Tetrápole siria


Tetrápole siria, foi un agrupamento de cidades helenísticas na zona do Mediterráneo oriental, chamado así porque estaba formado por catro cidades principais: Seleucia de Pieria, Antioquía a máis importante e a que tiña o mellor porto e o máis activo, Apamea, base militar e centro de comercio e Laodicea (actual Latakia).[1] Todas elas foron fundadas por Seleuco I Nicátor, o fundador da dinastía seleúcida, quen lles puxo o nome de persoas da súa familia.[2]
A tetrápole siríaca estaba composta por cidades de certa importancia que derivaban a súa importancia das eleccións estratéxicas de Seleuco I trala vitoria sobre Antígono I Monóftalmos no 301 a.C. Mentres Antioquía e Apamea estaban no interior e constituían as fronteiras occidentais do sistema económico-administrativo do estado, Seleucia de Pieria e Laodicea eran cidades marítimas creadas artificialmente na costa non lonxe de Antioquía e Apamea, das que constituían os centros portuarios. Este conxunto urbanístico foi consecuencia directa da situación da época: unha situación politicamente delicada, a pesar de ter fins económicos (Seleuco I quería quitarlle a Exipto o monopolio das vías marítimas), nunha época de inseguridade nas vías de comunicación terrestre que testemuñaba tamén as dificultades do reino seléucida a finais do século IV a.C.[3]
Fundación
[editar | editar a fonte]
Despois da batalla de Ipsos no 301 a.C. que puxo fin á Terceira guerra dos Diádocos, Seleuco, que tiña a base dos seus dominios en Mesopotamia e Babilonia, repartiuse os territorios do vencido Antígono co seu aliado Lisímaco e quedou cos terrritorios de Siria.[4] O país estaba entón pouco poboado e escasamente urbanizado, aínda que era rico grazas á agricultura desenvolvida e ao acceso ao mar que, aínda que entón estaba en gran parte sen desenvolver, ofrecía a Seleuco unha vía de acceso ao Mediterráneo. Este potencial de poder foi captado moi axiña por este quen ordenou arredor do 300 a. C. (en abril para Seleucia de Pieria, e en maio para Antioquía) a fundación case simultánea das catro cidades, acompañada de varias fundacións de menor importancia na rexión.
Semella que Seleuco aconsellouse coas elites da zona, como o personaxe de Larico, fillo de Laomedonte, sátrapa de Siria até o 323 a. C. A rapidez na toma de decisións e na execución dos feitos pode explicarse pola necesidade de asegurar rapidamente a riqueza da rexión rica contra as potencias fronteirizas.[5]

As cidades foron fundadas en sitios xa existentes. Malia a vontade de sacar fundacións ex nihilo, Seleuco tivo que facer fronte ás poboacións indíxenas por unha banda e, sobre todo, aos macedonios que chegaran dende a conquista de Alexandre Magno, por outra banda, xa asentados. Os primeiros macedonios foron obxecto de especial atención na medida en que a súa lealdade era para Antígono I Monóftalmos, iniciador da súa colonización. As súas cidades foron destruídas ou refundadas para non deixar ningún núcleo pro-Antígono no territorio acabado de conquistar. Os recentemente chegados eran, pola contra, os veteranos das campañas seléucidas da década 310-300 a. C.
Antioquía substituíu a colonia macedonia de Bôttia, preto do lugar de Antigonia, fundada no Orontes por Antígono I Monóftalmos no 307-306 a.C.[6] A poboación desta última, de orixe grega, teríase incorporado entón á nova fundación, así como os seus materiais de construción.[7] Seleucia de Pieria substituíu a unha aldea indíxena de labregos e comerciantes preto da desembocadura do Orontes. Tamén é posible que a poboación de Antigonia se unise a Seleucia, máis que a Antioquía.[8] Laodicea foi construída a partir de dúas aldeas, Ramitha e Mazabda. Finalmente a acrópole de Apamea estableceuse no lugar da aldea de Niya e da colonia macedonia de Pella.
Simbolismo
[editar | editar a fonte]A propaganda política xa se aprecia no afán de construír, na medida do posible, ex-nihilo,[6] e axiña, as catro cidades de Seleuco en Siria, e de amosar a capacidade de dominar o teritorio e, en particular, o litoral que ata entón era salvaxe porque non ofrecía un porto natural e, polo tanto, permanecía inexplotado polos indíxenas.[6] Aínda que con moi poucos datos, algúns investigadores detectaron para o período seléucida un urbanismo estandarizado, con espazos de dimensións regulares,[9][10] que forman parte desta comunicación da imaxe dun rei controlando o seu territorio, e polo tanto forte.
