Marco Vipsanio Agripa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Marco Vipsanio Agripa
Agrippa Gabii Louvre Ma1208.jpg
Nacemento63 a. C. e c. 64 a. C.
Lugar de nacementoIstria
Falecemento12 a. C. e c. 12 a. C.
Lugar de falecementoCampania
SoterradoMausoleo de Augusto
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónarquitecto, escritor, Ancient Roman politician e Ancient Roman military personnel
PaiLúcio Vipsânio Agripa
Naivalor descoñecido
CónxuxeCecília Ática, Cláudia Marcela e Julia the Elder
FillosVipsânia Agripina, Vipsania Attica, Vipsania Marcella Major, Vipsânia Marcela, Caio César, Júlia, a Jovem, Lúcio César, Agripina e Agripa Póstumo
IrmánsVipsânia Pola e Lucius Vipsanius Minor
editar datos en Wikidata ]

Marco Vipsanio Agripa (en latín, Marcus Vipsanius Agrippa), coñecido usualmente como Agripa, nado cara o 63 a.C.e finado no 12 a.C., foi un importante xeneral e político romano. Foi amigo íntimo, colaborador, xeneral e encargado dos asuntos militares de Octaviano, o futuro emperador Octavio Augusto. Sempre ao seu carón dende a morte de César no 44 a. C., foi o seu principal apoio militar con triunfos como a batalla de Nauloco contra Sexto Pompeio, no 36 a. C., ou a vitoria naval da batalla de Accio contra Marco Antonio e Cleopatra VII de Exipto, no 31 a. C. Estes éxitos militares permitiron o triunfo de Octavio durante as guerras civís, a afirmación da súa autoridade política e a instauración da etapa que se denominou como Principado. Durante os quince anos desta etapa, Agripa, participou, por iniciativa de Augusto, nas novas comquistas do Imperio, en Hispania (20 e 19 a. C.), e no Danubio (13 e 12 a. C.)

Agripa destacou pola súa capacidade militar e política, e polas construcións coas que embeleceu a cidade de Roma, entre as que se conta o Panteón de Roma ou Panteón de Agripa. Tamén é moi recoñecido polo mapa do mundo antigo que elaborou cos datos obtidos durante as súas viaxes e as guerras.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacemento e orixe[editar | editar a fonte]

A data de nacemento estímase, convencionalmente entre o 63 e 62 a.C. a partir das mencións de Plinio o Vello, quen indica que morreu no seu quincuaxésimo primeíro ano, polo que o seu nacemento sería entre marzo do 63 a. C. e marzo do 62 a. C.[1] Autores como Reinhold, con outra interpretación deses datos, establecen o nacemento entre marzo do 64 a. C. e marzo do 63 a. C.[2][3] Porén, hai outras fontes, que a partir dun calendario orixinario de Chipre ou Siria no que se inclúe un mes nombrado como "Agripa" que comezaba o 1 de novembro, estiman que iso podería indicar que ese sería o mes do seu nacemento e o ano 64 a. C.[4]

Tamén é confuso o lugar de nacemento pois, aínda que, ás veces, se cita Istria,[Nota 1] tamén se ten citando Asisium en Umbría ou Arpino no Lacio. A localización exacta segue a ser incerta.[5][6]

A súa gens era descoñecida no panorama político romano anterior a el. É fillo dun home chamado Lucio Vipsanio Agripa,[Nota 2] probablemente dunha familia da orde ecuestre,[7] itálica, relativamente modesta que recentemente conseguira a cidadanía romana. Quizais se trate dunha familia marsa que, trala guerra social de principios de século, accedera á cidadanía.[8][9] Tampouco se coñece nada da súa nai.[10] Estas orixes fan del un homo novus, un home novo, o primeiro da súa familia en acadar os máis altos cargos políticos da República Romana. Ten un irmán maior chamado Lucio[Nota 3][11] e unha irmá chamada Vipsania Pola. A familia non parecía ter influencia nin relevancia algunha na sociedade romana.[11][12]

Partidario de Octaviano. De amigo da infancia a xeneral[editar | editar a fonte]

Agripa tiña aproximadamente a mesma idade que Octaviano, o futuro emperador Augusto, os dous foron educados xuntos compartindo mestres de retórica como Apolodoro de Pérgamo e estiveron ligados dende pequenos e na adolescencia por unha fonda amizade.[8][13]

