Barrete frixio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Busto de Atis con sombreiro frixio (mármore de Paros, século II).
A liberdade guiando ao pobo, de Delacroix, 1830.

O barrete frixio é unha peza de roupa que consiste nunha especie de capucha de forma case cónica, pero cunha punta curva, normalmente feita de la ou feltro.

Esta peza tivo unha historia estraña. Pénsase que se orixinou na rexión de Frixia, Asia Menor, na actual Turquía. Na arte grega do período helenístico aparece como unha vestimenta característica dos orientais. É un dos atributos do deus Mitra, ou Mitras, no culto de posible orixe iraniana coñecido como mitraísmo.

Na época romana, o barrete (chamado pileus ) era o distintivo dos libertos. Tamén foi usado simbolicamente polos asasinos de Xulio César. Quizais por iso, durante a Guerra de Independencia dos Estados Unidos e a Revolución Francesa adoptouse como símbolo de liberdade.

No século XIX, o sombreiro frixio consolidouse definitivamente como símbolo internacional de liberdade e republicanismo. Aparece na alegoría da Liberdade que aparece guiando ao pobo no famoso cadro de Eugène Delacroix, 1830 . Marianne, personificación da República Francesa, leva un sombreiro frixio amarrado. Durante os séculos XIX e XX utilizouse como símbolo en varias repúblicas.

Na actualidade aparece, como símbolo da liberdade, nos escudos de armas de varias nacións latinoamericanas, como Arxentina, Bolivia, Colombia, Cuba, Haití, Nicaragua, O Salvador e Paraguai, así como escudos das modernas provincias arxentinas.

A máscara das pantallas do entroido de Xinzo teñen unha orixe indiana do século XIX, probabelmente relacionadas con estes barretes.[1]

A barretina, aínda que é difícil de demostrar, pode ter orixe no barrete frixio, de feito barretes similares eran levados por pobos mariñeiros cristiáns do Mediterráneo, desde a Provenza a Sicilia, Córsega, Sardeña, Nápoles, os Balcáns e mesmo en Portugal, cuxo gorro tradicional é o barrete verde.

Uso relixioso[editar | editar a fonte]

O barrete frixio non é sempre sinónimo de laicismo ou oposto á relixiosidade, por exemplo na catedral de Saint Brieuc na Bretaña os peregrinos a Santiago de Compostela representados nas vidreiras levan barrete frixio.[2]

Nun mosaico romano do Leste da Basílica de San Apolinar o Novo (século VI), en Rávena, os magos de Oriente que van adorar a Xesús levan dous sombreiros frixios.

O gorro que leva Santa Claus ou Papá Noel (figuras baseadas, entre outros personaxes de diversas mitoloxías europeas, en San Nicolás de Bari, bispo de Mira, en Licia, Asia Menor, falecido cara ao ano 350) tamén podería ser unha derivación do barrete frixio[3] (segundo outros autores, procede da mitra dos bispos).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Traballo do alumnado de 1º ESO - B do IES As Lagoas (Ourense) (2016). "As máscaras do Entroido ourensán". issuu.com. 
  2. "Vitraux de Merléac concernant saint Jacques". ultreia.pagesperso-orange.fr. Consultado o 2022-01-25.  (en francés).
  3. Harding, Nathan; Harding, William (2013-11-22). Christmas: The way it used to be - paperback (en inglés). Lulu.com. ISBN 978-1-304-64880-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]