Saltar ao contido

A Última Cea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Última Cea, por Juan de Juanes, terceiro cuarto do século XVI, Museo do Prado, Madrid

Na fe cristiá, a Última Cea foi a derradeira ocasión na que Xesús de Nazaret se reuniu cos seus apóstolos para compartir o pan e o viño antes da súa morte.

Considérase, para a Igrexa católica, que é o momento en que se institúe a eucaristía.

A Última Cea, foi o tema de numerosas pinturas, sendo quizais a obra de Leonardo da Vinci máis coñecida de todas.

Cronoloxía

[editar | editar a fonte]
Escultura de A Última Cea, na procesión do Venres Santo en Qormi, Malta.

A cea está considerada pola maioría dos teóricos como un Séder (ou Cena de Pascua xudía), celebrada na noite do Xoves Santo antes da crucifixión, o Venres Santo. Esta crenza baséase na cronoloxía dos Evanxeos.

Pero a cronoloxía do Evanxeo de Xoán indica que se celebrou antes da Pascua (Xoán 13:1, 18:28). As referencias no Evanxeo de Xoán que marcan o día da preparación para a Pascua (Xoán 19:14, 31, e 42), tómanse por moitos para indicar que a morte de Cristo ocorreu no tempo da matanza dos cordeiros da Pascua (esta cronoloxía posterior é a aceptada pola igrexa ortodoxa). Porén, aqueles que sitúan a última cea na tarde do xoves, xeralmente atribúen a Marcos 14:12 e Lucas 22:7 as únicas referencias explícitas nos evanxeos, e que no momento da crucifixión de Cristo é cando se dá a matanza de cordeiros, dando lugar o Día de la Preparación no evanxeo de Xoán como unha posíbel referencia ao Venres de Pascua, durante o cal se realizan as preparacións para o descanso do Shabat.

Ademais, moitos teóricos cuestionaron estas cronoloxías, e rexeitaron as súas afirmacións de que os evanxeos fan referencia á Pascua e sosteñen que coinciden con Xoán,[1] xa que existen multitude de feitos que teñen lugar tras a Última Cea, como a traizón, o arresto, o interrogatorio e os posteriores xuízos, que dificilmente poderían ter lugar durante unha noite.

Algúns grupos minoritarios de cristiáns cren que un exhaustivo exame dos evanxeos indican que a Última Cena tivo lugar en martes, e que Xesús foi crucificado nun mércores.[2]

A cea discútese a través dos catro evanxeos da Biblia canónica. Os evanxeos sinópticos afirman que na mañá do mesmo día o cordeiro pascual para cena sexa sacrificado. Porén, baixo o método xudeu de tempo de recollemento, o día considerábase que empeza xusto ao amencer, polo tanto a festividade da Pascua pénsase que ocorra no día posterior en que foi sacrificado. Isto implica que ou os sinópticos non están instruídos no coñecemento do recollemento xudeu, ou que usaron a técnica literaria de ver os eventos que pasaron en varios días nun só.

Outros interpretan a linguaxe dos evanxeos sinópticos como suficientemente permisivos como para ter unha tarde sacrificando os cordeiros pascuais.

Os feitos segundo os evanxeos

[editar | editar a fonte]
Talla da "Última Cea" no retablo da igrexa de Havdhem (Suecia)

Tanto Lucas (capítulo 22, 7-13) coma Marcos (14, 12-16) coinciden en que os discípulos preguntaron a Xesús pola cea pascual e que este lles indica que vaian á cidade onde atoparán a un home cunha ola ou cunha sella de auga. El ensinaríalles unha grande sala no sobrado dunha casa para celebrala.[3][4] O grupo de seguidores e Xesús reuníronse nela no solpor.

Durante a cea, segundo Xoán, Xesús procedeu a lavar os pés dos seus doce convidados, malia as reticencias iniciais de Pedro.[5] Este xesto foi un exemplo de humildade e servizo aos seus discípulos. Este acto foi imitado durante as celebracións do Xoves Santo por algúns soberanos medievais de Europa, manténdose a tradición no Vaticano.[6]

Durante a cea, segundo as narracións de Marcos, Mateo e Xoán, Xesús anunciou que un dos presentes íao delatar ás autoridades. Os discípulos, sorprendidos, preguntáronlle que por quen falaba. Segundo Mateo, Xesús revelou o culpable cando Xudas Iscariote lle preguntou se era por el e respondeu "ti o dixeches", mentres que Xoán sinala que o sinalou dándolle a Xudas pan mollado.

