Crise da auga en Cidade do Cabo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gráfico do total de auga almacenada nas seis maiores presas da provincia de Cabo Occidental desde o 30 de xuño de 2013 ata o 31 de marzo de 2018. O gráfico ilustra a diminución dos niveis de almacenamento de auga ao longo da crise de auga de Cape Town e o impacto do consumo reducido desde principios de 2018. A previsión mostra os niveis de almacenamento, que alcanzan un 12 % ata finais de maio de 2018 en función do consumo normal (antes da crise). Datos obtidos do Climate Systems Analysis Group (CSAG).

En 2015 comezou unha seca na provincia de Cabo Occidental, en Suráfrica, o que provocou unha grave escaseza de auga na rexión, que afecta especialmente á poboación de Cidade do Cabo.

A comezos de 2018, cando se previu que os niveis de auga das presas acadarían o seu nivel crítico en abril, a cidade anunciou os plans para o "Día Cero", o momento en que se chegase a un determinado límite inferior de almacenamento de auga que provocase o peche en gran medida do abastecemento municipal de auga, o que faría de Cidade do Cabo a primeira gran cidade en quedar sen auga.[1][2][3]

Grazas ás medidas de aforro e o aumento de abastecemento, en marzo de 2018 a cidade reduciu o seu consumo diario de auga en máis da metade ata os 500 millóns de litros por día e, en xuño de 2018 a redución no consumo e as precipitacións fixeron que os niveis das presas aumentasen até o 43 % de capacidade, o que provocou que Cidade do Cabo anunciase que a ameaza do Día Cero xa non sería real no 2018.[4] Non obstante, as restricións ao consumo de auga permanecerán até que o nivel das presas acade o 85 % da súa capacidade.[5]

Contexto[editar | editar a fonte]

A maior reserva de auga de Cidade do Cabo, Theewaterskloof, estaba ao 11 % da súa capacidade en marzo de 2018.

A rexión de Cidade do Cabo ten clima mediterráneo, con veráns veráns secos e cálidos, e invernos con choiva. A auga é subministrada en gran medida polas seis grandes presas do Sistema de Abastecemento de Augas do Cabo Occidental, nas zonas montañosas próximas á cidade.[6] Os encoros énchense coa auga da choiva que cae nas súas áreas de captación, en gran medida durante os meses de inverno máis fríos de maio a agosto, e os niveis baixan durante os meses de verán secos -de decembro a febreiro-, durante os cales aumenta o consumo de auga tanto na zona urbana como na agrícola.

A poboación de Cidade do Cabo pasou de 2,4 millóns de residentes en 1995 a unha poboación estimada de 4,3 millóns ata 2018, o que supón un aumento de poboación do 79 % en 23 anos, mentres que o almacenamento de auga nos encoros só aumentou un 15 por cento no mesmo período.[7] En 2016/2017, o 64,5 % do abastecemento de auga da cidade ía a residentes en vivendas permanentes, mentres que o 3,6 % ía destinado a habitantes de asentamentos irregulares, como barriadas e choupanas.[8] Entre 1950 e 1999 o consumo de auga tratada na cidade medrou un 4 % anual, acorde ao crecemento demográfico da cidade. O consumo de auga chegou ao seu máximo en 1999 con 335 millóns de metros cúbicos ao ano. A posibilidade de que a cidade excedese o seu abastecemento de auga púxose de manifesto xa en 1990.[9] En 2000 creouse o plan Africa Water Vision 2025, co obxectivo de acadar "un uso equitativo e sostible da auga para o desenvolvemento socioeconómico".[10] Os períodos de pouca choiva en 2000/2001 e 2003/2004 derivaron na imposición de restricións de auga.[11][12] En 2007 a cidade iniciou unha estratexia de xestión de demanda de auga para os seguintes 10 anos, que logrou manter o uso anual ou inferior ao nivel de 1999 a pesar do crecemento demográfico continuo.[11]

