Paporroibo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Artigos bos
Este artigo é actualmente un candidato a artigo bo. Un artigo bo debe servir como exemplo para a gran maioría dos artigos da Galipedia, e, polo tanto, agárdase que cumpra varios criterios. Por favor, se queres, deixa comentarios na votación.
Paporroibo
Exemplar en Lancashire, no Reino Unido.
Exemplar en Lancashire, no Reino Unido.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Muscicapidae
Xénero: Erithacus
Especie: E. rubecula
Nome binomial
Erithacus rubecula
Linnaeus, 1758
Distribución en Galicia.

Distribución en Galicia.
Distribución da especie      Todo o ano     Só en verán     Só en inverno

Distribución da especie      Todo o ano     Só en verán     Só en inverno
Subespecies

7–10, véxase o texto.

Sinonimia

Motacilla rubecula Linnaeus, 1758

O paporroibo,[2] tamén coñecido como paporrubio,[2][3] peizoque,[4] paifoco[2] ou pisco[2] (Erithacus rubecula) é un pequeno paxaro insectívoro e paseriforme da familia dos muscicápidos, que outrora foi clasificado dentro da familia dos túrdidos. Cun tamaño de 12,5–14,0 cm de lonxitude, o macho e a femia son semellantes en coloración, cun papo laranxa e rostro revestido de capas grises, marróns e unha barriga branca. Está presente en Europa, oeste de Siberia e África do Norte; é sedentario na maioría dos seus hábitats agás nas rexións máis setentrionais.

O termo paporroibo tamén é aplicado a outro paxaro doutra familia con papo alaranxado ou vermello. Trátase do paporroibo real (Pyrrhula pyrrhula), que é unha especie eurasiática da familia dos frinxílidos.

Taxonomía e sistemática[editar | editar a fonte]

A subespecie E. r. melophilus caracterízase pola rechamante cor do seu papo.

O paporroibo foi descrito por Carl von Linné en 1758 na décima edición de Systema Naturae baixo o nome binomial Motacilla rubecula.[5] O seu epíteto específico rubecula é un diminutivo derivado do latín ruber 'vermello'.[6] O xénero Erithacus foi introducido polo naturalista francés Georges Cuvier en 1800, dándolle ó paxaro o seu actual nome binomial E. rubecula.[7][8] O nome do xénero, Erithacus, provén do grego antigo e fai referencia a un paxaro descoñecido, agora identificado como paporroibo.[9]

Previamente, o xénero tamén incluía as especies Larvivora akahige e Larvivora komadori. Porén, segundo os estudos de filoxenia molecular, estas especies orientais son máis semellantes a outros grupos de aves asiáticas que ó paporroibo.[10][11] Nunha reorganización do xénero, Larvivora akahige e Larvivora komadori foron trasladados ó recuperado xénero Larvivora, deixando o paporroibo como o único membro de Erithacus.[12] As análises filoxenéticas situaron Erithacus na subfamilia Erithacinae, que antes contiña só especies africanas, pero a súa posición exacta respecto dos outros xéneros non foi resolta.[11]

O distintivo papo alaranxado que amosan ámbolos dous sexos contribuíu ó nome común paporroibo (o laranxa como nome de cor era descoñecido en Europa até o século XVI, cando foi introducida a froita do mesmo nome). Noutras linguas europeas, o seu nome común tamén fai referencia á distintiva cor do papo, como no neerlandés roodborstje, no francés rouge-gorge, no alemán Rotkehlchen, no italiano pettirosso ou no castelán petirrojo.[13]

O paporroibo pertence ó grupo de paxaros principalmente insectívoros que foron chamados de forma distinta como tordos ou "papamoscas", dependendo de en cal dos grupos foron clasificados taxonomicamaente. Eventualmente, o conxunto de aves "papamoscas" foi re-analizado e o xénero Erithacus foi asignado ó grupo de papamoscas semellantes a tordos, a tribo Saxicolini, que tamén inclúe o rousinol.[14]

Subespecies[editar | editar a fonte]

Adulto en Tolosa, Francia.

