Seo (anatomía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Seo
Breast anatomy normal.jpg
Figura ilustrando o interior dunha mama humana
Closeup of female breast.jpg
Aréola e mamila (ou bico do peito) dunha muller embarazada
Arteria arteria torácica interna
Vea vea torácica interna

Os seos (termo que provén do latín sinus co significado de «curvatura , sinuosidade, pregamento»), peitos ou mamas son unha glándula par característica das femias dos animais mamíferos, produtora de leite, como alimento necesario para a lactación das crías desde o nacemento. Están situados na parte ventral do corpo, antero-superiormente na muller e femias dos primates e posteriormente noutras femias. Nas femias dos animais mamíferos recibe o nome de ubre.

Estrutura da mama[editar | editar a fonte]

Diagrama esquemático dun seo (sección dunha muller adulta humana) - Lenda: 1. Caixa torácica; 2. Músculo peitoral; 3. Lóbulos; 4. Mamila; 5. Aréola; 6. Ductos; 7. Tecido adiposo; 8. Pel

Os seos están constituídos por tres tipos de tecido: tecido adiposo, tecidos conectivos e glándulas mamarias, que producen o leite que é conducido a través de ductos ás mamilas. As glándulas mamarias distribúense por todo o seo, aínda que dous terzos do tecido glandular se encontran nos 30 mm máis próximos á base da mamila.[1] O resto das mamas está composto por tecido conxuntivo (coláxeno e elastina), tecido adiposo (graxa) e unha aponeurose chamada ligamento de Cooper. A proporción de glándula e tecido adiposo parte de 1:1 en mulleres non lactantes, até 2:1 en mulleres lactantes.[1]

Os homes tamén posúen glándulas mamarias e mamilas, mais non hai produción de leite debido á falta da hormona feminina estróxeno.

É comunmente aceptado por biólogos que o obxectivo real da evolución das mulleres de teren seos é atraer os machos da especie [Cómpre referencia], sendo os seos unha das principais características sexuais secundarias. Algúns biólogos sosteñen que a forma dos seos femininos evolucionou como unha especie de complemento estético fronte ás formas das nádegas; outros cren que os seos evolucionaron desta forma para previr que os bebés non se sufoquen mentres maman (debido a que os bebés non posúen unha mandíbula protuberante como outros primates, o nariz podería ser bloqueado por un peito feminino liso durante a lactación). De acordo con esta teoría, cando a mandíbula dos homínidos diminuíu, os seos aumentaron de tamaño para compensar esta diminución.

Drenaxe linfática[editar | editar a fonte]

Aproximadamente o 75% da linfa procedente das mamas viaxa aos ganglios linfáticos da axila do mesmo lado. O resto viaxa para os nódulos linfáticos paraesternais, para a mama no lado oposto e finalmente para os ganglios linfáticos abdominais. Os ganglios axilares inclúen o grupo inferior ou pectoral -que drena a parte profunda e trasmuscular-, o grupo interno ou subescapular -que drena a parte interna da glándula mamaria- e o grupo externo ou umeral -que drena a parte externa da mama-.

Esta drenaxe é particularmente importante na oncoloxía, porque as mamas son un sitio frecuente de desenvolvemento do cancro; de maneira que se se desprenden células malignas do tecido mamario, poderían espallarse por outras partes do corpo a través do sistema linfático para producir metástases. O feito de que os vasos linfáticos percorran o tecido trasmuscular do pectoral maior é xustificativo para a extirpación dese tecido no tratamento cirúrxico do cáncer de mama -a chamada de mastectomía radical por Halsted-.

