Antioquía do Orontes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaAntioquía do Orontes
Ἀντιόχεια ἡ Μεγάλη (grc) Editar o valor em Wikidata
Imaxe

Nomeado en referencia aAntíoco (pai de Seleuco I Nicator) (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Localización
Mapa
 36°12′17″N 36°10′54″L / 36.2047, 36.1817Coordenadas: 36°12′17″N 36°10′54″L / 36.2047, 36.1817
EstadoTurquía
ProvinciaHatay (pt) Traducir
Cidade grandeAntioquía Editar o valor em Wikidata
Capital de
Xeografía
Superficie15 km² Editar o valor em Wikidata
Bañado porRío Orontes Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
FundadorSeleuco I Nicátor Editar o valor em Wikidata
Creaciónmaio de 300 a. C. Editar o valor em Wikidata
Disolución1268 Editar o valor em Wikidata
Sucedido porAntioquía Editar o valor em Wikidata
Evento clave
240Mesopotamian campaigns of Ardashir I (en) Traducir
253 (Gregoriano)Cerco de Antioquia (pt) Traducir
260Siege of Antioch (en) Traducir
novembro de 968Cerco de Antioquia (968–969) (pt) Traducir
1084Siege of Antioch (en) Traducir
21 de outubro de 1097Cerco de Antioquia (pt) Traducir
1268Siege of Antioch (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Antioquía do Orontes (en grego: Ἀντιόχεια ἡ ἐπὶ Ὀρόντου; Antiókheia hē epì Oróntou), tamén coñecida como Antioquía de Siria,[a] foi unha antiga cidade helenística[1] situada entre a costa sur de Anatolia e a costa de Siria,[2][3] á beira do río Orontes. As súas ruínas atópanse preto da actual cidade de Antioquía (en turco: Antakya)[4] á que a antiga cidade dá o seu nome, e é a capital da provincia de Hatay en Turquía.

Antioquía foi fundada a finais do século IV a. C., no 301 a. C.,[5] por Seleuco I Nicátor, un dos xenerais de Alexandre Magno. A situación xeográfica, militar e económica da cidade beneficiou aos seus ocupantes, especialmente características como o comercio de especias, a Ruta da Seda e a Ruta Real. Durante o período helenístico tardío e o período romano temperán, a poboación de Antioquía acadou o seu pico de máis de 500.000 habitantes (as estimacións xeralmente son de 200.000 a 250.000) e foi a terceira cidade máis grande do Imperio despois de Roma e Alexandría. A cidade foi a capital do Imperio seléucida ata o ano 63 a. C., cando os romanos tomaron o control, converténdoa na sede do gobernador da provincia de Siria. Desde principios do século IV, a cidade foi a sede do Conde de Oriente, xefe da administración rexional de dezaseis provincias. Tamén foi o principal centro do xudaísmo helenístico ao final do período do Segundo Templo. Antioquía foi unha das cidades máis importantes da metade mediterránea oriental do Imperio Romano. Cubriu case 4,5 km2 dentro das murallas das cales unha cuarta parte era montaña, deixando 3,0 km2 aproximadamente a quinta parte da área de Roma dentro das Murallas Aurelianas.

Antioquía foi chamada "o berce do cristianismo" como resultado da súa lonxevidade e do papel fundamental que xogou na aparición tanto do xudaísmo helenístico como do cristianismo primitivo. O Novo Testamento cristián afirma que o nome "cristián" xurdiu por primeira vez en Antioquía. Foi unha das catro cidades da Tetrápole siria. A cidade puido ter ata 250.000 persoas durante a época de Augusto, pero caeu a unha relativa insignificancia durante a Idade Media por mor das guerras, os repetidos terremotos e un cambio nas rutas comerciais, que xa non pasaban por Antioquía dende o extremo oriente tralas invasións e conquistas polos mongois.

A cidade aínda dá o seu nome ao Patriarcado Grego Ortodoxo de Antioquía, unha das igrexas máis importantes do Levante e do Mediterráneo oriental.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Dúas rutas do mar Mediterráneo, que atravesan o desfiladeiro do río Orontes e o paso de Belén, conflúen na chaira do lago de Antioquía, agora chamado lago Amik, onde se atopan:

  1. a estrada dende a Porta Amania (paso de Baghche) e o oeste do Reino de Commagene, que descende polo val do Karasu ata o río Afrin,
  2. as estradas do leste de Commagene e os cruces do Éufrates en Samosata (agora, Samsat) e Apamea Zeugma (Birejik), que descenden polos vales do Afrin e do Queiq, e
  3. a estrada do vado do Éufrates en Thapsaco, que bordea a franxa da estepa siria. Unha única ruta segue cara ao sur no val do Orontes.[6]

Historia[editar | editar a fonte]

Prehistoria[editar | editar a fonte]

Con anterioridade a Antioquía, existiu un asentamento chamado Meroe. Aquí estaba un santuario da deusa semítica Anat, chamada por Heródoto a "Artemisa persa". Este sitio foi incluído nos suburbios do leste de Antioquía. Tamén houbo unha aldea no cume do monte Silpio chamada Io ou Iópolis. Este nome foi aducido como proba por algúns dos seus habitantes (por exemplo Libanio) ansiosos por xustificar un pasado próximo aos xonios da Ática e esas arelas maniféstanse nos modelos atenienses que se usaron nas moedas da cidade. Ío, quizais, puido ser unha pequena colonia temperá de comerciantes gregos. A maiores, Xoán Malalas tamén mencionou unha aldea arcaica, Bottia, na chaira do río.[6]

Fundación por Seleúco I[editar | editar a fonte]

Algúns autores como Libanio, un retórico do século IV nado en Antioquía,[7] afirman que Alexandre Magno acampara en Antioquía e lle adicara un altar a Zeus Boteo que se atopaba no noroeste da futura cidade,[6] mais é posíbel que non fose máis que unha lenda destinada a destaca-lo pasado histórico de Antioquía. Despois da morte de Alexandre no 323 a. C., os seus xenerais, os diádocos, dividiron o territorio que conquistara. Despois da batalla de Ipsos no 301 a. C., Seleuco I Nicátor gañou o territorio de Siria, e procedeu a fundar catro "cidades irmás" no noroeste de Siria: denominadas como tetrápole siria. Unha delas era Antioquía, unha cidade chamada en honor do seu pai Antíoco[8] aínda que, segundo a Suda, tamén podería levar o nome do seu fillo Antíoco.[9] Ten sona de construír dezaseis Antioquías.

Seleuco fundou Antioquía nun lugar elixido por medios rituais. Unha aguia, o paxaro de Zeus, recibira un anaco de carne de sacrificio e a cidade foi fundada no lugar onde a aguia levou a ofrenda. Seleuco fíxoo o día 22 do mes de Artemísios no duodécimo ano do seu reinado, equivalente a maio do 300 a. C.[10] Despois de Antioquía, ergueuse Seleucia Pieria que era o seu porto natural, e pasou a se converter na capital siria.

Período helenístico[editar | editar a fonte]

Mosaico representado a Dioniso (Museo Arqueolóxico de Antakya).

