Magdalena, en Santander, co Palacio no alto.

Esta longa etapa comeza cruzando Peñacastillo, Santa Cruz de Bezana, Boo de Piélagos (do concello de Piélagos) e dá un amplo rodeo para cruzar o río Pas en Puente Arce (do mesmo concello)[17]. Segue por Oruña e Mogro (xa no concello de Miengo), con igrexa parroquial de San Martiño e a ermida da Virxe do Monte, ámbalas dúas do século XVI, e continúa por Cudón.

Tras bordear as enormes instalacións da industria química Solvay alcánzase Requejada (do concello de Polanco), onde naceu o escritor José María de Pereda (1833) e que conta con dous albergues para os peregrinos.

Continuando pola estrada N-611, o Camiño pasa por Barreda (do concello de Torrelavega) e cruza o río Saja, para chegar finalmente a Queveda (do mesmo concello). Aquí existe unha ermida do XVIII e unha torre-palacio cuxa construción orixinal é un torreón militar do século XV.

15ª etapa: Queveda - Comillas[editar | editar a fonte]

Claustro da colexiata de Santillana del Mar.

Tras pasar primeiro por Camplengo (do concello de Santillana del Mar), chégase ó cabo de 3 km a Santillana. O Camiño pasa ó pé da Colexiata de Santa Juliana, construída no século XII sobre o que foi un mosteiro fundado no ano 870 para venerar as reliquias da santa (Sancta Luliana), que deu nome á vila, e que se conservan no sepulcro que se ergue no cruceiro. Ademais da colexiata, Santillana (declarada Conxunto Histórico Artístico en 1943) conta con diversos museos e, especialmente, coas covas de Altamira, de sona internacional polas súas pinturas rupestres da época do Paleolítico superior que lle fixeron merecer ser consideradas Patrimonio da Humanidade da UNESCO desde o ano 1985.

O Camiño segue por Oreña (do concello de Alfoz de Lloredo) (coa igrexa de San Pedro, do século XVI, e as covas de Cualventi), Cigüenza (coa igrexa de San Martiño), Novales e Cóbreces[18].

Continúa pola Venta del Tramalón, La Iglesia (capital do concello de Ruiloba), Pando (co convento das Carmelitas, do XVIII) e Concha, para chegar a Comillas, onde destaca a Universidade Pontificia de Comillas e o Capricho de Gaudí, construído entre 1883 e 1885 como residencia de verán de Máximo Díaz de Quijano, cuñado do Marqués de Comillas[19]. Conta tamén nas proximidades con varias covas prehistóricas. O vello cárcere de Comillas está hoxe reconvertido en albergue de peregrinos.

16ª etapa: Comillas - Unquera[editar | editar a fonte]

O Camiño pasa nesta etapa por Rubárcena (do concello de Comillas) e La Rabia, onde cruza a ría de la Rabia[20]. Segue por El Tejo (do concello de Valdáliga) e La Revilla (do concello de San Vicente de la Barquera), para entrar axiña na capital do concello atravesando a ría de San Vicente.

Segue por La Acebosa cara a Pesués (capital do concello de Val de San Vicente) e pasa por Hortegal e Estrada (co conxunto medieval da Torre de Estrada, reconstruída no XVII sobre os restos dun recinto amurallado dos séculos VIII e IX, declarada Ben de Interese Cultural en 1992). Segue por Serdio e cruza o río Nansa para chegar a Pesués e, finalmente, a Unquera, na foz do río Deva e a ría de Tina Mayor, que marca a fronteira entre Cantabria e Asturias. O albergue de peregrinos está en Colombres, xa en Asturias, a uns 2 km de distancia.

Desde Unquera parte o Camiño Liebaniego, que serve de enlace entre o Camiño do Norte e o Camiño Francés.

O Camiño do Norte en Asturias[editar | editar a fonte]

17ª etapa: Unquera - Llanes[editar | editar a fonte]

Como o Camiño oficial nesta etapa discorre pola beiravía da estrada N-634, cabe a alternativa de seguir o Sendeiro Costeiro de Longo Percorrido GR-E-9[21].