O relato das fundacións coñécese grazas ao autor bizantino do século VI Xoán Malalas,[11] que se inspira no retórico do século IV, Libanio, natural de Antioquía. Libanio apóiase en fontes probablemente coetáneas de Seleuco, hoxe desaparecidas. A precisión do relato é o sinal do particular coidado que se lle deu á elaboración do mito fundacional por parte de Seleuco. Os elementos expostos no mito fundacional deben así convencer os colonos. O mito conta, por exemplo, que unha aguia, enviada por Zeus, deus co que Seleuco asocia o seu reinado, tería designado o lugar da futura Antioquía.[7]
A dimensión simbólica e a inclusión na continuidade cobra tamén significado na toponimia do territorio, que debe evocar non só a onomástica da dinastía seléucida, polos nomes de cidades -o nome de Antioquía fai referencia ao pai de Seleuco; Seleucia de Pieria para si mesmo; Apamea para a súa muller e Laodicea para a súa nai[12] — pero tamén por Macedonia: o Orontes foi, por exemplo, rebautizado como Axios, río maior de Macedonia; a súa parte occidental toma o topónimo macedonio de Pieria e, finalmente, contémplase de xeito similar ao río europeo do que toma o seu nome. Seleuco foi finalmente presentado como o único herdeiro de Alexandre.[13]
O trazado, a toponimia e os mitos fundacionais da tetrápole son a proba da instauración dende o principio dun paralelismo entre Alexandre e Seleuco e entre Macedonia e o norte de Siria. Seleuco concibiu alí un medio para asegurar dobremente a fidelidade dos macedonios que poboaban a tetrápole: como unha "Macedonia metafórica".[14]
Cambio do centro de gravidade político
[editar | editar a fonte]Para os contemporáneos, a tetrápole era inseparable dos gobernantes seléucidas durante o período helenístico, aínda que non fosen designados “reis de Siria” até máis adiante polos autores romanos.[15]
Antes da construción desta tetrápole, Babilonia serviu como capital do imperio de Alexandre. E durante a Guerra dos Diádocos, vemos o interese que estes últimos teñen pola cidade de Babilonia. Ao posuír esta cidade, un gobernante lexitima o seu poder sobre o imperio. Despois da fin da Guerra dos Diáldocos e coa creación deste imperio seléucida en Turquía, observamos un cambio no centro de gravidade. Hai vontade de Seleuco de apropiarse de Turquía e de Siria, e de poder comerciar no Mediterráneo cos novos portos.
Porén, vemos a creación doutro seléucida, o do Tigris, co afán de reequilibrarse e dominar Babilonia. A tetrápole tivo como obxectivo acoller a moitos colonos pero tamén acoller centros de poder; por iso, acolleron as institucións de Seleuco Nicator. Polo tanto, tamén se pode ver a través desta construción, un desexo de lexitimar o seu poder seguindo os pasos de Alexandre Magno a través da construción de cidades.
O vínculo entre a tetrápole siria e o rei foi realmente forte. Porén, parece difícil deseñar unha xerarquía entre as cidades. Antioquía sería a máis importante das catro:[14] aquí é onde aparentemente residiu máis tempo o rei. Seleucia de Pieria, tivo a función de porto no Mediterráneo pero tamén acolleu o Nikatoreion, tumba de Seleuco.[16] Laodicea tamén foi un porto esencial. Apamea foi unha base militar onde se mantiñan elefantes de guerra e moitos soldados. As catro cidades están controladas directamente por axentes reais, denominados “oficiais”, entrando así na categoría de cidades integradas na tipoloxía de Laurent Capdetrey.[17] Esta tetrápole siria constituía unha inmensa rede no Mediterráneo que permitía a Sélecuco dominar todo o norte de Siria.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cubelli & Foraboschi 2000, p. 68
- ↑ Rostovtzev 1957, p. 244
- ↑ Levi 1989, p. 172
- ↑ Seyrig 1970, p. 298
- ↑ Capdetrey 2007, p. 60
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Seyrig 1970, p. 307
- ↑ 7,0 7,1 "Johannes Malalas, Libro VIII, pp. 200-202". attalus.org. 29 de febreiro de 2016. Consultado o 31 de agosto de 2022.
- ↑ Diodoro, XX, 47, 5.
- ↑ Downey 1961, pp. 70-71
- ↑ Sartre 2001, p. 133
- ↑ "Johannes Malalas, Libro VIII-IX, pp. 192-226". attalus.org (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2022.
- ↑ Strabon, Géographie, Livre XVI, chap. 2, 4.
- ↑ Libanio, XI, 74-77.
- ↑ 14,0 14,1 Capdetrey 2007, p. 63.
- ↑ Bikerman 1938
- ↑ Appien, Syriaké, 63.
- ↑ Capdetrey 2007
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bickerman, Elias Joseph (2005 [1ª edición, 1938]). Institutions des Séleucides (en francés). París: Presses de l’Ifpo. ISBN 9782351595350.
- Capdetrey, Laurent (2007). Le pouvoir séleucide, territoire administration, finances d’un royaume hellénistique (312-129 av JC). Colección: Histoire (en francés). Rennes: Presses Universitaires de Rennes. ISBN 978-2-7535-0524-7.
- Cubelli, Vincenzo; Foraboschi, Daniele (2000). "Caratteri generali della monetazione elenistica". En Panvini rosati, Francesco. La moneta greca e romana (en italiano). Roma: L'Erma di Bretschneider. pp. 61–78. ISBN 88-8265-051-0.
- Downey, B. (1961). History of Antioch in Syria from Seleucos to the Arab Conquest (en inglés). Nova Jersey: Princeton.
- Levi, Mario Attilio (1989). La città antica. Colección: Problemi e richerce di storia antica, nº 12 (en italiano). Roma: L'Erma di Bretschneider. ISBN 88-7062-649-0.
- Rostovtzev, Mikhail Ivanovitch (1957). The Social and economic history of the roman empire (Vol.2) (en inglés). Oxford: Clarendon Press.
- Sartre, M. (2001 [reeditado en 2003]). D'Alexandre à Zénobie : Histoire du Levant antique, IVe siècle avant Jésus-Christ - IIIe siècle après Jésus-Christ (en francés). París: Fayard. ISBN 978-2702865361.
- Seyrig, H. (1970). "Antiquités syriennes.". Syria. Revue d'art oriental et d'archéologie (en francés) 47 (3-4): 287–311. ISSN 0039-7946. doi:10.3406/syria.1970.6190.