Aureliano
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2016.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (la) Lucius Domitius Aurelianus 9 de setembro de 214 (Gregoriano) Sirmium, Serbia |
Morte | 25 de setembro de 275 (Gregoriano) (61 anos) Çorlu, Turquía (pt) |
Causa da morte | homicidio |
Emperador romano | |
setembro de 270 – setembro de 275 ← Quintilo – Marco Claudio Tácito → | |
Senador romano | |
Cónsul romano | |
Actividade | |
Ocupación | político |
Período de tempo | Alto Imperio Romano, Baixo Imperio Romano, Exipto grecorromano, Era do Exipto romano e principado |
Carreira militar | |
Rango militar | Xeneral |
Outro | |
Título | Emperador romano |
Familia | Illyrian emperors (en) |
Cónxuxe | Úlpia Severina |
Fillos | Domitica |
Descrito pola fonte | Enciclopédia militar Sytin (pt) Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Lucius Domicius Aurelianus, foi o segundo dos emperadores ilirios. Naceu en Sirmium (Panonia) de familia humilde o 9 de setembro do ano 214. Foi emperador do 270 ó 275.
Dende moi novo serve no exército como simple soldado, e pouco a pouco vai ascendendo, desempeñando diversos postos ata chegar a ser comandante en xefe da cabalaría do Imperio. No 256, foi vicario de Ulpicio Crimito, casando coa súa filla Severina, coa que tivo unha filla.
No 268, sendo Galieno emperador, Aureolus rebélase e toma Milán.
Galieno acode para rematar coa rebelión e vence a Aureolo, quen se refuxia en Milán. Pero unha conxura remata co asasinato do emperador, sendo nomeado Claudio II. Este nomea a Aureliano, xefe da cabalaría do Imperio.
Á morte de Claudio II pola peste, o elixido é Aureliano. Pero Quintilo, irmán do emperador, é recoñecido polo Senado. Aureliano ponse en camiño cara á Roma para se enfrontar as tropas de Quintilo. Este, vendo a súa inferioridade, suicídase, deixando o trono en mans de Aureliano, que axiña é recoñecido polo Senado
O seu reinado
[editar | editar a fonte]A Loita contra os Bárbaros
Aureliano atopa o imperio do mesmo xeito cós seus dous antecesores, dividido en tres partes, e a parte central onde el gobernaba estaba arruinada e en constantes loitas polas invasións e incursións dos bárbaros de alén das fronteiras.
Xa dende un primeiro intre, entregouse ó labor de loitar, e asegurar as fronteiras, trasladándose constantemente dunha fronteira a outra para rematar coa situación. Grande estratego, os seus soldados dicían del que tiña man de "ad ferrum", foi vencendo pouco a pouco os seus inimigos e fortalecendo as fronteiras do Imperio.
A primeira gran loita á que tivo que facer fronte foi contra dos Xutungos, un pobo alamán, que invade Italia, e venceu os romanos. Aureliano deixou pasar o tempo para que volvesen sobre as súas costas, e así foi, fóronse desfacendo en pequenos grupos, o que levou ós romanos á tarefa de vencelos un a un. Unha vez rematada a tarefa, foi a Roma e rodeou a cidade cunha impresionante muralla de máis de 18 Km de lonxitude, con alturas que van dende os 10 aos 20 m, mais de 56 torres de vixilancia e unha anchura de preto de seis metros. Era a primeira vez en 5 séculos que Roma tiña muralla, un bo sinal da mudanza dos tempos. Esta muralla, da cal aínda quedan pegadas na cidade eterna, coñécese polo nome de muralla de Adriano, inda que foi rematada polo emperador Probo.
Posteriormente enfróntase a intrunxios, sarmatas e vándalos, poñendo orde no imperio. Pero no 272, os godos invaden Iliria e Tracia, e Aureliano perségueos ata o Danubio, onde os vence morrendo nesta guerra o seu rei Cannabaudes. Decidido a poñer orde no imperio, traslada tódolos romanos da provincia da Dacia, abandonándoa para sempre, despois de século e medio que facía que fora conquistada por Traxano
Xuntanza territorial do Imperio
[editar | editar a fonte]No ano 271, Zenobia invadira Exipto e conquistárao sen case ningunha loita. Xa tiña practicamente toda a parte oriental do antigo imperio romano. Entón, declárase independente, nomeándose ela mesma emperatriz, mentres que o seu fillo Valabatho foi nomeado César, acuña moeda propia e fai de Palmira a súa capital.
Aureliano, unha vez rematado o problema dos bárbaros, e asegurando as súas fronteiras, quere rematar co problema de Zenobia. Prepara a súa expedición e toma Antioquía con menos oposición da suposta para as armas romanas. Zenobia e o seu exército permanecen en Emesa, onde a cabalaría romana é rexeitada, pero a infantaría dálle a volta á batalla, fuxindo Zenobia e o seu fillo cara a Palmira. Alí chega Aureliano, que pon sitio á cidade, e conquístaa despois de grandes perdas. Zenobia foxe para Persia, pero é apresada pola cabalaría.