Unha vez cruzado o Deva, o Camiño entra en Asturias, que percorrerá totalmente de leste a oeste. A primeira localidade que se cruza é Colombres (do concello de Ribadedeva), seguida ó pouco por La Franca. Tras cruzar o río Cabra entra no concello de Llanes, pasando por Buelna e Pendueles. É aquí onde cómpre decidir seguir pola estrada ata Llanes ou desviarse pola ruta GRE-9.

Segue por Vidiago, Puertas de Vidiago e, tras cruzar o río Purón[22], por San Roque del Acebal. Ó pouco pasa pola ermida do Cristo do Camiño, desde onde baixa ata Llanes.

A vila de Llanes está documentada desde o ano 1032. As murallas e a igrexa de Santa María son do século XIII. Destaca tamén o conxunto pictórico-escultórico dos Cubos de la Memoria, obra do vasco Agustín Ibarrola no porto pesqueiro de Llanes.[23]

Basílica de Santa María de Llanes

18ª etapa: Llanes - Sanisteba[editar | editar a fonte]

Palacio de Pietro Cutre (século XVI), hoxe casa do Concello de Ribadesella.

A etapa comeza atravesando Po e Celoriu, onde se poden ver as ruínas do mosteiro románico de San Salvador. Segue por Barru e a igrexa de Nosa Señora das Dores (construída en 1797), e Niembru; e tras cruzar o río Bedón e a praia de San Antolín, chega a Naves, onde destaca o mosteiro de San Antolín de Bedón, do século XII.

O Camiño segue agora polo que foi Camiño Real entre Llanes e Ribadesella. Pasa por Villahormes[24], Nueva de Llanes, Piñeres de Pría e Cuerres, para entrar -a partir da ponte do Aguamía- no concello de Ribadesella.

Ribadesella, fundada no XIII baixo Afonso X o Sabio, alcanzou gran prosperidade na idade media polo comercio de madeira, salmóns e carne de balea.

Cómpre cruzar o río Sella[25] e atravesar a cidade se se quere respectar o itinerario histórico, pasando por San Pedro, Abéu e chegar finalmente a Sanisteba (San Esteban de Leces), cunha igrexa de orixe románica, pero reconstruída trala Guerra Civil.

19ª etapa: Sanisteba - Sebrayo[editar | editar a fonte]

Igrexa de Santa María de Sebrayo

A etapa comeza bordeando a costa por Vega (coa capela de Santa María Magdalena), Berbés e, xa no concello de Caravia, Arenal de Morís. Pasada a praia de Beciella, onde houbo hospital de peregrinos, cruza o río de la Espasa e entra no concello de Colunga, para chegar a La Isla. A partir de aquí, o Camiño deixa a costa e entra no interior de Asturias.

Seguindo a estrada N-632, axiña se chega á capital do concello e, desde aquí, a Pernús e, cruzando a autovía A-8, La Llera. Logo vén Priesca, coa igrexa de San Salvador, do ano 921 (a máis tardía das igrexas prerrománicas asturianas[26]) e La Vega de Priesca, para chegar ó pouco á fin da etapa, Sebrayo, xa no concello de Villaviciosa.

En Sebrayo destaca a capela de Santa María, coñecida como La Capillota, de estilo románico da segunda metade do século XIII. O albergue de peregrinos está nas antigas escolas municipais, reconvertidas en 1998.

20ª etapa: Sebrayo - Xixón[editar | editar a fonte]

O Camiño continúa máis ou menos paralelo á autovía (que cruza varias veces por pasos elevados ou subterráneos). A primeira cidade que cruza é Villaviciosa, que se deixa pola estrada a Infesto AS-255, e pouco despois, Casquita, unha aldea da parroquia de Grases (concello de Villaviciosa).

Neste lugar, o Camiño do Norte divídese en dúas alternativas. Cara ao noroeste, a Xixón, seguindo o itinerario do Camiño do Norte por Ribadeo (Camiño da Costa); ou cara ao sur, por Pola de Siero a Oviedo, onde enlaza co Camiño Primitivo. O presente artigo segue a primeira ruta.

Despois de Casquita, o Camiño comeza un tramo ascendente que pasa por Grases de Abaixo e Niévares, ata chegar ó Alto da Cruz, onde comeza o descenso cara a Peón, cunha pequena igrexa dedicada a Santiago, e Curbiello. O seguinte lugar é Cabueñes e, inmediatamente, Xixón.