A pesar dos lazos da familia coa de Xulio César, o irmán de Agripa optou polo bando contrario durante a guerra civil do 49 a.C. e loitou con Marco Porcio Catón contra César en África, na batalla de Tapso. Cando as tropas republicanas foron derrotadas, o irmán de Agripa foi feito prisioneiro pero foi liberado por Octavio quen intercedeu no seu favor.[8][14] Ninguén sabe se os dous irmáns loitaron entre si en África, pero o mozo Marco Agripa probablemente participase coas tropas de César durante a campaña do 46 e 45 a.C. contra Sexto Pompeio, ao igual que o amigo Octavio. Probablemente, ambos participasen na batalla de Munda.[15][16][17]

César tívoo en suficiente estima como para envialo, posteriormente no 45 a. C., acompañando a Octavio a estudar a Apolonia de Iliria, onde se atopan as lexións de Macedonia en previsión das grandes expedicións militares que planeaba César contra os dacios e os partos,[18] mentres consolidaba o seu poder en Roma.[15] Agripa e Octavio, durante a súa estadía, coñeceron ao astrólogo Teóxenes, que prognosticara unha carreira brillante para Agripa, antes de postrarse ante o destino excepcional de Octavio.[19][20] Pouco despois, César, enviou tamén ao fillo dun dos seus amigos, Caio Mecenas, a estudar con eles. O tres mozos forxaron unha forte amizade no tempo en que estiveron afastados de Roma e baixo as ordes de César. Agripa pronto logrou o apoio das lexións macedonias, grazas á súa incrible habilidade de liderado. Tamén aprendeu arquitectura, área de coñecemento que aplicaría máis adiante na súa vida.

Ao cuarto mes da súa estancia en Apolonia chegaron noticias do asasinato de Xulio César en marzo de 44 a.C. A pesar do consello de Agripa e doutro amigo, Quinto Salvideno Rufo, para que o futuro emperador Augusto marchase cara a Roma xunto coas tropas estacionadas en Macedonia para eliminar aos asasinos de César, este, decide marchar a Roma discretamente en barco, seguindo o coidadoso consello da súa familia,[21] cunha pequena garda persoal e en compañía dos seus dous amigos. Os consellos destes, non só eran ditados polo seu ardor xuvenil, senón quizais tamén polas ambicións políticas, que buscaban aproveitar as guerras civís para ascender na xerarquía social a costa da aristocracia romana da que están implicados moitos membros. ao asasinato de César.[22][23]

Ascenso ao poder ao carón de Octaviano (44 a. C.-42 a. C.)[editar | editar a fonte]

Trala súa chegada foi informado que César nomeárao fillo adoptivo e, polo tanto, herdeiro legal.[24][25] Tanto Agripa como Salvideno empúrrano a acepta-la herencia contra o consello da súa familia materna[26] e, desta volta, decide reclamar solemnemente a herdanza de César aos maxistrados encargados do testamento,[27] polo cal recibía as tres cuartas partes da fortuna de César, que Antonio rexeita devolverlle, e sobre todo o seu apelido.[28] A partir dese momento, Octavio adoptou o nome de César, pasando a chamarse oficialmente Caio Xulio César Octaviano, motivo polo cal moitos historiadores fan referencia a el como "Octaviano" neste período.

Tralo retorno de Octaviano a Roma, tanto el como os seus partidarios déronse conta de que necesitaban o apoio das lexións e Agripa axudou a Octaviano a recrutar tropas en Campania.[29]

Nese tempo, Marco Antonio encarnou brevemente o desexo de preservar a legalidade da República Romana e, mesmo, chegou, a pesar do clima de tensión, a un compromiso cos conspiradores que asasinaron a César. Isto, inicialmente supuxo un grande éxito para Antonio quen consegue con este xesto apaciguar aos veteranos, reconciliar a maioría do Senado e aparecer aos ollos dos conspiradores como o seu interlocutor privilexiado e protector.

