Mosteiro de San Salvador de Lourenzá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro de San Salvador de Lourenzá
Lorenzana Lugo monasterio e iglesia lou.JPG
Vista do mosteiro e a igrexa.
Datos xerais
Advocación San Salvador
Localización Lourenzá (provincia de Lugo)
Coordenadas 43°28′15″N 7°17′52″O / 43.470833333333, -7.2977777777778Coordenadas: 43°28′15″N 7°17′52″O / 43.470833333333, -7.2977777777778
Catalogación Ben de Interese Cultural
30 de agosto de 1974
Culto
Diocese Mondoñedo
Arquitectura
Construción Século XI
Identificador RI-51-0003959

O mosteiro de San Salvador de Lourenzá é un mosteiro de orixe medieval situado en Lourenzá, no val do río Masma, a poucos quilómetros de Mondoñedo. Considérase fundador do mosteiro o conde Osorio Gutiérrez, que o ampliou, protexeu e actuou como mecenas, sobre un pequeno cenobio apenas sen vida. O complexo arquitectónico foi mudando a través dos séculos e as modas construtivas, de modo que o edificio actual data do século XVII, en estilo barroco.

En 1974 o conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural.[1]. Acolle a Casa Consistorial de Lourenzá.

Historia[editar | editar a fonte]

Osorio Gutiérrez, alcumado o Conde Santo, era membro da nobreza altomedieval e recibiu herdanzas do seu pai, Gutierre Osóriz, e do seu tío, Nuno Osóriz, que tiñan amplas posesións na rexión. O 17 de xuño de 969 firmouse a carta de fundación, e o mosteiro adscribiuse á orde de San Bieito. Cando o conde enviuvou ingresou na comunidade de monxes, e xa con idade avanzada viaxou como peregrino a Terra Santa, de onde trouxo o seu propio sartego. Morreu ao pouco do seu regreso, e foi soterrado neste lugar.[2]

Trala Desamortización de Mendizábal en 1835 o mosteiro foi deshabitado e a biblioteca foi desmantelada. En 1878 o claustro maior sufriu un importante incendio. En 1910 chegou ao cenobio unha comunidade de monxes que creou un priorado dependente do mosteiro de Samos. Os novos hóspedes restauraron as partes abrasadas, retellando e recuperando o xardín do claustro. En 1942 a comunidade disgregouse, e o mosteiro pasou a ser seminario menor da diocese de Mondoñedo. En 1970 o edificio pasou a ser sede do concello.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

O pequeno cenobio orixinal foise transformando co tempo, e xa non quedan vestixios da súa arquitectura románica e gótica logo das reformas do século XVII. Entre 1637 e 1650 o arquitecto Juan de Villanueva construíu o claustro maior, que consta de cinco arcos en cada panda, separados por pilastras dóricas. En 1644 o mestre de obras frei Benito Escobar contratou o mestre canteiro Domingo de Castro para edificar os arcos, pilastras e antepeitos do Mirador, que xa non se conserva.[3]

Entre 1648 e 1650 estivo como mestre de obras Francisco López Rosillo. Nesa época construíuse a fachada, en ángulo recto coa igrexa. A parte principal que serve de entrada ten dous corpos flanqueados por columnas que descansan sobre ménsulas moi sobresaíntes. A porta de acceso está limitada por un arco deprimido. O segundo corpo presenta un gran balcón con varandas de ferro. O muro que rodea a porta ten decoración de almofadado. Remata o conxunto un frontón barroco semicircular, cun escudo no centro coas armas do conde Osorio.

Ao longo da á da fachada ábrese unha serie de ventás separadas por pilastras que reforzan o muro, rematadas por pináculos con forma de obelisco. No interior do edificio consérvase a escaleira que daba acceso desde a portería á cámara abaical, biblioteca e outras dependencias.

Ten dous claustros: o principal, barroco e moi austero, e o claustro menor, onde está o pozo do Santo. Había a crenza de que as súas augas eran milagrosas e curativas, e os peregrinos usábana para beber e levala para a viaxe.