21ª etapa: Xixón - Avilés[editar | editar a fonte]

Vista xeral do Centro Cultural Internacional Oscar Niemeyer, símbolo de Avilés (2011)

Etapa tediosa en boa parte, con moitos quilómetros polas zonas urbanas ou periferias industriais de Xixón e de Avilés. Comeza coa ascensión ó Alto do Monte Areo, que non ofrece ningunha dificultade, e pasa por El Valle (no concello de Carreño), coa igrexa de Santa Eulalia. Tras cruzar outra vez máis a autovía do Cantábrico chega a Tamón e, seguindo pola estrada AS-19, a Trasona e, finalmente, Avilés.

Avilés é hoxe a terceira cidade da comunidade en poboación, con categoría de vila de realego desde 1085, privilexio outorgado por Afonso VI. A pesar do desmesurado crecemento urbanístico experimentado desde os anos 50 do século XX coa creación de Ensidesa e outras industrias, Avilés conserva un interesante e rico casco antigo.

22ª etapa: Avilés - Soutu Lluiña[editar | editar a fonte]

Casa reitoral de Soutu Lluiña, antigo hospital de peregrinos.

Longa etapa -38 km- e caracterizada polas continuas subidas e baixadas (cualificada por este motivo como rompepernas). Despois de deixar Avilés, o itinerario pasa por Entreviñas e Salinas (xa no concello de Castrillón).[27] Segue por San Martín de Laspra, La Cruz (deixando ó sur a capital do concello, Piedrasblancas) e Santiagu'l Monte (Santiago del Monte), onde se localiza o aeroporto de Asturias.

Segue por Ranón, no concello de Sotu'l Barcu (Soto del Barco), cuxa igrexa parroquial está dedicada a Santiago, e bordea a ría de Santo Estevo descendendo ata Riolavega, El Castillo e a capital do concello, Soto. Cruza o río Nalón e sobe ata Muros (Muros de Nalón), capital do concello do mesmo nome, para seguir pola N-632 ata El Pito e Rellayo[28]. En El Pito sorprende o conxunto monumental formado polo palacio Selgás, de estilo neoclásico.

O Camiño pasa a carón da praia Concha de Artedo, regresa á estrada e accede a Soutu Lluiña (Soto de Luiña, Cudillero), onde destaca a igrexa de Santa María, do XVIII.

23ª etapa: Soutu Lluiña - Cadavéu[editar | editar a fonte]

Esta etapa debe percorrerse pola beiravía da estrada N-632, xa que o itinerario histórico, pola serra das Palancas, está abandonado e sen sinalizar, e mesmo pode ser arriscado se fai mal tempo.

Atravesa as localidades de Albuerne, Nuviana (Novellana), Castañeras, Santa Marina e Vallouta (Ballota). A partir de aquí son posibles rutas alternativas que permiten deixar o asfalto.

Tras cruzar o río Cabo entra no concello de Valdés e pasa polos lugares de Tablizo, El Ribón e Friera, para chegar a Cadavéu (Cadavedo).

24ª etapa: Cadavéu - Luarca[editar | editar a fonte]

A etapa, breve e cómoda, comeza pasando por Villademoros[29], San Cristóbal, Querúas e Canero, coa igrexa de San Miguel. Tras cruzar o río Canero, sobe cara á praia de Cueva e pasa por Caroyas, Barcia e, finalmente, Luarca. Outra alternativa é seguir a pé da estrada cara a Almuña e, desde aquí a Luarca.

Luarca, a capital do concello de Valdés, esténdese polas beiras da desembocadura do río Negro, que divide a cidade. Foi sempre vila mariñeira que practicou durante séculos a pesca da balea[30]. Actualmente é unha importante localidade turística.

25ª etapa: Luarca - A Caridá[editar | editar a fonte]

Casa do Concello de Navia.

Esta é outra etapa de continuas subidas e baixadas que terminan esgotando ó peregrino. O Camiño pasa primeiro por Otur e o pequeno lugar de Hervedosas, linde co concello de Navia. Segue por Bao, onde cruza a autoestrada, Villapedre e Piñeira, que conta con albergue de peregrinos.

