Cidade do Cabo
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2014.) |
Coordenadas: 33°55′31″S 18°25′26″L / -33.92528, -18.42389
Cidade do Cabo | ||
---|---|---|
Cape Town Kaapstad iKapa | ||
![]() | ||
Centro da cidade | ||
Localización | ||
País | ![]() | |
Provincia | Cabo Occidental | |
Concello | Concello de Cidade do Cabo | |
Xeografía | ||
Altitude | 0-1.590,4 msnm | |
Superficie | 2.445 km² | |
Demografía | ||
Poboación | 3 740 026 hab. (2011) | |
Densidade | 1.500 hab/km² | |
Outros datos | ||
Código postal | 7700 a 8099 | |
Alcalde | Geordin Hill Lewis (DA) | |
www.capetown.gov.za |
Cidade do Cabo[1][2][3] (en inglés: Cape Town; en afrikaans: Kaapstad; e en xosa: iKapa), tamén coñecida en galego como Capetón,[1] adaptación fonética do topónimo inglés realizada polos mariñeiros que pescaban nesas augas, é a segunda cidade máis poboada de Suráfrica despois de Xohanesburgo, con 3.481.156 habitantes (2008). A cidade é a capital da provincia do Cabo Occidental, así como a capital lexislativa de Suráfrica (dende 1910), e polo tanto acolle o Parlamento Nacional e outras sedes gobernamentais.
Trátase dun importante centro turístico e comercial.
Historia[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Historia de Cidade do Cabo.
Os restos máis antigos da presenza humana na rexión atópanse na Cova Peers, e teñen uns 12.000 anos. Non existe documentación sobre os pobos que habitaron a zona até que o navegante portugués Bartolomeu Dias mencionou a rexión en 1486. Vasco da Gama tamén rexistrou o avistamento do Cabo de Boa Esperanza en 1497.
Os san e os khoisas eran os poboadores da zona do Cabo da Boa Esperanza cando a actual cidade foi fundada polo comerciante holandés Jan van Riebeeck o 6 de abril de 1652. A misión era que servise como un centro de fornecemento a medio camiño da viaxe ás Indias, ao servizo da Compañía Holandesa das Indias Orientais.
En 1688 uníronse aos holandeses 150 hugonotes franceses fuxidos de Francia e algo máis tarde chegaron algúns soldados alemáns ata chegar a arredor de 1000 brancos. E xa que os indíxenas rexeitaban traballar para os holandeses, estes importaron traballadores escravos de Madagascar, India, Malaisia e Indonesia, ao seren poucas as mulleres europeas, os holandeses empregaban as mulleres asiáticas como escravas sexuais, co tempo os escravos uníronse cos khoisas, dando orixe á actual poboación de Colorados do Cabo, ao tempo que os malaios do Cabo tamén chegaron ata hoxe. Os ingleses ocuparon a cidade no 1795, nese momento a poboación branca era uns 21.000 persoas con 25.000 escravos.
Despois dun breve período de dominio holandés entre 1803 e 1806, e pasou oficialmente á coroa o 13 de agosto de 1814 tornouse a capital da colonia británica do Cabo. En 1820 chegaron 5.000 colonos británicos. O descubrimento de ouro e diamantes na área de Highveld entre 1870 e 1880 implicou que a cidade deixara de ser a maior do país, pero como o principal porto do país, converteu a cidade no principal destino dos beneficios do mineral, industrializándoa.
A peste de 1901 serviu de escusa para a política de segregación racial, trasladando aos africanos a dúas localidades da periferia, agravándose a situación coa implantación do apartheid en 1948.
Lugares de interese[editar | editar a fonte]
- Cabo de Boa Esperanza. Localizado ó sur da cidade, é un espazo natural protexido, cunha gran riqueza de flora. Este cabo é o que lle dá o nome á cidade. Durante séculos foi considerado o límite entre os océanos Atlántico e Índico.
- Montaña de Mesa (Table Mountain). A cidade está dominada por esta montaña, cuxo punto máis alto é unha meseta de 3 quilómetros de anchura. A montaña posúe unha flora e fauna autóctonas polas que foi declarada Parque Nacional e Patrimonio da Humanidade. O turismo acode á montaña por estrada ou teleférico por mor das súas famosas vistas da cidade. En novembro de 2011 a Montaña de Mesa foi declarada unha das sete marabillas naturais do mundo.
- Victoria & Alfred Waterfront. É o corazón histórico do primitivo porto comercial da cidade, que actualmente acolle museos, centros comerciais, un acuario e a terminal marítima na que se collen os barcos que levan á illa Robben. Está considerado o punto turístico con máis visitas de toda Suráfrica.
- Illa Robben. Nesta illa houbo unha prisión dende o século XVII. Nela cumpriron cadea moitos opositores ó réxime do apartheid durante a segunda metade do século XX. Nelson Mandela pasou alí 36 anos antes de ser posto en liberdade. En 1999 foi declarada Patrimonio da Humanidade.
- As praias. As 26 praias que rodean Cidade do Cabo son un destino turístico de primeira orde por mor do clima soleado e a fermosura natural da zona.