En 2009 a capacidade de almacenamento das presas que subministraban auga a Cidade do Cabo aumentou un 17 %, de 768 a 898 millóns de metros cúbicos, coa construción dunha presa no río Berg.[13] A pesar da maior capacidade de almacenamento, o Departamento de Asuntos de Auga e Silvicultura de Suráfrica (Department of Water Affairs and Forestry) predixo que a crecente demanda da cidade superaría o abastecemento en 2013 sen necesidade de medidas de xestión de conservación e demanda de auga por parte da cidade e que, mesmo con esas medidas, requiriríanse máis fontes de auga en 2019.[14]

Causas[editar | editar a fonte]

A causa da perda de auga en Cidade do Cabo foi debatida. Aínda que a seca é un factor importante na escaseza de auga da cidade, a súa relevancia foi cuestionada. Pénsase que a escaseza de auga provocada pola seca está a ser exacerbada polo crecemento demográfico, o uso agrícola potencialmente non declarado, as especies invasoras e a mala planificación da xestión da auga.[15] Se ben a choiva adoita ser estacional, o que provoca unha ondulación nos niveis de control estación meteorolóxicas dos encoros de Cidade do Cabo, houbo unha caída clara e significativa das precipitacións en 2016. Un estudo realizado polo Grupo de Análise do Sistema Climático da Universidade de Cidade do Cabo realizou análises estatísticas para determinar que as precipitacións entre 2015 e 2017 foron moi escasas[16].

Esta seca tan forte pode estar provocada en parte polo cambio climático.[17] Un gran problema na dependencia de auga de Cidade do Cabo é que os seus sistemas de auga foron construídos en base ao clima estable de anos anteriores. O cambio climático cambiou os patróns de precipitación na zona, levando a fontes de auga menos estables e unha taxa de perda de auga menor do previsto. Outra gran causa da escaseza de auga é o uso agrícola. En 2016 Cidade do Cabo exportou 30 millóns de litros de viño a Europa e os Estados Unidos. Por cada litro de viño, utilízanse entre 176 e 358 litros de auga. Un terzo da auga exportada a través da industria do viño podería utilizarse para os 7 millóns de persoas sen acceso á auga en Suráfrica. Ademais, Cidade do Cabo exportou preto de 231 000 toneladas de cítricos en 2017, o que implica unha exportación adicional de preto de 7925 millóns de litros de auga.[18]

Impacto[editar | editar a fonte]

Cartel do goberno de Cidade do Cabo facendo un chamamento ao aforro de auga durante as restricións de 2017.
Xente voluntaria recollendo auga nos mananciais de Newlandsa comezos de 2018. Imaxes de xente collendo auga nas fontes foron distribuídas nos medios de comunicación dando a falsa impresión de cortes de auga xerais durante a seca.

En resposta ás restricións de auga, o sector agrícola reduciu o consumo á metade, o que implicou a perda de 37 000 postos de traballo a nivel estatal, e que unhas 50 000 persoas pasasen o limiar da pobreza por mor da perda do emprego e da inflación debido ao aumento do prezo da comida.[19] Até febreiro de 2018 o sector agrícola tivera 14 000 millóns de rands (900 millóns de euros) en perdas debido ás restricións da auga.[20] Nos edificios de oficinas e en moitos lugares públicos en toda Cidade do Cabo retirouse a auga dos lavabos dos baños. A auga da choiva destinouse ao uso das cisternas dos váteres, aínda que se pediu que estas só se usasen despois de defecar, e que despois de ouriñar se usase un spray desinfectante perfumado. Amais, para lavar as mans repartíronse desinfectantes de mans en oficinas e edificios públicos.

A cidade instou á veciñanza a almacenar auga potable para casos de emerxencia, se ben a tarefa está a ser complicada. As tendas quedan sen existencias ao pouco de telas, e non se sabe con certeza cando chegarían máis. As persoas poden ir ás fontes a recoller auga, pero adoita haber longas colas.[21]

Saúde pública[editar | editar a fonte]

As persoas residentes en Cidade do Cabo teñen restrinxido o consumo de auga a 50 litros por persoa e día. Amais recoméndase evitar o uso do baño na medida do posible, e usar no váter só auga non potable, así como reducir a frecuencia e duración das duchas.

