Circo romano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

O circo é o lugar onde os romanos realizaban espectáculos, con chanzos para os espectadores[1]. Foi unha das instalaciones máis importantes das cidades romanas. Xunto co teatro e mailo anfiteatro, forma a tríade de grandes instalacións destinadas a divertir o pobo. Inspirado nos hipódromos e estadios gregos, porén de medidas moito maiores ca estes, o circo romano estaba destinado a carreiras, espectáculos, e representacións, que conmemoraban os acontecementos do Imperio.

O circo romano é un recinto moi alongado con remates circulares nos extremos, tendo globalmente unha forma oval. No centro, arrodeada de bancadas xeralmente en pedra, estaba a arena (en latín hārēna), moi alongada e partida en dous pola espiña (en latín spina), un valado baixo e illado coroado de obeliscos, estatuas e outros enfeites semellantes. A espiña formaba sobre a arena dúas vías por onde corrían as bigas e cuadrigas. En cada un dos extremos da espiña había un piar cónico denominado meta (en latín meta). Os contadores de voltas adoitaban ser ovos de pedra ou estatuetas de golfiños.

Circos romanos en Italia[editar | editar a fonte]

Estadio de Domiciano[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Estadio de Domiciano .

Construído en Roma, máis ca un circo é un estadio moi semellante aos gregos. Na actualidade o monumento quedou baixo o subsolo da actual Praza Navona. Poden ollarse restos baixo un dos edificios lindeiros daquela.

Circos romanos en Hispania[editar | editar a fonte]

Circo romano de Sagunt[editar | editar a fonte]

Circo romano de Mérida[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Circo romano de Mérida.

O circo romano de Augusta Emerita tiña uns 440 m de lonxitude e 115 m de largura, era o maior dos edificios dedicados a espectáculos da cidade e, xunto co anfiteatro, era o que gozaba dos favores dun público máis dado a emocións lúdicas fortes que a cultas obras teatrais. Por mor das súas grandes dimensións atopábase fóra do recinto amurallado, par da estrada que ligaba Emerita con Corduba (Córdoba) e Toletum (Toledo). Na actualidade existe un centro de interpretación xunto ao monumento e este é totalmente visitábel. Tiña unha capacidade duns 30.000 espectadores distribuídos nunhas bancadas coa xa clásica división en tres caveas, marcada polas diferentes procedencias sociais dos seus ocupantes.

Data das primeiras décadas do século I d. C. O recinto posúe unha arena central onde se efectuaban as competicións. En medio desta, encóntrase a spina dunha lonxitude de 223 m e unha largura de 8,5 m que no seu día estivo decorada con monólitos e outros motivos. Un dos espectáculos favoritos eran as corridas de bigas (dous cabalos e un carro) e cuadrigas (catro cabalos e un carro). Os condutores dos carros, chamados de aurigas, eran personaxes moi populares; algúns ficaron inmortalizados en pinturas e mosaicos.

Circo romano de Tarraco[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Circo romano de Tarraco.

Construído a finais do séculoo I d. C., seguramente en tempos do emperador Domiciano, tiña capacidade para 25.000 persoas e se mantivo activo até o século V. O circo orixinal tiña aproximadamente 117 m de largo por 340 m de longo; a arena ou pista tiña 74 m de largo. Consérvanse restos dos chanzos en dúas bancadas; téñese identificado tamén unha das bancadas reservadas ás autoridades da cidade e a provincia Tarraconense. Atopáronse dúas lousas sepulcrais de aurigas do circo, as dúas escritas en verso. Na actualidade é parcialmente visitábel xa que parte ficou inmersa na estrutura urbana de Tarragona.

Circo romano de Calahorra[editar | editar a fonte]

O circo romano de Calahorra está "fosilizado" no Paseo del Mercadal. Ao final do mesmo atópanse algúns restos, poucos, do que foi o circo; un muro romano de cachotaría e un desaugadoiro. Preto, nos xardíns de Era Alta encontramos un resto de condución da auga do circo romano.

Circo romano de Toledo[editar | editar a fonte]

Construído no século I, o circo de Toledo tiña unha capacidade para aproximadamente 13.000 espectadores. Deixouse de utilizar cando se perdeu a cidade canda a dominación islámica e mudéxar, cando pasou a ser unha necrópole (entre os séculos IX e XV).

Circo romano de Segóbriga[editar | editar a fonte]

De características semellantes ás do Circo romano de Toledo, non se posúe moita información, pois actualmente se encontra en estado de escavación e/ou posta en valor. Seica quedou inacabado.[2]

Circo romano de Alhambra, Ciudad Real[editar | editar a fonte]

Descubriuse e escavouse na execución dunha estrada a dita vila. Hoxe en día está soterrado baixo o trazado da estrada N-430 sen que haxa expectativas dunha futura recuperación.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

  • Roland Auget: Crueldad y civilización: los juegos romanos (Cruauté et civilisation: les jeux romains, 1995).