Forma e soporte[editar | editar a fonte]

Seos relativamente redondos que caen case horizontalmente

As mamas varían en tamaño e forma. A súa aparencia externa non responde a súa anatomía interna ou o seu potencial de lactancia. A forma da mama depende sobre todo do seu soporte, o cal provén principalmente dos ligamentos de Cooper e do tecido torácico subxacente sobre o cal descansa. Cada mama adhírese na súa base á parede torácica por unha fascia profunda, que cobre o músculo pectoral. Na parte superior do tórax recibe algún apoio da pel que as reviste. Esta combinación de apoio anatómico é o que determina a forma dos seos. Nun pequeno grupo de mulleres, os ductos frontais son visíbeis por non se mesturaren co tecido que as rodea.

A localización do mamila en relación á dobra inframamaria coñécese como ptose, no cal a mama cae de tal maneira sobre o peito que a mamila sobrepasa a dobra inframamaria. Nalgúns casos, todo o conxunto mamila-aréola pode eventualmente chegar a caer até o nivel do embigo. A distancia entre a parte superior da mamila e a base do esterno nun seo xove ten unha media de 21 cm e é unha medida antropométrica usada para determinar a simetría e a ptose mamaria. Hai seos nunha gama de proporción entre a lonxitude e o diámetro da base, variando de 1:2 a 1:1.

Anatomía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Anatomía humana.
Seos dunha muller adulta

As mamas están situadas sobre o músculo pectoral maior e, xeralmente, prolónganse verticalmente a partir do nivel da segunda costela, até a sexta ou sétima. No sentido horizontal, esténdense desde o bordo do óso esterno até unha liña media, imaxinaria, na axila. Na parte máis separada do tórax, á altura do terceiro espazo intercostal, a pel especialízase para formar a mamila e a aréola.

Cada mama limita na súa cara posterior coa aponeurose (ou fascia) do músculo pectoral e contén abundante tecido adiposo onde non hai tecido glandular. A graxa e o tecido conxuntivo, xuntamente cos ligamentos de Cooper (que ligan a gládula á pel), constitúen un verdadeiro soporte que dan forma e a sosteñen, permitindo o deslizamento normal do seo sobre a musculatura subxacente. A mama tamén contén vasos sanguíneos, venosos e linfáticos, así como elementos nerviosos. Non existe nada dentro do peito que se pareza a unha cápsula continua que envolva o seo. Realmente, é moi común que exista un tecido chamado aberrante ou ectópico (literalmente "fóra de sitio"), en zonas moi afastadas da mama.

O cuadrante superior lateral (o máis afastado do esterno) esténdese diagonalmente na dirección da axila e coñécese como o rabo de Spence. Unha fina capa de tecido mamario esténdese desde encima da clavícula até a sétima ou oitava costelas por abaixo e desde a liña media até o bordo do músculo grande dorsal. Non é raro encontrar tecido mamario no oco da axila ou baixo a pel, na parte anterior do abdome.

A circulación sanguínea arterial da mama provén da arteria torácica interna (antes coñecida como arteria mamaria interna), que deriva da arteria subclavia, a arteria torácica lateral, a arteria toracoacromial (ambos orixinarios da arteria axilar) e das arterias intercostais posteriores. A drenaxe venosa dos seos realízaa principalmente a vea axilar, mais tamén pode intervir a vea torácica interna e as veas intercostais. Tanto os homes como as mulleres teñen unha alta concentración de vasos sanguíneos e nervios nas mamilas.

Tanto nos homes como nas mulleres hai unha gran concentración de nervios e vasos sanguíneos nas mamilas que son, por esa razón, altamente eróxenas. En ambos os sexos as mamilas teñen capacidade eréctil en resposta tanto a estímulos sexuais, [2] como ao frío. A inervación das mamas vén proporcionada por ramas frontais e laterais das IV a VI ramas intercostais, provenientes dos nervios espiñais. A mamila é inervada pola distribución do nervio torácico T4.

Embrioloxía[editar | editar a fonte]

Embrioloxicamente o tecido glandular da mama non é só o produto de desenvolvemento desproporcionado -en termos morfolóxicos e funcionais- de glándulas sudoríparas modificadas da pel, adaptadas para a produción de leite. O leite materno é un tipo de secreción de alto valor nutritivo, debidamente adaptado ás necesidades dos nenos acabados de nacer e única fonte de alimento e de anticorpos durante os primeiros meses de vida.