Na súa ampla distribución euroasiática, os paporroibos varían lixeiramente mais non tódalas rexións forman poboacións discretas que poidan ser consideradas subespecies.[15][16] As subespecies de paporroibo distínguense principalmente por seren poboacións residentes en illas e áreas montañosas. O paporroibo das illas Británicas e o do oeste de Europa, Erithacus rubecula melophilus, tamén é común en rexións adxacentes. E. r. witherbyi do noroeste de África, Córsega e Sardeña parécese moito a melophilus mais cunha lonxitude de ás máis curta.[17] As aves setentrionais son meirandes e de cores máis esvaecidas, coñecidas como E. r. tataricus. Na zona sueste da súa distribución salientan a E. r. valens da península de Crimea, a E. r. caucasicus do Cáucaso e E. r. hyrcanus cara ó sur en Irán, e son polo xeral aceptadas como significativamente diferentes.[17]

En Madeira e os Azores, a poboación local foi descrita como E. r. microrhynchos, e malia que non se distingue na súa morfoloxía, o seu illamente suxire que a subespecie é válida.

Paporroibo das Illas Canarias[editar | editar a fonte]

Chamada do paporroibo de Gran Canaria.
Adulto e exemplar xuvenil do paporroibo de Gran Canaria.

As aves máis diferentes son as de Gran Canaria (E. r. marionae) e Tenerife (E. r. superbus), que poden ser consideradas dúas especies diferentes ou cando menos dúas subespecies distintas. Distínguese axiña por un anel ocular branco, un peito de cor intensa e unha liña agrisada que separa o vermello alaranxado da cor marrón. A súa barriga é completamente branca.[18]

A secuencia do citocromo b e as súas vocalizacións[19] sinalan que os paparroibos de Gran Canaria e Tenerife son bastante distintos e probablemente derivan dunha colonización dende o continente hai 2 millóns de anos.[20]

Christian Dietzen, Hans-Hinrich Witt e Michael Wink publicaron en 2003 en "Avian Science" un estudo chamado "The phylogeographic differentiation of the European robin Erithacus rubecula on the Canary Islands revealed by mitochondrial DNA sequence data and morphometrics: evidence for a new robin taxon on Gran Canaria?".[15] Nel, eles conclúen que o paporroibo de Gran Canaria diverxeu xeneticamente dos seus parentes europeos hai 2,3 millóns de anos, mentres que os de Tenerife precisaron medio millón de anos máis para facer este salto, hai 1,8 millóns de anos. A razón máis probable pode ser unha colonización diferente das Canarias por este paxaro, que chegou primeiro á illa máis antiga (Gran Canaria) e despois pasou á illa veciña (Tenerife).[21]

Unha comparación completa entre marionae e superbus está pendente de confirmar que a primeira é efectivamente unha subespecie diferente. Os resultados iniciais suxiren que os paxaros de Gran Canaria teñen ás un 10% máis curtas que os de Tenerife.[15] As poboacións máis occidentais das Illas Canarias son máis recentes (Plistoceno Medio) e só están comezando a diverxer xeneticamente. Os paporroibos de El Hierro, La Palma e La Gomera (E. r. microrhynchus) son semellantes ás subespecies de tipo europeo (E. r. rubecula).[17]

Os paporroibos que se poden atopar en Fuerteventura son os europeos, o cal non é sorprendente xa que estas aves non crían nesta illa nin en Lanzarote, senón que son aves de invernía que só pasan por estas illas durante as migracións entre África e Europa.[21]

Outros paporroibos[editar | editar a fonte]

A especie paporroibo real (Pyrrhula pyrrhula) é chamada así polas súas semellanzas co paporroibo,[2] máis as dúas especies non están relacionadas entre si. A súa semellanza reside na mancha alaranxada do seu papo, presente en ámbalas dúas clases aves.

Descrición[editar | editar a fonte]

Exemplar novo, en Sussex.

O paporroibo adulto mide entre 12,5e 14,0 cm de longo e pesa entre 16 e 22 g, cunha envergadura de 20 a 22 cm. O macho e a femia teñen unha plumaxe moi semellante; unha cara e papo alaranxados (cunha cor máis intensa na subespecie británica E. r. melophilus), ten unha banda agrisada nos lados da gorxa e o ventre branco. As plumas da parte superior do corpo son marróns, ou cor castaña olivácea nas aves británicas, e a barriga é branca, mentres que as patas e os pés son marróns. O peteiro e os ollos son negros. Os exemplares novos teñen a plumaxe acastañada con manchas e fáltalles a mancha vermella característica dos adultos, que aparece gradualmente.[22]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