Os evanxeos sinópticos coinciden en situar o establecemento da eucaristía durante a derradeira cea:

Establecemento da Eucaristía:
Lucas 22, 15-20 Marcos 14, 22-25 Mateo 26, 26-29
Cando chegou a hora, púxose á mesa cos seus apóstolos. Díxolles:

‑¡Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer! Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no Reino de Deus.

E collendo unha copa, deu grazas e dixo:

‑Tomade e repartídea entre vós, pois asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o Reino de Deus.

E collendo pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:

‑Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.

E despois de cear, fixo o mesmo coa copa, dicindo:

‑Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós.

Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:

‑Tomade, isto é o meu corpo.

E collendo unha copa, dando grazas, pasóullela, e todos beberon dela. E díxolles:

‑Isto é o meu sangue, da Alianza, derramado por todos. Asegúrovos que xa non volverei beber do produto da viña ata o día que o beba, noviño, no Reino de Deus.

Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando grazas, partiuno e déullelo ós seus discípulos, dicindo:

‑Tomade e comede: isto é o meu corpo.

E collendo unha copa, dando grazas, déullela dicindo:

‑Bebede todos dela. Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, derramado por todos para o perdón dos pecados. E asegúrovos que desde agora non volverei beber este produto da viña ata o día que o beba, noviño, convosco no Reino do meu Pai.

Os versículos do evanxeo de Lucas son repetidos polo sacerdote na consagración das especies na misa católica.

Se ben no evanxeo de Xoán non se describe este episodio, si se alude ao establecemento dun novo mandamento que Xesús resume en "amádevos uns a outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós" (Xoán, 13, 34).[5]

Logo de cantar uns salmos e antes de saír cara ao Monte das Oliveiras, os catro evanxeos coinciden en que Xesús anunciou as tres negacións que cometería Pedro posteriormente. Logo, Xesús e os discípulos retiráronse a Xetsemaní onde sería prendido.

Iconografía

[editar | editar a fonte]

A Última Cea de Leonardo da Vinci

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: A Última Cea (Leonardo).

A Última Cea é unha pintura mural realizada por Leonardo da Vinci nos anos 1494-1497. Encóntrase na parede sobre a que se pintou orixinalmente: o refectorio de Santa Maria delle Grazie, en Milán.

A Última Cea, de Leonardo da Vinci

Fronte á iconografía clásica que pode verse noutras obras renacentistas, Leonardo non representa a Xudas Iscariote, o traidor, diante da mesa, senón incluído entre os apóstolos. Leonardo optou por representar o momento posterior ao anuncio de Cristo de que un deles o traizoará e todos se preguntan "son eu, Señor?". En lugar de representar a Xesucristo como un máis co apóstolo Xoán en brazos, Leonardo opta por illar a figura de Xesucristo e agrupar aos apóstolos de tres en tres, caracterizando a cada un deles a través da súa actitude e movemento.

Exemplos clásicos

[editar | editar a fonte]

O tema foi tratado en numerosas ocasións pola arte cristiá, non sendo un tema novo que tratase por primeira vez Leonardo, cuxo cadro, porén, converteuse na quintaesencia do tema.

O nome Il Cenacolo é unha evidente referencia ao Simposio de Platón; por iso os apóstolos estruturáronse en catro tríades, das cales as dúas do extremo luminoso corresponden a tríades platónicas.

  1. Véxase: Morris, Leon, The Gospel According to John, Revised, páxs. 684-695.
  2. When Christ Died, and Rose (en inglés)
  3. "Evanxeo de Lucas Capítulos 21-24 :: A Biblia Galega". abibliagalega.com. Consultado o 2022-02-09. 
  4. "Evanxeo de Marcos Capítulos 11-16 :: A Biblia Galega". abibliagalega.com. Consultado o 2022-02-09. 
  5. 5,0 5,1 "Evanxeo de Xoán, capítulo 13, 1-20". abibliagalega.com. Consultado o 2022-02-09. 
  6. "El Papa realiza el lavatorio de los pies a detenidos de la cárcel Regina Coeli - Vatican News". www.vaticannews.va (en castelán). 2018-03-31. Consultado o 2022-02-09. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Brown, Raymond E. (1997): An Introduction to the New Testament. Doubleday. ISBN 0-385-24767-2
  • Brown, Raymond E. et al. (1990): The New Jerome Biblical Commentary. Prentice Hall. ISBN 0-13-614934-0
  • Bultmann, Rudolf (1971): The Gospel of John. Blackwell.
  • Kilgallen, John J. (1989): A Brief Commentary on the Gospel of Mark. Paulist Press. ISBN 0-8091-3059-9
  • Linders, Barnabus (1972): The Gospel of John. Marshal Morgan and Scott.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]