A cidade orixinal creada por Seleuco foi trazada polo arquitecto Xenarius, imitando o plano de cuadrícula de Alexandría. Libanio describe o primeiro edificio e ordenación desta cidade (i. p. 300. 17). A cidadela estaba no monte Silpio e a cidade, que se atopaba no terreo baixo, foi medrando cara ao norte bordeando o río. No centro cruzaban dúas grandes rúas con columnas. Pouco despois trazouse un segundo cuartel, probablemente no leste e por Antíoco I Sóter, que, por unha expresión de Estrabón, parece ser a cidade nativa, en contraste coa grega. Estaba pechada por un muro propio.

No Orontes, ao norte da cidade, había unha grande illa e nela, Seleuco II Calinico, comezou unha terceira "cidade" amurallada, que foi rematada por Antíoco III o Grande. Antíoco IV Epífanes (175164 a.C.) engadiu unha cuarta área e, xa dende entón, Antioquía foi coñecida como Tetrápole. De oeste a leste o conxunto tiña uns 6 quilómetros de diámetro e un pouco menos de norte a sur. Esta área incluía moitos e grandes xardíns.[6]

A nova cidade estaba poboada por unha mestura de colonos locais, atenienses traídos da cidade próxima de Antigonia, macedonios e xudeus (aos que se lles deu o status completo dende o principio). Segundo a tradición antiga, Antioquía foi colonizada por 5.500 atenienses e macedonios, xunto cun número descoñecido de sirios nativos. Este número probablemente refírese a cidadáns adultos libres, polo que o número total de colonos gregos libres, incluíndo mulleres e nenos, probablemente estivese entre 17.000 e 25.000.[11]

Uns 6 quilómetros ao oeste e máis aló do suburbio de Heraclea estaba o paraíso de Dafne, un parque de bosques e augas, no medio do cal se erguía un gran templo ao Apolo Pítico, tamén fundado por Seleuco I e enriquecido cunha estatua do deus realizada por Briaxis. Tamén tivo, nas proximidades deste, un santuario de Hécate construído no subsolo por Diocleciano. A beleza e a moral laxa de Dafne celebrábanse entodo o mundo antigo e, de feito, Antioquía no seu conxunto tiña sona de compartir estas dúas características.[12]

Antioquía converteuse na capital e cidade-corte do Imperio Seléucida occidental baixo Antíoco I, sendo a súa contraparte no leste Seleucia; pero a súa importancia primordial data da batalla de Ancira (240 a. C.), que cambiou o centro de gravidade seléucida de Anatolia, e levou indirectamente ao ascenso de Pérgamo.[15]

Os seléucidas reinaron dende Antioquía. Coñecese moi pouco sobre a época helenística nin sobre o resto de Siria, pois toda a información que se posúe procede de autores da época tardorromana. Entre os seus grandes edificios gregos só hai noticias dun teatro, do que aínda quedan subestructuras no flanco de Silpio, e do palacio real, probablemente situado na illa. Gozaba da fama de ser "unha cidade populosa, chea dos homes máis eruditos e rica nos estudos máis liberais",[13] pero os únicos nomes de distinción nestas actividades durante o período seléucida que chegaron ata nós son Apolofanes, o estoico, e un tal Febo, escritor sobre soños. Os alcumes que puxeron aos seus posteriores reis eran arameos; e, agás Apolo e Dafne, as grandes divindades do norte de Siria parecen permanecer esencialmente nativas, como a "Artemisa persa" de Meroe e Atargatis de Hierápolis Bambice.[14]

O epíteto "Dourada" que se lle atribuíu, en ocasións, suxire que o aspecto exterior de Antioquía era impresionante, mais a cidade precisou dunha constante restauración debido ás perturbacións sísmicas ás que sempre estivo sometida a zona. O primeiro gran terremoto da historia foi relatado polo cronista nativo da cidade, Xoán Malalas, sucedeu no 148 a. C. e causou un dano inmenso.[14][15]

A política local foi convulsa. Nas moitas disensións da casa seléucida a poboación tomou partido e levantouse con frecuencia en rebeldía, por exemplo contra Alexandre Balas no 147 a. C. e Demetrio II Nicátor no 129 a. C. Este último, alistou un corpo de xudeus e castigou a súa capital con lume e espada. Nas últimas loitas da casa seléucida, Antioquía volveuse contra os seus débiles gobernantes e invitou a Tigranes o Grande a ocupar a cidade no 83 a. C., tamén intentou derrocar a Antíoco XIII Asiático no 65 a. C. e, finalmente, no ano seguinte, solicitou a Roma contra a restauración dos seleúcidas. O desexo de Antioquía prevaleceu, e pasou con Siria á República Romana no 64 a. C., pero seguiu a ser unha civitas libera.[14]

Período romano[editar | editar a fonte]

Antiga calzada romana que comunicaba Antioquía e Calcios ad Belum.

Xulio César visitouna no 47 a. C., e confirmou a súa liberdade. Posteriormente, probablemente por insistencia de Octavio, cuxa causa a cidade defendera, ergueuse un gran templo de Xúpiter Capitolino sobre o Silpio. Estrabón, escribindo sobre o reinado de Augusto e os primeiros anos de Tiberio, afirmou que Antioquía non era moito menor que Seleucia e Alexandría; igualmente, Diodoro Sículo afirmou que Alexandría a mediados do século I a. C. tiña uns 300.000 habitantes libres, o que significaría que Antioquía tiña tamén este tamaño na época de Estrabón.[11]

A seguir, os emperadores romanos favoreceron a cidade dende os primeiros momentos pois a viron como unha capital máis axeitada para a parte oriental do imperio que Alexandría, pola posición illada de Exipto e mesmo tentaron, até certo punto, facer dela unha Roma oriental creando un foro de tipo romano e Tiberio construíu dúas longas columnatas no sur cara a Silpio.[14] Agripa e Tiberio ampliaron o teatro e Traxano rematou o seu traballo. Antonino Pío pavimentou a gran arteria de leste a oeste con granito. Construíronse un circo, outras columnatas e un gran número de baños, e novos acuedutos para abastecerlos levaban os nomes de Césares, sendo o mellor obra de Hadriano. O cliente romano, o rei Herodes (probablemente o gran construtor Herodes o Grande), erixiu unha longa stoá no leste, e Agripa (c. 63–12 a. C.) animou o crecemento dun novo suburbio.[14]

Circo de Antioquía[editar | editar a fonte]

Un dos edificios máis famosos de Antioquía, feita polos romanos probablemente baixo Augusto cando a cidade tiña máis de medio millón de habitantes, foi o Circo de Antioquía, un hipódromo romano. Segundo parece, xa existía algo semellante dende a época helenística, pero a primeira estrutura, como tal, fixa e permanente. segundo Xoán Malalas, aparece polo 67 a. C., cando o procónsul de Cilicia, Quinto Marcio Rex, o constrúe con fondos propios. É o denominado "hipódromo vello".[16]

Nel, realizábanse carreiras de carros e foi deseñado a partir do Circo Máximo de Roma e doutros edificios de circo de todo o imperio; tiña máis de 490 metros de lonxitude e 30 metros de largo, e podía albergar até 80.000 espectadores.[17] O circo foi descuberto a partir das escavacións realizadas pola Universidade de Princeton entre 1932 e 1935.[4]

Etapa imperial[editar | editar a fonte]

Estrabón escribiu que Zarmanochegas (Dión Casio, denomínao Zarmarus),[18] un monxe da tradición śramaṇa da India, coñeceu a Nicolao de Damasco en Antioquía ao redor do ano 13 como parte dunha misión perante Augusto.[19] En Antioquía, Xermánico morreu no ano 19 e o seu corpo foi queimado no foro.[14] Un terremoto que sacudiu Antioquía no ano 37 fixo que o emperador Calígula enviase dous senadores para informar sobre o estado da cidade. Outro terremoto seguiu no seguinte reinado.[14] Tito puxo os Querubíns, capturados do Segundo Templo xudeu, sobre unha das portas.