Igrexa[editar | editar a fonte]

Fachada da igrexa.

O templo actual construíuse a mediados do século XVIII. Iniciouse en 1735 seguindo as trazas do monxe Juan Vázquez de Samos, que despois alterou Fernando de Casas Novoa, deseñando ademais a fachada e dirixindo as obras das naves ata o cruceiro. É de pedra de granito procedente de Burela.[4] Coñécese o proceso de construción grazas ao manuscrito conservado no propio mosteiro, escrito por frei Benito Ponte. O edificio ten planta de cruz latina, tres naves e cúpula sobre o cruceiro. A nave central é ancha e luminosa e nos seus laterais ábrense pequenas capelas para o culto.

Considérase a fachada como un precedente da fachada da catedral de Santiago de Compostela. A portada é de tres corpos e aos lados érguense as dúas torres (a do lateral suroeste está sen rematar). O primeiro corpo ten catro grandes columnas, dúas a cada lado da porta. Nos intercolumnios hai imaxes de San Bieito e Santa Escolástica, e sobre a porta hai unha imaxe da Asunción. No segundo corpo, nun oco limitado por columnas, está a imaxe do Salvador. O terceiro corpo ocúpao unha ventá rectangular con frontón curvo e columnas aos lados. Sobre o terceiro corpo levántase o remate cun nicho onde se garda a imaxe do Conde Santo vestido de peregrino palmeiro, en referencia á súa viaxe a Xerusalén. Enriba hai un frontón curvo, e sobre el a imaxe da Fe.

Na sancristía consérvase un relicario do século XVII con dous bustos en madeira policromada que representan cada un un santo, coa reliquia correspondente no seu interior.

Retablo maior[editar | editar a fonte]

O retablo maior é neoclásico, obra de Ventura Rodríguez. Consta de banco, un só corpo e tres vías separadas por columnas de dúas en dúas, estriadas e que rematan en capiteis corintios. Sobre as columnas descansa un friso moi decorado con grilandas e cabezas de anxos, e sobre el un frontón triangular en cuxo vértice pode verse a figura de Deus Pai rodeado de anxos. No centro do retablo está a imaxe do Salvador, con Pedro e Paulo aos costados. Toda a estrutura foi pintada e dourada por Juan Bernardo del Río en 1789.[5]

Capela da Nosa Señora de Valdeflores[editar | editar a fonte]

Nesta capela está o sartego do conde Osorio. É unha peza de mármore do século XI, entre xaspe branco e cárdeno con vetas azuis. No frontal e os costados ten unha decoración xeométrica sinxela e no centro ten labrado un crismón. Apóiase nunhas robustas columnas cadradas e moi decoradas. Crese que o trouxo o propio Conde da súa peregrinación a Terra Santa e que chegou a Galiza por mar, nunha lenda similar á chegada do corpo de Santiago o Maior.

Os peregrinos que acudían ao mosteiro imploraban protección ao conde santo, mesmo despois de morrer. Rezaban unha oración ante o sepulcro ao tempo que introducían os dedos por dous orificios da parte inferior, ata tocar a caixa de madeira onde descansaba o corpo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ministerio de Cultura, Patrimonio Histórico
  2. Sá Bravo, 1983: p. 38
  3. Ibídem, p. 41
  4. González Montañés, 1999: pp. 81/82
  5. Sá Bravo, 1983: p.p. 42 e seguintes para toda a descrición.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Torres Sevilla, Margarita (1999). Linajes nobiliarios de León y Castilla siglos IX-XIII. Junta de Castilla y León. Consejería de Educación y Cultura. ISBN 84-7846-781-5. 
  • González Montañés, Ignacio; Sastre Vázquez, Carlos (1999). Conventos y monasterios de Galicia. Negra Trea. ISBN 84-95364-00-X. 
  • Sá Bravo, Hipólito de (1983). Monasterios de Galicia. Everest. ISBN 84-241-4459-7. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]