Conakry, ás veces transcrito como Conacri,[1] é a capital e a cidade máis importante de Guinea. Situada na illa de Tombo, na costa do océano Atlántico, é o maior núcleo urbano de Guinea e o centro administrativo, económico e de comunicacións. A súa poboación, en 2005, era de 1871185 habitantes.
A economía da cidade desenvólvese, especialmente, arredor do seu porto, que está dotado de modernas instalacións para o tráfico de mercadorías e a almacenaxe, e polo cal se exportan aluminio e bananas. Ten crecente importancia a industriaalimentaria e a do automóbil.
Inicialmente Conakry naceu na pequena illa de Tombo, no sur da costa atlántica do país, pero o seu crecemento fixo que a cidade se estendese pola península de Kaloum, unha estreita lingua duns 36km de lonxitude e unha anchura que oscila entre 0,2 e 0,6km, e mesmo acabase por ocupar terras no continente. En Tombo radica a cidade vella, pero o centro da cidade está na actualidade na península.
O clima da cidade é tropical, cunha estación chuviosa e outra seca.
Conakry foi creada oficialmente en 1887, cando os colonizadores franceses reuniron a aglomeración de catro aldeas: Conakry, Boulbinet, Krutown e Tombo. Conakry converteuse en capital da colonia das «Rivières du Sud» (Ríos do Sur) en 1889, que mudou o seu nome como a Guinea Francesa (Guinée-Française) en 1891.
A apertura dun ferrocarril (actualmente clausurado), que a unía con Kankan, no interior do país, favoreceu a exportación das colleitas de cacahuetes, fomentando o crecemento da cidade. Con todo a súa poboación era só de arredor de 50.000 habitantes en 1958. O boom ocorreu logo da independencia, de xeito que en 1968 superaba xa ben os 500.000 moradores. A expansión posterior, até os cerca de 2000000 de habitantes en 2008, fixo que a cidade desbordase os seus límites insulares e se espallase pola próxima península de Kaloum.