Moeda de prata cruñada na ceca de Antioquía, baixo Constancio I Cloro.

No ano 115, durante a viaxe de Traxano alí durante a súa guerra contra Partia, todo o lugar foi sufriu un gran terremoto. A paisaxe cambiou, e o propio emperador viuse obrigado a refuxiarse no circo durante varios días. El mailo seu sucesor, Hadriano, restauraron a cidade,[20] pero a poboación reduciuse a menos de 400.000 habitantes e moitos sectores da cidade foron abandonados.

Entre 162 e 166, o emperador Lucio Vero residiu durante a súa guerra contra os partos. O seu irmán Marco Aurelio, a pesar de que a cidade apoiara a Avidio Casio, non tomou represalias e fixo restaurar as termas e construír o Nimfeo, unha fonte monumental e a visitou a cidade no 176; o seu xenro Claudio Pompeiano era da cidade. Cómodo (reinado do 177–192) construíu máis baños, tan grandes como os construídos despois por Caracalla; tamén construíu templos a Zeus e Atenea e o estadio cuberto de Xystos e celebrou xogos olímpicos en Antioquía.[14]

Na 193-194, apoiou a Pescenio Níxer contra Septimio Severo e cando este triunfou, a cidade foi castigada e reducida ao rango de cidade dentro do territorio de Laodicea, pero foi un castigo de curta duración e pronto recuperou a súa antiga categoría de metrópole e capital de Siria. Coas loitas contra os partos e máis tarde os sasánidas, foi a residencia frecuente dos emperadores. Caracalla, Macrino, Heliogábalo, Alexandre Severo, Gordiano III, Filipo o Árabe, Valeriano, Aureliano, Diocleciano, Galerio e Maximino Daia residiron nela nalgunha ocasión. No 218, tivo lugar a batalla na que as tropas de Heliogábalo venceron a Macrino e converteron a aquel en emperador.

En 256,[b] Siria foi invadida polos sasánidas de Shapur[22] e o poder local quedou en mans de Mariàdes, un nobre local favorable a Persia. Destruíu gran parte da cidade e moitas persoas foron asasinadas no teatro[14] e outra parte grande da poboación foi deportada a Persia (a Susiana) onde os obrigou a construí-la cidade de Gondēshāpūr.[22] Valeriano reconquistouna e reconstruíuna, pero os persas regresaron en 260. Do 266 ao 272 estivo dominada por Zenobia de Palmira.

Etapa de Xuliano e Valente[editar | editar a fonte]

Retrato do emperador Xuliano nunha moeda de Antioquía de bronce (360-363).

Cando o emperador Xuliano visitou en 362 un desvío a Persia, tiña grandes esperanzas en Antioquía, considerándoa como unha posible rival da capital imperial de Constantinopla. Antioquía tiña unha poboación mixta de pagáns e cristiáns, e que Amiano Marcelino comentou que convivían de forma bastante harmoniosa.

Non obstante, a visita de Xuliano comezou de forma ominosa xa que coincidiu cun lamento por Adonis, o condenado amante de Afrodita. O mesmo Amiano escribiu que o emperador e os seus soldados entraron na cidade, mais non entre vítores como esperaban senón entre lamentos e berros. Despois de ser informado de que os ósos do bispo mártir do século III, Babil, estaban dificultando o oráculo de Apolo en Dafne,[23] cometeu un erro de relacións públicas ao ordenar a retirada dos ósos das proximidades do templo.[24] O resultado foi unha masiva procesión cristiá. Pouco despois, cando o templo foi destruído polo lume, Xuliano sospeitou dos cristiáns e ordenou investigacións máis estritas do habitual.[25] Tamén pechou a principal igrexa cristiá da cidade, antes de que as investigacións probasen que o lume fora o resultado dun accidente.[26]

Xuliano tamén atopou máis motivos de queixas sobre os antioquenos, pois pretendía que as cidades do imperio fosen se autoxestionases, como o facían uns 200 anos antes, con Nerva e os seus sucesores. Porén, os concelleiros de Antioquía non se mostraron dispostos a suplir a escaseza de alimentos de Antioquía cos seus propios recursos pois eran moi dependentes do emperador. Amiano escribiu que os concelleiros eludiron as súas funcións subornando a homes no mercado para que fixesen o traballo por eles. Igualmente, a impiedade da cidade coa antiga relixión foi clara para Xuliano cando asistiu á festa anual de Apolo da cidade. Para a súa sorpresa e consternación, o único antioqueno presente era un vello cura que agarraba un ganso.

Amiano tamén relata que os antioquenos, á súa vez, odiaban a Xuliano por empeorar a escaseza de alimentos ao cargar co mantemento dos seus soldados. Os soldados adoitaban atoparse atiborrados de carne de sacrificio, provocando molestias cando vagaban cheos de alcol polas rúas mentres os famentos cidadáns de Antioquía os contemplaban on noxo. Os antioquenos cristiáns e os soldados galos pagáns de Xuliano tampouco se viron nunca ollo a ollo.

A piedade de Xulián era desagradable para os antioquenos, mesmo para aqueles que mantiñan a antiga relixión. O tipo de paganismo de Xuliano era moi exclusivo de si mesmo, con pouco apoio fóra dos círculos neoplatónicos máis educados. O entusiasmo de Xuliano polo sacrificio ritual de animais a grande escala desagradaba aos famentos antioquenos polo que foi alcumado como "carniceiro", segundo conta Amiano. Os métodos severos e arrogantes do emperador maila súa ríxida administración motivaron se burlasen, entre outras cousas, da barba puntiaguda de Xuliano.[27]

No entanto, a situación mudou co sucesor de Xuliano, Valente, que dotou a Antioquía dun novo foro, incluíndo unha estatua de Valentiniano nunha columna, e reabriu a grande igrexa de Constantino que permaneceu ata o saqueo persa en 538 por Cosroes.[14]

Período cristián[editar | editar a fonte]

Antioquía foi un centro principal do cristianismo primitivo durante a época romana.[28] A cidade tiña unha gran cantidade de poboación de orixe xudía nun barrio chamado Kerateion, polo que atraeu aos primeiros misioneiros.[29] Así, foi evanxelizada, entre outros, polo propio Pedro, segundo a tradición sobre a que o Patriarca de Antioquía aínda apoia a súa pretensión de primacía e, certamente, máis tarde por Bernabeu e Paulo,[30] e alí foi onde os seus crentes foron chamados "cristiáns" por primeira vez. Porén, a cidade, non debe confundirse coa Antioquía de Pisidia, á que máis tarde viaxaron Bernabeu e Paulo.[31]

Nos arredores da cidade, abondaban unha morea de mosteiros gregos, sirios, armenios e latinos.[32] Entre o 252 e o 300, celebráronse dez asembleas da igrexa en Antioquía e converteuse na sede dun dos cinco patriarcados orixinais,[33] xunto con Constantinopla, Xerusalén, Alexandría e Roma.

