Arameos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira dos arameos.

Os arameos eran un pobo semítico nómade testemuñado desde o século XIV a.C. nos arquivos de Tell el-Amarna e logo nos de Ugarit, que se instalou no século XIII a.C. no norte de Mesopotamia, en Siria (Aram) e no Líbano. Aparecen na Biblia, onde se di que descendían de Aram, fillo de Sem.

Os arameos aparecen como tribos nómades, deambulando nas marxes do mundo cultivado e as estepas, onde poden atopar pastos para os seus rabaños de ovellas. Non poden internárense moito no deserto, pois só teñen ao burro como animal de carga.

A súa orixe xeográfica, como a dos seus devanceiros amorritas, non pode ser definida: a hipótese antiga, que supuña para o conxunto dos semitas, unha orixe en Armenia ou en Pamir, están hoxe abandonadas. A que fai de Arabia o seu fogar orixinario non pode ser mantida para unha época onde as tribos non posuían nin o cabalo nin o camelo. Mellor que unha orixe xeográfica é preferíbel buscarmos un modo de vida común, baseado no nomadismo (pastoreo e comercio). As tribos teríanse formado espontaneamente dentro dun sistema económico propio da bacía siro-mesopotámica. A transformación do modo de vida do clan de Abraham descrita na Biblia, que abandona Ur, en Caldea, onde vivía, ao que parece, como cidadán, para buscar, mediante o nomadismo, unha nova terra, que ha atopar en Palestina tras un paso por Harrán, podería explicar unha realidade parella.

Entre os séculos XI e IX a.C. foron penetrando en Siria, no curso medio e inferior do Éufrates, polo medio do Tigris e en dirección a Babilonia. Constitúense tamén pequenos estados: Bet-Adini, Lage, Bet-Bahiani (Tell-Halaf), Bet-Halupe ou Bet-Agusi en Mesopotamia e Soba, Bet Rejob, Maaká, Guesur, Samal ou Damasco en Siria.

A finais do Segundo Milenio estes arameos coaligábanse cos ammonitas e edomitas da Mesopotamia contra Israel. Foron vencidos por David e tamén por Salomón, que non puido, porén, someter a Damasco. Nela, o rei Rezón fundou o Imperio de Damasco. Desde o século IX até o VII a.C. a casa real de Damasco, máis forte, enfrontouse novamente a Israel e a Asiria. Porén, no Imperio neobabilónico, os arameos e o resto da poboación acabaron fusionándose.

Os arameos ignoraban a escrita e só os coñecemos por medio dos pobos aos que se enfrontaron, como os asirios.