Saltar ao contido

Gordiano III

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaGordiano III

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento20 de xaneiro de 225 Editar o valor en Wikidata
Roma Editar o valor en Wikidata
Morte11 de febreiro de 244 Editar o valor en Wikidata (19 anos)
Circesio Editar o valor en Wikidata
Causa da mortevalor descoñecido Editar o valor en Wikidata
Emperador romano
22 de abril de 238 – 11 de febreiro de 244
 Pupieno, BalbinoFilipo o Árabe 
Senador romano
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónRelixión na Roma antiga Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Roma Antiga Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
PeríodoAlto Imperio Romano, Baixo Imperio Romano, Exipto grecorromano, Era do Exipto romano e principado Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloAugusto (título) Editar o valor en Wikidata
FamiliaDinastía Gordiana Editar o valor en Wikidata
CónxuxeTranquilina Editar o valor en Wikidata
FillosFuria Editar o valor en Wikidata
PaisJúnio Licínio Balbo
Gordiano II Editar o valor en Wikidata  e Antonia Gordiana Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePaulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft
Pequeno dicionario enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
Enciclopedia Galega Universal: 131509 Find a Grave: 35410041 Editar o valor en Wikidata

Marco Antonio Gordiano (en latín, Marcus Antonius Gordianus), nado en Roma o 20 de xaneiro de 225 e finado en Circesio o 11 de febreiro de 244 , foi un emperador romano, nomeado polos pretorianos á idade de 13 anos,[1] que reinou do 238 ao 244.

Converteuse no segundo emperador único máis novo do Imperio Romano unido.[nota 1] Gordiano Era fillo de Antonia Gordiana[2] (denominada Maecia Faustina, na Historia Augusta) e do seu marido Xunio Balbo, que morreu antes do 238.[3] Os seus nomes menciónanse na pouco fiable Historia Augusta. Antonia Gordiana era filla do emperador Gordiano I e irmá do emperador Gordiano II.[2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Ascenso ao poder

[editar | editar a fonte]

A cronoloxía da ascensión de Gordiano é moi controvertida e, aínda que se descoñece con exactitude a cronoloxía, a máis aceptada é polos arredores de agosto. Os papiros contemporáneos mostran que as novas da súa ascensión chegaron a Exipto entre o 8 (cando se mencionan por última vez a Pupieno e Balbino) e o 21 de setembro, o que suxire unha data de mediados de agosto.[4] Non obstante, unha inscrición grega en Shaqqa (Siria) datada o 27 de marzo podería suxerir unha data anterior. O nome do emperador está borrado e unha opinión identifícao como Gordiano III.[5] Non obstante, unha identificación con Maximino parece ser máis probable,[6] pois Maximino, a diferenza de Gordiano, si sufriu de damnatio memoriae,[6] e é mencionado por última vez nos papiros a partir do 7 de abril, mentres que os gordianos son mencionados por primeira vez o 13 de xuño.[7][8]

Sábese moi pouco da súa infancia antes da súa ascensión ao trono. Coa morte de Maximino Tracio a mans das súas tropas, a Legio II Parthica, despois da morte de Gordiano I e Gordiano II, os senadores Pupieno e Balbino quedaron nomeados como co-emperadores, pero non eran aceptados polo pobo de Roma, e despois de só noventa días, e logo de que se lles impuxese o nomeamento de Gordiano III como césar,[9][10] foron asasinados polos pretorianos, que o 27 de maio de 238 nomearon a Gordiano III como emperador,[1][11] en parte debido ás presións do pobo romano que aínda conservaba a lembranza das virtudes do seu avó e tío.

Reinado (238-244)

[editar | editar a fonte]
Gordiano III no anverso dunha moeda da súa época (antoniniano)

Os anais do seu reinado son singularmente escasos. Parecer ser que, cando Gordiano III entrou no pazo, ordenou coma primeira medida o afastamento de tódolos eunucos que herdara do seu tío, moi propios das rexións orientais, pero nunca ben aceptados en Roma.