Mosaico romano, realizado en mármore e calcaria, representado unha escena na que un xinete grego agarra a unha guerreira amazona montada (armada cunha machada de dúas cabezas) polo seu gorro frixio. Pertence á 2ª metade do século IV e atopouse en Daphne, un suburbio de Antioquía de Orontes, actual Antakya en Turquía (Museo do Louvre).

Xoán Crisóstomo escribiu que cando Ignacio de Antioquía era bispo na cidade, o dêmos, probablemente significando o número de homes e mulleres adultos libres sen contar nenos e escravos, ascendía a 200.000.[34][35] Nunha carta escrita en 363, Libanio di que a cidade contén 150.000 anthrôpoi, unha palabra que normalmente significaría todos os seres humanos de calquera idade, sexo ou status social, o que parece indicar un descenso da poboación desde o século I.[34][35] Crisóstomo tamén di nunha das súas homilías sobre o Evanxeo de Mateu, que foron pronunciadas entre os anos 386 e 393, que no seu tempo había 100.000 cristiáns en Antioquía, unha cifra que pode referirse aos cristiáns ortodoxos que pertencían á Grande Igrexa. a membros doutros grupos como arianos e apolinarios, ou a todos os cristiáns de calquera confesión.[34] O patriarca da Igrexa Católica Maronita chámase Patriarca católico maronita de Antioquía e de todo Oriente. Actualmente reside en Bkerké, ao norte de Beirut (Líbano). Os maronitas continúan a tradición litúrxica antioquena e o uso da lingua sirio-arameo (sirio-arameo ou arameo occidental) nas súas liturxias. Unha das igrexas ortodoxas orientais canónicas aínda se chama Igrexa ortodoxa grega de Antioquía ou Igrexa ortodoxa siríaca, aínda que trasladou a súa sede de Antioquía a Damasco, en Siria, hai varios séculos (ver Lista de Patriarcas de Antioquía), e o seu bispo principal conserva o título de "Patriarca de Antioquía", algo análogo á forma en que varios Papas encabezan a Igrexa católica romana permaneceu "bispo de Roma" aínda que, no século XIV, residiu en Aviñón, na actual Francia.

O Patriarcado Ortodoxo Siríaco de Antioquía e de Todo Oriente, é unha Igrexa Ortodoxa Oriental con patriarcado autocéfalo fundada por san Pedro e san Paulo no século I, segundo a súa tradición. A Igrexa Ortodoxa Siríaca forma parte da Ortodoxia Oriental, unha comunidade distinta de igrexas que afirman continuar coa cristoloxía patrística e apostólica antes do cisma posterior ao Concilio de Calcedonia en 451.

Despois de Teodosio[editar | editar a fonte]

No 387, houbo unha gran sedición provocada por un novo imposto recadado por orde de Teodosio I, e a cidade foi castigada pola perda da súa categoría metropolitana.[14] Pouco despois se produciu a división do Imperio romano e Antioquía pasou a depender do Imperio romano de Oriente con capital en Constantinopla.

Período bizantino[editar | editar a fonte]

O Cáliz de Antioquía (primeira metade do século VI). Museo Metropolitano de Arte.

Antioquía mailo seu porto, Seleucia Pieria, víronse gravemente danados polo gran sismo do 526. Seleucia Pieria, que xa estaba a librar unha batalla perdida contra a continua presenza de limos nos baixos, non se volveu recuperar. Xustiniano I cambiou o nome da cidade, no 528, a Antioquía Teópole ("Cidade de Deus")[36] e restaurou moitos dos seus edificios públicos, pero o traballo destrutivo foi rematado polo rei persa, Cosroes I, doce anos despois, quen deportou á poboación a unha cidade recentemente construída na Mesopotamia persa, preto de Ctesifonte,[36] como unha réplica da cidade: Veh Antioch Khosrow. Antioquía perdeu até 300.000 persoas e, malia os esforzos de Xustiniano I por revivila, Procopio describe a reconstrución dos muros, foi en van e a súa gloria pasou.[14]

Durante a guerra bizantino-sásánida de 602–628, o emperador Heraclio enfrontouse ao exército persa invasor de Cosroes II nos seus arrabaldes no 613. Os bizantinos foron derrotados polas forzas dos xenerais Shahrbaraz e Shahin Vahmanzadegan na batalla de Antioquía, despois da cal a cidade volveu caer en poder dos sasánidas, xunto con gran parte de Siria e o leste de Anatolia.

Antioquía deu o seu nome a certa escola de pensamento cristián, distinguida pola interpretación literal das Escrituras e a insistencia nas limitacións humanas de Xesús e cuxos líderes foron Diodoro de Tarso e Teodoro de Mopsuestia. O principal santo local foi Simeón Estilita, que viviu unha vida extremadamente ascética enriba dun piar durante 40 anos, a uns 65 quilómetros ao leste de Antioquía. O seu corpo foi levado á cidade e enterrado nun edificio erguido baixo o mandato do emperador León.[14] Durante a era bizantina construíronse grandes baños en centros bizantinos como Constantinopla e Antioquía.[37]

Conquista árabe e reconquista bizantina[editar | editar a fonte]

No 637,[36] durante o reinado do emperador bizantino Heraclio, Antioquía foi conquistada polo Califato ortodoxo (ou califato de Rashidun) durante a Batalla da ponte de ferro. A cidade fíxose coñecida en árabe como أنطاكية Anṭākiyah. Dado que a dinastía omeia non puido penetrar na meseta de Anatolia, Antioquía atopouse na primeira liña dos conflitos entre dous imperios hostís durante os seguintes 350 anos, polo que a cidade entrou nun declive continuo.

Recuperación de Antioquía por Miguel Burtzes o 28 de outubro do 969 (Biblioteca Nacional, Madrid).

En 969, a cidade foi recuperada para o emperador bizantino Nicéforo II Focas por Miguel Burtzes e o estratopedarca Pedro. Pronto se converteu na sede dun dux, o gobernador civil do thema homónimo, pero tamén na sede do algo máis importante, o Doméstico das escolas de Oriente; é dicir, o comandante militar supremo das forzas imperiais na fronteira oriental. Ás veces, ambos os cargos eran ocupados pola mesma persoa, xeralmente oficiais militares como Nicéforo Urano ou Filareto Bracamio, que lograron manter a integridade da fronteira oriental trala conquista selxúcida de Anatolia. Como o imperio se desintegrou rapidamente antes da restauración Comneno, Filaretos Bracamio, Dux de Antioquía e doméstico das escolas do leste, mantivo a cidade até que Suleiman ibn Qutalmish, o emir do Rum, a capturou no 1084.[38] Dous anos despois, Suleiman morreu loitando contra Tutush, o irmán do sultán selxúcida, quen anexionou a cidade ao imperio selxúcida.[39] Yagisiyan foi nomeado gobernador e tornouse cada vez máis independente nos anos tumultuosos posteriores á morte de Malik Shah en 1092.

Período das Cruzadas[editar | editar a fonte]

Primeira cruzada[editar | editar a fonte]

Sitio de Antioquía polos cruzados. Detall dunha miniatura de Passages d'outremer de Sébastien Mamerot.