O paporroibo habita en Eurasia e no oeste de Siberia, no sur de Alxeria e nas illas do Atlántico chegando até os Azores e Madeira. É esporádico en Islandia. No suroeste, chéga até o Cáucaso. Os paporroibos de Irlanda e Gran Bretaña son residentes todo o ano mais existe unha pequena monía, polo xeral femias, que migran cara ó sur de Europa durante o inverno, chegando até a península Ibérica. Os paporroibos de Escandinavia e Rusia migran cara a Gran Bretaña e o oeste de Europa para fuxir dos duros invernos. Estas aves migratorias poden ser recoñecidas polo ton máis agrisado da súa parte superior e por ter un papo laranxa máis opaco. O paporroibo prefire os bosques de abetos no norte de Europa, mentres que os de Irlanda e Gran Bretaña prefiren as zonas de parques e xardíns.[23]

Os intentos de introducir o paporroibo en Australia e Nova Zelandia a finais do século XIX non foron exitosos. As aves foron liberadas arredor de Melbourne, Auckland, Christchurch, Wellington e Dunedin por diversas sociedades de aclimatación, mais non conseguiron estabelecer ningunha poboación. Houbo intentos semellantes en América do Norte mais ningún deles conseguiu o seu obxectivo despois de liberacións en Long Island, Nova York en 1852, Oregón en 1889–1892, e a península de Saanich na Columbia Británica en 1908–1910.[24]

Comportamento e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Paporroibo cun verme no bico.

O paporoibo é diúrno, malia que tamén existen rexistros de que é un cazador activo de insectos en noites de lúa ou preto de luces artificiais durante a noite.[16] O paporroibo estivo mellor considerado nunhas partes de Europa que noutras. Por exemplo, nas Illas Británicas sempre foi ben tratado, polo que ten relativamente pouco medo das persoas e séntese atraído polas actividades humanas que implican a escavación do solo, co obxectivo de buscar miñocas e outros alimentos que poidan aparecer. Por este motivo, o poporroibo alí é considerado un amigo do xardineiro e por razóns culturais e folclóricas nunca se lle debe facer dano. Por outra banda, na Europa continental os paporroibos foron cazados e matados como moitas outras especies de paxaros, polo que a súa conduta é máis cautelosa.[22] Os paporroibos tamén se achegan a grandes animais salvaxes, como o xabaril e outros animais que fozan no terreo, para buscar calquera comida que puidese asomar na superficie. En outono e inverno, substitúen a súa dieta habitual de invertebrados terrestres como arañas, vermes e insectos, por bagas e froitas.[23] Tamén poden comer mesturas de sementes que se poñen en comedeiros de aves.[22]

Os paporroibos machos teñen un comportamento territorial altamente agresivo. Atacan con ferocidade a outros machos e competidores que se adentran nos seus territorios e teñen sido vistos atacando outras aves pequenas sen aparente provocación. Tales ataques ás veces supoñen mortes, o que representa até o 10% das mortes de paporroibos adultos nalgunhas áreas.[25]

Por mor da alta mortalidade no primeiro ano de vida, os paporroibos teñen unha esperanza de vida de 1,1 anos; porén, unha vez pasado o seu primeiro ano pode chegar a vivir máis e tense rexistrado un paporroibo que alcanzou os 19 anos de idade.[26] Unha tempada de temperaturas moi baixas en inverno tamén pode resultar nunha mortalidade significativa.[27] Esta especie é parasitada pola pulga Dasypsyllus gallinulae.[28]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Pito de paporroibo.
Niñada de paporroibo.

Os paporroibos poden escoller unha gran variedade de lugares para construír os seus niños. De feito, calquera cousa que poida ofrecer algún acubillo, como unha fenda ou un burato poden ser axeitados. Ademais das fendeduras habituais, ou bancos protexidos, tamén poden servirlles obxectos habituais como pezas de maquinaria, grellas, guiadores de bicicleta, vasoiras voltas cara a arriba, regadeiras, testos e até sombreiros. O niño componse de carriza, follas e herba fina, xunto con pelos e plumas para forralo. Na tempada de reprodución poñen niñadas de 5 a 6 ovos, comezando esta tempada en marzo en Gran Bretaña e Irlanda. Os ovos son de cor crema, marrón ou branca moteados ou manchados cunha cor marrón avermellada, a miúdo máis densamente no extremo máis grande.[29] Cando os exemplares xuvenís abandonan o niño teñen manchas marróns por todo o corpo. Despois de dous ou tres meses fóra do niño, ás aves médranlles algunhas plumas laranxas debaixo no papo e durante un período semellante, esta mancha de cor esténdese gradualmente para completar a aparencia adulta.