Segue cara a Villaoril, La Colorada e chega á capital do concello, onde entra polo antigo Camiño Real. Tras atravesar a cidade e cruzar o río Navia (que desemboca aquí despois de nacer en Becerreá), o Camiño entra no concello de Cuaña por El Espín (da parroquia de Folgueiras) e a partir de aquí resultará común ver as marcas da Cruz da Orde de Santiago, fundada no século XII.

Segue logo por Jarrio e Cartavio, para chegar finalmente á Caridá, localidade que ostenta a capitalidade do concello de El Franco, un dos concellos galegofalantes da Galicia estremeira. A orixe do topónimo parece deberse ó peregrino italiano e logo santo Franco di Siena, coñecido como "Il Franco", que foi a Compostela no século XVIII.[31]

A lenda conta que o nome da vila deriva da caridade coa que os veciños do lugar trataban ós peregrinos que ían cara a Santiago.

26ª etapa: A Caridá - Ribadeo[editar | editar a fonte]

A Ponte dos Santos, que une As Figueiras con Ribadeo.

Con esta etapa, basicamente chá, tranquila e cómoda, o Camiño deixa Asturias e entra en Galicia. Tras deixar A Caridá, a primeira localidade que cruza é El Franco (onde estaba a capital do concello antigamente). Ó pouco cruza o río Porcia e entra no concello de Tapia de Casarego polo lugar de Porcia.

Agora hai unha bifurcación que leva os peregrinos pola costa, por Tapia de Casarego; ou polo interior. Esta segunda vía é máis curta e afástase do asfalto da estrada N-634, cruzando os lugares de Brul e Tol, xa no concello de Castropol.

Neste punto, unha nova variante leva cara ao sur, a Vegadeo. Antes da construción da ponte dos Santos[32] os antigos peregrinos víanse obrigados a embarcar para poder cruzar a ría do Eo-Ribadeo, ou ben bordeala cara ao sur para entrar en Galicia a través da ponte de Santiago de Abres. Na actualidade, esta segunda variante apenas é transitada.

O Camiño segue agora pola AS-31, desde Tol a Barres e á localidade das Figueiras. Tras cruzar a ponte dos Santos -así denominado por estar flanqueado polas capelas de San Román, na beira asturiana, e de San Miguel, na beira galega- entra en terras galegas por Ribadeo. Quedan practicamente 200 km para alcanzar o fin da peregrinación en Santiago.

O Camiño do Norte en Galicia[editar | editar a fonte]

Pinturas murais da igrexa da Nosa Señora das Virtudes, na Ponte.

Os primeiros quilómetros do Camiño do Norte en Galicia poden seguir dous itinerarios en función de que a entrada se fixese por Ribadeo ou por Abres. En calquera caso, ámbalas variantes volven confluír en Lourenzá para dirixirse unidas cara a Santiago.

27ª etapa: Ribadeo - Lourenzá[editar | editar a fonte]

Mosteiro de San Salvador de Lourenzá

Tras deixar Ribadeo, o Camiño pasa polos lugares de Pastoriza (na igrexa de San Xoán de Ove pode verse a Cruz da Orde de Malta, que protexía os peregrinos a Santiago), Vilela e O Vilar. Chega logo ata A Ponte (A Ponte Arante), onde se cruza o río Grande e cómpre deterse para ver as pinturas murais da igrexa da Nosa Señora das Virtudes, descubertas nos anos setenta do século XX. Próximo á igrexa houbo hospital de peregrinos no século XVI.

Comeza agora a primeira dificultade da etapa, cunha costa de certa dureza que leva ata entrar no concello de Barreiros, por Vilamartín Pequeno. Desde aquí volve ascender ata Vilamartín Grande, coa capela do Carme, do século XVII, e segue cara a Gondán, que conta con albergue de peregrinos municipal.

Segue, tras cruzar o río Puxigo, por San Xusto de Cabarcos, tamén con albergue e unha igrexa fundada antes do ano 900. Tras unha última subida alcanza o concello de Lourenzá, onde destaca o Mosteiro de San Salvador, fundado no ano 969 polo conde santo Osorio Gutiérrez[33]. No século XII pasou a pertencer á orde de San Bieito, e en 1505 integrouse na congregación de San Benito de Valladolid. Como tantos outros, pechou e entrou en ruína a partir da desamortización de Mendizábal de 1835.