Os cruzados, camiño de Xerusalén, tras un prolongado asedio a Antioquía, conquistaron a cidade o 3 de xuño de 1098[40] e, aínda que, pouco despois, o emir-gobernador de Mosul, Karbugha, fixo un intento para recuperala e a asediou de novo, pero fracasou. Nese momento, xorde o principado de Antioquía, que permaneceu como un estado orixinariamente cruzado, até que a cidade foi conquistada no 1268,[41] polo mameluco Baibars.

Neste momento, a maior parte do comercio do Extremo Oriente mudou a Exipto, pero na segunda metade do século XII, Nur ed-Din e máis tarde Saladino puxeron orde na Siria musulmá abrindo rutas comerciais de longa distancia, incluíndo a Antioquía e ata o seu novo porto, San Simeón, que substituíu a Seleucia Pieria. Porén, as conquistas mongolas do século XIII alteraron as principais rutas comerciais do extremo oriente, xa que animaron aos comerciantes a tomar a ruta terrestre a través do territorio mongol ata o mar Negro, reducindo a prosperidade de Antioquía.[42]

En 1100, Tancredo de Galilea converteuse no rexente de Antioquía despois de que o seu tío e predecesor Bohemundo I de Antioquía fose feito prisioneiro durante tres anos (1100–03) por Gazi Gümüshtigin dos Danisméndidas na batalla de Melitene. Tancredo ampliou o territorio de Antioquía conquistando a Cilicia bizantina, Tarso e Adana en 1101. En 1107, Bohemundo que estaba enfurecido por unha derrota anterior cando el, aliado con Edesa, atacou Alepo apoiado tamén por Balduíno de Bourcq e Joscelin de Courtenay (o vasalo máis poderoso de Bourcq), quen foron capturados brevemente e que viu que, ao mesmo tempo, os bizantinos recuperaron Cilicia e o porto e a cidade baixa de Latakia, navegou cara a Europa coa intención de conseguir apoio para un ataque contra os gregos[43] polo que nomeou a Tancredo como rexente de Antioquía.

Pintura de L.Gallait (1840), representando a toma de Antioquía por Bohemundo de Tarento en xuño de 1098.

Unha vez tivo éxito na súa embaixada en Europa, entre 1107 e 1108, Bohemundo dirixiu unha "cruzada" contra Bizancio, cos latinos que cruzaron o Adriático en outubro de 1107 e asediaron a cidade de Durrës (na Albania actual), que a miúdo é considerada como a porta occidental do imperio grego. Bohemundo foi enganado por Aleixo, quen despregou as súas forzas para cortar as liñas de abastecemento dos invasores mentres evitaba a confrontación directa. Os latinos debilitados pola fame foron incapaces de rompe-las defensas de Durres polo que Bohemundo capitulou en setembro de 1108 e viuse obrigado a acceder a un acordo de paz, o Tratado de Devol. Os termos deste acordo estipulaban que Bohemundo mantiña Antioquía durante o resto da súa vida como súbdito do emperador e que o patriarca grego sería restaurado no poder na cidade. Non obstante, Tancredo rexeitou acepta-lo Tratado de Devol, que Bohemundo xurara, e non foi até 1158 que se converteu realmente nun estado vasalo do Imperio Bizantino.[44][45] Seis meses despois do Tratado de Devol, Bohemundo morreu, e Tancredo permaneceu rexente de Antioquía ata a súa morte durante unha epidemia de tifo en 1112.

Segunda cruzada[editar | editar a fonte]

Ao ano seguinte, despois da morte de Xoán II Comneno, Imad ad-Din Zengi asediou Edesa, a capital dos cruzados, e cando morreu, en 1146, sucedeuno seu fillo, Nur ad-Din Zangi. Este, atacou Antioquía tanto en 1147 como en 1148 e durante o segundo intento conseguiu ocupar a maior parte do territorio ao leste do Orontes, incluíndo Artah, Kafar Latha, Basarfut e Balat, pero non conseguiu capturar a propia Antioquía. Co exército da Segunda Cruzada previamente derrotado case por completo polos turcos e pola enfermidade, Lois VII de Francia chegou a Antioquía o 19 de marzo de 1148, despois de ser atrasado polas tormentas.

Lois foi recibido polo tío da súa esposa Leonor de Aquitania, Raimundo de Poitiers, e rexeitou axudar a Antioquía a defenderse dos turcos e a liderar unha expedición contra Alepo, e en cambio decidiu rematar a súa peregrinación a Xerusalén en lugar de centrarse no aspecto militar das cruzadas. Con Lois rapidamente abandonando Antioquía de novo e os exércitos cruzados regresando a casa en 1149, Nur ad-Din lanzou unha ofensiva contra os territorios que estaban dominados polo castelo de Harim, situado na beira oriental do Orontes, tras o cal Nur asediou o castelo de Inab. Raimundo de Poitiers acudiu rapidamente en auxilio da cidadela, onde foi derrotado e morto na batalla de Inab, a cabeza de Raimundo foi entón cortada e enviada a Nur, quen a enviou ao califa en Bagdad. Non obstante, Nur ad-Din non atacou a propia Antioquía e contentouse con capturar todo o territorio antioqueno que se atopaba ao leste do Orontes.[46]

Despois da segunda cruzada[editar | editar a fonte]

Con Raimundo morto e Bohemundo III con só cinco anos de idade, o principado pasou a estar baixo o control da viúva de Raimundo, Constanza de Antioquía, aínda que o control real residía en Aimerico de Limoges. En 1152, Balduíno III de Xerusalén chegou á maioría de idade, pero a partir de 1150 propuxera a tres pretendientes diferentes pero respectables para o matrimonio de Constanza, que foron rexeitados por ela. Porén, en 1153, escolleu a Reinaldo de Châtillon e casou con el en segredo sen consultar co seu curmán e señor feudal, Balduíno III, e nin Balduíno nin Aimery de Limoxes aprobaron a súa elección.

En 1156, Reinaldo afirmou que o emperador bizantino Manuel I Comneno incumplira as súas promesas de pagarlle a Reinaldo unha cantidade de diñeiro, e prometeu atacar a illa de Chipre en vinganza. Non obstante, Aimerico negouse a financiar a expedición de Reinaldo, polo que este apresou o Patriarca, golpeouno, desposuíno, cubriuno de mel e deixouno ao sol ardente no alto da cidadela para ser atacado polos insectos. Cando o Patriarca foi liberado, derrubouse esgotado e aceptou financiar a expedición de Reinaldo.

Ese mesmo ano, as forzas de Reinaldo atacaron Chipre, arrasando e saqueando a illa durante un período de tres semanas. Despois do cal, Manuel I Comneno levantou un exército e comezou a súa marcha cara a Siria para combatilo. Como Reinaldo viu que non tiña forza suficiente para o enfrontar, marchou a Cilicia na súa busca para ofrece-la rendición.[47] Alí, o emperador insistiu na instalación dun patriarca grego e na rendición da cidadela en Antioquía. Na primavera seguinte, Manuel fixo unha entrada triunfal na cidade e estableceuse como o soberano incuestionado de Antioquía.