Debido á idade de Gordiano, o goberno imperial foi entregado ás familias aristocráticas, que controlaban os asuntos de Roma a través do Senado.[12] En 240, durante o consulado de Lucio Ragonio Venusto e de Caio Octavio Apio Suetrio Sabino, un usurpador, Sabiniano, rebelouse na provincia africana, pero foi derrotado rapidamente.[13][14]

Como a elección dun rexente era moi importante para o inicio do seu reinado, case inmediatamente trala elección, nomeou prefecto del pretorio a Timesiteo[15] (Caius Furio Sabinius Aquila Timesitheus), un cabaleiro como era tradicional, quen fora gobernador do imperio en diversas provincias e pentencera ao grupo arredor das princesas sirias,[1] onde deu proba do seu carácter íntegro e notábel capacidade polo que, decontado, se converteu no gobernante de facto do imperio.[16] Pouco despois, no 241, Gordiano III tomou por esposa a filla do seu rexente, Furia Sabinia Tranquilinia.[17]

Durante o reinado de Gordiano houbo graves terremotos, tan graves que as cidades caeron por terra xunto cos seus habitantes. En resposta a estes terremotos, Gordiano consultou os Libros Sibilinos.[18]

Polo estudos das súas cartas, sábese que tentou favorecer a situación das clases humildes: unhas favorecen a emancipación dos escravos, noutras trata da condición das mulleres, ás que se refire coma compañeiras dos homes no divino e no humano. Vese a influencia dos cristiáns nestas cartas. Nesta época, case simultaneamente, comezaron os ataques xermánicos nas fronteiras do Rin e do Danubio, e os persas baixo o mando de Shapur I invadiron Mesopotamia, cruzando o río Éufrates. Gordiano, no 242, con todo o cerimonial abriu as portas do Templo de Xano por última vez na historia e marchou cara a Oriente Próximo co seu exército.

Fronteira occidental

[editar | editar a fonte]

A fronteira occidental, en xeral, mantivo o limes pacificado. Sábese pouco das súas expedicións na zona do Danubio, pero intervenu en varias ocasións na zona. A primeira cando levou a cabo unha expedición no 239, contra carpos e sármatas que invadiran Mesia. O problema orixinouse no 238, cando os godos apareceron dende o Báltico e se achegaron á cidade de Olbia, que foi conquistada.[15]

Cando no 242, godos e sármatas volveron a realizar incursións Gordiano, que ía camiño de Persia, derrotounos en Tracia e Mesia, polo que foi alcumado polos soldados como "Gótico" e "Sarmático".[15] Porén, as crónicas falan dunha vitoria do emperador na Tracia e unha derrota contra os alanos, pero o certo é que esas rexións quedaron ceibes dos bárbaros, aínda que houbo que facer un tratado anual que obrigaba aos romanos a un pago anual en ouro.

Fronteira oriental

[editar | editar a fonte]
Antoniniano de prata de Gordiano III (moeda da casa da moeda de Roma, 238–239). Anverso: IMP CAES M ANT GORDIANVS AVG, busto radiado, drapeado e coirazado á dereita; Reverso: VIRTVS AVG, Virtus de pé de fronte con traxe militar, cabeza á esquerda, con escudo e lanza.

Dun xeito moi distinto foron as cousas no Oriente, onde trala morte do rei dos persas Ardashir I no ano 240 deixou o trono en mans do seu fillo Shapur, quen comenzou o seu reinado invandindo Mesopotamia e Siria, o que provocou que o mozo emperador abrise as portas do Templo de Xano por derradeira vez na historia romana e enviou un gran exército a Oriente. En pouco tempo, Mesopotamia pasou a poder dos sasánidas e xa caeran no seu poder Nisibis e Carrhae. Igualmente, tomou Siria sen oposición e ocupou Antioquía.[15] Mais no 243, os sasánidas sofreo unha gran derrota, na Batalla de Resaena,[19] e tiveron que devolver tódalas conquistas anteriores.

A campaña fora un éxito e Gordiano, que se unira ao exército, gabouse dos seus logros ante o Senado[18] e estaba a planear unha invasión do territorio inimigo, cando o seu sogro, Timiseteo, o verdadeiro protagonista da vitoria en Mesopotamia, segundo as cartas que foron dirixidas ao Senado, morreu en circunstancias pouco claras.[15][20] Sen Timesiteo, a campaña e a seguridade estaban en perigo polo que, rapidamente, nomeou novos prefectos do pretorio, primeior a Caio Xulio Prisco e, máis tarde, o irmán deste, Marco Xulio Filipo, tamén coñecido como Filipo o Árabe.[21][22] Inmediatamente despois do nomeamento, o novo prefecto, comenzou a manobrar para poñer o exército en contra do emperador, desviando provisións e facendo que o exército tentase nomear un novo sucesor. A seguir, Gordiano, decidiu comezar unha segunda campaña e a comezos do ano 244, os persas comezaron o seu contraataque e loitaron con ferocidade para deter o avance romano cara a Ctesifonte,

O destino exacto de Gordiano non está claro, Por unha banda, as fontes romanas non mencionan esta batalla, situando a Gordiano río arriba e suxerindo que foi asasinado por Filipo, quen pola súa banda aspiraba ao trono e así conseguiu ser proclamado emperador. A esta manobra quixéronse opoñer os amigos de Gordiano, pero tanto el como os seus amigos foron asasinados en Zaitha, sobre o río Éufrates, en marzo do 244.[22] A seguir, Filipo enviou cartas ao Senado comunicándo a morte do emperador e mais o seu nomeamento como emperador por parte do exército.

