Entroido Ribeirao

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Volante.
Pareja ancestral, Entroido, Chantada.jpg
Volantes bailando.

O Entroido Ribeirao celébrase nas parroquias das ribeiras do río Miño, no concello de Chantada. No século XX facíase en Vilaúxe, Líncora, Nogueira de Miño e Santiago de Arriba. Nas primeiras décadas do século XXI só se mantén en Santiago de Arriba, organizado pola Asociación Entroido Ribeirao.[1]

Outras manifestacións semellantes tiñan lugar en Ribeiras de Miño, parroquia do concello de Pantón situada na ribeira oposta do Miño. Tendo paralelismos cos entroidos rurais de Salcedo (A Pobra do Brollón) e da Provincia de Ourense (O Bolo, Verín, Xinzo de Limia ou Laza).

O tempo do Entroido comeza co domingo lambedoiro, segue o domingo corredoiro, e o domingo de Entroido, rematando co luns e martes de Entroido, co testamento, antes da desaparición da máscara.

Nos personaxes destaca o volante, vestido con faixas alternas de cores, amarelas e vermellas, e cun cinto que leva penduradas dúas ducias de campaíñas do gando. Na cabeza leva o pucho, unha estrutura cuberta de cintas e flores de papel, entre as que se coloca unha boneca. Acompañan o volante o peliqueiro, o meco e o maragato, personaxes descoidados na vestimenta, que tratan de protexer e abrir o camiño do volante.

No Entroido da ribeira tamén se representan pequenas pezas teatrais, coñecidas como oficios, obras satíricas realizadas polos propios veciños da ribeira.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vázquez, X. M. (2014). Etnografía da Ribeira Sacra.