En 1160 Reinaldo, foi capturado polos musulmáns durante unha incursión de saqueo contra os campesiños sirios e armenios do barrio de Marash. Estivo cativo durante dezaseis anos, e como padrasto da emperatriz María, foi rescatado por Manuel por 120.000 dinares de ouro en 1176 (uns 500 kg de ouro). Con Reinaldo eliminado durante moito tempo, o patriarca Aimerico converteuse no novo rexente, elixido por Balduíno III. Para consolidar aínda máis a súa propia reivindicación sobre Antioquía, Manuel escolleu como noiva a María de Antioquía, filla de Constanza de Antioquía e de Raimundo de Poitiers. Pero o goberno de Antioquía permaneceu en crise ata 1163, cando Constanza pediu ao reino armenio de Cilicia que axudase a manter o seu dominio. Como consecuencia, os cidadáns de Antioquía exiliárona e instalaron ao seu fillo Bohemundo III, agora cuñado do emperador, como rexente.

Un ano despois, Nur ad-Din Zangi capturou a Bohemundo III cando derrotou un exército conxunto antioqueno-tripolitano. Bohemundo III pronto foi liberado, malia que Harem, en Siria, que fora recuperada por Reinaldo en 1158, perdeuse de novo e a fronteira de Antioquía situouse permanentemente ao oeste do Orontes. A influencia bizantina permaneceu en Antioquía e en 1165, Bohemundo III casou cunha sobriña do emperador, María de Antioquía, e instalou na cidade un patriarca grego, Atanasio II, como patriarca de Antioquía, quen permaneceu no seu cargo ata que morreu como consecuencia dun sismo cinco anos despois.

Terceira cruzada[editar | editar a fonte]

Gravado que mostra unha vista das murallas de Antioquía subindo a Monte Silpio durante as Cruzadas

O 29 de outubro de 1187, o papa Gregorio VIII emitiu a bula papal Audita tremendi, na que convocaba á Terceira cruzada.[48] Federico I Barbarroxa, Ricardo I de Inglaterra e Filipe II de Francia responderon á convocatoria. Mentres Ricardo e Felipe decidiron tomar unha ruta marítima Federico, que carecía dos barcos necesarios, tomou unha ruta terrestre cruzando Europa e avanzando por Anatolia, derrotando aos turcos na batalla de Iconio, mais ao chegar a territorio cristián na Pequena Armenia (Reino armenio de Cilicia) o emperador morreu afogado no río Saleph. O emperador foi enterrado en Antioquía e os alemáns convertéronse nun continxente insignificante durante a cruzada.

Durante a Terceira cruzada, os habitantes de Antioquía mantivéronse neutrais, pero ao remate desta (1192), foron incluídas no Tratado de Ramla entre Ricardo e Saladino.[49][50]

Batallas pola soberanía[editar | editar a fonte]

Antes de morrer Raimundo III, conde de Trípoli, na batalla de Hatti, ao non ter herdeiro directo, deixara o condado a seu sobriño, o futuro Raimundo IV,[51] fillo máis vello de Bohemundo III. Mais, como este quixese ter preto de si a seu fillo máis vello e herdeiro, mandou que acudise ao Principado de Antioquía e colocou no condado de Trípoli, ao seu fillo máis novo, o futuro Bohemundo IV.

Pouco despois do final da Terceira cruzada, en 1195, Raimundo IV, conde de Trípoli, casou con Alicia de Armenia, a sobriña de León I de Armenia. Alicia deulle a Raimundo IV un fillo en 1199, Raimundo Rubén, mais Raimundo IV morreu aos próximos meses. En 1194 León I enganou a Bohemundo III facendo que crese que o recentemente nacido príncipe fora capturado polos Rubénidas, e levou a cabo un intento errado de capturar Antioquía crendo que a cidade se vería debilitada coa ausencia de Bohemundo. Henrique II, conde de Champaña sobriño tanto de Ricardo I como de Filipe II, viaxou á Pequena Armenia e conseguiu persuadir a León de que liberase a Bohemundo a cambio de que Antioquía renunciase ao seu señorío sobre a Pequena Armenia, e de que o fillo máis vello de Bohemundo casase coa sobriña de León, Alicia de Armenia, e que lle xurase fidelidade.[52]

Coa morte de Bohemundo III, no 1201, proseguiu unha loita de 15 anos polo poder de Antioquía, entre Trípoli e a Pequena Armenia. Segundo as regras de primoxenitura, o sobriño neto de León, Raimundo Rubén, era o herdeiro lexítimo de Antioquía, e a posición de León foi apoiada polo papa. Porén, por outra banda, a comuna da cidade de Antioquía apoiou a Bohemundo IV de Antioquía, alegando que era o parente máis próximo do último príncipe gobernante, Bohemundo III. En 1207, e coa axuda de Alepo, Bohemundo IV triunfou[53][54] e expulsou a León de Antioquía.

Na mesma época, fronte ao problema do Cisma Leste-Oeste, o papa Inocencio III desexaba restaurar un patriarca grego en Antioquía e así avanzar na reunión das igrexas e, Bohemundo que cedeu a esta demanda, sofreu a hostilidade do clero latino, cuxo patriarca, Pierre de Angulema, pronunciou unha sentenza de excomuñón contra o príncipe.[54]

Quinta cruzada[editar | editar a fonte]

En 1213, unha bula papal do papa Inocencio III chamada Quia maior pediu que toda a cristiandade liderase unha nova (Quinta) cruzada. Isto reforzou o apoio do sultán al-Adil I, un xeneral aiubí-exipcio que apoiou as reivindicacións de Raimundo Rubén en Antioquía. En 1216, León instalou a Raimundo Rubén como príncipe de Antioquía, e puxo fin a tódolos conflitos entre Trípoli e a Pequena Armenia, pero os cidadáns subleváronse de novo contra Raimundo Rubén cara ó 1219 e Bohemundo de Trípoli foi recoñecido como o cuarto príncipe dese nome. Bohemundo IV e o seu fillo Bohemundo V mantivéronse neutrais nas loitas dos güelfos e xibelinos que se produciron cando Federico II casou con Isabel de Inglaterra e en 1233 morreu Bohemundo IV.

A partir de 1233, Antioquía declinou e apareceu raramente nos rexistros durante 30 anos, e en 1254 os altercados do pasado entre Antioquía e Armenia remataron cando Bohemundo VI de Antioquía casou coa entón moza Sibila de Armenia, de 17 anos, e Bohemundo VI se converteu nun vasalo do reino armenio. Efectivamente, os reis armenios gobernaron Antioquía mentres o príncipe de Antioquía residía en Trípoli. Os armenios asinaron un tratado cos mongois, que agora asolaban as terras musulmás, e baixo a súa protección estenderon o seu territorio polo norte até ás terras da dinastía selxúcida e, polo sur, até o territorio de Alepo. Antioquía formou parte desta alianza armenio-mongol. Bohemundo VI logrou retomar Latakia e restableceu a ponte terrestre entre Antioquía e Trípoli, mentres que os mongois insistiron en que instalase alí o patriarca grego en lugar dun latino, debido a que os mongois intentaban estreitar os lazos co Imperio bizantino. Isto gañoulle a Bohemundo a inimizade dos latinos de Acre, e Bohemundo foi excomulgado polo patriarca de Xerusalén, o papa Urbano IV,[c] aínda que máis tarde foi suspendido.[d][55]

Caída de Antioquía[editar | editar a fonte]

En 1259, os mongois capturaron a cidade siria de Damasco e, finalmente, en 1260, Alepo. O sultán mameluco Saif ad-Din Qutuz buscou a alianza cos francos, pero estes rexeitárono. En setembro de 1260, os mamelucos derrotaron aos mongois na batalla de Ain Jalut, pouco despois de que Qutuz fose asasinado en Al-Salihiyya, e segundo varias fontes o seu sucesor Baibars estivo implicado no seu asasinato.[56][57] A pesar diso, Baibars foi nomeado sultán, e en 1263 saqueou Nazaret, ameazou a Antioquía coa invasión e apareceu perante os muros de Acre. En xaneiro de 1265, Baibars lanzou unha ofensiva contra os latinos, comezando por Acre, a capital dos restos do Reino de Xerusalén e, aínda que non conseguiu tomala, venceu aos cruzados en moitas outras batallas en Arsuf, Athlith, Haifa, etc. E en 1268, Baibars asediou Antioquía, tomando a cidade o 18 de maio. Baibars prometeu perdoar-la vida dos habitantes mais incumpriu a súa promesa e arrasou a cidade, matando ou escravizando a case toda a poboación trala súa rendición.