Por outra, hoxe é a convención máis admitida seguindo as crónicas persas, o máis probable, segundo as crónicas persas é que morrese na batalla de Misiche preto da actual Faluya (Iraq), no transcurso da cal, afirman, que mataron a Gordiano III.[23] Así, o testemuña unha inscrición erixida por Shapur na que se afirma que unha batalla preto da moderna Fallujah (Iraq) resultou nunha gran derrota romana e na morte de Gordiano III,[24] tras a cal Filipo, como novo emperador, comprou a paz por 500.000 dinares.[25]

As fontes romanas afirman que os soldados proclamaron a Filipo emperador, que fixo a paz con Shapur en termos "vergoñentos" e que Gordiano morreu cando as forzas romanas marcharon cara ao oeste.[25] Zonaras di que Gordiano morreu despois de caer do seu cabalo durante unha batalla.[25] Unha opinión sostén que Gordiano morreu en Zaitha, asasinado polo seu exército frustrado, mentres que se descoñece o papel de Filipo.[26] As análises académicas suxiren que a versión sasánida, "aínda que defectuosa[...] é superior" á romana, o que non ofrece ningunha explicación de por que o exército romano vitorioso tivo que facer a paz en termos desvantaxosos.[25]

A deposición do corpo de Gordiano tamén é motivo de controversia. Segundo David S. Potter, Filipo trasladou o corpo do falecido emperador a Roma e organizou a súa deificación.[27] Edwell, Dodgeon e Lieu afirman que Filipo mandou enterrar a Gordiano en Zaitha despois de que a campaña contra os sasánidas rematase en fracaso.[28][29] Segundo outras fontes, o Senado aceptou o nomeamento, aínda que en contra da opinión do novo emperador, divinizouno e mandou facer un gran mausoleo no seu nome, que foi levantado por Filipo no mesmo lugar onde se supón que mandara asasinalo, en Zaitha, e que foi visitada por Amiano Marcelino no 363.[28]

  1. O único emperador máis novo foi Alexandre Severo, que era uns dous meses máis novo cando se converteu en emperador. Os emperadores nenos posteriores só gobernaron a metade do Imperio, por exemplo, Honorio (10 anos) e Valentiniano III (6 anos) en Occidente, e Teodosio II (7 anos) e Miguel III (2 anos) en Oriente.
Referencias
  1. 1 2 3 Le Glay (2002), p. 285
  2. 1 2 D’Amato (2020), p. 54.
  3. Townsend (1934), p. 63
  4. Peachin (1990), p. 29
  5. Sartre (1984), p. 52
  6. 1 2 Burgess (2014), pp. 72-73
  7. Peachin (1990), pp. 26-30
  8. Rea (1972), pp. 1-19
  9. Smith (1867), p. 281
  10. Drinkwater 2007, p. 32
  11. Drinkwater 2007, p. 33
  12. Potter 2004, p. 171
  13. Wilhite 2007, p. 31
  14. Smith (1846), p. 281
  15. 1 2 3 4 5 Le Glay (2002), p. 286
  16. Mennen 2011, p. 34
  17. Townsend (1934), p. 84
  18. 1 2 Boin 2018, p. 61
  19. Tucker (2009), p. 247
  20. Chisholm 1911, p. 247
  21. Potter 2004, p. 236.
  22. 1 2 Le Glay (2002), p. 287
  23. Res Gestae Divi Saporis, 3–4 (tradución da inscrición de Shapur en Naqsh-e Rostam)
  24. Brosius 2006, p. 144
  25. 1 2 3 4 Shapur Shahbazi, Alireza (20 de xullo de 2002 [actualizado o 20 de febreiro de 2018]). "ŠĀPUR I: History". iranicaonline.org (en inglés). Consultado o 6 de xuño de 2026.
  26. Potter 2004, pp. 234, 236
  27. Potter 2004, p. 238.
  28. 1 2 Edwell 2020
  29. Dodgeon & Lieu 1991, p. 41

