Bosnia e Hercegovina - Босна и Херцеговина

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

(Redirixido dende Bosnia-Hercegovina)
Bosna i Hercegovina
Босна и Херцеговина

Bosnia-Hercegovina
Linguas oficiais Bosnio, Serbio e Croata
Capital Saraievo
Presidente Sulejman Tihic (bosnio) | Borislav Paravac (serbio) | Ivo Miro Jovic (croata)
Área
- Total
- % auga
124º maior
51,129 km²
neglixíbel
Poboación


- Total (2004)
- Densidade

119º máis poboado


4.025.476
78 h/km²

Independencia 5 de abril de 1992
Compañía aérea Air Srpska
Moeda Marco convertíbel
Fuso horario UTC +1 (en verán UTC +2)
Himno nacional Intermeco
TLD (Internet) .BA
Código telefónico 387

Bosnia-Hercegovina é unha república federal dos Balcáns, resultante do desmembramento da Iugoslavia, que limita ao norte, oeste e sur coa Croacia, ao leste con Serbia, e ao surleste con Montenegro, dispoñendo aínda dunha minúscula extensión de litoral, no Mar Adriático.

Índice

[editar] Historia

Ponte de Mostar
Ponte de Mostar
Bosnia-Hercegovina no século XVII, dentro do Imperio Otomán
Bosnia-Hercegovina no século XVII, dentro do Imperio Otomán
Bosnia-Hercegovina dentro da ex-Iugoslavia
Bosnia-Hercegovina dentro da ex-Iugoslavia

Densamente poboada durante o neolítico, a rexión da Bosnia e Hercegovina estivo habitada dende o século IV aC polos ilirios. No século III aC, o Imperio Romano incluíu este territorio como parte da provincia da Iliria. Eslavizada dende o século VII, formou parte do Imperio Bizantino. A primeira vez que se empregou o nome Bosníaca foi en 950, nun libro chamado De administrando imperio do emperador bizantino Constantino VII no que se consigna a Bosnia como parte do territorio dunha incipiente Croacia (o actual territorio de Bosnia era coñecido como a Croacia Vermella). No século XII fórmase un reino de Bosnia, que permanece independente ata 1463, cando é anexionada ao Imperio Otomán por Mehmet II.

Coa chegada dos otománs, remata a idade media en Bosnia. A maioría dos habitantes aceptan o Islam como nova relixión, que ata hoxe segue sendo un factor social moi importante na Bosnia-Hercegovina. A maior parte do patrimonio cultural da Bosnia, como a Ponte de Mostar, proveñen dese período. Permaneceu baixo dominio turco ata 1878, coa excepción do período comprendido entre 1718 e 1739, en que estivo baixo control austríaco. No século XIX creceu a enimizade entre o sultán e o pobo, alentada polo triunfo nacionalista na veciña Serbia. A represión por Abdulhamit II das revoltas de 1875 provocarían a intervención rusa, que declarou a guerra ao Imperio Otomán en 1877. Rematado o conflito, o Congreso de Berlín outorgou en 1878 a administración do país ao Imperio Austrohúngaro.

En 1878 Bosnia pasou a estar administrada polo Imperio Austrohúngaro que a anexionaría en 1908, formando parte deste ata a súa disolución en 1918, tralo final da Primeira Guerra Mundial que se iniciou co asasinato do arquiduque Francisco Fernando e a súa dona en Saraievo (véxase Atentado de Saraievo).

Trala finalización da contenda integraríase no Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, que en 1929 adoptou o nome de Iugoslavia. Durante a Segunda Guerra Mundial o territorio da Bosnia-Hercegovina foi anexionado polo estado fascista croata, entre 1941 e 1944. Derrotado o Eixo, volveu formar parte da Iugoslavia como unha das seis repúblicas constituíntes da República Popular Federativa. En 1992 proclamou a súa independencia tralo referendo do 1 de marzo de 1992.