O gobernante de Antioquía, o príncipe Bohemundo VI, quedou sen territorios agás o condado de Trípoli. Sen ningunha fortificación do sur e con Antioquía illada non puido resistir o ataque das forzas musulmás rexurdidas, e coa caída da cidade, o resto do norte de Siria capitulou, rematando a presenza latina en Siria.[58] Os exércitos mamelucos mataron ou escravizaron a todos os cristiáns de Antioquía.[59][e] En 1355, aínda tiña unha poboación considerable, pero en 1432 só había unhas 300 casas habitadas dentro das súas murallas, na súa maioría ocupadas por turcomanos.[60]

Período otomán[editar | editar a fonte]

Antioquía incorporouse ao Imperio Otomán coa conquista de Siria en 1516. Formaba unha subprovincia (sancak) ou unha demarcación para a recadación de impostos (muhassıllık) da provincia de Alepo (Eyalato de Alepo). A partir de mediados do século XVIII, o distrito foi testemuña dunha afluencia de colonos alauitas procedentes da área de Latakia.[61] A famosa familia de cónsules británicos Barker tiña unha casa de verán en Suwaydiyya (actual Samandağ), na desembocadura do río Orontes, no século XIX. Entre 1831 e 1840, Antioquía foi o cuartel xeral militar de Ibrahim Pasha de Exipto durante a ocupación exipcia de Siria, e serviu como lugar modelo para as reformas modernizadoras que quería instituír.[62]

Arqueoloxía[editar | editar a fonte]

A Fortuna (Týkhē) de Antioquía. Copia romana, en mármore, despois dun orixinal, en bronce, do grego Eutíquides do século III a.C.

Hoxe en día, quedan poucos restos da antiga cidade romana, ademais dos enormes muros de fortificación que serpentean polas montañas ao leste da cidade moderna, varios acuedutos e a Igrexa de San Pedro (Igrexa rupestre de San Pedro), dise que fora o lugar de encontro dunha comunidade paleocristiá. A maior parte da cidade romana atópase soterrada debaixo dos sedimentos profundos do río Orontes, ou quedou escurecida pola recente construción.

Entre 1932 e 1939 realizáronse escavacións arqueolóxicas de Antioquía baixo a dirección do "Comité para a Escavación de Antioquía e as súas inmediacións", que estaba formado por representantes do Museo do Louvre, o Museo de Arte de Baltimore, o Museo de Arte de Worcester, Universidade de Princeton, Wellesley College, e máis tarde (1936) tamén o Fogg Art Museum da Universidade Harvard e a súa filial Dumbarton Oaks. O equipo de escavación non conseguiu atopar os principais edificios que esperaban desenterrar, incluíndo a Grande Igrexa Octogonal de Constantino nin o palacio imperial. Non obstante, un gran logro da expedición foi o descubrimento de mosaicos romanos de gran calidade procedentes de vilas e baños de Antioquía, Dafne e Seleucia Pieria.

As principais escavacións en Antioquía dirixidas pola Universidade de Princeton en marzo de 1932 recuperaron case 300 mosaicos. Moitos destes mosaicos expuxéronse orixinalmente como mosaicos de pisos en casas particulares durante os séculos II ao VI , mentres que outros amosáronse en baños e outros edificios públicos. A maioría dos mosaicos de Antioquía son dos séculos IV e V, a idade de ouro de Antioquía, aínda que outros de épocas anteriores tamén sobreviviron. Os mosaicos representan unha variedade de imaxes, incluíndo animais, plantas e seres mitolóxicos, así como escenas da vida cotiá dos habitantes da zona naquel momento. Cada mosaico estaba bordeado por debuxos intricados e contiñan cores atrevidas e vibrantes.[63]

Un mosaico incluía un bordo que representa un paseo desde Antioquía ata Dafne, mostrando moitos edificios antigos ao longo do camiño. Os mosaicos están agora expostos no Museo de Arqueoloxía de Hatay en Antakya. Unha colección de mosaicos sobre temas tanto seculares como sagrados que antes estaban en igrexas, casas particulares e outros espazos públicos colga agora no Museo de Arte da Universidade de Princeton e nos museos doutras institucións patrocinadoras.

Unha estatua no Vaticano e unha serie de estatuíñas e estatuíñas perpetúan o tipo da súa gran deusa patroa e símbolo cívico, a Tyche (Fortuna) de Antioquía: unha maxestosa figura sentada, coroada coas murallas de Antioquía e que sostén nela os talos de trigo, na man dereita, co río Orontes como un mozo nadando baixo os seus pés. Segundo William Robertson Smith, esta escultura fora orixinalmente unha moza virxe sacrificada no momento da fundación da cidade para garantir a súa prosperidade e boa fortuna.

A parte norte de Antakya foi medrando rapidamente nos últimos anos, e esta construción comezou a deixar ao descuberto grandes porcións da cidade antiga, que foron frecuentemente arrasadas e raramente protexidas polo museo local. Recentemente, en abril de 2016, os arqueólogos descubriron un mosaico grego que mostraba un esqueleto deitado cunha xerra de viño e unha barra de pan xunto a un texto que dicía: "Sé alegre, goza da túa vida". Segundo os informes, data do século III a.C. e está descrito como o "esqueleto imprudente" ou "mosaico do esqueleto", e se pensa que o mosaico pertenceu ao comedor dunha casa de clase alta.[64][65]