Vocalizacións[editar | editar a fonte]

Paporroibo chiando.
Canto 1
Canto 2.
Chamadas.

O paporroibo produce un 120401-132827 Erithacus rubecula.ogg chío característico durante a época de cría. Tanto o macho coma a femia chían durante o inverno, cando teñen territorios separados, e a canción soa más apesarada que a versión de verán.[22] O paporroibo femia móvese a pouca distancia do territorio de aniñadoiro de verán a unha área achegada que é máis axeitada para a alimentación de inverno. Durante a tempada de cría, os paporroibos machos comezan polo xeral o seu canto da mañá unha hora antes do amencer, e adoitan rematar o seu canto diario uns trinta minutos despois do solpor.[30] Tamén é posible o canto nocturno, especialmente en áreas urbanas que son iluminadas artificialmente durante a noite.[30] Baixo a luz artificial, o canto nocturno pode ser empregado polos paporroibos urbanos para compensar activamente o ruído antropoxénico durante o día.[31] Tamén realizan gran variedade de chíos e chamadas durante todo o ano, incluída unha nota específica que indica ansiedade ou unha leve alarma.

Magnetorrecepción[editar | editar a fonte]

O compás magnético do paporroibo foi amplamente investigado e sábese que emprega visión baseada na magnetorrecepción, segundo a cal a capacidade do paporroibo para detectar o campo magnético da Terra para a navegación está influenciada pola luz que entra no ollo do paxaro. O mecanismo físico do sentido magnético do paporroibo non está completamente entendido, pero pode implicar o entrelazamento cuántico de spins de electróns.[32]

Representacións culturais[editar | editar a fonte]

Gravado de 'paporroibo' por Benjamin Fawcett (1853).

O paporroibo xoga un papel importante no folclore das Illas Británicas, así como no noroeste de Francia, mais non así noutras partes de Europa.[33] Considerouse que era un paxaro de nubes de treboada e sagrado para Thor, o deus do trono na mitoloxía nórdica.[34]

Nas Illas Británicas os paporroibos aparecen en contos tradicionais infantís, están asociados ó Nadal e ás tarxetas de Nadal[35] e ós carteiros,[36] aparecen en selos, serven de alcume para equipos deportivos[37][38] e mesmo gaña votacións como paxaro máis popular.[39][40] Existen nas Illas Británicas tamén lendas que intentan explicar a orixe do distintivo peito do paporroibo, como a historia que conta que cando Xesús estaba a morrer na cruz, un paporroibo, daquela só de cor marrón, voou até el e cantoulle no oído para confortalo na súa dor. O sangue das súas feridas manchou o peito do paporroibo e dende entón estes paxaros levan o sinal do sangue de Xesús con eles.[34][41] Unha lenda alternativa di que o seu peito chamoscou cando buscaba auga para as almas no purgatorio.[35]

Na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

Cantigueiro

O paporroibo aparece na obra de Xaquín Lorenzo Cantigueiro popular da Limia Baixa, publicado pola Editorial Galaxia en 1973.

  • O pisco e maila carriza/ trataron unha beillada,/ cando o pisco daba voltas/ a carriza punteaba.[42]

Tamén aparece nunha cántiga de tipo popular e temática costumista no único libro escrito por Manuel Leiras Pulpeiro, Cantares gallegos (1911).