O mosteiro foi substancialmente modificado a partir dos séculos XVII e XVIII. A fachada foi deseñada por Casas Novoa en 1732 e quérese ver nela un ensaio da fachada do Obradoiro da catedral compostelá. No interior do mosteiro hai un Museo de Arte Sacra no que destaca un sarcófago do século V procedente de Terra Santa e unha rica biblioteca monacal de máis de 4.000 volumes.

28ª etapa: Lourenzá - Abadín[editar | editar a fonte]

Catedral de Mondoñedo.

O peregrino deixa Lourenzá e pasa polo lugar de Arroxo e entra no concello de Mondoñedo, pasando por Ogrobe, San Pedro (San Pedro da Torre), O Reguengo e San Paio. Finalmente, tras cruzar unha ponte medieval onda a capela de San Lázaro (onde houbo en tempos un lazareto), alcánzase a vila de Mondoñedo, capital da Mariña Central.

Mondoñedo foi sé episcopal desde 1112, cando a raíña Urraca a trasladou desde San Martiño de Mondoñedo a Vilamaior do Val de Brea, ou Valibria, a actual Mondoñedo.[34] Aínda que en 1182 foi trasladada a Ribadeo, en 1230 regresou a Mondoñedo. A catedral iniciouse en 1219 e consagrouse (a cabeceira) en 1246, para finalizarse no século XIV.

A partir de Mondoñedo, o resto da etapa é un suave pero continuo ascenso durante máis de 15 km que esixe un verdadeiro esforzo ó peregrino; ademais, non atopará posibilidade de servizos ata chegar a Abadín. O Camiño pasa polos lugares de Barbeitas, Maariz, Paadín, A Casavella e O Pacio, todos lugares de Santiago de Mondoñedo. Segue logo máis ou menos paralelo ó leito do río Masma ata chegar a Lousada [35] e entrar no concello de Abadín, por San Martiño de Galgao, onde pasa xunto á ermida de San Cosme da Montaña; Quende, e Gontán, con albergue de peregrinos, para chegar inmediatamente a Abadín.

29ª etapa: Abadín - Vilalba[editar | editar a fonte]

A Ponte vella de Martiñán

O Camiño entra agora na Terra Chá, o que significa un trazado sen complicacións orográficas. Segue basicamente paralelo á estrada N-634 aínda que afastado dela.

Comeza cruzando o rego Abadín por Ponterroxal e pasando por diversos lugares da parroquia de San Pedro de Candia. Segue polo Barral e entra na parroquia de Corvelle e o lugar de Viladónega.

Continúa por Martiñán e cruza o rego do Batán por unha ponte vella do século XVII. Logo, tras unha hora de marcha, entra na parroquia de Santiago de Goiriz, cunha igrexa do século XVI reformada no XVIII, e chega finalmente a Vilalba, cun moderno albergue de peregrinos á entrada, no polígono industrial Sete Pontes (a 1,5 km do centro da cidade).

En Vilalba destaca a Torre dos Andrade, unha torre de homenaxe, octogonal, único resto que se conserva da construción orixinal dos séculos XIV e XV, e hoxe destinada a parador de turismo. Na última planta consérvase a figura dun xabaril, símbolo icónico dos Andrade. Tamén a igrexa de Santa María, do século XIX pero construída sobre unha anterior románica. A cidade conta tamén cun Museo Arqueolóxico con numerosos restos das culturas neolítica, megalítica e castrexa.

30ª etapa: Vilalba - Baamonde[editar | editar a fonte]

A Ponte de Sa.

Nova etapa chá e seguindo a dirección da N-634 e da autovía A-6, que haberá que cruzar varias veces. A ruta comeza cruzando o río Magdalena pola Ponte dos Pasos e segue o leito do mesmo ata a Ponte Rodríguez, onde cruza o río Trimaz (afluente do Ladra) e, máis adiante, por San Xoán de Alba e Ponte de Sa, onde cruza o río Labrada por unha ponte medieval[36].

A seguir, entra por un momento no concello de Guitiriz a través dos lugares das Penas, Casas Novas e Ferreira, todos na parroquia de San Pedro de Pígara. Entra por fin no concello de Begonte, por A Rega para chegar ó pouco a Baamonde, con albergue de peregrinos e tódolos servizos.