O saneamento inadecuado é unha das principais causas da diarrea, especialmente na poboación infantil. Cunha poboación de case 3,81 millóns de habitantes e unha densidade de poboación de 1530 hab./km², doenzas como o cólera ou a listeriose poden propagarse rapidamente sen un adecuado saneamento, especialmente nos barrios pobres da cidade. Sen auga limpa continúan as consecuencias sobre a saúde pública a medida que os insectos son atraídos e se reproducen en augas sucias, difundindo máis as enfermidades.[22] As empresas de saúde pública, os centros de investigación e os provedores de menciñas tamén se preocupan polo impacto que terá a crise da auga nos servizos sanitarios. Pénsase tamén na repercusión na produtividade laboral debido a que as persoas non poden asistir con puntualidade aos postos de traballo por ter que facer cola para coller auga.[23]

Riscos de saúde laboral[editar | editar a fonte]

As duchas de emerxencia e as estacións de parada oculares son unha parte esencial da seguridade no lugar de traballo para moitos laboratorios e fábricas. É necesario unha subministración constante de auga en caso de exposición química prexudicial. Moitos requisitos de seguridade e saúde laboral suxiren que todas as duchas de emerxencia sexan capaces de bombear 75 litros por minuto durante un mínimo de 15 minutos.[24] Se estas estacións de lavado estivesen pechadas ou limitadas, as persoas que manexan produtos químicos altamente corrosivos nos seus postos de traballo serían vulnerables.

O risco de incendio aumenta a medida que o medio ambiente e a infraestrutura están cada vez máis secos. Isto é especialmente importante en grandes locais industriais e depósitos, xa que o incendio nun sitio pode estenderse máis facilmente a outros edificios nas proximidades. O sistema de extinción de incendios tamén pode fallar debido á reducida presión de auga en áreas de alto uso.[25]

Poboación vulnerable[editar | editar a fonte]

Nos fogares e os orfanatos de Cidade do Cabo, a poboación infantil é un dos sectores de poboación máis vulnerables en relación coa escaseza de auga, ao ser un elemento moi importante para a alimentación, o lavado e a esterilización.[26] Calcúlase que se as escolas e colexios de Cidade do Cabo pechasen as billas no Día Cero, 1,1 millóns de nenos e nenas poderían quedar sen acceso á auga.[27]

Implicacións e respostas comerciais[editar | editar a fonte]

Todas as empresas dependen do acceso á auga, xa sexa para subministrar instalacións para o persoal ou a clientela (por exemplo, refrescos, refrixeración, saneamento) ou como base para fabricar ou procesar produtos á venda. Xa que logo, a seca presentou desafíos a todos os negocios con base en Cidade do Cabo, pero estes retos apareceron en diferentes etapas e intensidades en función da natureza do negocio. A forma en que as empresas responderon dependía dunha combinación de regulación do goberno, xuízo xerencial e acceso ao capital co que efectuar os cambios. En base a estes elementos, houbo tres etapas identificables, en cada unha das cales aumentou a intensidade da resposta empresarial.

  • Etapa primeira: de 2016 a comezos de 2017: historicamente, o prezo da auga municipal subministrada ás empresas fora relativamente baixo, baixo de máis como para estimular o investimento voluntario nas medidas de eficiencia da auga ou fontes alternativas de subministración. Mesmo as compañías con maior necesidade de auga en Cidade do Cabo non viron ningunha necesidade de investimentos significativos neste período.
  • Etapa segunda: maio de 2017 a xaneiro de 2018: as tarifas comerciais de auga aumentaron na cidade por segunda vez en decembro de 2016, causando un aumento total dos prezos desde 2015 do 35 %[28]. Non obstante, o aumento foi insuficiente por si mesmo para estimular o investimento empresarial a grande escala en eficiencia e fontes alternativas. Logo de que en maio a seca fose declarada desastre provincial, cada vez máis empresas se preocuparon pola continuidade do abastecemento máis ca do racionamento potencial, e tomaron medidas para ser máis eficientes ou garantir fontes alternativas de auga como pozos ou recolección de auga de choiva.[29] O 3 de outubro a alcaldesa Patricia de Lille anunciou que o Día Cero era unha posibilidade, calculando a data -por entón estimada en marzo de 2018- en que o abastecemento municipal de auga non estivese dispoñible[30].
  • Terceira etapa: xaneiro a maio de 2018: o 1 de febreiro entrou en vigor a tarifa do nivel 6B da cidade, que representa para as empresas un aumento do 104 % respecto da tarifa de consumo de consumo anterior[31].