Personalidades nadas en Antioquía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En grego antigo: Ἀντιόχεια ἡ ἐπὶ Ὀρόντου; ou Ἀντιόχεια ἡ ἐπὶ Δάφνῃ "Antioch de Dafne"; ou Ἀντιόχεια ἡ Μεγάλη "Antioquía a Grande; en latín: Antiochia ad Orontem; en armenio: Անտիոք Antiokʽ; en siríaco: ܐܢܛܝܘܟܝܐ Anṭiokya; en hebreo: אנטיוכיה, Anṭiyokhya; en árabe: أنطاكية, Anṭākiya; en persa: انطاکیه; en turco: Antakya.
  2. Hai unha certa confusión sobre se a data da invasión e conquista se produciu no 253 ou no 256. Frye, aporta varias referencias doutros eruditos a prol da segunda datar[21]
  3. Runciman 1989, pp. 306–307 ("Para os latinos de Acre a submisión de Bohemundo parecía vergonzosa, sobre todo porque implicaba a humillación da Igrexa latina en Antioquía... Bohemundo foi excomungado polo Papa por esta alianza (Urbano IV, Rexistros, 26 de maio de 1263)
  4. Richard 1999, p. 468 ("Ghazan retomou os seus plans contra Exipto en 1297: a cooperación franco-mongol sobrevivira así, a pesar da perda de Acre polos francos, e a conversión dos mongois persas ao islam. Debería seguir sendo un dos factores políticos da política das cruzadas, até o tratado de paz cos mamelucos, que só foi asinado en 1322 polo khan Abu Said")
  5. Michaud 1853, nas páxinas 17 e 18, fai referencia a unha carta enviada polo sultán mameluco (e escrita polo seu secretario) a Bohemundo VI, narrando a conquista de Antioquía non seguintes termos: A morte chegou entre os asediados de tódolos lados e por tódolos camiños: matamos todo o que ti puxeras para gardar a cidade ou defender os seus achegamentos. Se tiveses visto aos teus cabaleiros pateados baixo os pés dos cabalos, as túas provincias entregadas ao saqueo, as túas riquezas repartidas, as mulleres dos teus súbditos postas á venda pública; se vise os púlpitos e as cruces envorcados, as follas do Evanxeo esgazadas e botadas aos ventos, e os sepulcros dos teus patriarcas profanados; se vises os teus inimigos, os musulmáns, pisando o tabernáculo e inmolando no santuario o monxe, crego e diácono; en fin, se tiveses visto os teus pazos entregados ás chamas, os mortos devorados polo cansazo deste mundo, a Igrexa de San Paulo e a de San Pedro destruídas por completo e enteiramente , certamente, berrarías: Oxalá que o Ceo me convertese en po.
Referencias
  1. Sack & Oswyn (2005), p. 32.
  2. Redacción (13 de novembro 2019). "Antioch". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2022. 
  3. Dix (2015), p. 174 (...por suposto, Antioquía e as grandes cidades costeiras foron bastións do helenismo, xa que o interior era de tradición autóctona. Pero había barrios puramente orientais na propia Antioquía e distritos enteiros de fala aramea nos seus arredores).
  4. 4,0 4,1 Humphrey 1986, p. 444
  5. Levi 1989, p. 171
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Rockwell 1911, p. 130
  7. Libanio (2000), p. 23
  8. Chaignot, Mary Jane (2021). "Syrian Antioch and Pisidian Antioch". biblewise.com (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2022. 
  9. ""s.v. Ἀντιόχεια"". Suda On Line (en inglés). 20 de outubro de 2000. Consultado o 31 de agosto de 2022. 
  10. "Johannes Malalas, Libro VIII, pp. 198-202". attalus.org (en inglés). 29 de febreiro de 2016. Consultado o 31 de agosto de 2022. 
  11. 11,0 11,1 Downey 1958
  12. Rockwell 1911, pp. 130–131
  13. Cicerón. "M. TVLLI CICERONIS PRO A. LICINIO ARCHIA POETA ORATIO, 4". thelatinlibrary.com (en latín). Consultado o 31 de agosto de 2022. 
  14. 14,00 14,01 14,02 14,03 14,04 14,05 14,06 14,07 14,08 14,09 14,10 14,11 14,12 Rockwell 1911, p. 131
  15. "Johannes Malalas, Libro VIII, pp. 207-208". attalus.org (en inglés). 29 de febreiro de 2016. Consultado o 31 de agosto de 2022. 
  16. Humphrey 1986, p. 457
  17. Humphrey 1986, p. 446
  18. "CASSIUS DIO. ROMAN HISTORY. Libro LIV, 9, 10". enelope.uchicago.edu (en inglés). Consultado o 2 de setembro de 2022. 
  19. "Strabo, Geography, 15.1.73". perseus.tufts.edu (en inglés). Consultado o 2 de setembro de 2022. 
  20. Fant & Reddish (2003)
  21. Frye 1984, p. 297
  22. 22,0 22,1 VV.AA. (1 de xaneiro de 2022). "Shāpūr I". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 17 de novembro de 2022. 
  23. "NPNF1-09. St. Chrysostom: On the Priesthood; Ascetic Treatises; Select Homilies and Letters; Homilies on the Statutes". ccel.org (en inglés). 6 de xullo de 2008. Archived from the original on 06 de xullo de 2008. Consultado o 9 de setembro de 2022. 
  24. Amiano Marcelino, Res Gestae, 22.12.8
  25. Amiano Marcelino Res Gestae, 22.13.2
  26. Sócrates de Constantinopla, Historia ecclesiastica, 3.18
  27. Amiano, XXII, 14: "Ridebatur enim ut Cercops...barbam prae se ferens hircinam"
  28. Edwards 2017, pp. 73-74
  29. "Hechos de los Apóstoles 19, 11". sanpablo.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2022. Consultado o 21 de setembro de 2022. 
  30. "Hechos de los Apóstoles 11, 24-26". sanpablo.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2022. Consultado o 21 de setembro de 2022. 
  31. "Hechos de los Apóstoles 13, 13-50". sanpablo.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2022. Consultado o 21 de setembro de 2022. 
  32. Paterson 2011, p. 281
  33. Rockwell 1911, p. 131
  34. 34,0 34,1 34,2 Downey (1958), pp. 84-91
  35. 35,0 35,1 Jones 1964, p. 1040
  36. 36,0 36,1 36,2 Kazdhan 1991, p. 115
  37. Kazhdan (1991)
  38. Albu 2015, pp. 160-161
  39. Grousset 1970, p. 154
  40. "Raymond d'Aguiliers: Historia francorum qui ceperint Jerusalem. 6. The Fall of Antioch". fordham.edu (en inglés). 26 de xaneiro de 1996 [derradeira revisión: 20 de xaneiro de 2021]. Consultado o 2 de novembro de 2022. 
  41. Gregory 2010, p. 327
  42. Runciman (1955), pp. 326, 354–359
  43. Boucher 1921
  44. Hillenbrand 2000, pp. 175–185
  45. Asbridge 2021, pp. 114-115
  46. Karsh 2007, p.
  47. Rey 1869, p. 116
  48. Kelly 1986, p.183
  49. Axelrod $ Phillips 2001
  50. Konstam 2004, 162
  51. Runciman 1989, p. 470
  52. Boucher 1921, p. 264
  53. Riley-Smith 1995, p. 136
  54. 54,0 54,1 Boucher 1921, p. 265
  55. Richard 1999, pp. 423–426
  56. Riley-Smith p. 237("Baybars ... asasinou a Qutuz")
  57. Amitai-Preiss 1995, p. 47 ("...unha conspiración de emires, que incluía a Baybars e que, probablemente, estaba baixo o seu liderado").
  58. Kurkjian 1958, p. 246
  59. Michaud 1853, p. 17
  60. Runciman 1989, p. 326
  61. Winter (2016), p. 145
  62. Cornac (2019), pp. 152–174
  63. Fant e Reddish (2003), p. 150
  64. Pells, Rachael (24 de abril de 2016). "Archaeologists discover ancient mosaic with message: 'Be cheerful, enjoy your life'". independent.co.uk (en inglés). Consultado o 16 de novembro de 2022. 
  65. Redacción (22 de abril de 2016). "2,400 year-old mosaic found in southern Turkey says ‘be cheerful, enjoy your life’". dailysabah.com (en inglés). Consultado o 16 de novembro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]