Non obstante, a chegada de Octaviano puxo en cuestión as decisións de Marco Antonio sobre os cesaricidas e os seus partidarios pois Octavio quería vingarse e castigar aos conspiradores, o que colocou a Marco Antonio nunha posición incómoda e aínda que puido frear o proceso de ratificación da adopción de Octavio, tivo que aclarar rapidamente a súa posición política por temor a que os seus partidarios pasasen a apoiar a Octavio. Marco Antonio convocou os comicios para o 22 ou 33 de xuño co fin de promulgar leis agrarias favorables aos veteranos que lle permitan asegurar o seu posto ao final do seu mandato como cónsul e situar aos seus principais partidarios á fronte de provincias clave. En particular, tentou asegurarse o control das provincias da Galia Cisalpina,[30][31], gobernada entón por Décimo Xunio Bruto Albino, un dos conspiradores de marzo de 44 a. C.,[32] e da Galia Comata,[30] para controlala a partir do 1 de xaneiro do 43 a. C.

Durante o verán e o outono do 44 a. C., a situación de Marco Antonio fíxose cada vez máis perigosa. Cicerón, sentindo que podía ser posible despedilo se se favorecía a Octaviano, entrou entón en escena. En setembro do 44 a. C. comezou a pronunciar unha serie de discursos contra Antonio, as Filípicas, co fin de volver contra el ao Senado. Ao mesmo tempo, Octaviano traballou ao seu carón para acelerar a ruptura entre o Senado e Antonio. Este último abandonou Roma en outubro para chegar a Brindisi para se unir ás lexións macedonias que cruzaran o Adriático. Octaviano, Agripa e os seus amigos déronse conta de que precisaban o apoio das lexións e comezaron a espallar propaganda entre os soldados e, como consecuencia, Antonio foi moi mal recibido en Brindisi.

Inmediatamente, Agripa entón axudou a Octaviano a reunir novas tropas en Campania, especialmente entre os veteranos de César.[33][34][35] En novembro, cando Octaviano conseguiu o apoio de gran parte dos veteranos de César, dúas das lexións macedonias orixinais de Antonio, Legio I Martia e Legio V Macedonica,[36] uníronse a el en Etruria. Acépatase, aínda que con algunhas dúbidas, que Agripa fora un dos negociadores que traballara para conquistar as lexións macedonias falando con elas.[37] Octaviano estaba, ao parecer, acompañado por primeira vez de Mecenas, cuxos dotes de diplomático completaban a capacidade militar de Agripa.[33][38][39]

Busto de Agripa, Museo Pushkin.

Incapaz de permanecer máis tempo en Roma, ao rematar o seu mandato como cónsul, Marco Antonio convocou o Senado de xeito extraoficial a noite do 28 de novembro[40] no Capitolio[41] para asegurarse de que as súas disposicións tomadas en xuño fosen efectivamente promulgadas.[36] Ao día seguinte, Marco Antonio, que reunira as súas tropas, revisounas en Tívoli e despois tomou a dirección do Norte. [41] Este é o comezo da chamada Guerra de Módena.

O 1 de xaneiro do 43 a.C., Caio Vibio Pansa e Aulo Hircio comezaron os seus mandatos como cónsules, segundo os desexos deixados por César no seu testamento.[42] Dende o inicio do seu mandato producíronse debates que dividiron os senadores sobre a actitude a adoptar fronte ás intrigas de Marco Antonio, e foi durante eses debates que Cicerón pronuncia a súa V Filípica.[43] O 3 de xaneiro, o Senado encomendou aos cónsules a misión de prestar axuda a Décimo Xunio Bruto,[44][45] asediado en Módena por Marco Antonio, co mando dos exércitos, e asociounos a Octaviano,[31][46] quen tiña un imperium propretoriano[47] e para quen foi unha oportunidade de intervir directamente en plena dentro da legalidade.[46][48] Esta, foi a primeira guerra na que Agripa secundou a Octaviano, especialmente durante as batallas de Forum Gallorum e durante o asedio de Módena. Parece ser que o mesmo ano 43 a. C. no que comezou a carreira política de Agripa, quen foi elixido tribuno da plebe (hai que supoñer, polo tanto, que antes fora cuestor), o que lle abriu as portas do Senado.[49][Nota 4]

Octaviano, sentíndose forte coas súas novas lexións e asistido por Agripa, derrotou a Marco Antonio no norte de Italia e, de novo, xunto coas tropas consulares, volveuno derrotar en Módena durante a cal morren os dous cónsules. Daquela, Octaviano, engrandecido polas vitorias marcha a celebra-lo triunfo a Roma e esixe o consulado para o ano seguinte. Como Cicerón e os seus partidarios non eran moi proclives, Octaviano optou por racha-la súa alianza con Cicerón e, no 43 a. C., chegou a un pacto con Marco Antonio, convertido en "inimigo público", que fuxira á Galia e con Lépido. Foi o chamado Segundo Triunvirato.[50][51]