Aureliano deixa 600 romanos para a vixilancia de Palmira e vaise cara a Exipto. Aló, o rico comerciante Firmo, capitaneaba unha revolta para facer independente a cidade de Alexandría. O exército toma Exipto sen loita, e Firmo suicídase, despois dunha forte resistencia, que rematou co Museo de Alexandría, inda que non coa súa biblioteca. Alexandría é castigada, derrúbase a súa muralla e grávase con novos impostos de gran. Aureliano acuartela dúas lexións permanentes en Exipto.
Mentres tanto en Palmira, Antioco, parente de Zenobia, proclámase rei coa axuda dos persas. Tódolos romanos da guarnición son asasinados. Aureliano volta a Palmira, pero esta vez non perdoa a cidade, que queda arrasada e nunca máis recuperou o seu antigo esplendor. Deixa a cabalaría gala para coidar da zona, mentres Antíoco logrou fuxir cara a Persia.
Agora, coa situación en Oriente xa dominada, só quedaba o imperio galo, co seu emperador Tetrico I en moitas dificultades co seu exército e sublevacións internas. No 273, Aureliano preséntase en Lión, e a batalla ten lugar nos campos Cataláunicos, onde Tetrico I foi vencido, e pasouse ó bando romano, xa canso da súa situación persoal e maila do seu fillo. Entrégase no 274 en Treveris e tódalas provincias occidentais pasan de novo ás mans dos romanos, excepto a Britania que pasaría pouco despois.
No 274, volta a Roma onde fai unha entrada triunfal, acompañado de Zenobia, Tetrico I e Tetrico II coma reféns. O Senado noméao Restitutor Orbis, e á súa esposa Ulpia Severa concédelle o título de Augusta e Mater Castrorum.
A súa fin
[editar | editar a fonte]Xa en Roma, dedícase a poñer orde na economía do Imperio. Coas novas terras restituídas e os tesouros de Palmira e Exipto, o primeiro que fai é retirar as moedas de Palmira e o Imperio galo, e acuñar novas moedas que teñan gran valor, chamadas "aurelianas", máis que nada para que volva a confianza na moeda romana, perdida dende hai tempo. Nestas moedas fai gravar a lenda Restitutor Orbis, invictor, conservator et pacator.
Estas reformas monetarias levaron o gremio dos acuñadores a se levantar e tratar de rematar coa reforma, apoiada por algúns senadores, pero Aureliano acabou coa mesma dun xeito militar, con máis de 7000 mortes en ámbolos dous bandos en loita, incluíndo algúns senadores.
No aspecto social importou un costume do antigo Exipto, os labregos estaban obrigados a estar xunguidos á terra e cultivar as terras adxacentes as súas sempre e cando non as cultivasen outros, ou polo menos pagar os impostos das mesmas.
Trocou os institutos libres profesionais (collegia), noutros de carácter obrigatorio estatalizado, o que na práctica levou a aumentar a presión fiscal a favor dos máis ricos, o que lle permitiu condonar a débeda do Estado dos máis pobres.
Reorganizou a Italia administrativamente como unha provincia máis do Imperio, nomeou gobernadores procedentes da orde ecuestre, e non senatorial, o que lle granxeou a inimizade do Senado. Para compensar, trata de gañar o pobo de Roma coa distribución masiva e gratuíta de pan e aceite a 200 000 pobres de Roma. A Historia Augusta fala incluso da repartición de roupa entre a xente.
Pero sen dúbida, unha das súas máis importantes medidas, foi despois do abandono da Dacia e o traslado dos romanos desa provincia, foi a creación da Dacia Ripensis, fortemente militarizada e da Dacia Mediterranea, na outra beira do río Danubio e o asentamento de diversas tribos bárbaras nos limes defensivos para mellor asimilación da cultura romana
A relixión dentro do imperio estaba en plena crise. Estábase a impoñer un modelo mitraísta da relixión, no cal o Sol Invictus estaba a dominar e conciliar tódolos cultos pagáns, e Aureliano convérteo en relixión estatal, levantando un templo ó sol en Roma e acuñándose numerosas moedas co simbolismo solar. Este monoteísmo relixioso tivo unha grande raigame entre o exército.
Aureliano fíxose chamar Deus, feito sen precedentes dende Caracalla, e presentábase en público vestido de ouro e cunha coroa, pero suponse que o facía como estratexia para aumentar e agrandar o prestixio e autoridade do Emperador, practicamente desaparecida, polo que lle conviña presentarse coma Deus et Domini
Para aumentar as defensas do Imperio, reforzou as fronteiras, e construíu moitas murallas en cidades da Galia, reparando calzadas e vías.
No ano 275, Aureliano toma o título de cónsul por terceira vez e reprime unhas revoltas na Galia, loitando contra os bárbaros en Vindelicia, no sur da actual Alemaña. Nese momento planea unha expedición contra os persas, pero morre asasinado polos seus oficiais ós cales o seu secretario convence de que Aureliano trataba de matalos. Ó parecer, o secretario estaba acusado de corrupción, e Aureliano levaba unha loita persoal contra esta lacra social. Morre en Caenophrurium, camiño de Bizancio.
Ulpia Severina puido ter reinado un curto espazo de tempo ata a elección de Tácito, xa que parece que hai algunhas moedas acuñadas que así o indican, o que si está claro é que houbo un interregno entre a morte de Aureliano e o novo emperador Tácito
Imperio Romano | ||
---|---|---|
Segue a: Claudio II o Gótico |
Aureliano | Precede a: Tácito |
Emperadores Ilirios |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aureliano |