  • Quen fora reichiño ruibo/ pra cantar na túa figueira,/ pra non saír do teu horto/ e aniñar na túa silveira![43]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase o artigo principal na Galería de imaxes de paporroibos de Galicia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2016). "Erithacus rubecula". Lista Vermella da IUCN (IUCN) 2016: e.T22709675A87880390. Consultado o 13 de decembro de 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para paporroibo.
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 29 de xullo de 2016. 
  4. Leandro Carré Alvarellos: Diccionario galego-castelán, 1ª ed., Lar, A Cruña, 1926-1931.
  5. Linnaeus, Carolus (1758). Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata. (en latín). Holmiae. (Laurentii Salvii). p. 188. M. grisea, gula pectoreque fulvis. 
  6. Simpson, D.P. (1979). Cassell's Latin Dictionary (5ª ed.). Londres: Cassell Ltd. p. 883. ISBN 0-304-52257-0. 
  7. Mayr, Ernst; Paynter, Raymond A. Jr. (1964). Check-list of Birds of the World. Volume 10. Cambridge, Massachusetts: Museum of Comparative Zoology. p. 32. 
  8. Cuvier, George (1800). Leçons d'anatomie comparée. Volume 1 (en francés). L'Institute National des Sciences et des Arts. 
  9. Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. p. 149. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  10. Seki, Shin-Ichi (2006). "The origin of the East Asian Erithacus robin, Erithacus komadori, inferred from cytochrome b sequence data". Molecular Phylogenetics and Evolution 39 (3): 899–905. PMID 16529957. doi:10.1016/j.ympev.2006.01.028. 
  11. 11,0 11,1 Sangster, G.; Alström, P.; Forsmark, E.; Olsson, U. (2010). "Multi-locus phylogenetic analysis of Old World chats and flycatchers reveals extensive paraphyly at family, subfamily and genus level (Aves: Muscicapidae)". Molecular Phylogenetics and Evolution 57 (1): 380–392. PMID 20656044. doi:10.1016/j.ympev.2010.07.008. 
  12. Gill, Frank; Donsker, David, eds. (2016). "Chats, Old World flycatchers". World Bird List Version 6.2. International Ornithologists' Union. Consultado o 20 de maio de 2016. 
  13. Holland, J. (1965). Bird Spotting. Londres: Blandford. p. 225. 
  14. Monroe Jr. BL; Sibley CG (1993). A World Checklist of Birds. New Haven e Londres: Yale University Press. p. 228. ISBN 0-300-05549-8. 
  15. 15,0 15,1 15,2 Dietzen, Christian; Witt, Hans-Hinrich; Wink, Michael (2003). "The phylogeographic differentiation of the robin Erithacus rubecula on the Canary Islands revealed by mitochondrial DNA sequence data and morphometrics: evidence for a new robin taxon on Gran Canaria?" (PDF). Avian Science 3 (2–3): 115–131. 
  16. 16,0 16,1 Pätzold, R. (1995). Das Rotkehlchen Erithacus rubecula. Neue Brehm-Bücherei (en alemán). Magdeburg/Heidelberg: Westarp Wissenschaften/Spektrum. ISBN 3-89432-423-6. 
  17. 17,0 17,1 17,2 Lack, D. (1946). "The Taxonomy of the Robin, Erithacus rubecula (Linnaeus)". Bulletin of the British Ornithologists' Club 66: 55–64. 
  18. Cramp S, ed. (1988). Handbook of the Birds of Europe, the Middle East and North Africa. The Birds of the Western Palearctic. Volume V. Tyrant Flycatchers to Thrushes. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-857508-4. 
  19. Bergmann, H.H.; Schottler, B. (2001). "Tenerife robin Erithacus (rubecula) superbus – a species of its own?". Dutch Birding 23: 140–146. 
  20. Malia que Dietzen et al. (2003) conclúen que tanto as poboacións de Tenerife como as de Gran Canaria derivan de poboacións continentais e deberían constituír dúas ou ser dúas subespecies de E. rubecula, os seus datos non permiten xerar unha conclusión definitiva. Unha explicación alternativa, na que Tenerife foi colonizada por unha poboación distinta de paporroibos de Gran Canaria, non foi explorada e o modelo proposto baséase soamente na inferencia probabilística. Do mesmo xeito, a datación molecular aparentemente exacta é dubidosa, xa que supón un reloxo molecular que pode ser correcto ou non, e, por suposto, a suposición de que o devanceiro de tódolos paporroibos fose semellante en cor a "superbus" e non ás aves continentais, deducíndose do seu modelo de colonización, é completamente conxetural.
  21. 21,0 21,1 César-Javier Palacios, "Hallazgo en Gran Canaria de una especie de petirrojo única en el mundo", Newspaper Canarias 7 (2006); consultado o 24 de febreiro de 2015.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 Hume R (2002). RSPB Birds of Britain and Europe. Londres: Dorling Kindersley. p. 263. ISBN 0-7513-1234-7. 