Baamonde é hoxe un importante nó de comunicacións, tanto por ser o punto onde conflúe a Autovía A8, Autovía do Cantábrico, coa A-6, Autovía do Noroeste, como pola liña ferroviaria Palencia-A Coruña. Aquí destaca a igrexa parroquial dedicada a Santiago, románica de transición do século XIII cun calvario no adro, e a Casa-Museo do escultor Víctor Corral, natural desta localidade. Especialmente destacable é a capela que este esculpiu no tronco dun castiñeiro de 500 anos de antigüidade, a carón da igrexa[37].

31ª etapa: Baamonde - Sobrado[editar | editar a fonte]

Albergue de peregrinos no Mosteiro de Sobrado.

A diferenza das anteriores, esta etapa comprende varios ascensos pero o peor é a súa lonxitude, pouco máis de 40 km, que pode facer aconsellable partila en dúas facendo noite en Miraz, onde se abre o único albergue intermedio desta longa etapa [38]. Máxime tendo en conta que a partir deste punto case todo o resto da etapa é costa arriba.

A ruta comeza camiñando pouco máis de 2 km pola beiravía da vella N-VI ata entrar, de novo, no concello de Guitiriz, e desviarse para cruzar o río Parga sobre unha ponte gótica. A partir deste punto restan 100 km ata Santiago de Compostela, a distancia mínima necesaria para obter a Compostela tras finalizar a peregrinación. Pasa ó pé da capela do Santo Alberte (no lugar de Santo Alberto), gótica do século XIV, e segue polos lugares do Rego da Viña, Bandoncel e A Eirexe.

Segue por Digañe e A Raposeira, para chegar ó pouco a Carballedo, onde o peregrino pode tomar un descanso nunha área de apoio de recente creación. Segue o lugar de Aldar.

Deixa agora a Terra Chá e entra no concello de Friol pola parroquia de San Paio de Seixón, cunha fermosa igrexa románica, do século XII, e pasa por Miraz, con albergue de peregrinos. Aquí érguese a Torre de Miraz, do século XV, de 12 m de altura, e xunto a ela un pazo do XVIII.

Logo cruza os lugares do Outeiro, As Laxes, A Braña, Portolamas e A Devesa.

O Camiño continúa ascendendo e pasa polo Alto da Mámoa e os lugares das Fontes, Carballoso, A Roxica, A Cabana e A Travesa de Ledro. Pasa á parroquia de Silvela e cruza os lugares da Marcela e Corteporcos.

Protesta dos veciños de Sobrado ante o proxecto da Xunta de modificar o itinerario do Camiño afastándoo de Sobrado.

Cruza agora a Serra de Corno de Boi e entra na provincia da Coruña polo Marco das Pías, xa no concello de Sobrado e onde nace o río Mandeo, cuxo leito segue durante un cacho. Estes montes, con 800 metros de altitude, constitúen a cota máis alta do Camiño do Norte e o Camiño comeza agora un tramo de descenso ata Sobrado[39].

Pasa polos lugares de Vilariño, O Mesón, A Esgueva e Muradelo. Segue por Guitizá e bordea a lagoa de Sobrado[40] para continuar pola Porcariza e A Carreira, para chegar por fin ó Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, onde se cuñan as credenciais e dispón de albergue de peregrinos.

En Sobrado destaca, por suposto, o mosteiro cisterciense, referenciado xa desde o século X aínda que o edificio e anexos que hoxe se conservan se levantaron a partir de finais do século XV.

Ó peregrino, en Arzúa.

32ª etapa: Sobrado - Arzúa[editar | editar a fonte]

A última etapa do Camiño, antes de confluír co Camiño Francés, non ten ningunha dificultade. Comeza atravesando os lugares da Pontepedra e Vilarchao, da parroquia de San Pedro da Porta de Sobrado; e mais O Peroxil, Castro, A Casanova, Froxa e Madelos, da parroquia de Carelle, Sobrado.

Segue polo concello de Boimorto polo lugar das Corredoiras, e por Boimil e o propio núcleo de Boimorto, cuxa igrexa parroquial está dedicada ó Apóstolo Santiago[41]. Fronte á casa do concello de Boimorto exponse un miliario do século III, atopado en 1989, e que formaba parte dun ramal secundario da Vía Nova que unía Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga).