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Blois, Lukas de (2018). Image and Reality of Roman Imperial Power in the Third Century AD: The Impact of War (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 978-1-351-13557-3. 
  • Brosius, Maria (2006). The Persians (en inglés). Londres: Routledge. 
  • Burgess, Richard W. (2014). Roman imperial chronology and early-fourth-century historiography (en inglés). Stuttgart: Franz Steiner Verlag GmbH. ISBN 978-3-515-10732-7. 
  • Chisholm, Hugh, ed. (1911). "Gordian". Encyclopædia Britannica. Vol. 12 (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. 
  • D’Amato, Raffaele (2020). Roman Standards & Standard-Bearers (2): AD 192–500 (en inglés). Osprey Publishing. ISBN 9781472836496. 
  • Dodgeon, Michael H.; Lieu, Samuel N. C., eds. (1991). The Roman Eastern Frontier and the Persian Wars (AD 226–363): A Documentary History (parte I) (en inglés). Oxford / Nova York: Routledge. 
  • Drinkwater, John (2007). "Maximinus to Diocletian and the 'Crisis'". En Bowman, Alan K.; Garnsey, Peter; Cameron, Averil. The Cambridge Ancient History: The crisis of Empire, A.D. 193–337 (Vol. XII ) (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-30199-2. 
  • Edwell, Peter (2020). Rome and Persia at War: Imperial Competition and Contact, 193–363 CE. (en inglés). Oxford / Nova York: Routledge. ISBN 9781317061267. 
  • Le Glay, Marcel (2002). Grandez y caída del imperio romano (en castelán) (1ª ed.). Madrid: Cátedra. ISBN 84-376-1962-9. 
  • Mennen, Inge (2011). Power and Status in the Roman Empire, AD 193-284 (en inglés). Leiden: Koninklijke Brill BV. ISBN 978-9004203594. 
  • Peachin, Michael (1990). Roman Imperial Titulature and Chronology, A.D. 235–284 (en inglés). Ámsterdam: Gieben. ISBN 90-5063-034-0. 
  • Potter, David. S. (2004). The Roman Empire At Bay AD 180-392 (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 0-203-67387-5. 
  • Rea, J.R. (1972). "O. Leid. 144 and the Chronology of A.D. 238". ZPE 9, 1–19., J. R. (1972). "O. Leid. 144 and the Chronology of A. D. 238". Zeitschrift für Papyrologie und Epigraphik (en alemán) (Bonn: Rudolf Habelt Verlag GMBH) (9): 1–19. ISSN 0084-5388. JSTOR 20180380. 
  • Sartre, Maurice (1984). "Dies imperii de Gordien III (le) : une inscription inédite de Syrie". Syria. Archéologie, Art et histoire (en francés) 61 (1): 49–61. ISSN 2076-8435. doi:10.3406/syria.1984.6874. 
  • Smith, William, ed. (1867). "3. M. Antonius Gordianus". Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology (Vol. II: Ebion-Nyx) (en inglés). Boston: Little, Brown and Company. pp. 281–282. 
  • Townsend, Prescott Winson (1934). The Administration of Gordian III (en inglés). New Haven, Connecticut: Yale University Press. 
  • Tucker, Spencer C., ed. (2010). A Global Chronology of Conflict: From the Ancient World to the Modern Middle East (en inglés). Santa Barbara, CA: ABC-CLIO. ISBN 978-1851096671. 
  • Wilhite, David E. (2007). Tertullian the African: An Anthropological Reading of Tertullian's Context and Identities (en inglés). Berlín / Nova York: Walter de Gruyter GmbH & Co. ISBN 978-3-11-019453-1. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Pupieno e Balbino

Emperador romano

238 - 244
con Pupieno e Balbino (238)
Sucesor:
Filipo o Árabe
Predecesor:
Caio Fulvio Pío e
Poncio Próculo Ponciano

Cónsul do Imperio Romano I
xunto con Manio Acilio Aviola

239
Sucesor:
Caio Octavio Apio Suetrio Sabino II e
Lucio Ragonio Venusto
Predecesor:
Caio Octavio Apio Suetrio Sabino e
Lucio Ragonio Venusto

Cónsul do Imperio Romano II
xunto con Clodio Pompeiano

241
Sucesor:
Caio Vetio Grato Ático Sabiniano e
Caio Asinio Lépido Pretextato