  23. 23,0 23,1 Jonsson, Lars (1976). Birds of Wood, Park and Garden. Middlesex, Inglaterra: Penguin. p. 90. ISBN 0-14-063002-3. 
  24. Long, John L. (1981). Introduced Birds of the World: The worldwide history, distribution and influence of birds introduced to new environments. Terrey Hills, Sydney: Reed. p. 309. ISBN 0-589-50260-3. 
  25. RSPB website (ed.). "The RSPB-Robin:Territory". Consultado o 17 de maio de 2008. 
  26. "Euring: European Longevity Records". euring.org. Consultado o 1 de xuño de 2015. 
  27. RSPB website (ed.). "The RSPB-Robin:Threats". Consultado o 17 de maio de 2008. 
  28. Rothschild, Miriam; Clay, Theresa (1957). Fleas, Flukes and Cuckoos. A study of bird parasites. Nova York: Macmillan. p. 113. 
  29. Evans, G. (1972). The Observer's Book of Birds' Eggs. Londres: Warne. p. 85. ISBN 0-7232-0060-2. 
  30. 30,0 30,1 Da Silva; Samplonius; Schlicht, Valcu; Gaston (2014). "Artificial night lighting rather than traffic noise affects the daily timing of dawn and dusk singing in common European songbirds". Behavioral Ecology 25 (5): 1037–1047. doi:10.1093/beheco/aru103. 
  31. Fuller RA, Warren PH, Gaston KJ (2007). "Daytime noise predicts nocturnal singing in urban robins". Biology Letters 3 (4): 368–70. PMC 2390663. PMID 17456449. doi:10.1098/rsbl.2007.0134. 
  32. "Cryptochrome and Magnetic Sensing". Theoretical and Computational Biophysics Group. Consultado o 24 de febreiro de 2015. 
  33. Ingersoll, p. 167
  34. 34,0 34,1 Cooper, JC (1992). Symbolic and Mythological Animals. Londres: Aquarian Press. p. 194. ISBN 1-85538-118-4. 
  35. 35,0 35,1 de Vries, Ad (1976). Dictionary of Symbols and Imagery. Ámsterdam: North-Holland Publishing Company. pp. 388–89. ISBN 0-7204-8021-3. 
  36. "Robin". BBC. Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2002. Consultado o 3 de xaneiro de 2008. 
  37. Hull Kingston Rovers RLFC. Official Website, ed. "Hull Kingston Rovers: History". Hull Kingston Rovers RLFC. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2012. Consultado o 22 February 2012. 
  38. Morris, Desmond (1981). The Soccer Tribe. Londres: Jonathan Cape. p. 210. ISBN 0-224-01935-X. 
  39. BBC (ed.). "Robin". Consultado o 24 de setembro de 2010. 
  40. The Guardian, ed. (10 de xuño de 2015). "Robin wins vote for UK's national bird". Londres. Consultado o 13 de xuño de 2016. 
  41. Goodall, Simon. "European robin (Erithacus rubecula)". Greater Manchester Local Record Centre. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2016. Consultado o 24 de febreiro de 2015. No folclore cristián o paporroibo obtivo o seu peito vermello porque arrancou unha espiña da coroa de espiñas de Xesús durante a súa crucifixión. Unha pinga do sangue de Xesús caeu sobre o paxaro e desde entón ten un peito vermello ; para os cristiáns estivo desde hai moito tempo asociado coa caridade e a piedade. (Orixinal: "In Christian folklore the robin got its red breast because it plucked a thorn from Jesus' crown-of-thorns during His crucifixion. A drop of Jesus' blood fell on to the bird and thereafter they had a red breast – for Christians the robin has long been associated with charity and piety.") 
  42. Xaquín Lorenzo Fernández, 122. O pisco é o paporroibo.
  43. Manuel Leiras Pulpeiro: Cantares gallegos

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bauer, Hans-Günther; Peter Berthold (1996). Die Brutvögel Mitteleuropas. Bestand und Gefährdung (en alemán). Wiesbaden: Aula-Verlag. 
  • Bezzel, Einhard (1992). Das Rotkehlchen, beobachtet von Einhard Bezzel (en alemán). Augsburg: Naturbuch Verlag. 
  • Grajetzky, Bodo (2000). Das Rotkehlchen. Zeit- und Energiekonflikte – ein Kleinvogel findet Lösungen (en alemán). Aula, Wiebelsheim. ISBN 3-89104-584-0. 
  • Ingersoll, Ernest (1923). "Fire-birds: The Robin and the Wren". Birds in legend, fable and folklore. Nova York: Longmans, Green and co. Consultado o 8 de agosto de 2009. 
  • Lack, Andrew (2008). Redbreast: The Robin in Life and Literature (en inglés). SMH Books. ISBN 978-0-9553827-2-7. 
  • Röhl, Alexandra (1968). Duette mit ihm (en alemán). Stuttgart: Verlag Freies Geistesleben. ISBN 3-7725-0564-3. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]