Octavio e o seu colega consular, Quinto Pedio, dirixiron a acusación contra os asasinos de César na súa ausencia e Agripa foi encargado do caso contra Caio Casio Lonxino.[52][53] No 42 a.C., segundo Plinio o Vello,[54] Agripa participou na batalla de Filipos ao carón de Octaviano e Marco Antonio[55] e, probablemente tamén comandou parte das tropas de Octaviano, cando este caeu enfermo. Ao remata-la batalla, morreron preto de 50.000 cidadáns romanos e Octaviano inflixiu numerosas torturas ao séquito dos cesaricidas Bruto e Casio, que morreron en combate.

Imaxe de Agripa nun relevo da Ara Pacis, ou "Altar da Paz", en Roma.

Tralo seu retorno a Roma, Octaviano enviou a Agripa no ano 41 a.C. para que se encargase do mando da guerra contra Lucio Antonio e Fulvia Antonia, irmán e esposa, respectivamente, de Marco Antonio. A guerra terminou coa toma de Perugia en 40 a.C. Con todo, durante esta época o principal xeneral de Octaviano seguía sendo Quinto Salvideno Rufo.[56] Tras esta guerra, Octaviano partiu cara á Galia, deixando a Agripa como pretor urbán en Roma con instrucións de defender a península itálica contra Sexto Pompeio, un opoñente do triunvirato que nese momento ocupaba Sicilia. En xullo do ano 40, mentres Agripa estaba ocupado coa celebración dos Ludi Apollinares, unha das responsabilidades do cargo de pretor, Sexto comezou a saquear o sur de Italia. Agripa avanzou ao seu encontro e obrigouno a se retirar.[57] Con todo, o Triunvirato demostrou ser inestable, e en agosto do ano 40 tanto Sexto Pompeio como Marco Antonio invadiron Italia, aínda que sen se aliaren. Agripa tivo éxito na toma de Siponto, o que axudou a pór fin ao conflito.[58] Agripa foi un dos intermediarios entre Antonio e Octaviano para acordar unha nova paz. Doutra banda, durante as discusións, Octaviano soubo da intención de Salvideno de traizoalo, o que levou á súa persecución, que se saldou coa súa morte, aínda que non está claro se por execución ou suicidio. Daquela, Agripa converteuse no principal xeneral de Octaviano.[59]

No 39 ou 38 a.C., Octaviano nomeou a Agripa gobernador da Galia Transalpina, onde sufocou unha rebelión dos aquitanos no 38 a.C. Tamén loitou contra as tribos xermánicas, converténdose no segundo xeral da historia en cruzar o Rin, despois de Xulio César.

Foi chamado de volta a Roma por Octaviano para asumi-lo seu primeiro consulado no 37 a. C. Naquel momento Agripa estaba moi por baixo da idade usual mínima para o consultado, uns 43 anos, pero Octaviano acababa de sufrir unha humillante derrota naval contra a ftota de Sexto Pompeio e necesitaba que o seu amigo se encargase dos preparativos para o contraataque. Agripa rexeitou a oferta de celebrar un triunfo romano polas súas conquistas na Galia, e Dión Casio indica que puido ter que ver coa súa decisión o que houbese resultado impropio un triunfo nun momento tan complicado para Octaviano.[60] Para entón, Sexto Pompeyo lograra o control sobre o mar que rodea as costas de Italia, polo que a guerra xa era algo inminente. A primeira preocupación de Agripa foi lograr un porto seguro para as súas naves, o que logrou mediante a eliminación da separación do lago Lucrino do mar. Con iso logrou crear un porto exterior, aínda que tamén conseguiu crear un interno mediante a fusión do lago Averno co Lucrino.[61] O novo complexo portuario foi denominado Portus Julius en honra a Octaviano.[62] Agripa tamén foi o responsable dunha serie de melloras tecnolóxicas, como a utilización de naves de maior tamaño ou a invención de novos ganchos de abordaxe mellorados.[63] Nesta época, Agripa contraeu matrimonio con Cecilia Ática, filla do amigo de Cicerón, Perico Pomponio Ático.[64]