O desenvolvemento mamario durante a puberdade ocorre debido ao estímulo das hormonas ováricas, principalmente estróxenos e proxesterona. O estróxeno estimula o desenvolvemento da porción excretora da glándula mamaria -principalmente os galactóforos- e a proxesterona é responsábel do desenvolvemento da porción secretora -os lóbulos-. Estas hormonas estimulan o desenvolvemento de características sexuais femininas, producindo o mesmo efecto sobre os homes cós desequilibrios hormonais, ou aqueles que queren mudar a súa identidade sexual.

A alimentación con leite materno é coñecida como lactación. O acto de alimentar directamente o lactante coñécese como aleitamento e realízase pola succión directa da mamila pola boca do bebé.

Estética[editar | editar a fonte]

Seos nunha pintura de Gustave Courbet

As mamas son vistas por moitos como un indicativo fundamental de feminidade ou un atractivo sexual, e por causa diso algunhas mulheres que pasan por procesos de mastectomía debido a un cáncer recorren á cirurxía para a súa reconstrución. A mastoloxía é o ramo da medicina que coida das doenzas que sofren as mamas.

Para aumentar os seos, algunhas mulleres sométense a cirurxía plástica de recheo interno con silicona. Cando o material non é adecuado ou a cirurxía está mal feita, esa práctica pode ocasionar efectos colaterais graves e irreversíbeis. Algúns especialistas diverxen sobre a necesidade desta cirurxía, algúns alegan que o risco compensa a autoestima adquirida da muller.

A cirurxía para a redución das mamas, retirando graxa ou nalgúns casos parte da glándula mamaria, tamén se practica por cuestións de estética ou por problemas posturais, debidos ao peso forzando a columna vertebral.

Fisioloxía da mama[editar | editar a fonte]

Tarxeta postal francesa mostrando unha muller cos seos á vista

Mudanzas durante a puberdade[editar | editar a fonte]

Durante a puberdade os seos crecen estimulados polos hormonas sexuais que actúan, aproximadamente, até os vinte anos de idade. O desenvolvemento dos tecidos adiposo e conectivo aumenta baixo a influencia doutras hormonas, como a proxesterona, prolactina, corticoides e hormona do crecemento.

Mudanzas durante a gravidez[editar | editar a fonte]

O aumento dos niveis de estróxenos e de proxesterona durante o embarazo estimulan o desenvolvemento glandular. As mamas tenden a tornarse esféricas debido ao aumento do tecido adiposo.

Mudanzas durante a lactación[editar | editar a fonte]

A lactación tende a manter as mudanzas ocorridas durante a gravidez. Ao inicio da lactación e durante as primeiras horas, os repetidos movementos de succión por parte do meniño acabado de nacer acaban por provocar a saída dunha secreción espesa e amarelada, rica en colesterol, chamada costro (ou formigo).

Funcións dos seos[editar | editar a fonte]

Neno mamando

Lactancia[editar | editar a fonte]

A produción de leite nas mamas comeza inmediatamente despois do parto. Ao cabo de doce a vinte e catro hora, a muller segrega o costro, líquido ao cal se atribuen propriedades laxantes (dado o seu elevado teor de colesterol), que facilitaría a evacuación do meconio do intestino do recén nacido. Poucas horas despois as mamas deixan de producir o costro para secretar o leite normal.

A composición do leite normal inclúe proporcións elevadas de auga (até un 85%) e máis de 300 compoñentes. Aínda que poida parecer que isto limite o fornecemento de nutrientes ao bebé, é importante considerar que a osmolaridade elevada non é ainda unha condición equilibrada nos riles do lactante que, nos primeiros meses, debe extraer a auga necesaria exclusivamente do leite e sen outra administración adicional.