A industria agraria é un dos sectores con maior consumo de auga. A viticultura na rexión de Cidade do Cabo é un importante atractivo turístico e un importante sector para a economía, dando emprego a 300 000 persoas. As adegas atraeron 1,5 millóns de turistas en 2017, e usaron un terzo da auga.[32] Dependendo da rexión, unha viña necesita entre 250 e 600 mm de choiva para sobrevivir. De media, os campos de cultivo de Suráfrica recibiron de media a metade de precipitacións ca no ano anterior, o que implica que medren menos acios de uva. A industria viña tendo un beneficio desproporcionado, con só un 1 % de retorno do investimento, a pesar de producir algúns dos viños máis populares do mundo. O rendemento da uva en 2018 podería caer un 20 % estimado respecto aos 1,4 millóns de toneladas producidas en 2017, o que supón unha diminución do 9 % no volume de viño vendido.[23]

Positivas[editar | editar a fonte]

A crise da auga aumentou a investigación e o investimento en sistemas alternativos de aprovisionamento de auga, que nos últimos anos axudaran a previr a mesma situación noutros lugares. A medida que o cambio climático continúe e siga a haber un aumento da poboación e migracións de áreas rurais a áreas urbanas, outras cidades han sufrir situacións similares.[33] Outro aspecto positivo é o cambio cultural no uso da auga que está a provocar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cassim, Zaheer (19 de xaneiro 2018). "Cape Town could be the first major city in the world to run out of water". USA Today (en inglés). 
  2. Richard Poplak (15 de febreiro de 2018). "What's Actually Behind Cape Town's Water Crisis". The Atlantic (en inglés). 
  3. Geoffrey York (8 de marzo de 2018). "Cape Town residents become 'guinea pigs for the world' with water-conservation campaign". The Globe and Mail (en inglés). 
  4. Janine Myburgh (29 de xuño de 2018). "Death of Day Zero – Cape Chamber" (en inglés). Consultado o 5 de febreiro de 2020. 
  5. "Western Cape edges closer to an end to the drought as dam levels continue to rise". News24 (en castelán). 12 de xullo de 2018. Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2018. Consultado o 19 de xullo de 2018. 
  6. Adam Welz (1 de marzo de 2018). "Awaiting Day Zero: Cape Town Faces an Uncertain Water Future". Yale Environment 360 (en castelán). 
  7. Trevor Bohatch (16 de maio de 2017). "What's causing Cape Town's water crisis?". Ground Up (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2019. Consultado o 19 de xullo de 2018. 
  8. Gopolang Makou (21 de agosto de 2017). "Do Formal Residents Use 65% of Cape Town's Water?". Africa Check (en inglés). 
  9. Barry Streek (26 de abril de 1990). "Cape Town will run out of water in 17 years". Cape Times (en inglés). Water supplies for the Cape Town area are expected to dry up in 17 years time, the Water Research Commission (WRC) disclosed yesterday. "It is estimated that known fresh water supplies for the Cape Town metropolitan area will be fully committed by the year 2007", it said in its annual report tabled in Parliament yesterday. "Thereafter the reclamation of purified sewage effluent to augment supplies is a distinct possibility". 
  10. N. Quinn (2012). "Water Governance, Ecosystems and Sustainability: A Review of Progress in South Africa". Water International (en inglés) 37. pp. 760–772. 
  11. 11,0 11,1 Zolile Basholo (4 de febreiro de 2016). "Overview of Water Demand Management Initiatives: A City of Cape Town Approach" (PDF). City of Cape Town (en inglés). 