Continúa pola parroquia de Sendelle, cuxa igrexa parroquial de Santa María, do século XII, mostra unhas interesantes pinturas no seu interior que representan A Última Cea e o Xuízo Final;[42] e os lugares do Vilar e As Galiñeiras, para chegar por fin ó concello de Arzúa.

Aquí pasa por Viladavil, O Castro, Casaldoeiro e O Viso, e inmediatamente entra en Arzúa, onde os peregrinos que percorreron o Camiño do Norte se unirán cos que viñan polo Camiño Francés para facer xuntos os quilómetros que quedan para chegar a Santiago de Compostela.

En Arzúa quedan as ruínas do que foi albergue de peregrinos pobres no século XV, no antigo convento da Magdalena. Na igrexa parroquial, dedicada a Santiago, poden verse dúas imaxes do apóstolo, representado como peregrino e como matamouros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 15.008 en 20104 (6,31% do total de peregrinos por tódolos camiños), 15.815 en 2015 (6,02%) e 17.312 en 2016 (6,22%). Fronte a estas cifras, o Camiño Francés multiplicaba por dez o número de peregrinos: 176.329 en 2016.
  2. "Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago". Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2014. Consultado o 15 de febreiro de 2014. 
  3. Coa igrexa de Notre-Dame-de-la-Fin-des-Terres, incluída como parte do Patrimonio da Humanidade "Caminos de Santiago de Compostela en Francia".
  4. A este rei débese o trazado definitivo do Camiño de Santiago Francés, ó asegurar de incursións musulmás a zona comprendida entre os Pireneos e Nájera.
  5. Conxunto de tres esculturas de aceiro, incrustadas nas rochas ó pé do Cantábrico, e situadas ó final da Praia de Ondarreta. É unha das obras máis coñecidas de Chillida, rematada en 1976.
  6. Hoxe un barrio de Donostia que desde hai anos aspira a constituírse en concello independente. En decembro do 2013, aprobou por votación popular separarse de Donostia (El País, 17.12.2013 [1]), pero en febreiro de 2014 o Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco anulou de forma cautelar o decreto de desanexión (Diario Vasco.com, 12.02.2014 [2]).
  7. A carón do templo levántase a escultura de Jorge Oteiza titulada Amatasuna (Maternidade) [3].
  8. A lenda conta que unha aguia deixou caer unha caveira e que o punto onde esta caeu foi elixido polos monxes para erguer o mosteiro. Un escudo nun arco lembra esta lenda.
  9. A Árbore de Gernika simboliza as liberdades dos vascos. Ó seu pé xuran os seus cargos os lehendakaris do goberno vasco, tal como hai séculos xuraba os foros o Señor de Biscaia.
  10. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2016. Consultado o 21 de marzo de 2016. 
  11. Realmente, o cumio do monte son 382 m, un pouco separado do Camiño.
  12. Nunha cova próxima atopouse en 1800 a Pátera de Otañes, importante peza romana de ouro e prata, datada nos séculos I ou II. Tamén hai pola zona miliarios romanos e consérvase algún resto da calzada romana que descendía cara a meseta castelá unindo Castro Urdiales con Herrera de Pisuerga (Palencia).
  13. "Castillosnet". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 19 de xullo de 2015. 
  14. Luciano Huidobro, un historiador dos Camiños de Santiago (Las peregrinaciones jacobeas, Instituto de España, Madrid 1949-1951), afirma que neste hospital había cinco camas reservadas para os peregrinos.
  15. Hai unha ruta alternativa, non oficial, que vai directamente a Laredo, seguindo a N-634. É máis curta pero percorre a beiravía da estrada.
  16. Segundo Consumer.es, este barco só presta servizo entre marzo e decembro.
  17. É posible atallar un bo cacho se en Boo se cruza o río pola ponte do ferrocarril, pero resulta perigoso. De querer acortar a etapa, mellor facer o tramo de Boo a Mogro en tren.
  18. Do mosteiro cisterciense de Viaceli, situado nesta localidade, viñeron os monxes que acometeron a reconstrución do mosteiro de Sobrado dos Monxes a partir de 1954.