No ano 36 a. C., Octaviano e Agripa zarpan para enfrontarse ao Sexto Pompeyo. Non obstante, a frota sufriu graves danos pola tormenta e viuse obrigada a retirarse. Agripa seguiu ao mando para facer un novo intento e, grazas á súa tecnoloxía superior e ao seu forte adestramento das tropas ao seu mando, conseguiu derrotar a Sexto Pompeio nas batallas de Mylae e Nauloco. Só 16 barcos de Pompeio sobreviviron, e a maior parte da súa ftota viuse obrigada a renderse. Octavio, co seu aumento de poder, foi quen de obrigar ao triunviro Lépido a retirarse da escena política, mantendo só o cargo de pontifex maximus, e despois entrar triunfador en Roma. Agripa recibiu como condecoración unha coroa naval polos seus servizos en Sicilia e Dión Casio sinala que era unha condecoración sen precedentes, que ningún outro home recibira antes na historia e que nunca volvería ser concedida..[65]

Vida ao servizo público[editar | editar a fonte]

O Panteón de Roma foi reconstruído polo emperador Adriano seguindo o deseño de Agripa. Mostra a lenda M·AGRIPPA·L·F·COS·TERTIVM·FECIT, que significa Marco Agripa, fillo de Lucio, construído durante o seu terceiro consulado

Agripa participou en actividades militares menores nos anos 35 e 34 a.C. C., pero regresou a Roma no outono dese último ano. Realizou unha importante campaña de reparacións e melloras públicas na cidade de Roma, entre as que destaca a renovación do acueduto coñecido como Aqua Marcia e a ampliación das súas canalizacións para cubrir unha maior parte da cidade. No 33 a. C. Agripa foi elixido edil, e utilizou os seus coñecementos de arquitectura para levar a cabo o seu traballo. Como alcalde, maxistrado responsable das construcións e festas de Roma, arranxou as rúas e aumentou e limpou a Cloaca Máxima, plantando xardíns e construíndo pórticos e baños, como as chamadas Termas de Agripa. Realizou algúns espectáculos públicos impresionantes. Tamén estimulou a exposición pública de obras de arte. É importante notar que era inusual que un antigo cónsul ocupase a maxistratura inferior de edil, pero o éxito de Agripa no cargo rompeu coa tradición. Como emperador, Augusto presumiría máis tarde de "ter atopado unha cidade de ladrillo e deixar unha de mármore" grazas en parte aos grandes servizos que Agripa lle prestou baixo o seu goberno.

Ático, o sogro de Agripa, suicidouse no 32 a.C. C., padecendo unha grave enfermidade e segundo Cornelio Nepote, amigo e biógrafo de Atticus, esta decisión causou gran pesar a Agripa.[66]

Máis tarde, en conmemoración da Batalla de Actium, Agripa construíu o edificio que sería o Panteón de Roma ata a súa destrución no ano 80 d. C. O emperador Adriano construiría o seu propio Panteón a partir dos deseños de Agripa, e este sobreviviu ao paso do tempo. A inscrición do segundo edificio, porén, conserva o texto da inscrición do primeiro. Nos anos posteriores ao seu terceiro consulado, Agripa permaneceu na Galia, reformando a administración provincial e o sistema fiscal e levando a cabo a construción dun importante sistema de estradas e acuedutos.

A guerra contra Marco Antonio e Cleopatra[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Batalla de Accio.

Agripa foi chamado de novo para tomar o mando da frota cando estalou a guerra contra Antonio e Cleopatra. Capturou a cidade estratéxica de Modona, en Mesenia, situada ao suroeste do Peloponeso. Desde alí navegou cara ao norte, asediando a costa grega e capturando Corzira (actual Corfú). Octavio dirixiu alí o seu exército, ocupando a cidade como base naval. Antonio fixo que as súas tropas se retiraran a Actium, onde Octavio foi para enfrontarse a el. Mentres tanto, Agripa vencía ao Quinto Nasidio, un dos comandantes de Antonio, nunha batalla naval en Patras. Dión Casio relata que Agripa foi unirse a Octavio preto de Actium, e coñeceu a Gaius Sosius, outro dos tenentes de Antonio, que dirixía un ataque sorpresa contra o escuadrón de Lucio Tario, que estaba activo ao lado de Octavio. A súa inesperada chegada serviu para reverter o curso da batalla en favor de Octaviano..[67]