- Parlamento de Suráfrica. Acolle dende 1910 a Asemblea Nacional (cámara baixa) e o Consello Nacional de Provincias (cámara alta), malia que a sede do goberno surafricano está na cidade de Pretoria.
- Grand Parade. É unha gran praza pública situada no centro da zona histórica da cidade. Nela atópanse edificios como a Casa do Concello de Cidade do Cabo, construído en 1905, ou o Castelo de Boa Esperanza, monumento nacional do século XVII.
- Cabeza de León (Lion's Head). É unha montaña de 669 metros de altitude situada preto do centro histórico da cidade. Ó seu carón atópase a Signal Hill, un outeiro de 350 metros de altitude no que se atopa o Observatorio Astronómico de Suráfrica.
- Catedral de San Xurxo. Trátase dun templo anglicano, sede do Arcebispado de Cidade do Cabo. A súa construción comezou en 1901, e considérase o edificio relixioso máis salientable da cidade.
- Galería Nacional de Suráfrica. É un museo de arte situado no centro histórico da cidade, que acolle esculturas e pinturas correspondentes ós séculos XVII, XVIII e XIX, malia que tamén organiza mostras de arte contemporánea.
Demografía[editar | editar a fonte]
O censo de 2008 determinou que a poboación de Cidade do Cabo era de 3,481.156 habitantes, o cal coloca á cidade no segundo posto dentro da lista de cidades máis poboadas de Suráfrica, só por detrás de Xohanesburgo.
Os 48'5% da poboación son persoas mestizas, mentres que o 31% son negros, o 19% son brancos, e o 1'5% son asiáticos. Estes porcentaxes indican que Cidade do Cabo é a única gran cidade surafricana na cal non hai unha maioría de poboación negra.
No tocante ás linguas que se falan, o 41'4% dos residentes da cidade falan afrikaans, o 28'7% falan xosa, o 27'9% falan inglés e o 0'7% falan sesotho.
O 76'6% son cristiáns, o 9'7% son musulmáns, o 0'5% son xudeus, o 0'2% son hindús, e o 10'7% restante non teñen ningunha relixión.
Educación[editar | editar a fonte]
A educación pública primaria e secundaria de Cidade do Cabo está dirixida polo Departamento de Educación do Cabo Occidental (o Western Cape Education Department). Este departamento provincial divídese en 7 distritos.
O sistema público de universidades que ten Cidade do Cabo é moi prestixioso. A cidade ten 3 universidades públicas: a Universidade de Cidade do Cabo (University of Cape Town) creada en 1829, a Universidade do Cabo Occidental (University of the Western Cape) creada en 1959, e a Universidade Tecnolóxica da Península do Cabo (Cape Peninsula University of Technology) creada en 2005 como resultado da fusión de dúas universidades tecnolóxicas máis antigas. Outro centro académico de prestixio é a Universidade de Stellenbosch (Stellenbosch University), situada a uns 50 quilómetros do centro da cidade, que foi creada en 1866.
Tanto a Universidade de Cidade do Cabo como a Universidade de Stellenbosch teñen sona de ser os centros académicos líderes no sistema universitario de Suráfrica.
Deportes[editar | editar a fonte]
Rugby[editar | editar a fonte]
O equipo de rugby Western Province é o máis laureado do campionato de liga surafricano, a Currie Cup, con 32 títulos dende 1889. Os mesmos xogadores deste equipo compiten baixo a denominación Stormers na máxima competición de rugby do Hemisferio Sur, o Super Rugby, fronte a outros equipos surafricanos, australianos e neozelandeses. Ámbolos dous conxuntos disputan os seus encontros no Newlands Stadium, alcumado a casa do rugby surafricano. Este estadio ten capacidade para acoller 50.900 seareiros, e acolle regularmente encontros da selección surafricana de rugby, alcumada os Springbok.
Equipo | Fundación | Competición | Estadio | Capacidade |
---|---|---|---|---|
Western Province | 1883 | Currie Cup | Newlands Stadium | 50.900 |
Stormers | 1997 | Super Rugby | Newlands Stadium | 50.900 |
Fútbol[editar | editar a fonte]
No tocante ó fútbol, os dous equipos máis salientables da cidade son o Santos Football Club e o Ajax Cape Town, ámbolos dous equipos habituais na máxima categoría da Premier Soccer League. O Santos FC chegou a gañar a liga surafricana na tempada 2001-02, mentres que o Ajax CT foi subcampión de liga nas tempadas 2003-04, 2007-08 e 2010-11.
Equipo | Fundación | Competición | Estadio | Capacidade |
---|---|---|---|---|
Ajax Cape Town | 1999 | Premier Soccer League | Cape Town Stadium | 55.000 |
Santos Football Club | 1982 | Premier Soccer League | Athlone Stadium | 30.000 |
Galería[editar | editar a fonte]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Goretti Sanmartín Rei et al. Servizo de Normalización Língüística, Universidade da Coruña, ed. Criterios para o uso da lingua (PDF). p. 119. ISBN 84-9749-199-8.
- ↑ Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1304. ISBN 9788482887524.
- ↑ Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. p. 102. ISBN 84-8158-266-2.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cidade do Cabo ![]() |