Corticosteroide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Corticoide")
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Os corticosteroides ou corticoides (do latín cortex, —ĭcis, cortiza) son unha variedade de hormonas do grupo dos esteroides (producida polo córtex das glándulas suprarrenais) e os seus derivados.

Os corticosteroides están implicados nunha variedade de mecanismos fisiolóxicos, incluíndo aqueles que regulan a inflamación, o sistema inmunitario, o metabolismo de hidratos de carbono , o catabolismo de proteínas, os niveis electrolíticos en plasma e, por último, os que caracterizan a resposta fronte ao estrés.

Estas substancias poden sintetizarse artificialmente e teñen aplicacións terapéuticas, utilizándose principalmente debido ás súas propiedades antiinflamatorias e inmunosupresoras e aos seus efectos sobre o metabolismo.

Uso clínico[editar | editar a fonte]

Os corticoides son moi empregados na medicina actual, xa que melloran os síntomas e prognóstico de moitas enfermidades. En termos xerais, moitas das enfermidades inflamatorias son tratables con corticoides, xa sexan en forma intravenosa ou oral. Enfermidades coma a asma, EPOC e outras enfermidades do aparello respiratorio son tratadas habitualmente con corticoides inhalados coma budesonida ou fluticasona.

Nas enfermidades inmunolóxicas tamén son un piar importante por mor do seu efecto antiinflamatorio e linfolítico. Os corticoides producen a morte dos linfocitos T, responsables de moitas enfermidades autoinmunes.

Tamén se empregan en certos tipos de cancro e nas metástases, xa que diminúen a inflamación e a masa tumoral. Moitas enfermidades cutáneas de diferente natureza responden a tratamentos tópicos con corticoides.

No caso dos fetos, a betametasona atravesa a placenta e induce a maduración pulmonar ao estimular a proliferación de neumocitos tipo II, responsables da síntese de surfactante pulmonar.

Efectos secundarios[editar | editar a fonte]

Dada a súa actividade a diversos niveis, poden producir numerosos efectos secundarios, especialmente en tratamentos crónicos a altas doses:

  • No sistema inmune: producen unha inmunosupresión que pode ser severa, aumentando o risco de infeccións oportunistas e de neoplasias.
  • No metabolismo: producen un incremento na resistencia periférica á insulina e un aumento do peso corporal cunha maior retención de líquidos. Poden producir redistribución da graxa corporal, acumulándoa na caluga e no abdome. Na faciana aparece un aspecto en "claro de lúa" pola retención de auga.
  • Nos nenos, pode producir alteracións no crecemento por alteración da cartilaxe e do tecido óseo.
  • A nivel cardiovascular poden producir hipertensión arterial por un efecto mineralocorticoide.
  • A nivel muscular poden producir debilidade.
  • A nivel cutáneo poden aparecer estrías violáceas por ruptura de pequenos vasos subcutáneos.