Aproximábase a batalla decisiva, e segundo Dión Casio, Octavio foi informado de que Antonio e Cleopatra planeaban un ataque para romper o seu bloqueo naval e escapar. Nun primeiro momento pensou en permitir o paso dos buques insignia, dicindo que despois podería chegar a eles cos seus barcos máis lixeiros e argumentando que o resto dos barcos inimigos rendiríanse cando viran a covardía dos seus líderes. Agripa objetou que aínda que os barcos de Antonio eran máis grandes, podían avanzar máis rápido que os de Octavio se despregaban as velas, e que Octavio tiña agora unha gran oportunidade de atacar porque a frota de Antonio sufrira recentemente os efectos das tormentas. Octaviano deixouse aconsellar e seguiu as indicacións do seu amigo.[68]

O día 2 de setembro 31 a. C. tivo lugar a batalla de Actium, que rematou coa vitoria de Octavio, que conseguiu así o dominio total sobre o Imperio Romano, e grazas principalmente ao traballo de Agripa. Os barcos de Antonio, grandes e lentos, dirixidos polo cónsul Caio Sosio, foron derrotados polos barcos máis pequenos e manobrables de Agripa e o seu armamento superior. Os barcos de Cleopatra, en lugar de loitar, fuxiron a través dos barcos de combate, seguidos de Antonio. A loita rematou coa aniquilación da frota de Antonio e a fuxida de Antonio e Cleopatra a Exipto.

Como mostra de agradecemento, Octaviano deulle a man da súa sobriña, Marcela a Mayor, no ano 28 a.C. C. Tamén obtivo un segundo consulado conxuntamente con Octaviano ese mesmo ano. No 27 a. C., Agripa conseguiu o seu terceiro consulado, de novo con Octavio, ano no que o Senado concedeu a Octavio o título imperial de Augusto.

Derradeiros anos[editar | editar a fonte]

O teatro romano de Mérida, en España. O seu promotor foi Agripa, que o construíu entre os anos 16 e 15 a. C.

A súa amizade con Augusto parece que se viu empañada polos celos de Marco Claudio Marcelo, en parte acrecentados polas intrigas de Livia, a terceira esposa de Augusto, que temía a influencia de Agripa sobre o seu marido. Tradicionalmente díxose que o resultado dos celos foi que Agripa abandonase Roma, oficialmente para facerse co goberno da provincia romana de Siria, nunha especie de exilio honorábel. Porén, Agripa só enviou o seu legado a Siria, mentres el permaneceu na illa de Lesbos e gobernou desde a distancia. Outra teoría é que podería ter sido enviado nunha misión secreta para negociar con Partia a devolución dos estandartes romanos que mantiñan cativos desde a batalla de Carrhae. Á morte de Marcelo, ocorrido no ano do seu exilio, foi chamado de volta a Roma por Augusto, que non podía prescindir dos seus servizos. Porén, situando os acontecementos no marco da crise política do 23 a.C. que remataría co Segundo Pacto entre Augusto e o Senado, non parece tan probable que mentres se enfrontaba a unha importante oposición, o emperador Augusto colocase un home no exilio ao mando do corpo máis importante das tropas romanas. Parece máis probable que o exilio de Agripa fose un coidadoso movemento político para poñer ao seu leal tenente ao mando dese importante exército, co fin de dar cobertura a Augusto se finalmente necesitaba apoio militar.

Dise que Mecenas aconsellou a Augusto que se ligase aínda máis a Agripa mediante un vínculo matrimonial. Agripa divorciouse de Marcela para casar cunha das fillas de Augusto, Xulia a Maior, no 21 a.C. Xulia era a viúva de Marcelo, e tiña unha gran sona tanto pola súa beleza como polo seu comportamento indecente.

No ano 19 a.C., Agripa foi enviado para pór fin a unha revolta dos cántabros en Hispania, as chamadas guerras cántabras. Despois volveu ser nomeado gobernador de Siria no 17 a. C., e conseguiu nesa provincia gañarse o respecto dos seus habitantes, particularmente dos xudeus, grazas á súa boa administración. Agripa tamén recuperou o control romano sobre Crimea durante o seu goberno.

Entre os anos 16 a. C. e 15 aC., foi o encargado de construír o Teatro romano de Augusta Emerita, actual Mérida, por orde de Octavio Augusto.