Os bosnianos (musulmáns) e os bosniocroatas (católicos) da Bosnia-Hercegovina apoiaron a independencia, máis a maioría dos serbobosnianos (ortodoxos) (un 30% da poboación), apoiados polo resto dos serbios da ex-Iugoslavia opuxéronse e comezaron a Guerra de Bosnia nun intento de creación da Gran Serbia. Nos primeiros anos desa guerra ocuparon un 70% do territorio bosniano de xeito violento - realizando a limpeza étnica. A guerra rematou coa Batalla de Bosnia Occidental e a derrota do exército serbobosnio que inmediatamente despois accederon a que Slobodan Milosevic asinase no seu nome os acordos de Dayton o 21 de novembro do 1995. O prezo da guerra foi enorme: 250.000 mortos e máis de 2,5 millóns de refuxiados.

Actualmente a Bosnia-Hercegovina é un país encamiñado cara a súa unificación administrativa aínda que con grandes inestabilidades provocadas polos ultra-nacionalistas serbobosnianos. De momento segue sendo un crebacabezas territorial con diversos corpos de policía, poderes xudiciais separados, e asembleas distintas onde os partidos nacionalistas de cada unha das comunidades étnicas seguen conservando o poder, obstaculizando o seu acceso á Unión Europea (UE).

[editar] Xeografía

Costa da Bosnia e Hercegovina
Costa da Bosnia e Hercegovina

Bosnia e Hercegovina sitúase nos Balcáns occidentais. A bordea Croacia no norte, oeste e sur, Serbia ó leste e Montenegro ó surleste. Ten unha minúscula saída ó mar Adriático de 23 km nos arredores da cidade de Neum, no cantón bosnio de Hercegovina-Neretva.

O nome do país responde á unión de dúas rexións históricas: Bosnia, con capital en Saraievo e Hercegovina con capital en Mostar, no extremo sur do país.

[editar] Política

O sistema de goberno establecido nos acordos de Dayton en 1995, establece unha división das cotas de poder entre as tres etnias bosnias: serbios, bosnios e croatas.

A presidencia do Goberno (poder executivo) rota en representantes destas tres etnias cada oito meses, ata que cada un cumpre 4 anos no goberno. Os votos para a presidencia son directos e universais: a Federación de Bosnia e Hercegovina vota polos candidatos bosnios e croatas, a República Serbia polo serbio. O Presidente elixe ó consello de ministros.

A Asamblea Parlamentaria representa ó poder lexislativo de Bosnia e Hercegovina. Consta de dúas cámaras: a Casa dos Pobos e a Casa de Representantes.

  • Casa dos Pobos: 15 delegados
    • 5 da República Serbia
    • 10 da Federación de Bosnia e Hercegovina (5 bosnios e 5 croatas)
  • Casa de Representantes:
    • 14 membros da República Serbia
    • 28 membros da Federación de Bosnia e Hercegovina (14 bosnios e 14 croatas)

A máxima autoridade do poder xudicial é o Tribunal Constitucional, composto de nove membros: catro elixidos polo parlamento da Federación, dous pola asemblea da República Serbia e tres polo presidente do Tribunal Europeo de Dereitos Humáns tras consultar co presidente do país.

[editar] Divisións administrativas

Subdivisións do país:

O Tratado de Dayton (1995) establece a división de Bosnia e Hercegovina en dúas entidades: a Federación de Bosnia e Hercegovina (FBiH)e a República Serbia (RS). Esta división coincide aproximadamente coas posesións territoriais entre os dous principais bandos enfrontados da guerra de Bosnia. Esta división obedece a cambios na composición étnica do territorio durante á guerra: limpeza étnica e de recolocación por parte da autoridade serbobosnia, migracións internas segundo o transcurso da guerra e refuxiados serbocroatas da guerra de Croacia (ver fronteira inter-entidades) .

No 2000 creouse o Distrito Federal de Brčko (DFB), no norte do país entre as dúas entidades. Oficialmente pertence a ambas, pero na realidade autoxestionase e é un exemplo de convivencia multiétnica cun nivel de vida superior á media do país.

