Biopsia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Biopsia dunha mama.

Unha biopsia é un procedemento diagnóstico que consiste na extracción dunha mostra total ou parcial de tecido para posteriormente ser examinada no microscopio.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo biopsia está composto e procede do grego bio (vida),e opsis (observar).

Historia[editar | editar a fonte]

Unha das primeiras bipsias das que se ten constancia foi realiada polo físico árabe Abulcasis (10131107), cando empregou unha pequena agulla para picar unha glándula tiroide con bocio.[1]

Tipos de biopsia[editar | editar a fonte]

Biopsia excisional[editar | editar a fonte]

Unha biopsia excisional, tamén chamada tumerectomía, é a extirpación completa dun tumor, polo xeral sen marxes de enfermidade, e que se realiza normalmente nun quirófano baixo anestesia xeral.

Biopsia incisional[editar | editar a fonte]

Neste tipo de biopsia, só unha peza ou fragmento do tecido, masa ou tumor é extirpado. Esta modalidade adoita empregarse a miúdo nos tumores de tecidos brandos coma o cerebro, fígado, pulmón, ril, para distinguir patoloxía benigna da maligna, porque estes órganos non poden ser extirpados, ou porque a lesión é moi grande ou difusa

Biopsia estereotáxica[editar | editar a fonte]

Son un conxunto de biopsias obtidas e guiadas por probas de imaxe que indican as coordenadas do espazo onde se atopa a lesión, como por exemplo lesións de mama non palpábeis que se marcan con arpón nunha mamografía, ou con ABBI (Advanced Breast Biopsy Instrumentation). As biopsias cerebrais adoitan ser biopsias estereotáxicas.

Biopsia endoscópica[editar | editar a fonte]

É a biopsia obtida por medio dun endoscopio que se inserta por un orificio natural ou por unha pequena incisión cirúrxica.

Biopsia colposcópica[editar | editar a fonte]

É a biopsia na que se obtén tecido da vaxina ou do cérvix uterino e que realizan os xinecólogos perante unha proba de Papanicolaou positiva, para descartaren un cancro de cérvix ou de vaxina, mediante un colposcopio.

Punción-aspiración con agulla fina (PAAF)[editar | editar a fonte]

É a biopsia obtida mediante a punción cunha agulla de pequeno calibre, conectada a unha xiringa que é quen de aspirar un líquido corporal de xeito enérxico. Normalmente obtéñense mostras de células illadas, que posteriormente se estenden nunha lámina para seren observadas despois no microscopio. Máis que unha biopsia pode ser considerada unha técnica de citoloxía.

A PAAF adoita empregarse para obter mostras de órganos profundos, como p páncreas ou o pulmón, e case que sempre se realizan coa axuda dun TAC ou ecografía. A PAAF ten coma desvantaxe que non adoita proporcionar un diagnóstico definitivo, sendo precisas posteriores técnicas diagnósticas para completar o estudo da doenza.

Biopsia de medula ósea[editar | editar a fonte]

Esta biopsia adoita ser practicada por hematólogos ou patólogos internistas, e a localización da biopsia é a crista ilíaca posterosuperior da pelve, o óso sacro ou o óso esterno. As mostras obtidas poden ser empregadas para diagnosticar diversos trastornos do sangue, coma linfomas, leucemias ou outros tumores sanguíneos.

Punción-aspiración con agulla grosa (PAAG)[editar | editar a fonte]

A punción e aspiración con agulla grosa, tamén coñecida coma core biopsia ou tru-cut, realízase mediante pistolas automáticas, e precisa de anestesia local.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Anderson, J.B. (1987). "Fine-needle aspiration biopsy and the diagnosis of thyroid cancer.". The British journal of surgery.: 292–296. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]