Bernabeu, apóstolo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bernabeu
Biografía
NacementoSéculo I en Chipre
PasamentoSéculo I en Salamina, Chipre
Proceso de canonización
Veneración
Festividade11 de xuño
Atributoslibro na man esquerda, báculo na man dereita, pedras na man ou sobre o libro

Bernabeu, tamén coñecido polas variantes Bernabel e Bernabé[1], (grego antigo: Βαρναβᾶς) foi un dos primeiros cristiáns mencionados no Novo Testamento. Aquí preséntase como un apóstolo orixinario de Chipre, membro da tribo de Leví.[2] Viviu durante o século I.

Orixes[editar | editar a fonte]

O seu nome orixinal era Xosé, o Levita, e os apóstolos cambiárono por Bernabeu (Feitos 4:36), que significa Fillo da Consolación.[3]

Os Feitos dos Apóstolos afirman, no capítulo 4 versículos 34 a 37, que Bernabeu vendeu a leira que tiña. O que obtivo desta venda entregoullo aos apóstolos para distribuír entre os pobres.

Foi un gran colaborador de San Paulo. Bernabeu apoiouno perante o resto da comunidade de apóstolos, ao seu regreso a Xerusalén tres anos despois da seu conversión (Feitos 9:27).[3]

Non se atopa entre os doce elixidos por Xesucristo, pero probablemente foi un dos setenta discípulos mencionados no Evanxeo. Bernabeu é considerado apóstolo polos primeiros Pais da Igrexa.

Labor con Paulo[editar | editar a fonte]

Marchou a Tarso e asociouse con San Paulo. Regresaron a Antioquía, onde permaneceron por un ano ensinando (Feitos 11:25-26). Antioquía converteuse en gran centro de evangelización e onde por primeira vez se lle chamou cristiáns aos seguidores da doutrina de Cristo.

Volveron a Xerusalén enviados polos cristiáns da florecente igrexa de Antioquía, cunha colecta para os que estaban a pasar fame en Xudea (Feitos 11:27-30).

Despois de xaxún e oración, Paulo e Bernabeu recibiron a misión e a imposición de mans (Feitos 13:3). Partiron acompañados de Xoán Marcos, futuro evanxelista, que era fillo de María do Cenáculo (Feitos 12:12) e sobriño de Bernabé (Colosenses 4:10). O tres foron a predicar a outros lugares, entre estes Chipre, a patria de Bernabé. Alí converteron ao procónsul romano Serxio Paulo, e a Saulo noméaselle por primeira vez, na Biblia, como Paulo en razón de que estando nun ambiente grecorromano, usa o seu nome Romano (Feitos 13:9-20).

Posterior actividade misioneira[editar | editar a fonte]

Ante o segundo viaxe misioneiro, xurdiu un conflito aberto entre Paulo e Bernabeu. Bernabeu quería levar o seu sobriño Xoán Marcos, e Paulo opúñase porque os abandonou en metade da primeira viaxe (por medo a tantas dificultades). Por iso decidiron separarse. San Paulo foise á súa proxectada viaxe con Silas, e Bernabeu partiu cara a Chipre con Marcos. Dado que Feitos non menciona en absoluto o incidente do que fala Pablo en Gálatas, só podemos intuír que entre Paulo e Bernabeu xa se produciu un certo distanciamento previo.

Martirio[editar | editar a fonte]

Algunhas tradicións tardías e algúns apócrifos (como o libro dos Feitos de Bernabeu) falan de que acompañou ao apóstolo Pedro na súa viaxe a Roma, e despois fundou a comunidade de Milán. Outras máis falan do seu martirio, cara ao ano 70, en Salamina, na illa de Chipre, por man dos xudeus da diáspora, que o lapidaron.[4]

A realidade é que todo o que se sabe con seguridade sobre Bernabeu, son os escasos datos que se nos dá sobre el no Novo Testamento.

Galicia[editar | editar a fonte]

É titular de seis parroquias galegas.[1]

Tamén está presente na tradición oral, pois o seu día adoita considerarse idóneo para a sega do centeo[1]:

  • Día de San Bernabeu, está o sol no máis alto do ceu.[1]
  • Día de San Bernabel, nin na terra nin no fardel.[1]
  • O día de San Bernabé creba o centeo polo pé.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Ferro Ruibal, Xesús; et alii (1992). Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo. 
  2. Feitos 14:14: "Os apóstolos Paulo e Bernabé, en canto se decataron, racharon os seus vestidos e correron cara á xente."
  3. 3,0 3,1 Abad, Xoán C. (2022). In hac lacrimarum valle. Guía ilustrada para recoñecer os santos patróns dos templos da provincia de Pontevedra. Instituto de Estudos Vigueses. 
  4. Cross, F.L. (2005). F.L. Cross and E.A. Livingstone, ed. "Barnabas." (en inglés) (2009 ed.). Oxford University Perss. ISBN 9780192802903. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]