O seu último servizo foi o inicio da conquista da rexión máis aló da fronteira natural creada polo río Danubio, que se convertería na provincia romana de Panonia no ano 13 a.C. No inverno dese último ano caeu enfermo, e pouco despois do seu regreso a Roma en marzo do 12 a.C., faleceu. Tiña 51 anos. Cóntase que ao saber a noticia Augusto rompeu a chorar. O seu fillo póstumo, Agripa Póstumo, recibiu o seu nome.

Augusto honrou a súa memoria cun funeral maxestuoso no que se encargou de ler o discurso fúnebre, e el mesmo pasou un mes enteiro de loito. Ordenou que o enterrasen no mausoleo imperial. Tamén se encargou persoalmente da educación dos seus fillos, e mesmo adoptou a dous deles: Caio César e Lucio César. Crese que non chegou a adoptar ao último deles, Agripa Póstumo, co fin de que o seu vello amigo tivese un fillo que continuase co nome da familia.

Legado[editar | editar a fonte]

Agripa tamén foi coñecido pola súa faceta de escritor, e especialmente no que respecta á xeografía. Entre os escritos que realizou existen referencias a unha autobiografía que, desgraciadamente, se perdeu.

Marco Vipsanio Agripa foi, xunto con Caio Mecenas e o propio Octavio Augusto, un personaxe central na creación do sistema imperial do Principado, que gobernaría ao Imperio romano até a crise do século III e o nacemento do Dominado. Entre os descendentes de Augusto, o seu neto Caio sería coñecido na historia como o emperador Calígula, e o seu bisneto Lucio Domicio Enobarbo gobernaría como o emperador Nerón.

Matrimonios e descendencia[editar | editar a fonte]

Agripa casou, polo menos, en tres ocasiones. Coa súa primeira esposa, Cecilia Ática, tivo a Vipsania, esposa de Tiberio e Caio Asinio Galo. Doutras dúas fillas, Vipsania (probablemente casada con Quinto Haterio) e Vipsania (probablemente esposa de Publio Quintilio Varo), non se ten a certeza de se son fillas da súa primeira esposa ou de Marcela a Maior, a súa segunda esposa. Tras estes matrimonios, casou coa filla de Augusto, Xulia a Maior, coa que tivo cinco fillos:

Os fillos homes de Xulia con Agripa foron logo adoptados polo seu avó Augusto e convertidos nos seus herdeiros.

Caio e Lucio, herdeiros do Imperio de Augusto, foron nomeados principes iuventutis. No entanto, morreron de causas naturais polo que a herdanza do Imperio recaeu en Tiberio, que finalmente sucedería a Augusto, en calidade de fillo adoptivo.

Agripa no cine e a televisión[editar | editar a fonte]

Cine[editar | editar a fonte]

Ano Película Director Actor
2003 Imperium: Augustus (TV) Roger Young Ken Duken

Series de Televisión[editar | editar a fonte]