Becerro mamando nun teto

No leite materno hai numerosos nutrientes, así como proteínas, aminoácidos, vitaminas e minerais esenciais, ademais de encontrarse unhas potentes inmunoglobulinas tipo IgA que actúan como anticorpos proporcionando ao neonato unha importante protección ante potenciais infeccións. As fórmulas lácteas elaboradas a partir do leite de vaca carecen deste compoñente, e aínda que recentemente algúns laboratorios (tal é o caso de Bayer) indican que a gammaglobulina (ou inmunoglobulina) IgA se conserva en microfragmentos dentro da fórmula, esta non é aproveitada polo ser humano debido á súa estrutura molecular ligada a certos elos de aminoácidos que o organismo humano non pode recoñecer e que incluso certos individuos poden rechazar. Esta é unha das razóns polas que se recomenda a lactancia materna durante o primeiro ano de vida, como mínimo. Incluso a Organización Mundial da Saúde suxire aleitar seis meses con lactancia exclusiva (só leite materno, sen auga, infusións ou fórmulas lácteas bovinas ou caprinas) e continuar lactando polo menos até os dous anos complementando con sólidos a alimentación do neonato.

A Psiquiatría estuda a maneira en que a lactancia materna reforza de xeito particular o vínculo emocional na relación naifillo dunha forma tan sólida como primaria, o que proporciona unha satisfacción particular a ambos, desenvolvendo no neonato o afecto humano. De feito, algunhas nais prolongan a lactancia do seu fillo durante dous anos ou máis, aínda a pesar de que o meniño tome xa unha alimentación moi variada e completa. En teoría, a prolongación da lactancia ten tamén a consecuencia de manter elevados os niveis de prolactina no sangue da nai, o que impide que se produza unha secreción adecuada de hormona folículo estimulante FSH e luteínica LH, co que se inhibe a ovulación. Este retraso ao retorno da fertilidade deu lugar a un método de anticoncepción chamado MELA, que podería servir durante os primeiros seis meses de vida do bebé. Non obstante, a lactancia como tal non é eficaz como método anticonceptivo.

Pódese inducir a lactancia nunha muller que non estivese embarazada[3], e neste caso non se encontraron diferenzas nutricionais entre o leite materno inducido ou o resultante dun embarazo.

Función sexual[editar | editar a fonte]

Os seos cumpren un papel fisiolóxico e cultural na función sexual feminina e masculina humanas. Como zona eróxena, é importante a súa participación nas relacións sexuais. Existen numerosas prácticas sexuais centradas nas mamas (como a masturbación cos peitos ou o fetichismo de seos). Nas sociedades occidentais tecnoloxicamente desenvolvidas moitos homes séntense atraídos, sobre todo, polos seos de gran tamaño. Outros, porén, prefírenos dun tamaño menor pero túrxidos e firmes.

A función sexual feminina da mama, despois do diagnóstico e tratamento do cáncer de mama, non tende a diminuír ou diferir, en especial en mulleres sometidas a cirurxías de reconstrución estética (mamoplastia). Non obstante, nas mulleres que se someteron a unha mastectomía total notouse unha diminución no interese sexual. A quimioterapia tende a cursar con problemas na función sexual da muller tratada.

Lactación[editar | editar a fonte]

Ao contrario do que moitos pensan, o tamaño, a forma ou a consistencia das mamas dunha muller non indica unha maior capacidade de produción de leite. De feito, gran parte da mama é tecido adiposo que, en parte, ten funcións estruturais e de sostén e que contribúe a proporcionar atractivo sexual á muller, pero en absoluto á lactancia, mentres que as glándulas mamarias participan moi pouco no tamaño real dos seos.