A Federación de Bosnia e Hercegovina subdivídese en cantóns. A República Serbia en rexións. Os cantóns teñen certo grao de autogoberno, hai dez deles. Rexións son sete. O cuarto nivel organizativo son as municipalidades: 74 na Federación de Bosnia e Hercegovina e 63 na República Serbia.

Á marxe de rexións, cantóns e municipalidades, en Bosnia e Hercegovina existen catro cidades oficiais Banja Luka, Mostar, Saraievo e Saraievo Oriental. Estas cidades teñen un autogoberno maior que a municipalidade pero menor que os cantóns da Federación de Bosnia e Hercegovina.

[editar] Economía

Moedas da Bosnia e Hercegovina
Moedas da Bosnia e Hercegovina

Na actualidade a República da Bosnia e Hercegovina é unha das ex repúblicas máis pobres da antiga Iugoslavia debido entre outras cousas á Guerra de Bosnia (1992-1995). Durante os anos da guerra, a economía sufriu un grande retroceso subsistindo a maior parte da poboación grazas á axuda humanitaria do exterior. Ao deterioro da economía uniuse o bloqueo económico por parte de países veciños como Serbia e Croacia.

O marco convertible bosnio (konvertibilna marka, BAM) é a unidade monetaria da república. Divídse en 100 pfennig (pfeninga). A súa paridade co euro é de 0,51129 EUR por 1 BAM (é dicir 1 EUR = 1,95583 BAM), a mesma que se fixou co antigo marco alemán coa aparición do euro. Na actualidade existen en circulación (xuño de 2006) moedas de 5, 10, 20 e 50 pfennig, e de 1, 2 e 5 marcos; así como billetes de 1, 2, 5, 10, 20, 50, 100 e 200 marcos. Salvo o billete de 200 marcos, os demáis presentan dous modelos: un para a Federación da Bosnia e Hercegovina, e outro para a Republika Srpska.

En 1991, un ano antes da guerra, en plena crise económica, e coa ex-Iugoslavia a medio desintegrar (Eslovenia e Croacia xa se atopaban fóra da federación), o produto interior bruto era de 14.000 millóns de dólares, máis esta taxa decreceu un 37 por ciento dende entón.

[editar] Demografía

Composición étnica da Bosnia e Hercegovina
bosnianos
  
43.7%
serbios
  
31.3%
croatas
  
17.2%
iugoslavos
  
5.5%
outros
  
2.3%
Composición étnica da Bosnia - Hercegovina no 2005
Composición étnica da Bosnia - Hercegovina no 2005

Os continuos desprazamentos poboacionais durante as guerras dos Balcáns na década de 1990 provocaron drásticos cambios na distribucíón da poboación. O último dato oficial data do censo iugoslavo de 1991. Segundo este censo a poboación de Bosnia e Hercegovina era de 4.354.911, etnicamente se dividía en:

No país existe unha forte correlación entre o grupo étnico e a relixión xa que:

As tensións entre as tres etnias son o principal problema político no país, xa que as tres minorías teñen practicamente o mesmo poder: os bosnios son os máis numerosos, os serbios teñen unha entidade política de seu e os croatas a pesares de non estar politicamente á marxe, teñen o poder económico.

A estimación da poboación para xullo de 2006 é de 4.498.976 habitantes.

[editar] Ligazóns externas


Países do mundo | Europa
Albania | Alemaña | Andorra | ARI Macedonia | Austria | Bélxica | Bielorrusia | Bosnia - Hercegovina | Bulgaria | Chequia | Chipre | Croacia | Dinamarca | Eslovaquia | Eslovenia | España | Estonia | Finlandia | Francia | Grecia | Hungría | Irlanda | Islandia | Italia | Letonia | Liechtenstein | Lituania | Luxemburgo | Malta | Moldova | Mónaco | Montenegro | Noruega | Países Baixos | Polonia | Portugal | Reino Unido | Romanía | San Mariño | Serbia | Suecia | Suíza | Ucraína | Cidade do Vaticano
Países con parte do seu territorio en Europa

Rusia | Turquía

Ferramentas persoais
Outras linguas