Ano Película Director Actor
2007 Roma John Milius Allen Leech

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo Reinhold, a terminación -anius, indica un topónimo que, parece ser era común na zona de Dalmacia ou no Véneto (citado en Roddez 1984, p. 22).
  2. Na inscrición do Panteón de Roma (CIL, VI, 896), aparece: « M·AGRIPPA·L·F·COS·TERTIVM·FECIT », É dicir, «Marcus Agripa, fillo de Lucio, cónsul ppor terceira vez, o construíu»
  3. Ao se chamar o pai de Marco Agripa, Lucio, era costume que o fillo maior tivese o mesmo nome.
  4. "Aparece mencionado só por Mauro Servo Honorato en In tria Virgilii Opera Expositio, os seus comentarios sobre Virxilio, A Eneida, 8, 682. Pero Tribuno da plebe, é unha maxistratura preliminar necesaria para se converter en pretor urbano, que será o caso de Agripa entre o 43 e o 40 .a C.. Daquela, ser tribuno era un privilexio."(citado en Roddaz 1984, p. 41).
Referencias
  1. Plinio o Vello, Naturalis Historiae, Libro VII: VIII, 46
  2. Reinhold 1933, pp. 2-4
  3. Citado en Roddaz 1984, p. 24
  4. Roddaz (1984), pp. 23-26
  5. Reinhold 1933, p. 9
  6. Roddaz 1984, p. 23
  7. Roddaz (1984), p. 22-23
  8. 8,0 8,1 8,2 Cosme (2005), p. 15
  9. Roddaz (1984), p. 29
  10. Roddaz (1984), p. 24
  11. 11,0 11,1 Roddaz (1984), p. 28
  12. Veleio Patérculo, Historia Romana, Libro II.96 e Libro II.127.
  13. Roddaz 1984, pp. 32-33
  14. Nicolás de Damasco, Vida de Augusto
  15. 15,0 15,1 Cosme 2005, p. 18
  16. Reinhold 1933, pp. 13-14
  17. Roddaz 1984, pp. 34-35.
  18. Suetonio, Vida de Augusto, 8.2
  19. ´Cosme 2005, pp. 18-19.
  20. Suetonio, Vida de Augusto, 94.12
  21. Cosme 2005, p. 20
  22. Roddaz 1984, pp. 36-37
  23. Cosme 2005, p. 21
  24. Nicolás de Damasco, Vida de Augusto 16–17
  25. Veleio Patérculo 2.59.5.
  26. Cosme 2005, pp. 21-22
  27. Cosme 2005, p. 33.
  28. Cosme 2005, p. 22
  29. Nicolás de Damasco, Vida de Augusto 31. Se ha especulado que Agripa estuviera entre los negociadores que consiguieron el apoyo de las legiones macedonias de Antonio para Octavio, pero no existe una evidencia clara de ello; véase Reinhold, p. 16.
  30. 30,0 30,1 Cosme 2005, p. 36
  31. 31,0 31,1 Rowell 1962, p. 23
  32. Van Berchem 1982, p. 55
  33. 33,0 33,1 Cosme 2005, p. 38
  34. Roddaz 1984, pp. 39-41.
  35. Roddaz 2000, p. 835-836
  36. 36,0 36,1 Roddaz 2000, p. 836
  37. Reinhold 1933, p. 16
  38. Roddaz 1984, pp. 39-41
  39. Roddaz 2000, p. 835-836
  40. Venning & Drinkwater 2011, p. 301
  41. 41,0 41,1 Cosme 2005, p. 39
  42. Cosme 2005, p. 40
  43. Cosme 2005, p. 40
  44. Suetonio, Vida dos 12 césares, Augusto, 10
  45. Apiano, Guerras civiles, III, 50-61
  46. 46,0 46,1 Eck 2002, p. 12.
  47. Petit 1974, p. 19.
  48. Syme 1967, p. 167
  49. Roddaz 1984, p. 41
  50. Cosme 2005, p. 48
  51. Roddaz 2000, pp. 836-841
  52. Veleio Patérculo 2.69.5
  53. Plutarco, Vidas paralelas. Bruto 27.4
  54. Plinio o Vello, Naturalis Historia, libro VII, 148
  55. Roddaz 2000, p. 851
  56. Reinhold, pp. 17–20.
  57. Dión Casio 48.20; Reinhold, p. 22.
  58. Dión Casio 48.28; Reinhold, p. 23.
  59. Reinhold, pp. 23–24.
  60. Dión Casio 48.49; Reinhold, pp. 25–29. La juventud de Agripa es resaltada por Lendering, "From Philippi to Actium".
  61. Reinhold, pp. 29–32.
  62. Suetonio, Vida de Augusto 16.1.
  63. Apiano, Guerras civiles 2.106, 118–119; Reinhold, pp. 33–35.
  64. Reinhold, pp. 35–37.
  65. Dión Casio 49.14.3.
  66. Cornelio Nepote, Vida de Ático 21–22.
  67. Dión Casio 50.14.1–2; cf. Velleius Paterculus 2.84.2. Dión Casio comete un error al decir que Sosio murió, puesto que luego luchó y sobrevivió a la batalla de Actium (Reinhold, p. 54 n. 14; Roddaz, p. 163 n. 140).
  68. Dión Casio 50.31.1–3.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Fontes antigas[editar | editar a fonte]

Fontes contemporáneas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Lucio Cornelio Léntulo e
Lucio Marcio Filipo
 Cónsul da República Romana
xunto con Lucio Caninio Galo
suffectus Tito Estatilio Tauro
 
37 a. C.
Sucesor:
Lucio Gelio Publícola e
Marco Cocceyo Nerva
Predecesor:
Octavio Augusto e
Marco Valerio Mesala Potito
 Cónsul da República Romana
xunto con Octavio Augusto
 
28 a. C.
Sucesor:
'