  12. Willem Steenkamp (1 de xaneiro de 2005). "'We needed to build more dams a decade ago'" (en inglés). 
  13. "Cape Town's water supply boosted". City of Cape Town (en inglés). 17 de marzo de 2009. Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2009. Consultado o 19 de xullo de 2018. 
  14. "Western Cape Water Reconciliation Strategy Newsletter 5" (PDF). Department of Water Affairs and Forestry (en inglés). Marzo de 2009. 
  15. William Saunderson-Meyer, William (5 de febreiro de 2018). "Commentary: In drought-hit South Africa, the politics of water". Reuters (en inglés). 
  16. Piotr Wolski (22 de xaneiro de 2018). "Facts are few, opinions plenty… on drought severity again". www.csag.uct.ac.za (en inglés). 
  17. Randal Jackson. "Global Climate Change: Effects". Climate Change: Vital Signs of the Planet (en inglés). Consultado o 30 de marzo de 2018. 
  18. Stephen Leahy (22 de marzo de 2018). "From Not Enough to Too Much, the World’s Water Crisis Explained". National Geographic (en inglés). 
  19. Diana Neille, Marelise Van Der Merwe e Leila Dougan. "Cape Of Storms To Come". features.dailymaverick.co.za (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2018. Consultado o 3 de novembro de 2017. 
  20. Phakathi, Bekezela (5 de febreiro de 2018). "Farmers lose R14bn as Cape drought bites". Business Day (en inglés). Consultado o 7 de febreiro de 2018. 
  21. "'I Knew We Were in Trouble.' What It's Like to Live Through Cape Town's Massive Water Crisis". Time. Consultado o 30 de marzo de 2018. 
  22. Tom Head (10 de outubro de 2017). "Cape Town water crisis: With drought, comes the horror of disease". The South African (en inglés). Consultado o 30 de marzo de 2018. 
  23. 23,0 23,1 "Cape Town water crisis: South African wine vineyard harvest will be hit by drought — Quartz". qz.com (en inglés). Consultado o 30 de marzo de 2018. 
  24. "Day Zero: The impact of Cape Town's water shortage on public health | Public Health". Public Health (en inglés). 5 de febreiro de 2018. Consultado o 30 de marzo de 2018. 
  25. "Western Cape Water Crisis: How resilient is your organization in the face of the current water crisis?" (PDF). PWC (en inglés). Decembro de 2012. Consultado o 27 de marzo de 2018. 
  26. "Vulnerable fear Cape Town's water shut-off". News24 (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2018. Consultado o 30 de marzo de 2018. 
  27. "Water crisis: Day Zero could affect a million children". www.enca.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2020. Consultado o 30 de marzo de 2018. 
  28. Raymond Siebrits (Febreiro de 2017). "GreenCape Water Sector Market Intelligence Report 2017" (PDF). www.greencape.co.za/market-intelligence. Consultado o 18 de xullo de 2018. 
  29. "49 percent of Cape Town business says drought is becoming a threat to their survival". Cape Business News (en inglés). 29 de outubro de 2017. 
  30. Jenna Etheridge (4 de outubro de 2018). "De Lille warns 'Day Zero' for Cape Town's municipal water supply is March 2018". www.News24.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2018. Consultado o 19 de xullo de 2018. 
  31. Jane Reddick (Febreiro de 2018). "GreenCape Water Sector Market Intelligence Report 2018" (PDF). greencape.co.za/market-intelligence (en inglés). Consultado o 19 de xullo de 2018. 
  32. William Saunderson-Meyer. "Commentary: In drought-hit South Africa, the politics of water". Reuters (en inglés). Consultado o 30 de marzo de 2018. 
  33. "Cape Town is almost at the feared 'Day Zero'". The Independent (en inglés). 2 de marzo de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]