Dereito civil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Dereito civil é unha rama do Dereito que pode definirse, seguindo a Hernández Gil, como Dereito privado xeral, que ten por obxecto a regulación da persoa na súa estrutura orgánica, nos dereitos que lle corresponde, como tal, e das relacións derivadas da súa integración na familia e de ser suxeito dun patrimonio dentro da comunidade.

O Dereito civil trata sobre as relacións xurídicas entre particulares, e abrangue, máis concretamente: o Dereito de Familia, o Dereito de Sucesións, e o Dereito patrimonial. No Dereito civil residéncianse as cuestións relativas ao estado civil das persoas, maior ou menor idade, o matrimonio; todo o relativo á herdanza; todo o relativo ao patrimonio (dereitos reais, posesión e propiedade, servidumes, etc.) as obrigacións e os contratos privados (excluídose os contratos mercantís, os contratos de traballo e os contratos públicos ou administrativos).

En España e nos países que seguen a tradición herada do Código de Napoleón, se regula basicamente no Código civil.

O Dereito civil de Galicia[editar | editar a fonte]

Galicia conta cun dereito civil propio, de carácter eminentemente agrario, que aínda sobrevive a pesar de que o Código civil español de 1888 impuña un mesmo dereito privado para toda España, permitindo con moitas limitacións a pervivencia dos dereitos forais, ali onde existisen (entre eles, o dereito de Galicia), o que case significou a súa desaparición.

Os congresos de dereito galego celebrados na Coruña (1973, 1985 e 2003) cunha completa representación dos mellores xuristas galegos, trataron de revitalizar as institucións de dereito civil de Galicia.

No ano 1963, case que un século despois da promulgación do Código civil, publicouse a Compilación de Dereito Foral de Galicia, que intentou recuperar a memoria das tradicións xurídicas galegas.

No ano 1995 ditouse a primeira Lei de Dereito civil de Galicia, que recoñece o costume como primeira fonte do dereito, en defecto de lei apicable, e que deu carácter legal a costumes aínda pervivintes, coma o testamento mancomunado.

No ano 2006 ditouse unha nova Lei de dereito civil de Galicia, redactada por un grupo de notarios e catedráticos. A nova Lei incorpora cuestións de nula tradición galega, como a adopción, e reduce a lexítima do 33 por cento ao 25 por cento, punto no que se afastou expresamente das conclusións no Congreso de Dereito civil de Galicia de 2003.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Lei de dereito civil de Galicia