Riscos da cirurxía plástica[editar | editar a fonte]

Calquera cirurxía efectuada nos seos, incluíndo a cirurxía estética, leva a un potencial de interferencia para unha futura lactación,[4][5][6] causando alteracións na sensibilidade da mamila e dificultades para interpretar unha mamografía (raios x dos seos). Algúns estudos demostraron unha capacidade de lactación comparábel entre mulleres con macromastia (hipertrofia da mama) en comparación con grupos de control nas mulleres nas que a operación de redución dos seos foi realizada usando unha moderna técnica cirúrxica chamada de "pedículo superior".[7][8][9][10] Algunhas organizacións de cirurxía plástica aconsellan adiar as reducións efectivas de seos en rapazas adolescentes debido ao feito de que o volume da mama pode continuar crecendo considerabelmente á medida que as rapazas madurecen e aínda non se coñecen os riscos a longo prazo destas intervencións estéticas.[11] A maioría dos cirurxiáns avalía cada caso individualmente, antes de someter unha paciente nova a unha redución considerábel dos seos, para corrixir a hipoplasia ou asimetría severa.

Enfermidades[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Anatomy of the lactating human breast redefined with ultrasound imaging, D.T. Ramsay et al., J. Anat. 206:525-34.
  2. http://www.mckinley.uiuc.edu/Handouts/female_function_dysfunction.html
  3. http://www.fourfriends.com/abrw/ Fourfriends.com
  4. Neifert, M; DeMarzo S, Seacat J, Young D, Leff M, Orleans M (1990). "The influence of breast surgery, breast appearance and pregnancy-induced changes on lactation sufficiency as measured by infant weight gain". Birth 17 (1): 31–38. DOI:10.1111/j.1523-536X.1990.tb00007.x. PMID 2288566.
  5. "FAQ on Previous Breast Surgery and Breastfeeding". La Leche League International. 2006-08-29. http://www.lalecheleague.org/FAQ/surgery.html. Consultado o 2007-02-11.
  6. West, Diana. "Breastfeeding After Breast Surgery". Australian Breastfeeding Association. http://www.breastfeeding.asn.au/bfinfo/surgery.html. Consultado o 2007-02-11.
  7. Cruz-Korchin N, Korchin L (September 2004). "Breast-feeding after vertical mammaplasty with medial pedicle". Plast. Reconstr. Surg. 114 (4): 890–4. DOI:10.1097/01.PRS.0000133174.64330.CC. PMID 15468394. http://meta.wkhealth.com/pt/pt-core/template-journal/lwwgateway/media/landingpage.htm?issn=0032-1052&volume=114&issue=4&spage=890.
  8. Brzozowski D, Niessen M, Evans HB, Hurst LN (February 2000). "Breast-feeding after inferior pedicle reduction mammaplasty". Plast. Reconstr. Surg. 105 (2): 530–4. DOI:10.1097/00006534-200002000-00008. PMID 10697157. http://meta.wkhealth.com/pt/pt-core/template-journal/lwwgateway/media/landingpage.htm?issn=0032-1052&volume=105&issue=2&spage=530.
  9. Witte, PM; van der Lei B, van der Biezen JJ, Spronk CA (2004-06-26). "Successful breastfeeding after reduction mammaplasty". Ned Tijdschr Geneeskd 148 (26): 1291–93. PMID 15279213.
  10. Kakagia, D; Tripsiannis G, Tsoutsos D (2005-10). "Breastfeeding after reduction mammaplasty: a comparison of 3 techniques". Ann Plast Surg 55 (4): 343–45. DOI:10.1097/01.sap.0000179167.18733.97. PMID 16186694.
  11. Plastic Surgery: Policy Statements Index.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Hollander, Anne Seeing through Clothes. University of California Press, Berkeley. 1993 ISBN 0-520-08231-1
  • Morris, Desmond The Naked Ape: a zoologist's study of the human animal Bantam Books, Canada. 1967
  • Yalom, Marilyn A History of the Breast. Pandora, London. 1998 ISBN 0-86358-400-4

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Seo
Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Seos