  19. Antonio López López, marqués de Comillas, conseguiu convencer ó rei Afonso XIII para que viñese veranear a Comillas, conseguindo así prestixiar esta vila. Outra das súas obras foi a construción da Universidade Pontificia, en 1890.
  20. Os ríos Turbio e Capitán forman esta ría, constituíndo o Parque Natural de Oyambre, Lugar de Importancia Comunitaria.
  21. Esta Gran Ruta conecta San Petersburgo con Fisterra percorrendo toda a costa atlántica europea.
  22. Na desembocadura do río Purón atópase o Bufón de Arenillas, un conxunto de gretas abertas na rasa cantábrica polas que entra a presión a auga das simas mariñas, para xurdir en surtidores de auga pulverizada de ata 20 m de altura.
  23. "Los cubos de la memoria". Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2014. Consultado o 01 de marzo de 2014. 
  24. Onde había unha capela de ánimas do XII que foi desfeita por uns vándalos en setembro de 2012 "Aparece destrozada en Villahormes la capilla de Ánimas, del siglo XII". caminosantiago.org (en castelán). 9 de setembro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2014. Consultado o 02 de marzo de 2014. .
  25. Antigamente, embarcando na capela de Santa Ana, sé do gremio do Mar. Hoxe, por unha ponte de formigón de 1940 que substituíu a vella ponte de ferro de 1892, derrubada en 1937 durante a Guerra Civil.
  26. Monumento Nacional desde 1913.
  27. En Salinas hai un curioso museo de áncoras, dedicado a Philippe Cousteau, fillo do investigador oceanográfico Jacques Cousteau.
  28. Muros está máis ou menos á metade da etapa, polo que cabe a posibilidade de desviarse a San Esteban de Pravia, no mesmo concello, para descansar no albergue (que é o único intermedio nesta etapa). Entre El Pito e Rellayo, a uns 2 km ó norte, está Cudillero, localidade pesqueira e turística.
  29. Onde cabe un corto desvío á Torre, para uns de orixe romana e para outros antiga fortaleza medieval.
  30. En Luarca, a Coordinadora para el Estudio y la Protección de las Especies Marinas, CEPESMA [4] Arquivado 28 de febreiro de 2014 en Wayback Machine., fundou un museo dedicado a expor restos dos cetáceos varados na zona e útiles e trebellos para a caza da balea. Co tempo, especializouse na conservación e exposición de luras xigantes (Centro del Calamar Gigante) e creou un centro de recuperación de animais varados (cetáceos, focas, tartarugas e aves mariñas). Os temporais sofridos na costa asturiana en febreiro de 2014 provocaron a desfeita total das instalacións [5].
  31. "Historia del escudo" (en castelán).
  32. Inaugurada en 1987. Ten 612 m de lonxitude e 12 m de ancho que foron ampliados a 24,60 m en 2008.
  33. Xa ancián, ingresou no mosteiro e adquiriu sona de home santo e milagreiro, sona que aumentou trala súa morte.
  34. Britonia
  35. Onde os afeccionados á arqueoloxía industrial poden visitar uns antigos fornos de cal, hoxe abandonados.
  36. Curioso contraste cando o peregrino acaba de pasar por baixo da autovía A8.
  37. Cóntase que cando se estaba ampliando a N-VI estaba prevista a tala deste castiñeiro, polo que Corral esculpiu no seu tronco esta capela en honor á Virxe do Rosario, co que conseguiu evitar que se cortase a árbore [6].
  38. Tamén cabe a posibilidade de prolongar a etapa anterior ata Miraz (33 km) e deixar para esta só o tramo Miraz-Sobrado (26 km).
  39. A partir deste momento, a estrada pasa de identificarse como LU-934 a AC-934.
  40. Lagoa de orixe artificial, construída polos monxes do mosteiro entre 1500 e 1530 para garantir o regadío das súas terras e, de paso, ter asegurada ó aprovisionamento de peixe.
  41. Desde Boimorto xorde a chamada variante de Arca: consiste en continuar pola estrada comarcal CP-0603 ata a parroquia de San Cosme de Oíns (Arzúa) e enlazar co Camiño Francés á altura de Oxén, e desde aí continuar ata O Pedrouzo, en Arca, concello do Pino.
  42. Aquí pode verse unha completa serie fotográfica destas pinturas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]